Saltar ao contido

Homero: Diferenzas entre revisións

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Contido eliminado Contido engadido
Liña 164: Liña 164:


A investigación (encabezada polos antes mencionados Parry e Lord) das épicas orais nos idiomas [[Lingua croata|croata]], [[Lingua montenegrina|montenegrino]], [[Lingua bosníaca|bosníaco]], [[Lingua serbia|serbio]] e en [[linguas turcas]] demostrou que longos poemas podían ser preservados con consistencia por culturas orais ata que alguén se tomase a molestia de poñelos por escrito. O desciframento do [[lineal B]] nos [[Década de 1950|anos 50]] por [[Michael Ventris]] e outros constatou unha continuidade lingüística entre a lingua notada pola escritura [[Micenas|micénica]] do século XIII e a lingua dos poemas atribuídos a Homero.
A investigación (encabezada polos antes mencionados Parry e Lord) das épicas orais nos idiomas [[Lingua croata|croata]], [[Lingua montenegrina|montenegrino]], [[Lingua bosníaca|bosníaco]], [[Lingua serbia|serbio]] e en [[linguas turcas]] demostrou que longos poemas podían ser preservados con consistencia por culturas orais ata que alguén se tomase a molestia de poñelos por escrito. O desciframento do [[lineal B]] nos [[Década de 1950|anos 50]] por [[Michael Ventris]] e outros constatou unha continuidade lingüística entre a lingua notada pola escritura [[Micenas|micénica]] do século XIII e a lingua dos poemas atribuídos a Homero.

Por outra banda, a cuestión de saber a que época histórica pódense referir os testemuños de Homero e en que medida poden ser usados como fontes históricas constituíu o obxecto dun longo debate, que se atopa lonxe de concluír. Algúns estudosos como [[John Chadwick]] sostiñan que a Grecia descrita por Homero non se parecía nin á da súa época nin á dos catro séculos anteriores, mentres que [[Luigia Achillea Stella]]<ref>Luigia Achillea Stella (1904-1998): filóloga italiana.</ref> sinala que hai un importante legado micénico nos poemas homéricos. [[Joachim Latacz]] insiste en que o ''[[Catálogo de naves]]'' do canto II da ''Ilíada'' recolle a situación da época do [[século -XIII|século XIII a.C.]], é dicir, da civilización micénica.


== Notas ==
== Notas ==

Revisión como estaba o 1 de xaneiro de 2024 ás 12:48

Modelo:Escritor Homero (en grego antigo Ὅμηρος Hómēros; c. século VIII a. C.), é o suposto autor das obras literarias máis antigas coñecidas en Europa, os poemas orais épicos a Ilíada e a Odisea. Considerado o pai da cultura grega, foi o primeiro gran poeta grego que consagrou o xénero, ademais consérvanse del a épica menor cómica Batrachomyomachia (literalmente:"A batalla das ras e dos ratos») e os corpus dos himnos homéricos.

É difícil establecer con certeza se Homero foi un individuo histórico ou unha identidade construída, e se é o autor das dúas célebres epopeas que son os alicerces da literatura occidental. Todo isto é o tratado na cuestión homérica. Malia isto, numerosas vilas xónicas (Quíos, Esmirna, Cime ou mesmo Colofón) dispútanse a orixe do aedo. Por outra banda, a tradición individualízao ó atribuírlle que era cego.

Etimoloxía

Homero e o seu lazarillo, por William-Adolphe Bouguereau (1874).

O nome Hómēros é unha variante xónica do eólico Homaros. O seu significado é refén, prenda ou garante. Hai unha teoría que sostén que o seu nome provén dunha sociedade de poetas chamados os Homēridai, que literalmente significa ‘fillos de reféns’, é dicir, descendentes de prisioneiros de guerra. Xa que estes homes non eran enviados á guerra ó dubidarse da súa lealdade no campo de batalla, non morrían nel. Polo tanto, confiábaselles a tarefa de recordar a poesía épica local, para lembralos sucesos pasados, nos tempos anteriores á aparición da literatura escrita.

