Palacete das Mendoza
Palacete das Mendoza | |
---|---|
Fachada principal do palacete das Mendoza | |
Edificio | |
Tipo | Pazo urbano |
Estilo | ecléctico |
Enderezo | Avenida de Santa María s/n |
Localización | Pontevedra, Galicia |
Coordenadas | 42°25′58″N 8°38′51″O / 42.432868, -8.647614 |
Propietario | Deputación de Pontevedra |
Construción | |
Inicio | 1878 |
Construción | 1880 |
Remate | 1880 |
Dimensións | |
Plantas | 3 (planta terrea + andar + sobrado) |
Equipo | |
Arquitecto(s) | Alejandro Rodríguez Sesmero |
[ editar datos en Wikidata ] |
O Palacete das Mendoza é un edificio histórico situado na zona vella da cidade de Pontevedra, entre a avenida de Santa María e a rúa Arcebispo Malvar. É a sede do Padroado de Turismo Rías Baixas.[1][2][3]
Historia
[editar | editar a fonte]No soar do pazo erguíase o castelo medieval dos Churruchaos (ou dos arcebispos de Santiago) e as Torres Arcebispais, cuxo centro de interpretación (CITA) sitúase nas proximidades.[4] En 1877 por medio da súa venda, Soledad Méndez Núñez, irmá do mariño Casto Méndez Núñez, fíxose coa propiedade do soar, e encargou a construción do palacete ao arquitecto Alejandro Sesmero, autor tamén dos impoñentes edificios do século XIX da Deputación Provincial e da casa consistorial.[5] Este arquitecto foi o encargado de planificar os nobres edificios da capital da provincia, unha vez demolida a muralla medieval da cidade. A mansión foi construída entre 1878 e 1880.[6]
O palacete foi o primeiro edificio da cidade que contou coa acometida de auga corrente. O arquitecto Sesmero foi o encargado de planificar o fornecemento de auga corrente á cidade e ás súas prazas,[7] para o que se instalaron varias fontes de fundición decimonónicas, unha das cales se sitúa moi preto do pazo.[8]
Foron os seus primeiros moradores, a súa propietaria, Soledad Méndez Núñez, súa irmá, María del Carmen Clara Méndez Núñez, o home desta, José Babiano Rodríguez, e a filla do matrimonio, que sería a notábel pintora Carmen Babiano Méndez-Núñez.[9] A casa pasou finalmente á propiedade de María e Concepción Mendoza Babiano, fillas de Carmen Babiano, implicadas na cultura da cidade e que foron as últimas en ocupar o pazo no ano 1971.[10] Durante a súa residencia no mesmo, o palacete converteuse en lugar de reunións de personalidades importantes do momento.[11]
O edificio sufriu un certo abandono até que a mediados da década dos anos 1980 serviu como un dos escenarios principais para a gravación da serie de televisión Os gozos e as sombras, de Televisión Española. Era a casa de Dona Mariana (Amparo Rivelles). O palacete das Mendoza é facilmente recoñecible na serie como a casa de Dona Mariana, aínda que só por fóra, xa que as escenas interiores rodáronse noutro palacete de Madrid, preto da rúa de Alcalá.[12]
Nos anos 90 o palacete foi adquirido por unha entidade bancaria, Caja Madrid,[13] até que a Deputación Provincial de Pontevedra mercouno para ser a sede de Turismo Rías Baixas, sendo inaugurado para tal función o 28 de xullo de 2004.
En 2015, o artista Paco Pestana transformou o tronco e as ramas do vello teixo seco dos xardíns do Palacete das Mendoza nunha escultura viva colocando unhas bagas de 40 quilos de peso e 1,10 metros de altura como elementos artísticos sobre o esqueleto leñoso do teixo, co que o artista pretendía que a vella árbore frutificase como nunca antes.[14]
Descrición
[editar | editar a fonte]O edificio pertence ao estilo ecléctico imperante a finais do século XIX con elementos e concepción de inspiración na arquitectura francesa.[15] Consta de semisoto, planta terrea e sobrado. Na planta terrea ábrese unha porta principal e catro vans e na planta superior cinco portas balconeiras. A parte superior dos vans está decorada con motivos ornamentais. A parte superior remátaa unha cornixa con motivos circulares.
