Saltar ao contido

Arteixo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaArteixo
Imaxe

Localización
lang=gl Editar o valor en Wikidata Mapa
 43°18′N 8°30′O / 43.3, -8.5
EstadoEspaña
Comunidade autónomaGalicia
ProvinciaProvincia da Coruña Editar o valor en Wikidata
CapitalA Baiuca Editar o valor en Wikidata
Poboación
Poboación33.516 (2023) Editar o valor en Wikidata (357,47 hab./km²)
Xeografía
Parte de
Superficie93,76 km² Editar o valor en Wikidata
Bañado porOcéano Atlántico Editar o valor en Wikidata
Altitude11 m Editar o valor en Wikidata
Comparte fronteira con
Organización política
• Alcalde Editar o valor en WikidataCarlos Calvelo Editar o valor en Wikidata
Eleccións municipais en Arteixo Editar o valor en Wikidata
Identificador descritivo
Código postal15142 Editar o valor en Wikidata
Fuso horario
Código INE15005 Editar o valor en Wikidata

Sitio webarteixo.org Editar o valor en Wikidata

Arteixo é un concello costeiro da comarca da Coruña. Ten unha superficie de 95,9 km². Segundo o IGE en 2015 tiña 30.950 habitantes (15.471 homes e 15.479 mulleres) (En 2012 30.725, 30.255 no 2010, 27.713 no 2007, 26.739 no 2006, 26.272 no 2005, 25.295 no 2004). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «arteixán».[1]

A súa economía é principalmente industrial. Conta con varios polígonos, coa sede corporativa do grupo téxtil Inditex e a refinería de Repsol. En Punta Langosteira construíuse o Porto Exterior da Coruña.

Xeografía

[editar | editar a fonte]
Praia de Sabón en Oseiro.

Situación

[editar | editar a fonte]

Arteixo limita cos concellos da Coruña, Culleredo, A Laracha e Carballo. A súa costa está bañada polo Atlántico.

Orografía

[editar | editar a fonte]

Arteixo ten un relevo pouco uniforme: hai vales de diferente tipo con montes de diversas alturas. Nos montes de Monteagudo destaca A Estrela (297 metros), Monte Alto (285 m) e Pedra Arcela (277 m). A serra de Santa Locaia resgarda o val de Loureda polo oeste. Alí están o Coto da Anta (385 m), a Pedra dos Bañadoiros (380 m) e o Coto de Santa Locaia (370 m).

Dos núcleos poboacións montañosos, destaca Monticaño por ser usado noutrora como fortaleza militar. Reconverteuse na área recreativa de Monticaño. Outra zona de montaña é o couto do Monte Súbico, de Loureda. Súbico provén do derivado su, da preposición latina sub 'so' ou 'ao pé de', e mais bico, de raíz celta picc-/becc 'punta de pedra' ou 'cume no monte'. O couto de Súbico ten tres divisións: Lañas, Arteixo, e Loureda. Desde o seu este albíscase a panorámica do atlántico.

O Monte do Bernal acolle os lugares de Fonte e Marco de Bernal. Facía o linde das parroquias de Armentón, Larín e Lañas. Porén, coa construción da autoestrada desapareceron. O topónimo de Bernal procede do nome persoal Bernaldo, de orixe xermánica e que conta coa raíz bern 'oso'.

O Monte da Xesta divide Larín de Armentón. Vai á Fonte Loureira, por debaixo das Casas Novas. O topónimo procede do latín gĕnĕsta.

O Monte de Angra pertence á parroquia de Barrañán. No seu cume están os deslindes das parroquias de Barrañán, Arteixo e Lañas.

Hidrografía e áreas forestais

[editar | editar a fonte]

Entre as paraxes naturais destacadas están o encoro do Rexidoiro, unha reserva ornitolóxica, e a fraga de Sisalde, onde hai un muíño antigo.