Tamén se suxeriu que o que podería conter o nome Hómeros é un xogo de palabras derivado da expresión ho me horón, que significa o que non ve.

Traxectoria

Na figura de Homero conflúen realidade e lenda. A tradición sostiña que Homero era cego, e varios lugares reclamaban ser o seu lugar de nacemento: Quíos, Esmirna, Colofón, Atenas, Argos, Rodas, Salamina, Pilos, Cumas e Ítaca.

Datos biográficos recollidos pola tradición

O Himno homérico a Apolo delio menciona «que é un cego que reside en Quíos, a rochosa».[n. 1] O poeta lírico Semónides de Amorgos atribúe ó «home de Quíos» o seguinte verso da Ilíada.

«Por que me preguntas a miña liñaxe? Como a liñaxe das follas son»

Ese verso foi convertido en proverbio na época clásica.[1] Luciano de Samosata di que foi un babilonio enviado a Grecia como refén, (grego antigo ὅμηρος, homêros), e de aí o seu nome.[2]

Pausanias transmite unha tradición dos chipriotas, quen tamén reclamaban para si a Homero:

Din que Temisto, unha muller do lugar, era a súa nai, e que Euclo profetizou o nacemento de Homero nestes versos:
E entón na costeira Chipre existirá un gran cantor,
ó que dará a luz Temisto no campo,[3] divina entre as mulleres,
un cantor moi ilustre lonxe da moi rica Salamina.[4]
Deixando Chipre mollado e levado polas ondas,
Cantando el só o primeiro as glorias da espazosa Hélade
Será inmortal por sempre e non coñecerá a vellez
Pausanias, Descrición de Grecia x.24.3.

Porén, tamén se conserva o seguinte epigrama, atribuído ó poeta helenístico Alceo de Mesene, no que Homero protesta sobre a súa orixe salaminia, e nega que se erixise unha estatua súa nesta cidade e que o seu pai fose un tal Demágoras:

Nin aínda que o martelo xurdir coma Homero de ouro me fixese entre raios flamexantes de Zeus, son nin serei salaminio nin o fillo de Meles o será de Demágoras; así a Hélade o vexa! Con outro poeta probade; e os meus versos vós os Helenos, Musas e Quíos, cantádeos.[5]

Sobre o lugar onde morreu, existe unha tradición testemuñada dende o século V a.C. de que se produciu na illa de Ios.

Pausanias recolle esta tradición e fala sobre unha estatua de Homero que viu e un oráculo que leu no Templo de Apolo en Delfos:

Podes ver tamén [no pronao do Templo de Apolo de Delfos] unha estatua de bronce de Homero sobre unha estela e nela lerás o oráculo que din que tivo Homero:
Ditoso e infortunado, pois naciches para cambiar cousas,
Buscas unha patria. Tes unha terra natal, pero non unha patria.
A illa de Ios é a patria da túa nai, que cando morras te recibirá. Pero vixía o enigma: dos novos rapaces.
Pausanias, op. cit.. x. 24.

Ademais sinala que:

Os de Ios ensinan tamén un sepulcro de Homero na illa e noutro lugar un de Clímene, e din que Clímene era a nai de Homero.[6]

E por último, o xeógrafo lidio revela que no lle agrada escribir sobre a época na que viviron Homero e Hesíodo:

Sobre a época de Hesíodo e de Homero indaguei coidadosamente e non me é agradable escribir sobre ela, porque coñezo o afán de censura doutros, sobre todo dos que no meu tempo se ocupan sobre a composición de poemas épicos.
Pausanias, op. cit. ix.30.3.

Malia que xa na época da Grecia clásica non se coñecía nada concreto e certo sobre Homero, a partir do período helenístico comezaron a xurdir unha serie de biografías que recollían tradicións moi diversas e a miúdo datos de contido fabuloso. Nestes relatos mencionábase que antes de chamarse Homero chamárase Meles, Melesíxenes, Altes ou Meón, así como datos moi diversos e con numerosas variantes sobre os seus antergos.

