Bretaña
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Bretagne (fr) | |||||
Epónimo | Bretaña | ||||
---|---|---|---|---|---|
Localización | |||||
| |||||
Estado | Francia | ||||
Divisións administrativas | Francia Metropolitana | ||||
Defense and Security zone of France (en) | Western defense and security zone (en) | ||||
Capital | Rennes | ||||
Contén a división administrativa | |||||
Poboación | |||||
Poboación | 3.394.567 (2021) (124,76 hab./km²) | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 27.208 km² | ||||
Punto máis alto | Roc'h Ruz (en) (385 m) | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Creación | 4 de xuño de 1960 | ||||
Organización política | |||||
• Xefe do goberno | Loïg Chesnais-Girard (pt) (2017–) | ||||
Órgano lexislativo | Conselho Regional da Bretanha (pt) , | ||||
Identificador descritivo | |||||
Dominio de primeiro nivel | .bzh | ||||
ISO 3166-2 | FR-BRE e FR-E | ||||
Código NUTS | FRH | ||||
INSEE region code (en) | 53 | ||||
Páxina web | bretagne.bzh | ||||
A Bretaña[1][2] (en francés Bretagne) é unha rexión administrativa do oeste da Francia cunha longa costa litoral entre o Canal da Mancha e mailo océano Atlántico. O seu nome en bretón é Breizh e en galó Bertaèyn. Os seus habitantes chámanse bretóns.
Historia
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Historia da Bretaña.
Despois da conquista da Galia polos romanos, a Bretaña era parte de Armórica (de aremoricae, que está fronte ao mar), ocupada por cinco pobos galos: os Osismii, os Coriosolites, os Redones, os Veneti e os Namnetes (segundo a súa nomenclatura latina). A rexión quedou baixo administración da provincia de Gallia Lugdunensis con capital en Lugdunum, estando cada un dos cinco pobos agrupados nas civitates romanas de Carhaix, Alet, Rennes, Vannes e Nantes. Tras a reforma territorial de Diocleciano, estas civitates foron incluídas na diocese de Tréveris, provincia de Lugdunensis tertia, con capital en Tours.
A difusión do cristianismo, iniciada no século III na civitas de Nantes, era, cara ao século V, limitada fóra das cidades, pero cada unha das civitates contaba cun bispo propio, sendo a capital provincial e sede arcebispal, Tours. Para entón, os visigodos instaláronse nas rexións meridionais de Galia, ao sur do río Loira. A Armórica foi parcialmente incluída no "reino romano" de Siagrio, até o seu sometemento polos francos de Clodoveo I no 486.
A comezos do século VI, os bretóns da illa da Bretaña (a actual Gran Bretaña), atacados polos anglosaxóns emigraron cara ao país, traendo os seus costumes e a súa lingua. A rexión pasou a se designar Bretaña coa súa chegada, aínda que moitos chamárona tamén Pequena Bretaña, por oposición á illa de onde procedían. Este episodio histórico foi máis tarde interpretado na lenda de Conan Meriadec, contada por Godofredo de Monmouth no século XII.
Estes bretóns do oeste da grande illa, estabelecéronse na área oeste dos ríos Vilaine e Couesnon, formando dous territorios particulares: Cornualla (ou Kerne), formada polos Cornovii, orixinarios da Cornualla británica (Kernow); e Domnonia, formada polos Dumnonii, orixinarios de Devon. Esta última rexión estendíase entre Dol e a illa de Ouessant. Na rexión de Vannes tamén houbo inmigrantes, mais as estruturas romanas foron mellor conservadas.
A comezos da Idade Media formáronse a raíz do anterior tres reinos, o Domnonée, a Cornualla e o Bro Waroch, incorporados no século XI ao Ducado da Bretaña. Este Ducado foi independente do reino de Francia até 1532, e mantivo os seus privilexios de lexislación e impostos propios até a Revolución Francesa. Á súa vez, o Ducado estaba dividido en nove provincias: Bro Leon, Bro Gernev, Bro Dreger, Bro Sant Brieg, Bro Sant Malou, Bro Zol, Bro Roazhon, Bro Naoned e Bro Gwened.