O encoro de Rexidoiro atópase no polígono industrial de Sabón. É un pantano de orixe artificial que antigamente se usaba para abastecer de auga ás industrias do polígono e da central térmica de Sabón. Agora utilízase como espazo para que aniñen distintas especies de aves durante a súa migración, xa que é para elas un sitio tranquilidade para a cría e con alimentos. No encoro obsérvanse varias especies de aves acuáticas e terrestres.

A Fraga de Sisalde está situada na parroquia de San Xián de Barrañán. É un bosque típico galego con carballos, castiñeiros, ameneiros e salgueiros á beira do río Sisalde que desemboca no areal de Barrañán.

Algúns espazos, como o de Sorrizo, son aproveitados para a pesca local ou para embarcacións tradicionais. As principais praias son a de Barrañán e a praia de Alba, en Sabón. É unha costa con facilidades de avistar aves de costa ou migratorias e cetáceos.

Os cabos e puntas da costa de Arteixo son:

  • O cabo Llol
  • O cabo Xancán
  • A punta Percebeira
  • Na península de Punta Langosteira sitúanse o cabo Cociñadoiro, a punta Pariñeira, o cabo Armón, a punta Malveira e a Boleira de Antos
  • A Punta de Augadoce
  • A Punta Regueiro
Artigo principal: Praias de Arteixo.

O litoral do concello conta coas praias de:

  • Barrañán: A súa extensión é de 1.100 m por 20 m de longo. O nivel medio de ocupación é alto. É unha praia semiurbana con paseo marítimo, galardoada coa bandeira azul, principalmente composta por area branca. O estado habitual do mar é de ondada forte e é ventosa.[2]
  • Combouzas: Está ao lado da praia de Barrañán. É unha praia de area branca e semiurbana, nudista e con paseo marítimo. Conta con bandeira azul. O nivel de ocupación é alto. A súa extensión é de 300 m por 30 m de largo. Adoita estar con ondada moderada e é ventosa.[3]
  • Suevos Grande: A súa extensión é de 145 m de longo por 15 metros de largo. O nivel medio de ocupación é medio. É unha praia semiurbana sen paseo marítimo principalmente composta por area branca. O estado habitual do mar é de ondada moderada. Está nunha zona de deposición de augas industriais. No lugar de Suevos están ademais as praias de Augadoce e Area Pequena de Suevos.[4]
  • Porto Chas: A súa extensión é de 90 m de longo por 1 m de largo. O nivel medio de ocupación é baixo. É unha praia semiurbana sen paseo marítimo e principalmente composta por rochas. O estado habitual do mar é de onddada moderada. Carece de area polo que a afluencia de bañistas e practicamente nula.
  • Valcobo ou Area Grande: Esta praia é de area moi fina e está rodeada por un arco de cantís rochosos. Conta con cámpings e restaurantes á beira.[5]
  • Area Pequena ou A Hucha: Praia illada, con paseo marítimo, e que está ao carón da praia de Valcobo. Ten unha forte ondada, co cal non é axeitada para o baño, pero si para percorrer o seu litoral. Os estratos da praia son bolos e rochas brancas. A súa extensión é de 95 metros por 15 metros de largo. O nivel medio de ocupación é alto.[6][7]
  • Repibelo: É unha praia pequena e illada con cantís. É de augas limpas e axeitada para a práctica do surf. A súa extensión é de 145 metros por 15 metros de largo. O nivel medio de ocupación é medio. O estado habitual do mar é de ondada moderada. Nas súas proximidades está a praia da Salsa[4]
  • Santa Irene: É unha pequena cala de area branca. É semiurbana e non ten paseo marítimo. A súa extensión é de 180 metros de lonxitude por 25 metros de largura. O nivel de ocupación é medio. O estado habitual do mar é de ondada moderada, e é ventosa.
  • Alba ou Sabón: É unha praia ao lado do porto exterior de Punta Langosteira, en Oseiro, con vistas á central térmica de Sabón. A súa extensión é de 800 metros de longo por 30-50 metros de largo. É unha praia para a práctica do surf e kitesurf. O nivel de ocupación é medio e está composta principalmente por area branca. O estado habitual do mar é de ondada forte.[8]
  • O Reiro: Está situada a escasos metros da praia de Barrañán. Presenta as condicións máis adecuadas para o baño, mais é pouco frecuentada.[9]