Existe unha tradición na que se di que a Pitia deu unha resposta ó emperador Hadriano sobre a procedencia de Homero e os seus antergos:

Pregúntasme pola ascendencia e a terra patria dunha inmortal serea. Pola súa residencia é itacense; Telémaco é o seu pai e a nestórea Epicasta a súa nai, a que alumbrou con moito ó varón máis sabio dos mortais.[7]

Investigación moderna

Considérase que a maior parte das biografías de Homero que circularon na antigüidade no conteñen ningún dato seguro sobre o poeta. Porén, adoita admitirse que o seu lugar de procedencia debeu ser a zona colonial xónica de Asia Menor, baseándose nos trazos lingüísticos das súas obras e na forte tradición que o fai proceder da zona.[8] O investigador Joachim Latacz sostén que Homero pertencía ou estaba en permanente contacto coa contorna da nobreza.[9] Tamén persiste o debate sobre se Homero foi unha persoa real ou ben o nome dado a un ou máis poetas orais que cantaban obras épicas tradicionais.

Obras que lle foron atribuídas

Ademais da Ilíada e a Odisea, a Homero atribuíronselle outros poemas, como a épica menor cómica Batracomiomaquia (A guerra das ras e os ratos), o corpus dos himnos homéricos e varias outras obras perdidas ou fragmentarias tales como Marxites. Algúns autores antigos atribuíanlle o ciclo épico completo, que comprende máis poemas sobre a guerra de Troia así como epopeas que narraban a vida de Edipo e guerras entre argivos e tebanos.

Os historiadores modernos, con todo, adoitan estar de acordo en que a Batracomiomaquia, o Marxites, os himnos homéricos e os poemas cíclicos son posteriores á Ilíada e á Odisea.

Imaxe de Homero en Céncreas

Unha pintura do poeta grego Homero sobre un panel do templo de Isis en Céncreas, antigo porto de Corinto,[10] onde o seu rostro reflicte certa severidade, suxeriu que as imaxes bizantinas de Cristo puideron ser ideadas a partir de dita figura, en especial pola similitude da fisonomía facial e tamén en canto á postura do corpo que se representa nas mesmas.[11]

Datación

Testemuños antigos

A maior parte da tradición sostiña que Homero fora o primeiro poeta da Antiga Grecia. Heródoto, que cita varias pasaxes da Ilíada e da Odisea, di que Homero viviu catrocentos anos antes que el,[12] o que situaría ao poeta en torno ao século IX a.C. Por outra banda, Helánico de Lesbos dixo que Homero fora contemporáneo da guerra de Troia, e Eratóstenes sostiña que debeu de vivir un século despois. Outros autores antigos consideraban que Homero era contemporáneo de Licurgo ou de Arquíloco.

Tamén na Antigüedad discutíase acerca da relación cronolóxica entre Homero e Hesíodo. Xenófanes e Filócoro pertencían ao grupo dos autores que situaban a Homero con anterioridade a Hesíodo.[13] O Certame de Homero e Hesíodo,[14] unha obra moi tardía, supoñía que eran contemporáneos entre si. En cambio, Éforo, Lucius Accius[13] e a Crónica de Paros[n. 2] decían que Hesíodo había sido anterior.

Con anterioridade a Heródoto, houbo outros autores que citaron a Homero: Heráclito, Teáxenes de Rexio, Píndaro, Semónides e Xenófanes. Ademais, Heródoto recolle a noticia de que o tirano Clístenes prohibira aos rapsodos competir en Sición por mor dos poemas homéricos, pois estes celebraban continuamente a Argos e aos argivos. Con todo, esta última alusión é posible que se referise ao ciclo tebano e non á Ilíada nin á Odisea.

Redacción dos poemas homéricos no século VIII a.C.

Arriba, o fragmento da inscrición na chamada Copa de Néstor. Abaixo, posible reconstrución do seu contido completo.

