Museo de Pontevedra
Museo de Pontevedra | |
---|---|
Edificios García Flórez (á esquerda) e Castro Monteagudo | |
Coordenadas | 42°25′57″N 8°38′35″O / 42.432555, -8.642944 |
País | España |
Cidade | Pontevedra |
Inauguración | 30 de decembro de 1927 |
Superficie | 10.000 m² |
Visitantes | 188 600 [1] |
Na rede | |
https://museo.depo.gal/ | |
[ editar datos en Wikidata ] | |
O Museo de Pontevedra, tamén coñecido como Museo Provincial de Pontevedra, foi fundado pola Deputación de Pontevedra o 30 de decembro de 1927. Está rexido por un padroádego, sendo a Deputación Provincial de Pontevedra o seu titular. Dispón de cinco edificios históricos e un sexto de nova construción, con salas de exposición permanente e temporais. Os fondos do museo son pluridisciplinares, clasificados en salas de belas artes, arqueoloxía, etnografía e artes aplicadas. O edificio fundacional, o Castro Monteagudo, localízase na rúa Pasantería en Pontevedra.
Foi distinguido en 1996 coa Medalla de Ouro de Galicia.
Historia
[editar | editar a fonte]O Museo de Pontevedra fundouno a Deputación Provincial de Pontevedra no pazo de Castro Monteagudo o 30 de decembro de 1927 e abriu ó público o 10 de agosto de 1929[2]. Co tempo foi ampliando as súas instalacións. Desde 2012 o museo ocupa cinco edificios históricos máis un sexto edificio moderno que se comezou a construír en 2004 e que se inaugurou en 2012. O convento de Santa Clara de Pontevedra vaise reformar para acoller fondos do museo.
Desde a súa fundación dirixírono Casto Sampedro Folgar (1927-1937), Xerardo Álvarez Limeses (interino, 1937-1940), Xosé Filgueira Valverde (1940-1986), Xosé Carlos Valle Pérez (1986-2019), José Manuel Rey García (2019-2023) e Ángeles Tilve Jar.[3] O nomeamento desta última, en particular o xeito no que se produciu, provocou a dimisión do Consello Asesor o 28 de setembro de 2023.[4]
Edificio Castro Monteagudo
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Pazo de Castro Monteagudo.
Este edificio está datado en 1760, e leva ese nome porque foi edificado por José de Castro y Monteagudo, primeiro Auditor na provincia Marítima de Pontevedra[5]. É o edificio inicial do museo.
As distintas salas exhibían tradicionalmente os fondos arqueolóxicos, de orfebrería prerromana e romana, pratería e pintura. Actualmente, a exposición permanente está en proceso de remodelación.
Salas de arqueoloxía
[editar | editar a fonte]Á arqueoloxía estábanlle dedicadas tres salas no edificio Castro Monteagudo, presentando materiais moi significativos de etapas da prehistoria e da protohistoria de Galicia. Na última remodelación trasladáronse case todos estes fondos arqueolóxicos expostos para o Edificio Sarmiento. Algúns materiais aínda permanecen no seu lugar no ano 2014, como a colección de ourivaría galega tradicional que se empregaba para establecer un contraste coa colección de ourivaría prehistórica.
Colección de pratería Fernández de la Mora y Mon
[editar | editar a fonte]A colección, depositada de modo permanente no edificio Castro Monteagudo, foi adquirida polo escritor e diplomático Gonzalo Fernández de la Mora y Mon. Está formada por pezas anteriores a 1900, predominando a arte civil sobre a sacra. As pezas son procedentes, ademais da Península Ibérica e de Hispanoamérica, doutros lugares coma Rusia ou China.
A serie de prata niquelada (con incrustacións de aliaxes de chumbo) inclúe caixas e portavasos rusos, petacas turcas e cuncas tailandesas.
Unha das pezas máis antigas é unha cunca bizantina para bautizar, do século XV ou XVI. A de maior relevancia histórica é unha caixa do predicador de Nova Inglaterra Thomas Hooker de 1600, e a máis nobre é unha caixa de rapé moscovita con cantos curvos de comezos do século XIX.