Todas as praias de Arteixo están unidas pola senda peonil de 6,6 km do LIC Costa da Morte, que discorre desde Sabón ao Reiro. Conta co distintivo «Senda Azul» que outorga a Asociación de Educación ambiental e do consumidor (ADEAC-FEE).[10]

Demografía

[editar | editar a fonte]

No 2015, Arteixo contou cunha poboación de 30.950 habitantes, 1.402 de orixe estranxeira. A idade media situouse nos 42 anos. No 2014 a poboación mostrou un saldo vexetativo positivo: foi de 90 persoas, ao haber 195 mortes e 285 nacementos. O número de afiliados á seguridade social foi de 13.000. A industria empregou 3.527 persoas, a construción 1.133, a agricultura e a pesca 177 e os servizos 9.291. Nese ano houbo 2976 persoas sen emprego. O número de alumnos no sistema non universitario foi de 3.710 [11].

Censo total 2015 30.950 habitantes
Menores de 15 anos 5.035 (16,26 %)
Entre 15 e 64 anos 21.418 (69,20 %)
Maiores de 65 anos 4.497 (14,52 %)
Arteixo. Gráfica de poboación dende 1900 a 2020.
División menor: 1.000 habitantes.
Fontes: Instituto Nacional de Estadística[12] e Instituto Galego de Estatística.[13]
Imaxe de Arteixo.
Rúa en Arteixo.

O campamento costeiro do Reiro, Chamín, ten pegadas dunha comunidade mesolítica (10.000 - 5.000 a. C.). Neste sitio arqueolóxico atopáronse materiais de industria lítica, como cuarzo e cristal de rocha, ao aire libre. Tamén se atoparon restos de cervos, xabaríns ou raspas de peixes. Téñense documentados petróglifos como o de Borroa.

En 1981 foron catalogados no concello os seguintes castros:[14][15]

Luís Monteagudo atopou indicios de prospeccións mineiras anteriores e da época e romana. En Rorís (Armentón) atopou seis machados dos chamados de tope.

Existen indicios de que unha vía romana. O camiño medieval que pasa por Lendo (A Laracha), era o principal camiño máis antigo que ía dende A Coruña ata Bergantiños. Desde esta parroquia o camiño penetraba no concello de Arteixo polo monte da Estrela, onde quedan os restos dunha capela.

A mención documental máis antiga ao topónimo de Arteixo dáse nun documento do tombo do mosteiro de Celanova, datado o 26 de setembro do ano 942: "in Faro, ex dato tie mee domne Gunterodis, Artasio".

Lucas Álvarez recolle no seu libro San Paio de Antealtares, Soandres e Toques, tres conventos medievais galegos un documento do 25 de marzo do 1182 onde Urraca González, con licenza do seu home Froilán Ramírez e do seu irmán o conde Gómez, concerta co convento de Alteares para a cesión de por vida do convento de Cambre e outras igrexas: “Et mosteiro trado mosteiro de Moralibus cum suo cauto et hereditatibus et seruitialibus et familia, sicut eam ganauimus ego er unir meus”.

Existe unha importante representación do románico a través de igrexas como as de Santaia de Chamín ou Santa Mariña de Lañas. A arte románica tamén se percibe no estilo da ponte dos Brozos, situada na parroquia de Santiago de Arteixo. Atravesa o río Bolaños e trátase dunha obra de dous arcos con contrafortes no medio deles e un lixeiro peralte, con ramplas de acceso e calzada orixinal. Consérvase en bo estado e pertencería á Vía XX.