A maioría dos historiadores sitúa a figura de Homero no século VIII a.C., aínda que hai controversia acerca da data na que os seus poemas puxéronse por escrito. O achado dunha inscrición relacionada cunha pasaxe da Ilíada nunha vaixela de Isquia coñecida como a Copa de Néstor, datada cara ao ano 720 a. C., foi interpretada por algúns investigadores, entre eles Joachim Latacz, como un claro indicio de que naquela época a obra de Homero xa fora consignada por escrito. Con todo, outros autores, como Alfred Heubeck[15] e Carlo Odo Pavese, negan que desa inscrición poida extraerse tal conclusión. Algúns fragmentos de cerámica do século VII a.C. que representan un ciclope cegado por Odiseo adoitan interpretarse como influídos directamente pola Odisea. Hai outras obras de poesía arcaica que foron interpretadas como influídas por Homero, como un poema de Alceo de Mitilene que alude á cólera de Aquiles e un poema de Estesícoro no que Helena diríxese a Telémaco para anunciarlle que Atenea dispuxo o seu regreso.

Redacción dos poemas homéricos no século VII a.C.

Algúns investigadores defenden que os poemas homéricos foron postos por escrito no século VII a.C. Argüen que da referencia que hai na Ilíada á cidade de Tebas de Exipto dedúcese que esta pasaxe foi escrita tras a conquista desta cidade polo rei asirio Assurbanipal. Ademais, algunhas pasaxes parecen referirse a tácticas hoplitas que se cre que tiveron a súa orixe nese século. Tamén se cita como indicio a referencia na Odisea á cidade de Ismaro,[16] que estaba de actualidade no século VII a.C. Non cren que a redacción dos poemas fose posterior, porque consideran que hai suficientes referencias iconográficas e literarias para soster que antes do século VI a.C. xa se coñecían os poemas homéricos por escrito.[17]

Redacción dos poemas homéricos no século VI a.C.

Hai unha corrente de investigadores que sostén, en cambio, a hipótese de que os poemas homéricos puxéronse por escrito a partir do século VI a.C. Cren que as coincidencias de temas entre os poemas homéricos e outros fragmentos literarios ou iconográficos anteriores só indican que ambos beberon das mesmas fontes orais.

Ademais, hai algúns testemuños antigos, como unha pasaxe de Flavio Xosefo, que defendían que Homero non deixara escritos.[18] Xa a finais do século XVIII, algúns historiadores como Friedrich August Wolf consideraban que a primeira redacción escrita dos poemas homéricos fora na época de Pisístrato, tirano de Atenas. Esta idea foi tamén defendida no século XX por outros investigadores como Reinhold Merkelbach,[19] que tamén situaron a primeira redacción escrita dos poemas homéricos no século VI a.C. Esta postura é criticada polos defensores da redacción escrita dos poemas no século VIII a.C., debido a que cren que supón confundir a composición escrita dos poemas coa manipulación que sufriron ao ser postos por escrito na época de Pisístrato. En contra das teses de Wolf xa se manifestou Ulrich von Wilamowitz, nun estudo realizado en 1884, no que sinalaba que a versión atenense dos poemas homéricos impúxose ás demais.

A cuestión homérica

Artigo principal: Cuestión homérica.

Denomínase cuestión homérica a unha serie de incógnitas expostas ao redor dos poemas homéricos. Dous dos interrogantes máis debatidos son quen ou quen foron os seus autores e de que modo foron elaborados.

Os investigadores están xeralmente de acordo en que a Ilíada e a Odisea sufriron un proceso de fixación e refinamento a partir de material máis antigo no século VIII a.C. Un papel importante nesta fixación parece que correspondeu ao tirano ateniense Hiparco, quen reformou a recitación da poesía homérica na festividade Panatenea. Moitos clasicistas sosteñen que esta reforma implicou a confección dunha versión canónica escrita.

