Saltar ao contido

Portal:Bretaña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Null
Bandeira da Bretaña Benvido ao Portal da Bretaña!
Donemat deoc'h er Porched Breizh!
Bienvenue sur le Portail de la Bretagne!

Portal da Bretaña


A Bretaña (en bretónBreizh[bʁɛjs] ou [bʁɛχ] (AFI); en galóBertaèyn[bəʁ.taɛɲ] (AFI); en francésBretagne[bʁə.taɲ] (AFI)fr-Bretagne.ogg escoitar), é unha rexión xeográfica e cultural que se atopa nunha península no extremo noroeste de Francia. Nos tempos do Imperio Romano a rexión era coñecida co nome de Armórica, aínda que posteriormente chegou a ser un reino independente e tamén un ducado, antes de pasar a ser unha provincia do Reino de Francia en 1532, gobernada como se fose unha nación separada dentro da coroa. A península limita co canal da Mancha ao norte, o mar Céltico e o océano Atlántico ao oeste, e o golfo de Biscaia ao sur. Ten unha superficie de 34 023 km².

A provincia histórica da Bretaña está hoxe en día dividida en cinco departamentos: Finistère, Côtes-d'Armor, Ille e Vilaine, Loira Atlántico e Morbihan. Dende a reorganización de 1956, a actual rexión administrativa da Bretaña só abrangue catro dos cinco departamentos bretóns, mentres que o departamento do Loira Atlántico pertence á rexión dos Países do Loira. A súa reunificación administrativa é obxecto de debate.

Segundo o censo de 2010, a poboación da Bretaña era de 4 475 295 persoas, das que o 71% viven na rexión da Bretaña e o 29% no departamento do Loira Atlántico. No ano 2012, as áreas metropolitanas máis grandes eran a de Nantes (897 713 habitantes), Rennes (690 467 habitantes) e Brest (314 844 habitantes). A Bretaña é a nación tradicional do pobo bretón e está recoñecida pola Celtic League como membro das Nacións celtas. Existen movementos nacionalistas que reclaman máis autonomía e a reunificación dos departamentos bretóns.

Artigo destacado

editar

Un bagad é unha formación musical bretoa inspirada nas bandas de gaitas escocesas. Adoitan compoñerse de tres seccións instrumentais: Binioù bras (semellante á gaita escocesa), bombarda e percusión. Segundo o tamaño e importancia do bagad, a sección de percusión pode tamén dividirse en percusión tradicional e percusión non tradicional (batería e caixa).

A principios do século XX, as tradicións culturais bretoas foron abandonadas progresivamente e as novas xeracións percibíanas como arcaicas e "pailanas". A parella tradicional gaita-bombarda cae en desuso e nos anos 1920 só quedaban na Bretaña unha decena de sonneurs (gaiteiros e bombardistas). A primeira banda de sonneurs foi a BAS, Bodadeg ar Sonerion (Asemblea de sonneurs), que naceu da KAV en 1943.

Aínda que o bagad sexa unha formación de creación recente, contribuíu ó renacer e ó auxe da cultura bretoa e en particular da súa música. Dende finais do século XX goza dunha gran vitalidade e popularidade, e nunca falta nas manifestacións populares da Bretaña. Debido a isto, todo concello de tamaño mediano ou grande na Bretaña ten, cando menos, un bagad. Para as competicións, os bagadoù son clasificados en cinco categorías. As competicións máis importantes teñen lugar tódolos anos en Brest e en Lorient, sendo este último onde ten lugar o Festival Intercéltico de Lorient.

Lugar de interese

editar

O golfo de Morbihan (en bretón: Mor Bihan Gwened, que significa "pequeno mar") é un pequeno mar interior, situado ao sur do departamento de Morbihan, na Bretaña. Ten 20 km de longo e 15 km de ancho. Ábrese polo sur ao océano Atlántico por unha estreita pasaxe entre as vilas de Locmariaquer e Port-Navalo, porto da vila de Arzon. No seu interior cóntanse 43 illas, aínda que a maioría son de superficie moi reducida e non están habitadas, e outras son propiedades privadas. As illas maiores son Izenah e An Arzh, e cada unha forma un concello.

Tradicionalmente, a actividade económica dos habitantes tanto das illas como das ribeiras do golfo sempre estivo moi estreitamente ligada ao mar: a pesca, a colleita de moluscos e as salinas. Case todas as salinas foron transformadas no século XX en granxas para a cría de ostras, aínda que algunhas están sendo recuperadas para a produción artesanal de sal. Máis recentemente, a maior actividade económica do golfo xira en torno ao turismo.

O golfo de Morbiban constitúe unha gran reserva ornitolóxica, con todo tipo de aves tanto de estancia permanentes como en escala migratoria ou en período de cría. Desde 2008 é Reserva Nacional de Caza e de Fauna Silvestre.

Artigos bos e de calidade

editar Artigos de calidade (0):

Artigos bos (1): Tri martolod


Imaxe destacada
...Arquivo
Biografía destacada

editar

Ana da Bretaña, nada en Nantes (Ducado da Bretaña) o 25 de xaneiro de 1477 e finada en Blois o 9 de xaneiro de 1514, foi unha nobre francesa, duquesa da Bretaña e dúas veces raíña de Francia. Filla maior do duque Francisco II (1435-1488) e da segunda muller deste, Marguerite de Foix (1449-1486), princesa de Navarra, a súa primeira infancia transcorreu entre as cidades de Nantes, Vannes e Clisson. Aos once anos, ao morrer o seu pai sen descendencia masculina converteuse en duquesa da Bretaña.

O 6 de decembro de 1491 casou con Carlos VIII de Francia e o 8 de febreiro de 1492 foi coroada raíña de Francia na basílica de Saint-Denis. Ao morrer Carlos VIII, en 1498, volveu á Bretaña á cabeza do ducado da Bretaña. Antes de casar con Lois XII (1462-1515), novo rei de Francia, conseguiu a redacción dun contrato que redefinía as relacións entre a Bretaña e Francia: mentres vivise seguiría a ser duquesa da Bretaña, e cando morrese o seu sucesor sería o seu segundo fillo varón. Foi soterrada en Saint-Denis, pero o seu corazón foi depositado na igrexa das Carmelitas en Nantes.

Sabías que...?
...Arquivo
Wikimedia Commons
Wikimedia Commons

Commons

Wiktionary
Wiktionary

no Galizionario}