Pero a peza máis valiosa é unha sopeira imperial, forxada en Estrasburgo cara a 1800, sen desmerecer unha xerra-trofeo ofrecida pola emperatriz de Alemaña Augusta Vitoria ao vencedor dunha carreira en 1898, con moedas de ouro incrustadas coas efixies dos tres emperadores que reinaron no mesmo ano.
Edificio García Flórez
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Pazo de García Flórez.
O pazo de García Flórez chámase así por ser Antonio García Estévez Fariña e maila súa esposa Tomasa Suárez Flórez os que no século XVIII ergueron esta casa señorial sobre un pazo anterior. Foi unido ó Museo Provincial en 1943.
Os fondos que se expón nas súas salas consisten en material e mobiliario de mareantes, escultura relixiosa e acibechería.
Edificio Fernández López
[editar | editar a fonte]Foi edificado o ano 1962 e rematado no 1965. O nome é unha homenaxe ao principal doador José Fernández López. Expón unha ampla colección de pintura romántica e histórica, con salas dedicadas especificamente a Goya e Joaquín Sorolla.
Neste edificio alóxanse as dependencias administrativas do Museo, a biblioteca e o arquivo gráfico (composto por máis de 500.000 rexistros).
O edificio Fernández López do museo foi ampliado a principios dos anos 2000, construíndose un anexo deseñado en 1999 polo arquitecto Celestino García Braña entre as rúas Pasantería e Laranxo. As obras terminaron en 2002 e o novo edificio de 1200 metros cadrados, síntese de arquitectura tradicional e moderna (composto pola anexión de 2 casas e a construción doutro inmoble no soar dunha antiga horta) e destinado a oficinas e a salas para dar servizo a investigadores e documentalistas, inaugurouse o 2 de maio de 2003.[6][7][8] A ampliación foi premiada ese mesmo ano polo Colexio de Arquitectos de Galicia.[9]
Biblioteca
[editar | editar a fonte]A biblioteca empezou cun lote de 108 libros. En 2007 o seu fondo acadou, con máis de 6.000 títulos de publicacións seriadas, máis de 150.000 rexistros bibliográficos, 500 mapas e planos e seccións de documentación. É unha biblioteca especializada á disposición de investigadores, cunha sala de lectura aberta ao público unicamente para consultar os fondos, non existindo o préstamo a domicilio. A biblioteca leva a cabo varias misións de interese científico e colabora co Ministerio de Cultura e coa Xunta de Galicia.
Publicacións científicas
[editar | editar a fonte]A revista anual do museo, El Museo de Pontevedra, publicouse por primeira vez no ano 1942. Ademais dos catálogos propios de cada exposición, o Museo publica monografías.
Ruínas de San Domingos
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Ruínas de San Domingos.
É o edificio máis antigo do museo. Ocupa os restos do Convento de San Domingos, construído nos séculos XIV e XV e abandonado desde a desamortización de Mendizábal de 1834. Conserva unicamente a capela maior e capelas laterais da cabeceira e mostra, ademais dos propios restos da igrexa que aínda se conservan en pé, unha ampla colección de escudos, lápidas gremiais, baldaquinos, capiteis e estatuas diversas.
Edificio Sarmiento
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Colexio da Compañía de Xesús (Pontevedra).
Trátase do antigo colexio dos Xesuítas, construción de estilo barroco iniciada en 1695 e rematada no ano 1714. Incorporouse ó museo en 1979.
Tras unha profunda remodelación, foi inaugurado ó público o 21 de agosto de 2013, coa colección arqueolóxica e a arte galega medieval ata o século XIII.[10] Pódese destacar a colección de torques e outras pezas castrexas procedentes, entre outros, dos achados do tesouro de Caldas de Reis e de Agolada[11].
Edificio Castelao
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Edificio Castelao.
Trátase dun edificio construído entre 2004 e 2012, polos arquitectos Eduardo Pesquera e Jesús Ulargui, que significa unha ampliación de 10.000 m2 de superficie para exposicións e talleres. Foi inaugurado o 4 de xaneiro de 2013.[12] Está situado trala igrexa de San Bartolomeu.
Foi bautizado inicialmente como Sexto Edificio, ó non alcanzarse un acordo entre os diferentes nomes de persoeiros propostos para darlle nome ó novo edificio (nomes entre os que destacaba o de Xosé Filgueira Valverde). A partir do 2021 denomínase como Edificio Castelao [13].