Controversia ao redor da unidade dos poemas

Na Antigüidade, durante o período helenístico, os filólogos alexandrinos Xenón e Helánico chegaron á conclusión, a partir das diferenzas e contradicións de todo tipo que acharon entre a Ilíada e a Odisea, de que só a primeira destas epopeas foi composta por Homero, polo que foron chamados «corizontes» ou «separadores». A súa opinión foi rexeitada por outros filólogos alexandrinos como Aristarco de Samotracia, Zenódoto de Éfeso e Aristófanes de Bizancio.[20]

En época moderna, a filoloxía homérica mantivo diferentes puntos de vista que se agruparon en distintas tendencias ou escolas:

A escola analítica ha tratado de demostrar a falta de unidade existente nos poemas homéricos. Foi iniciada polo abade François Hédelin[21] na súa obra póstuma Conxecturas académicas, publicada en 1715, e, sobre todo, a partir da obra Prolegomena ad Homerum (1795), de Friedrich August Wolf. Os analistas defenden a intervención de varias mans distintas na elaboración de cada un dos poemas homéricos, que ademais serían produto da recompilación de pequenas composicións populares preexistentes.

Posteriormente, unha escola denominada neoanalítica interpretou os poemas homéricos como resultado da obra dun poeta á vez recopilador e creador.[22]

Fronte a eles áchase un punto de vista unitario que sostén que cada un dos poemas homéricos ten unha concepción global e unha inspiración creativa que impide que poidan ser resultado dunha compilación de poemas menores.[23]

Doutra banda, o investigador clásico Richmond Lattimore[24] escribiu un ensaio titulado Homero: Quen era ela? (Homer: Who Was She?). Samuel Butler era máis específico, e consideraba que unha nova muller siciliana sería a autora da Odisea — pero non da Ilíada —, idea coa que especularía Robert Graves na súa novela Homer's Daughter (A filla de Homero).[25]

Modo en que foron elaborados os poemas

É obxecto de debate o modo no que os poemas homéricos foron elaborados e cando poderían tomar unha forma escrita fixa.

A maioría dos clasicistas está de acordo en que, independentemente de que houbese un Homero individual ou non, os poemas homéricos son o produto dunha tradición oral transmitida durante varias xeracións, que era a herdanza colectiva de moitos cantantes-poetas, aoidoi.[n. 3] Unha análise da estrutura e o vocabulario de ambas as obras mostra que os poemas conteñen frases repetidas regularmente, incluíndo a repetición de versos completos. Milman Parry e Albert Lord sinalaron que unha tradición oral tan elaborada, allea ás culturas literarias actuais, é típica da poesía épica nunha cultura exclusivamente oral. Parry afirmou que os anacos de linguaxe repetitiva foron herdados polo cantante-poeta dos seus predecesores e eran útiles para o poeta ao compoñer. Parry chamou «fórmulas» a estes anacos de linguaxe repetitivo.

Con todo, hai unha serie de investigadores (Wolfgang Schadewaldt, Vicenzo di Benedetto,[26] Keith Stanley, Wolfgang Kullmann) que defende que os poemas homéricos foron orixinalmente redactados por escrito. Como argumentos sinalan a complexidade da estrutura destes poemas, os reenvíos internos a pasaxes que se atopan situados a considerable distancia[27] e a creatividade no uso das fórmulas.[28]

A solución proposta por algúns autores como Albert Lord e posteriormente por Minna Skafte Jensen[29] é a «hipótese da transcrición», na que un «Homero» iletrado dita o seu poema a un escriba no século VI a.C. ou antes.[30] Homeristas máis radicais, como Gregory Nagy, sosteñen que un texto canónico dos poemas homéricos como «escritura» non existiu ata o período helenístico.

Xeografía homérica

A Grecia Homérica.

Homero concibía un mundo que estaba completamente rodeado por Océano, o cal era considerado pai de todos os ríos, mares, fontes e pozos.[31]

O estudo das mencións xeográficas na Ilíada desvela que o autor coñecía detalles moi precisos da actual costa turca e, en particular, de Samotracia e do río Caístro, preto de Éfeso. En cambio, as referencias á península grega, con excepción da pormenorizada enumeración de lugares do Catálogo de naves, son escasas e ambiguas. Todo isto indicaría que, de ser Homero unha persoa concreta, trataríase dun autor grego natural da zona occidental de Asia Menor ou dalgunha das illas próximas a ela.