A Bretaña histórica, que tivo por capital Nantes, dividiuse en 1790 en cinco departamentos:
- Côtes-du-Nord (hoxe Côtes-d'Armor)
- Finistère
- Ille e Vilaine
- Morbihan
- Loire-Inferior (hoxe Loira Atlántico)
Xeografía
[editar | editar a fonte]A Bretaña forma unha accidentada península ao oeste da antiga provincia romana de Aquitania. Pódese considerar que o interior está dividido en dúas partes polo val do río Aon, que prolonga até o leste a canle que une Nantes con Brest. Aínda que pouco elevado, o relevo está por todas partes e é moi marcado nas zonas rochosas, e máis suave nas zonas limosas do leste e do sur. Así pois, a península divídese en dúas zonas moi ben diferenciadas:
O Argoad (a foresta), no interior, case chaira e tradicionalmente chea de bosques, como o de Brekilien, antigo lugar sacro dos celtas (onde a lenda di que vivía Merlín). Porén esta zona está moi despoboada dende o século XVIII.
O Arvor (o mar), a zona da costa, unha franxa duns 1.300 quilómetros de longo, a maior costa litoral. Nesta zona destaca o Roc'h Ruz, que con 385 m é o punto máis alto do país.
Esta costa, moi accidentada, conta con numerosas rías (coñecidas como aber, moi semellantes ás de Galiza), que contan con pequenas illas (enez). Algúns do principais ríos do país, todos eles da cunca atlántica, son o Loira, o Gwilen ou o Oud. Tamén se atopan numerosos lagos (lenn), mais a gran maioría son pequenos e sen demasiada importancia, quitado Ao Lenn Veur, Mikael, Lenn Gwerledan e o Ar Dug. Un factor moi importante para a configuración actual da costa bretoa é a constante erosión mariña.
O clima da rexión é oceánico, con invernos tépedos e veráns frescos e as choivas varían de máis a menos da costa cara ao interior. Os ventos do suroeste e do nordés son coñecidos na costa cos nomes de noroît e suroît. Os chans, ricos en humus, que antes do século V estaban cubertos de bosques, convertéronse debido á denudación e á erosión, nunha paisaxe de landas sobre chans ácidos e impermeables, que só permiten unha vexetación solta. Pola contra, as áreas costeiras teñen un chan máis rico.
Política
[editar | editar a fonte]- Véxase tamén: Partidos políticos bretóns
Divisións administrativas
[editar | editar a fonte]No momento da creación das rexións administrativas francesas, en 1956, só catro departamentos dos tradicionais cinco que a conformaban pasaron a formar parte da Bretaña, quedando incluído o Loira Atlántico na rexión dos Países do Loira. Esta mudanza foi contestada, e aínda o é, por unha parte dos bretóns. De acordo cunha sondaxe de 1998, o 62% dos habitantes de Loira Atlántico desexaban a unión administrativa do seu departamento á rexión da Bretaña.
Hoxe en día a rexión está divida en 17 distritos, 204 cantóns e 12.608 concellos, sendo os catros departamentos actuais:
Autogoberno
[editar | editar a fonte]A raíz da aplicación da lei Deferre de marzo do 1982, os 4 departamentos bretóns forman parte da Rexión de Desenvolvemento da Bretaña, unha especie de experimento descentralizador de cariz unicamente administrativo, sen verdadeiras competencias e sen control dos medios de produción, aínda cando manexa importantes orzamentos e pode decidir en política de subvencións a nivel local.
Tampouco ten competencias no campo cultural e lingüístico, sendo a lingua oficial para tódolos efectos o francés, aínda que se teñen obtido algunhas subvencións das autoridades rexionais e locais para políticas bretonistas, comezándose a implantar nalgunhas vilas a rotulación bilingüe (que aínda que non é oficial é tolerada).