No século XVIII constrúese o balneario, hoxe rehabilitado, no que o Xeneral Porlier, asinará en setembro de 1815, o levantamento constitucional polo que será publicamente executado poucos días máis tarde, no Campo da Leña da Coruña.[16]

No concello de Arteixo naceron ou viviron persoeiros como Manuel Murguía, Dora Vázquez, Arsenio Iglesias, Andrés Rojo del Cañizal e Manuel María Puga Parga, "Picadillo".

Política

[editar | editar a fonte]

Eleccións municipais 2019

[editar | editar a fonte]
Partido Político Escanos Diferenza de escanos Votos Repartimento de escanos
PPdeG 12 -1 7.580
12 / 21
PSdeG-PSOE 6 +2 3.929
6 / 21
BNG 2 = 1.398
2 / 21
Alternativa dos Veciños 1 +1 938
1 / 21
Cidadáns 0 = 385
0 / 21

Eleccións municipais 2023[17]

[editar | editar a fonte]
Partido Político Escanos Diferenza de escanos Votos Repartimento de escanos
PPdeG 14 +2 8.519
14 / 21
PSdeG-PSOE 4 -2 2.584
4 / 21
BNG 2 = 1.514
2 / 21
Alternativa dos Veciños 1 = 974
1 / 21

Economía

[editar | editar a fonte]
Sede de Inditex no polígino de Sabón.

A economía de Arteixo estivo marcada pola creación do polígono de Sabón[18]. Actualmente teñen nel a súa sede empresas como Bonilla a la Vista, Leyma, Teais, o grupo Inditex, La Voz de Galicia, a fábrica de FerroAtlántica ou a Central Térmica de Sabón. Foi oficialmente inaugurado o 14 de agosto de 1965 despois de que Franco autorizase á Deputación Provincial a expropiar os terreos para o asentamento industrial. O proceso de expropiación comezou o 25 de xaneiro de 1966 e expropiou 1500 leiras rústicas e 150 vivendas.

Os outros dous polígonos industriais situados no concello son o Polígono industrial de Morás e o Porto Exterior de Punta Langosteira. A Refinería da Coruña é outra empresa importante situada entre Arteixo e A Coruña.

O concello pola súa extensión e orografía ten unha importante base forestal e do agro, plantacións de eucaliptos e piñeiros nas zonas montañosas e un número importante de explotacións agrarias por todo o concello. Outro sector importante son as explotacións mineiras como canteiras a ceo aberto.

Mapa das 13 parroquias de Arteixo.

Xeografía

[editar | editar a fonte]

O litoral de Arteixo conta cunha ducia de cabos e praias. A zona costeira do concello conta con paseos marítimos, zonas peonís, parques e carrís bicicleta.

No centro de Arteixo existe un paseo fluvial á beira do río Bolaños. Esténdese dende a parroquia de Loureda ata a Ponte do Va, o polígono industrial de Sabón e o muíño do Rañal. Ten zonas axardinadas nas dúas marxes do río Bolaños e zonas de descanso.

No concello de Arteixo tamén se poden atopar miradoiros:

  • Monte de Santa Locaia: É un miradoiro natural situado na parroquia de Loureda, Arteixo e Oseiro.
  • Monte do Cruceiro: Está situado na parroquia de Pastoriza preto da igrexa da Nosa Señora de Pastoriza.
  • Monte de Agra: Está situado na parroquia de Barrañán no lugar do Galo. Dende o seu cume pódense ver Barrañán, Chamín, Valcobo, o porto de Langosteira en Suevos e tamén o interior do concello, conseguindo coñecer dende arriba toda a súa xeografía e lugares de interese.