O citado Catálogo de naves, que é a enumeración dos exércitos da coalición aquea, recolle un total de 178 nomees de lugar agrupados en 29 continxentes distintos. Trátase dun catálogo do que moitos nomes de lugares xa non podían ser recoñecidos polos xeógrafos gregos posteriores a Homero, pero no que non se puido demostrar ningunha localización errónea.[32]

Na Odisea, Homero menciona unha serie de lugares na parte que trata das aventuras mariñas de Odiseo dos que a maioría dos historiadores sostén que se trata de lugares puramente fabulosos, a pesar de que a tradición posterior tratou de atopar localizacións precisas deles. Na Biblioteca mitolóxica de Apolodoro, sinálase que:

Odiseo, segundo din algúns, vagou errante por Libia, segundo outros por Sicilia e, segundo o resto, polo Océano ou polo mar Tirreno.

Outro aspecto controvertido da xeografía homérica foi a localización da illa de Ítaca, patria de Odiseo, posto que algunhas das descricións dela que aparecen na Odisea non parecen corresponderse coa illa da Ítaca actual.

Aspectos históricos dos poemas

Artigo principal: Troia.

Trazos da sociedade descritos por Homero

Mapa de situación e plano do sitio arqueolóxico de Hissarlik, considerado como a localización da Troia homérica.

Homero describe unha sociedade baseada no caudillismo; trátase dunha sociedade guerreira na que cada rexión tiña unha autoridade suprema que habitualmente era hereditaria. Cada caudillo tiña un séquito persoal formado por persoas que gardaban un alto grao de lealdade. Gozaban dunha serie de privilexios: as mellores partes na distribución de botíns e a propiedade dun dominio. Tiñan unha única esposa, pero podían ter numerosas concubinas, aínda que hai un caso no que Homero presenta unha situación de poligamia: a do rei troyano Príamo. As decisións políticas eran discutidas nun consello formado polo caudillo e os xefes locais e logo eran comunicadas na asemblea do pobo. Os caudillos tamén tiñan a función de presidir os sacrificios ofrecidos aos deuses.

Homero describe un tribunal de xustiza que xulgaba os delitos, aínda que ás veces as familias dos implicados podían chegar a un acordo privado que servise como compensación polo delito cometido, mesmo en caso de homicidio.

Nas relacións exteriores era importante a hospitalidade, que era unha relación na que os caudillos estaban obrigados a ofrecerse mutuamente aloxamento e axuda cando un deles ou un embaixador seu viaxase ao territorio do outro.

Entre os homes libres citados atópanse os thètes ou servos, que eran traballadores libres cuxa supervivencia dependía dun escaso salario. Tamén se nomean os demiurgos, que eran profesionais que tiñan unha función pública, tales como artesáns, heraldos, adivinos, médicos e aedos.

A escravitude tamén era práctica aceptada na sociedade descrita por Homero. Os escravos adoitaban tomarse entre prisioneiros de guerra, ou ben en expedicións de pillaxe. Cítanse exemplos de compravenda de escravos e de persoas que xa naceran sendo escravas. Os amos ás veces recompensaban aos seus escravos concedéndolles terras ou unha casa. Cítase a posibilidade de que unha escrava puidese acabar converténdose na lexítima esposa do seu señor.

En canto aos valores éticos descritos, inclúense o honrar debidamente aos deuses, respectar a mulleres, anciáns, esmoleiros e suplicantes estranxeiros e non deshonrar o cadáver dun inimigo morto. A incineración é o uso funerario que aparece nos poemas homéricos.

A relixión era politeísta. Os deuses tiñan características antropomórficas e decidían o destino dos mortais. Realizábanse numerosos ritos tales como sacrificios e pregarias para tratar de conseguir a súa axuda e a súa protección.