O máximo órgano da rexión é o Conseil Regionale ou Kuzul-rannvro Breizh, é dicir, o Consello Rexional da Bretaña. Este consello está composto por 83 membros, mentres que o Liger Atlantel envía 31 escanos ao Consello Rexional dos Países do Loira do que forma parte. O himno nacional bretón é dende 1919 o Bro gozh ma zadoù (A terra dos meus devanceiros), adaptación do himno nacional de Gales Hen Wlad Fy Nhadau.
A Nación Bretoa
[editar | editar a fonte]Na Bretaña hai organizacións que defenden o estabelecemento dunha nación bretoa composta polos antigos nove territorios, hoxe divididos entre as rexións da Bretaña e dos Países do Loira. No século XIX os románticos desenvolveron unha imaxe do país como un bastión do tradicionalismo agrario, dos festivais relixiosos e de paisaxes salvaxes. Ó mesmo tempo, a vida dos bretóns foi sendo integrada co resto da de Francia, particularmente baixo a Terceira república francesa.
O nacionalismo bretón moderno desenvolveuse dende finais do século XIX e comezos do XX. A maior parte deses movementos situábanse xunto ás correntes tradicionalistas católicas do momento. Despois de 1944 o nacionalismo bretón viuse parcialmente desacreditado pola colaboración dalgúns nacionalistas importantes cos nazis, que ocuparon a Bretaña xunto coa maior parte do resto do Estado francés durante a segunda guerra mundial. Porén, moitos nacionalistas bretóns tomaron parte na Resistencia, na que xogou un papel particularmente importante grazas á súa proximidade con Gran Bretaña, a relativamente escabrosa paisaxe e á presenza de importantes instalacións navais.
Dende os anos 60 no nacionalismo bretón tense desenvolvido algunhas faccións fortemente esquerdistas, xunto co decrecemento do tradicionalismo católico. Algúns grupos como a Armée Revolutionnaire Bretonne (ARB), marxinais incluso nos círculos nacionalistas, apareceron nos xornais pola súa sabotaxe contra obxectivos altamente simbólicos. Algúns dos principais partidos nacionalistas e independentistas bretóns son o Partido Nacionalista Bretón, a Fronte de Liberación da Bretaña, a Unión Democrática Bretoa, a Emgann ou o Adsav.
Economía
[editar | editar a fonte]A economía da Bretaña oriéntase cara á agricultura e as industrias alimentarias, o turismo de verán na beira costeira, e algúns centros de tecnoloxía avanzada, como en Rennes ou Lannion.
Dende hai dous anos[cando?], e amplificado pola crise mundial, numerosas zonas bretoas investiron fortemente no sector de servizos, especialmente no comercio, polo que se están a construír grandes zonas comerciais nos arredores das cidades, o que ven coma un posible medio de subsistencia e un activo cara ao futuro. Toda a rexión está a tratar, non sen dificultade, de diversificarse e non ser tan dependentes da industria da alimentación.
Transporte
[editar | editar a fonte]Hai varios aeroportos na Bretaña, que ofertan destinos en Francia e Gran Bretaña. Os servizos do TGV ligan á rexión con cidades como París, Lión, Marsella, Lille e outras rexións francesas. Ademais, existen servizos de transbordador de pasaxeiros, vehículos e mercadorías a Irlanda, Gran Bretaña e ás Illas da Canle.
Cultura
[editar | editar a fonte]Lingua
[editar | editar a fonte]- Véxase tamén: Lingua bretoa
- Véxase tamén: Lingua galó
A Bretaña está composta, en termos históricos, por dúas áreas lingüísticas diferenciadas. A primeira é a Baixa Bretaña ou Breizh Izel, situada na zona oeste da rexión e abrangue os departamentos de Finistère, Morbihan e a parte occidental do de Côtes-d'Armor, onde se fala unha lingua céltica do grupo britónico, parente do galés e o córnico e designada como bretón (ou bretón armórico). A segunda zona é a Alta Bretaña ou Breizh Uhel, ao leste, abranguendo Ille e Vilaine, Côtes-d'Armor e Loira Atlántico onde se fala un dialecto románico da linguas de oïl, coñecido como galó (ou britorromance).
