Saltar ao contido

Xaguar

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Xaguar
Rango fósil: Plistoceno ata o presente
Estado de conservación
Case ameazada (NT)
Case ameazada[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Orde: Carnivora
Familia: Felidae
Xénero: Panthera
Especie: P. onca
Nome binomial
Panthera onca
(Linnaeus, 1758)
Distribución do xaguar
Distribución do xaguar

Distribución do xaguar

O xaguar[2] (Panthera onca) é un felino carnívoro do xénero Panthera e a única das catro especies actuais deste xénero que se atopa en América. Tamén é o maior felino de América e o terceiro do mundo, despois do tigre e do león. A súa distribución actual esténdese desde o norte de México e gran parte de Centroamérica até o Perú, Paraguai e o norte da Arxentina. Exceptuando algunhas poboacións en Arizona (suroeste de Tucson), esta especie xa foi practicamente extirpada nos Estados Unidos desde principios da década de 1900.

Características

[editar | editar a fonte]

Atópase emparentado e aseméllase moito en aparencia física ao leopardo, mais xeralmente é de maior tamaño, conta cunha constitución máis robusta e o seu comportamento e hábitat son máis acordes aos do tigre (Panthera tigris). Aínda que prefire as selvas densas e húmidas, pode acomodarse a unha gran variedade de terreos boscosos ou abertos. Está estreitamente asociado á presenza de auga e destaca, xunto co tigre, por ser un felino ao que lle gusta nadar.

É fundamentalmente solitario e un cazador que tende emboscadas e oportunista á hora de elixir as presas. Tamén é un superpredador e unha especie clave que desempeña un importante papel na estabilización dos ecosistemas nos que habita, regulando as poboacións das especies que depreda. O xaguar ten unha mordedura excepcionalmente potente, mesmo en comparación con outros grandes felinos, o que lle permite perforar os caparazóns de réptiles acoirazados como as tartarugas e utilizar un método pouco habitual para matar: ataca directamente a cabeza da presa entre as orellas para proferir unha dentada fatal que atravesa o cranio cos seus cabeiros alcanzando ao cerebro.

O xaguar está cualificado na Lista Vermella da UICN como «especie case ameazada» e o seu número está en declive. Entre os factores que o ameazan inclúense a perda e a fragmentación do seu hábitat. A pesar de que o comercio internacional de xaguares está prohibido, este felino morre con frecuencia a man dos humanos, especialmente en conflitos con rancheiros e granxeiros. Aínda que reducida, a súa distribución xeográfica continúa sendo ampla. Ao longo da historia, esta distribución outorgoulle un lugar prominente na mitoloxía de numerosas culturas indíxenas americanas, como os maias e os aztecas.

  1. Caso, A., Lopez-Gonzalez, C., Payan, E., Eizirik, E., de Oliveira, T., Leite-Pitman, R., Kelly, M. & Valderrama, C. (2008). "Panthera onca". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2011.1 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 7 de xullo de 2011. 
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para xaguar.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]