Saltar ao contido

Teixo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Teixo
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Pinophyta
Clase: Pinopsida
Orde: Pinales
Familia: Taxaceae
Xénero: Taxus
Especie: T. baccata
Nome binomial
Taxus baccata
L.
Distribución (nativa + naturalizada)[2]
Distribución (nativa + naturalizada)[2]

Distribución (nativa + naturalizada)[2]

O teixo (Taxus baccata), tamén chamado xardón, torobisco, freixo e arteixo,[3] é unha árbore conífera do xénero Taxus, que correntemente acada entre 12 a 15 metros de altura, da familia das taxáceas. Moi lonxevo, de medra lenta, posúe unha madeira que se presta ben para entalladura. Ten partes tóxicas: o latín taxus vén do grego taxon, que significa 'frecha envelenada'. A maioría das partes da planta son velenosas e o consumo da follaxe pode provocar a morte.[4][5][6][7] É unha especie moi escasa e ameazada no territorio galego.

Descrición

[editar | editar a fonte]

O teixo é unha árbore baixa, se ben excepcionalmente pode atinxir ata 28 metros de altura. O seu perfil é variado cunha cima irregular e un tronco groso, curto e con nós, do que nacen pólas a só uns centímetros do chan. As formas arbustivas son tamén frecuentes.

A cortiza da árbore ten unha cor que oscila entre o castaño vermello, ás veces moi escuro, ata o púrpura. Esta cortiza é bastante fina e desescama con certa facilidade. As follas son agullas febles, planas e de cor entre o verde escuro por enriba e verde máis claro por embaixo, de base foliar decorrente. Miden polo xeral entre 1 e 4 cm. Estas agullas están inseridas en espiral arredor das pólas e gallas.

O teixo é unha especie dioica: os exemplares femias producen uns arilos carnosos ou bagas, de cor vermella moi viva, que envolven parcialmente ás sementes. Non son tóxicos, sendo consumidos polas aves, porén as sementes si son tóxicas, como todo o resto da planta. As flores dos exemplares machos producen un pole, amarelo, en primavera. O arilo madura nese mesmo verán.

Toxicidade

[editar | editar a fonte]
Imaxe das follas e das sementes, algunhas xa recubertas polo arilo.

Esta toxicidade da planta débese a unha mestura de alcaloides: taxoides, diterpenos cíclico esterificados por ácidos comúns e por ácidos aminados ou por compostos semellantes a estes mesmos aminados: taxina A, B, C, paclitaxel, 10-desacetilbaccatina III, taxifilina, cefalomanina etc. Só foi illado un glicósido: a taxicatina. O zume contén un aceite irritante para o tubo dixestivo. En total, un centenar de compostos foron illados. A taxina, que é a substancia illada dende hai máis tempo, é, polo xeral, considerada a responsábel da toxicidade, pero o resto das outras substancias tamén o é en maior ou menor grao. O taxol é un antitumoral importante para distintos tipos de cancro. A pesar da súa toxicidade emprégase considerablemente en xardinaría para facer sebes.

As intoxicacións por teixo son relativamente comúns tanto en animais domésticos como en animais salvaxes que consomen a planta accidentalmente,[4][5][6] provocando "innumerables mortes entre o gando".[8] Os alcaloides de taxina son absorvidos rapidamente no intestino e en cantidades suficientemente altas pode causar a morte debido a un paro cardíaco ou insuficiencia respiratoria.[7] As taxinas tamén se poden absorber eficazmente a través da pel, polo que as especies de Taxus deben manipularse con coidado e preferiblemente con luvas.[9] As follas de Taxus baccata conteñen arredor de 5 mg de taxinas por 1 g de follas.[10]

Distribución

[editar | editar a fonte]

O teixo esténdese dende o noroeste de África a Europa, Asia Menor, e aínda ata o Cáucaso e norte de Irán. Atura temperaturas moi baixas. Pódese atopar nos Alpes bávaros ata os 1.350 m de altitude e ata os 1.600 m no cantón suízo do Valais. Os seus límites setentrionais atinxen os 62º 30' de latitude norte en Noruega e os 61º N en Suecia, dentro da isoterma do mes de xaneiro de -5 °C. En Galicia é unha planta rara que aparece illada en lugares coma O Courel, os Ancares ou o Xurés, agás nun caso, o teixadal de Trevinca, onde se formou un pequeno bosque, cousa pouco habitual nesta especie. O abondoso de topónimos do tipo Teixeiro, Teixeira ou Teixido, mais a presenza doutros como Teixoeira e Teixidón suxire que antigamente era unha especie moito máis presente en Galicia.