A hexemonía da lingua francesa, porén, case fixo desaparecer estas linguas como aconteceu con outras linguas rexionais, sobre todo a partir de finais do século XIX. No entanto, o bretón tivo un certo renacemento despois da segunda guerra mundial, cun rexurdir importante a partir da década de 1970, comezándose sobre todo a oír aos defensores do bretón a partir da década de 1990. Os datos fornecidos polo Étude de l'histoire familiale efectuado polo organismo INSEE en 1999 indican que hai máis de 260.000 falantes de bretón maiores de 18 anos nos 5 departamentos da Bretaña (incluíndo o Loira Atlántico) e 295.000 no resto de Francia. Xúntanse a estes os alumnos de escolas bilingües (8.874 alumnos no inicio do ano lectivo de 2003), alén dos alumnos que aprenden bretón en establecementos públicos de primaria (máis de 7.600 en 2002) ou secundaria (máis de 8.000 en 2002).
Con respecto ao galó, idioma que tamén goza de recoñecemento rexional, está hoxe en día en proceso de recuperación. Cómpre destacar que esta lingua romance está moi influenciada polo contacto co bretón do cal recibe moito vocabulario, sobre todo na parte máis occidental, mais esta influencia vai decrecendo segundo se avanza cara ao leste. O galó comparte moitas características co normando.
Música
[editar | editar a fonte]A música é hoxe o un dos aspectos máis visibles da cultura bretoa, de tradición de raíces celtas, por mor do traballo de músicos que apelan á cultura bretoa, á diversidade dos festivais e nas xuntanzas de bailaríns coñecidas como festoù-noz (en singular fest-noz, festa nocturna) ou nas festoù-deiz (fest-deiz, festa diúrna). Este baile tradicional bretón está tamén moi ancorado na paisaxe cultural bretoa e hoxe ten evolucionado cara espectáculos cada vez máis profesionais.
Destaca tamén a música de danza soamente cantada, ou kan ha diskan (canto e contra-canto). Mais tamén pode ser interpretada cos dous instrumentos tradicionais da Bretaña: o binioù (tipo de gaita de fol, tamén chamada cornamusa bretoa) e a bombarda (un tipo de óboe).
A música bretoa variou considerablemente e enriqueceuse durante a segunda metade do século XX, actualizando temas tradicionais con sonoridades de hoxe. A súa modernización radical comezou no medio dos anos 1960, primeiro con Alan Stivell e Dan Ar Braz, que popularizou en todo o mundo, seguiu por outros artistas, entre os que destacan Gwendal, Denez Prigent ou máis recentemente Red Cardell.
Relixión
[editar | editar a fonte]Moito antes dos celtas, as primeiras poboacións erixiron aí monumentos megalíticos, como os menhires e os dolmens. Porén non é seguro que estes monumentos tivesen algún tipo significado relixioso, mais é moi probable que si. Coa chegada das novas tribos a relixión druídica expandiuse tanto na Galia como nas illas Británicas, e é de destacar que a dominación da península da Bretaña polos romanos non deixou grandes marcas na relixión destes pobos.
Co fin da Galia romana, as tribos que se establecen na Armórica, vidas da Gran Bretaña, trouxeron consigo unha nova relixión, o cristianismo, que foi suplantando progresivamente as outras crenzas tradicionais. Con todo, o paganismo druídico coexistirá durante moito tempo coa relixión dominante de forma máis ou menos pacífica. Aínda hoxe existe un grande acervo de lendas e tradicións locais que evocan prácticas relixiosas druídicas. Hoxe en día os cristiáns da Bretaña son, maioritariamente, católicos. A santa padroeira da Bretaña é Santa Ana, que é presentada pola tradición como a nai da Virxe María, nai de Xesús.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para bretón.
- ↑ Anaír Rodríguez Rodríguez, Montserrat Davila Ventura. Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, ed. Lingua galega: dúbidas lingüísticas (PDF). p. 112. ISBN 84-8158-266-2.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Bretaña |
A Galipedia ten un portal sobre: Bretaña |