Existen tamén as seguintes áreas recreativas:

  • Monticaño: situada en Pastoriza, ten zona axardinadas con paseos peonís. É un lugar con vistas ao mar e a Arteixo que foi unha antiga base militar da que se conservan edificios e canóns que recordan tempos pasados.
  • Seixedo: sitúase nas marxes do río Seixedo, entre o lugar de Ponte e a rotonda do Seixedo. Conta cun parque infantil, campo de fútbol, áreas axardinadas e un paseo peonil pola beira do río.
  • Meicende: Dispón dunha zona axardinada, parque infantil e un paseo peonil que bordea o encoro.
  • Os Barreiros: situada na parroquia de Monteagudo, é un espazo amplo cunha grande área verde na que gozar do aire libre.
Partido disputado entre o Deportivo da Coruña e o Atlético Arteixo.

Arteixo ten un equipo de fútbol, o Atlético Arteixo, o cal chegou a militar unha tempada en Segunda división B. Actualmente encóntrase en Terceira Federación. Xoga como local no Campo Municipal Ponte dos Brozos.

Tamén ten un dos mellores circuítos e con máis tradición de autocross, o Autocross Arteixo.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Galería de imaxes de Arteixo.

Parroquias

[editar | editar a fonte]
Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias de Arteixo

Armentón (San Pedro) | Arteixo (Santiago) | Barrañán (San Xián) | Chamín (Santaia) | Lañas (Santa Mariña) | Larín (Santo Estevo) | Loureda (Santa María) | Monteagudo (San Tomé) | Morás (Santo Estevo) | Oseiro (San Tirso) | Pastoriza (Santa María) | Sorrizo (San Pedro) | Suevos (San Martiño)

Lugares de Arteixo

[editar | editar a fonte]

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Arteixo vexa: Lugares de Arteixo.

  1. Costas González, Xosé-Henrique (2016). Os xentilicios de Galicia e dos outros territorios de lingua galega (PDF). Vigo: Universidade de Vigo. p. 41. ISBN 978-84-8158-706-7. 
  2. "Barrañán". Arquivado dende o orixinal o 23 de setembro de 2015. Consultado o 20 de xullo de 2016. 
  3. "As Combouzas". Arquivado dende o orixinal o 23 de setembro de 2015. Consultado o 20 de xullo de 2016. 
  4. 4,0 4,1 "Salsa e Repibelo". Arquivado dende o orixinal o 03 de abril de 2016. Consultado o 20 de xullo de 2016. 
  5. "Area Grande". Arquivado dende o orixinal o 13 de agosto de 2013. Consultado o 20 de xullo de 2016. 
  6. "Area Pequena". Arquivado dende o orixinal o 14 de agosto de 2013. Consultado o 20 de xullo de 2016. 
  7. "Area Pequena - A Hucha". Arquivado dende o orixinal o 06 de agosto de 2016. Consultado o 20 de xullo de 2016. 
  8. "Alba ou Sabón". Arquivado dende o orixinal o 14 de agosto de 2013. Consultado o 20 de xullo de 2016. 
  9. "O Reiro". Arquivado dende o orixinal o 03 de abril de 2016. Consultado o 20 de xullo de 2016. 
  10. "Senda Azul". Arquivado dende o orixinal o 17 de agosto de 2016. Consultado o 20 de xullo de 2016. 
  11. Información municipal. Sociedade e Poboación de Arteixo, A Coruña. Instituto Galego de Estatística.
  12. Páxina do INE.
  13. Páxina Arquivado 09 de xaneiro de 2016 en Wayback Machine. do IGE.
  14. O noso patrimonio, castros de Galiza. Arteixo
  15. BOP da Coruña, núm 69 páx 3918, 26 de marzo de 2008 catálogo do patrimonio artístico e cultural, aprobado en pleno 8-4-96.
  16. "Cuando Porlier se fue de baños". La Opinión Coruña (en castelán). 14/10/2011. 
  17. "Resultados elecciones municipales en Arteixo 2023: Calvelo logra una mayoría absoluta más amplia". La Opinión de A Coruña (en castelán). 2023-05-28. Consultado o 2024-02-16. 
  18. "Concello de Arteixo. Historia". Arquivado dende o orixinal o 15 de xuño de 2013. Consultado o 18 de maio de 2013. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]

Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre concellos de Galicia é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.