Árbores senlleiras en Galiza

[editar | editar a fonte]

Os teixos, abundantes noutrora en Galiza, e moitas veces ligados ás igrexas, medraron durante séculos chegando a se converter en árbores monumentais.

Sete individuos de teixo aparecen recollidos no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia:

Tradicións

[editar | editar a fonte]

Dentro da antiga cultura céltica o teixo (galo *eburos) tivo unha extraordinaria importancia. Unha pasaxe de César narra que Catuvolcus, xefe dos eburóns -literalmente "fillos do teixo"-, suicidouse envelenándose con teixo antes que entregarse a Roma (De bello Gallico 6:31). De xeito similar Floro (2: 33, 50-51) conta que os cántabros, asediados polo legado Gaio Furnio, no 22 a.C. preferiron suicidarse, ben pola espada ou lume ou ben por veleno extraído de teixos. E, así mesmo, Orosio relata que os galaicos sitiados no monte Medulio, preferiran morrer suicidados polas propias armas ou por veleno de teixo, antes que renderse aos romanos (6, 21, 1).

  1. Farjon, A. "Taxus baccata". Lista Vermella de especies ameazadas. (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 
  2. Benham, S. E., Houston Durrant, T., Caudullo, G., de Rigo, D., 2016. Taxus baccata in Europe: distribution, habitat, usage and threats. In: San-Miguel-Ayanz, J., de Rigo, D., Caudullo, G., Houston Durrant, T., Mauri, A. (Eds.), European Atlas of Forest Tree Species. Publ. Off. EU, Luxembourg, pp. e015921+
  3. "Teixo (Taxus baccata L.)". Atlas Lingüístico Galego. Consultado o 8 de setembro de 2016. 
  4. 4,0 4,1 "JAPANESE YEW PLANT POISONING – USA: (IDAHO) PRONGHORN ANTELOPE". ProMED-mail. 24 de xaneiro de 2016. Consultado o 25 de xaneiro de 2016. 
  5. 5,0 5,1 "PLANT POISONING, CERVID – USA: (ALASKA) ORNAMENTAL TREE, MOOSE". ProMED-mail. 22 de febreiro de 2011. Consultado o 25 de xaneiro de 2016. 
  6. 6,0 6,1 Tiwary, Asheesh K.; Puschner, Birgit; Kinde, Hailu; Tor, Elizabeth R. (maio de 2005). "Diagnosis of Taxus (yew) poisoning in a horse". Journal of Veterinary Diagnostic Investigation 17 (3): 252–255>. ISSN 1040-6387. PMID 15945382. doi:10.1177/104063870501700307. 
  7. 7,0 7,1 Fuller, Thomas C.; McClintock, Elizabeth M. (1986). Poisonous plants of California. Berkeley: University of California Press. ISBN 0520055683. OCLC 13009854. 
  8. Krenzelok, EP (1998). "Is the yew really poisonous to you?". Journal of Toxicology 36 (3): 219–23. PMID 9656977. doi:10.3109/15563659809028942. 
  9. Mitchell, A. F. (1972). Conifers in the British Isles. Forestry Commission Booklet 33.
  10. Smythies, J.R.; Benington, F.; Morin, R.D.; Al-Zahid, G.; Schoepfle, G. (1975). "The action of the alkaloids from yew (Taxus baccata) on the action potential in the Xenopus medullated axon". Experientia 31 (3): 337–338. PMID 1116544. doi:10.1007/bf01922572. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]