Na fachada obsérvanse recercados neoclásicos nos vans, con linteis rematados en frontóns triangulares no segundo andar e en arco de círculo no primeiro. A caixa de aforros que foi propietaria do edificio durante uns anos[16] reformou o interior e as salas que tiña na planta terrea, salón de música, comedor, salón de té e a escaleira imperial de madeira, facendo desaparecer todo para crear o patio de operacións. Na cuberta ten unha lumieira. O edificio é exento e está rodeado de xardíns que realzan a súa arquitectura.
Cultura
[editar | editar a fonte]Ás festas diarias das irmás María e Concha Mendoza Babiano acudían os membros máis distinguidos da sociedade pontevedresa da época e os visitantes ilustres que acudían á cidade ou chegaban ao porto de Marín-Pontevedra. Durante varias décadas, as irmás Mendoza recompilaron as receitas que pedían aos seus invitados, que recollían nas súas viaxes ou que recibían dos seus amigos. Acabaron creando unha inédita e valiosa colección de receitas privadas para as súas festas, con pratos de todo o mundo. Estas receitas publicáronse a finais de 2021 nun libro titulado As 1001 receitas do palacete das Mendoza.[17],[18],[19]
Galería
[editar | editar a fonte]-
Fachada
-
Teixo seco decorado
-
Reloxo de sol no xardín
-
Congreso da Camelia en 2014
-
Fachada traseira
-
Fachada
-
Xardín
-
Fachada sur
-
Detalle da decoración
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "El Palacete de las Mendoza se convierte hoy en oficina turística". La Voz de Galicia (en castelán). 27 de xullo de 2004.
- ↑ "La Deputación reabre este martes la oficina de Turismo Rías Baixas en el Palacete das Mendoza". Diario de Pontevedra (en castelán). 9 de xuño de 2020.
- ↑ "Reapertura de la oficina de Turismo Rías Baixas en el Palacete de las Mendoza". Pontevedra Viva (en castelán). 9 de xuño de 2020.[Ligazón morta]
- ↑ "El palacete de las Mendoza". Pontevedra Viva (en castelán). 24 de marzo de 2017.
- ↑ "El proyecto de la obra cumbre de Sesmero cumple 130 años". La Voz de Galicia (en castelán). 21 de febreiro de 2013.
- ↑ Fontoira Surís 2009, p. 523
- ↑ "De este agua sí beberé". Diario de Pontevedra (en castelán). 20 de xuño de 2015.
- ↑ "Las artísticas fuentes de hierro y el enigma de la 5ª fuente". Pontevedra Viva (en castelán). 6 de xaneiro de 2017.
- ↑ "Carmen Babiano, pontevedresa pionera en el arte femenino". La Voz de Galicia (en castelán). 30 de marzo de 2014.
- ↑ "El palacete de las Mendoza". Pontevedra Viva (en castelán). 24 de marzo de 2017.
- ↑ "El marquesado de Augusto González Besada". Diario de Pontevedra (en castelán). 17 de decembro de 2016.
- ↑ "«Los gozos y las sombras», treinta años después del rodaje". La Voz de Galicia (en castelán). 5 de marzo de 2011.
- ↑ "La pugna por la compra del Palacete de las Mendoza". La Voz de Galicia (en castelán). 8 de abril de 2017.
- ↑ "El viejo tejo del Palacete de Mendoza revive convertirdo en una escultura". La Voz de Galicia (en castelán). 28 de marzo de 2015.
- ↑ "El palacete de las Mendoza". Pontevedra Viva (en castelán). 24 de marzo de 2017.
- ↑ "La pugna por la compra del Palacete de las Mendoza". La Voz de Galicia (en castelán). 8 de abril de 2017.
- ↑ "Las hermanas Mendoza y sus mil y una recetas". Hoy (Extremadura) (en castelán). 28 de xaneiro de 2022.
- ↑ "Desempolvando en Pontevedra un recetario con más de cien años de historia". La Voz de Galicia (en castelán). 5 de febreiro de 2022.
- ↑ "Las recetas de las hermanas Mendoza, manjares inauditos de la Galicia de principios del siglo XX". La Voz de Galicia (en castelán). 5 de maio de 2022.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Palacete das Mendoza |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Fontoira Surís, Rafael (2009). Pontevedra Monumental. Pontevedra: Deputación de Pontevedra. pp. 432; 523. ISBN 978-84-8457-327-2.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Páxina web sobre as receitas das irmás Mendoza Babiano Arquivado 02 de maio de 2016 en Wayback Machine.
- Páxina web da Deputación Provincial de Pontevedra Arquivado 08 de marzo de 2016 en Wayback Machine.