Distribúese en catro plantas e un soto. A planta baixa dedícase a exposicións temporais e as tres plantas superiores a exposición permanente dos fondos do Museo, en 23 salas, que expoñen tanto arte galega, desde o gótico á actualidade, como a doutros artistas españois e estranxeiros.
A primeira planta está dedicada á arte galega desde o gótico ata finais do século XIX, coa Xeración Doente. Expón esculturas e relevos relixiosos, entre o que destaca o retablo de Santa María de Belvís (procedente do convento dos dominicos de Santiago de Compostela), e diferentes pinturas e esculturas de Goya, Gregorio Fernández, Xosé Gambino, Pérez Villaamil, Serafín Avendaño etc.
A segunda planta está dedicada á arte comprendida entre finais do XIX e o primeiro terzo do século XX. Pódense contemplar obras de Ovidio Murguía, Álvarez de Sotomayor, Camilo Díaz, Asorey e bustos e instrumentos do violinista Manuel Quiroga. Destacan as dúas salas dedicadas a Castelao.
A terceira planta está destinada a artistas galegos comprendidos entre os anos 20 do século XX e o século XXI, con autores posteriores ó Grupo Atlántica.
No soto habilitáronse talleres de restauración e un amplo auditorio.
Santa Clara
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Convento de Santa Clara de Pontevedra.
O 1 de decembro de 2021, o Concello de Pontevedra comprou o Convento de Santa Clara á Orde das Clarisas por 3,2 millóns de euros. O 3 de xaneiro de 2023, o Concello cede o conxunto á Deputación Provincial de Pontevedra conservando o dereito de uso dos xardíns e o bosque. A Deputación integrará o convento no Museo como o seu sétimo edificio tras unha restauración integral.[14]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "188.599 personas visitaron el Museo de Pontevedra el pasado año". Pontevedra Viva (en castelán). 4 de xaneiro de 2024.
- ↑ "www.cgmuseos.org/pontevedra". Arquivado dende o orixinal o 02 de marzo de 2008. Consultado o 30 de marzo de 2008.
- ↑ L. Penide (20 de setembro de 2023). "La Diputación cesa al director del Museo de Pontevedra, José Manuel Rey, y nombra a Ángeles Tilve". La Voz de Galicia (en castelán).
- ↑ "O Consello Asesor do Museo de Pontevedra dimite ao completo tras a remuda do director por motivacións "de orde partidista"". Praza Pública. 2023-09-28. Consultado o 2023-09-28.
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 12 de setembro de 2019. Consultado o 30 de marzo de 2008.
- ↑ "El «Prestige» suspende la inauguración de la ampliación del Museo Provincial". La Voz de Galicia (en castelán). 17 de decembro de 2002.
- ↑ "Un Museo entre los grandes". La Voz de Galicia (en castelán). 7 de outubro de 2002.
- ↑ "El Museo de Pontevedra se convierte en uno de los grandes de España". La Voz de Galicia (en castelán). 2 de maio de 2003.
- ↑ "El Colegio de Arquitectos premia la ampliación del Museo que fue cuestionada desde Pontevedra". La Voz de Galicia (en castelán). 7 de abril de 2003.
- ↑ "El edificio Sarmiento renace entre lírica y aplausos"
- ↑ Museo de Pontevedra. "Ourivaría antiga". Arquivado dende o orixinal o 20 de xuño de 2012. Consultado o 21 de abril de 2012.
- ↑ "Rajoy reivindica el Museo de Pontevedra como el mejor provincial de España" La Voz de Galicia, 4/1/2013 (en castelán).
- ↑ La Voz de Galicia, 14.01.2021 (en castelán).
- ↑ ""Santa Clara queda nas mellores mans posibles"". Diario de Pontevedra (en castelán). 3 de xaneiro de 2023.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Museo de Pontevedra |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- María de la Paz Varela Campos: Guía de museos de Galicia, Edicións Nigra Trea, ISBN 84-95364-04-2, p. 99-101.
- Xoán R. Cuba, Antonio Reigosa e a colaboración de Fernando Arribas Arias: Guía do Museo Provincial de Lugo, Deputación de Lugo, 2003. ISBN 84-8192-226-9.