Aínda que se coñecía o ferro, as armas, na súa maior parte, eran de bronce. Homero describe tamén o uso do carro de guerra como medio de transporte empregado polos caudillos durante as batallas.[33]

Controversia sobre os aspectos históricos descritos

Desde o século VI a.C., Hecateo de Mileto e outros pensadores debateron achega do transfondo histórico dos poemas cantados por Homero. Os comentarios escritos sobre eles no período helenístico exploraron as inconsistencias textuais dos poemas.

As escavacións realizadas por Heinrich Schliemann a finais do século XIX, así como o estudo de documentos dos arquivos reais do imperio hitita comezaron a convencer aos investigadores de que podía haber un fundamento histórico na guerra de Troia. Con todo, aínda que a identidade de Troia como escenario histórico conta co acordo da maioría dos investigadores, non se puido demostrar que se emprendese contra a cidade unha expedición de guerra comandada por atacantes micénicos.

A investigación (encabezada polos antes mencionados Parry e Lord) das épicas orais nos idiomas croata, montenegrino, bosníaco, serbio e en linguas turcas demostrou que longos poemas podían ser preservados con consistencia por culturas orais ata que alguén se tomase a molestia de poñelos por escrito. O desciframento do lineal B nos anos 50 por Michael Ventris e outros constatou unha continuidade lingüística entre a lingua notada pola escritura micénica do século XIII e a lingua dos poemas atribuídos a Homero.

Por outra banda, a cuestión de saber a que época histórica pódense referir os testemuños de Homero e en que medida poden ser usados como fontes históricas constituíu o obxecto dun longo debate, que se atopa lonxe de concluír. Algúns estudosos como John Chadwick sostiñan que a Grecia descrita por Homero non se parecía nin á da súa época nin á dos catro séculos anteriores, mentres que Luigia Achillea Stella[34] sinala que hai un importante legado micénico nos poemas homéricos. Joachim Latacz insiste en que o Catálogo de naves do canto II da Ilíada recolle a situación da época do século XIII a.C., é dicir, da civilización micénica.

Notas

  1. « En grego antigo: «τυφλὸς ἀνήρ, οἰκεῖ δὲ Χίῳ ἔνι παιπαλοέσσῃ», verso 172. O himno está datado entre mediados do século -VII e comezos do -VI
  2. A Crónica de Paros (A 28-29) sitúa o florecemento de Homero nunha data que equivale ao 905 a. C., e sitúa o de Hesíodo aproximadamente unha xeración antes.
  3. Os aoidos eran, na Antiga Grecia, artistas que cantaban epopeas acompañándose dun instrumento musical
Referencias
  1. IliadaVI, 146; citado por Simónides, Kirk, p. 2.
  2. Luciano de Samósata, Historia verdadeira ou Sobre a morte de Peregrino II, 20.
  3. Clímene e Temisto son exemplos da utilización de nomes de mulleres en tempos míticos e históricos.
  4. Sobreenténdese que fai referencia á cidade de Salamina de Chipre.
  5. Alceo de Mesene, Epigrama 555, recollido en antoloxía palatina
  6. É presumible que devandita estatua é a que reproduciu no relevo da Apoteose de Homero, obra do escultor Arquelao de Priene. Cf.Hitzig-Blümner, III.2, páxina. 749.
  7. Certame de Homero e Hesíodo, 37, segundo a tradución de Aurelio Pérez Jiménez e Alfonso Martínez Díez. Madrid: Gredos, 2000. ISBN 84-249-2462-2.
  8. Joachim Latacz. Troya e Homero, páxina 212.
  9. Michael Siebler. A guerra de Troia. Mito e realidade, páxina 97.
  10. Pausanias. II. p. 2.3. 
  11. Levi, Peter (1993). "Renacimientos postclásicos". En Julian Viñuales. Grecia cuna de occidente Vol. II (en español). Folio. p. 207. ISBN 8475833594. 
  12. Heródoto: Historias II, 53.
  13. 13,0 13,1 Aulo Gelio, Noches áticas III,11.
  14. Sobre a obra A competición entre Homero e Hesíodo, en inglés; facsímile da ed. de 1914 de H.G. Evelyn-White, no sitio del Internet Archive.
  15. Alfred Heubeck (1914-1987): filólogo clásico alemán.
  16. Véxase «Cícones».
  17. Andrew Dalby (n. 1947; membro do Chartered Institute of Linguists; lingüista, tradutor e historiador británico): A reinvención de Homero, pp. 187-189.
  18. Flavio Josefo: Contra Apión, 1, 12.
  19. Reinhold Merkelbach (1918-2006): filólogo clásico alemán.
  20. López Eire, Antonio (2005). "Introducción". Odisea (36.ª ed.). Madrid: Espasa. pp. 14–15. ISBN 84-239-1870-X. 
  21. François Hédelin (1604 - 1676), abbé d'Aubignac: dramaturgo francés, teórico del teatro.
  22. Luis García Iglesias: Los orígenes del pueblo griego, pág. 245.
  23. Antonio López Eire: Introducción a la Odisea. Editorial Espasa-Calpe. ISBN 84-239-1870-X.
  24. Richmond Lattimore (1906-1984): poeta e clasicista estadounidense, tradutor da Ilíada e a Odisea.
  25. Homer's Daughter. Londres: Cassell, 1955; Nova York: Doubleday Seven Stories Press, 2017.
  26. Vicenzo di Benedetto (1934-2013): filólogo clásico italiano.
  27. Véxanse «Prolepsis», «Analepsis» e «Racconto».
  28. Juan Signes Codoñer: Escritura y literatura en la Grecia arcaica, páx. 143.
  29. Minna Skafte Jensen (n. 1937): clasicista danesa.
  30. Juan Signes Codoñer: Escritura y literatura en la Grecia arcaica, pp. 165-166.
  31. Ilíada, XIV, 200; XVIII, 606; XXI, 196.
  32. Joachim Latacz: Troya y Homero, página 303. Barcelona, 2003; E. Visser: Homers Katalog der Schiffe, Sttutgart/Leipzig 1997
    • Edzard Visser (n. 1954): filólogo clásico alemán.
  33. Greenhalg, P A L. Early Greek warfare; horsemen and chariots in the Homeric and Archaic Ages. Cambridge University Press, 1973. (ISBN 9780521200561).
  34. Luigia Achillea Stella (1904-1998): filóloga italiana.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Alsina, José (1991). Teoría literaria griega. Madrid:Gredos. ISBN 84-249-1457-0. 
  • Carlier, Pierre (2005). Homero. Madrid: Ediciones Akal S.A. ISBN 978-84-460-2151-3. 
  • Crespo, Emilio (1982). Ilíada. Madrid:Gredos. ISBN 84-249-1446-5. 
  • Dalby, Andrew (2008). La reinvención de Homero. Madrid: Gredos. ISBN 978-84-249-3574-0. 
  • García Gual, Carlos (2004). La Odisea. Madrid: Alianza Editorial. ISBN 84-206-7750-7. 
  • Latacz, Joachim (2003). Troya y Homero. Barcelona: Ediciones Destino. 
  • Pomeroy, Sarah B. & Stanley M. Burstein, Walter Donlan y Jennifer Tolbert Roberts (2001). La Antigua Grecia. Barcelona: Crítica. ISBN 84-8432-302-1. 
  • Rodríguez Adrados, Francisco & Fernández-Galiano, Manuel & Gil, Luis & Lasso de la Vega, J. S. (1984). Introducción a Homero. Madrid: Labor Editorial. 
  • Ruipérez Sánchez (1965). Nueva Antología de la "Ilíada" y la "Odisea". Madrid: CSIC (reeditado en Ediciones Clásicas). 
  • Signes Codoñer, Juan (2004). Escritura y literatura en la Grecia arcaica. Madrid: Ediciones Akal. ISBN 84-460-1748-2. 
  • Wernher, Gretel & Páramo, Jorge (1995). Micenas y Homero (A propósito de Ilíada XV 187-193). Santafé de Bogotá: Instituto Caro y Cuervo. 

Outros artigos

Ligazóns externas