Ubaque
Localización | ||||
---|---|---|---|---|
| ||||
Estado | Colombia | |||
Departamentos | Cundinamarca | |||
Xeografía | ||||
Superficie | 105 km² | |||
Altitude | 1.634 m | |||
Creación | 6 de outubro de 1651 | |||
Páxina web | ubaque-cundinamarca.gov.co… |
Ubaque é un concello do departamento de Cundinamarca (Colombia), que se atopa na provincia de Oriente, a 50 km de Bogotá. A cabeceira municipal atópase a unha altitude de 1867 m s. n. m., e a temperatura media anual é de 18 °C.
Toponimia
[editar | editar a fonte]O topónimo «Ubaque» (tamén denominado «Ebaque»), provén do muysc cubun e significa «árbore de sangue»; de hyba (sangue) e quye (árbore), por un arbusto da rexión que ao cortarse exsuda un zume de cor vermella.[1][2][3]
Historia
[editar | editar a fonte]Época precolombiana
[editar | editar a fonte]Na época precolombiana, o territorio do actual municipio de Ubaque estaba habitado polos muiscas. O seu cacique era o terceiro na sucesión do Zipazgo de Bacatá.
O Zipa Saguamanchica aproveitou o feito de que a batalla contra Hunza non tivese lugar, e reuniu un exército numeroso para someter ó cacique de Ubaque que, rompendo a súa antiga suxeición ó Zipa, pretendía aliarse co Zaque Michuá, e ademais atacara os uta (poboados) de Pasca e Usme. Polas terras de Chipaque e Une, o Zipa dirixiuse ó encontro do Ubaque, ó que achou desprevido. Porén, este logrou escapar a unha pena de moi difícil acceso con todas as súas riquezas, co fin de que o Zipa non se apoderase delas. Desalentado pola imposibilidade de capturar rapidamente ó Ubaque, o Zipa tivo que regresar a Bacatá ante as novas que un mensaxeiro lle levou dunha segunda rebelión de Guatavita, e dunha invasión dos panches.
O Zipa Nemequene, logo de someter Guatavita, marchou co seu exército contra Ubaque, cuxo asedio durou sete meses, durante os cales houbo continuas batallas e loitas. Ó cabo, o cacique de Ubaque, preocupado pola penosa situación da súa xente ante a fame e as epidemias provocadas polo asedio, decidiu renderse e pactar a paz co Zipa. O acordo consistiu no total sometemento de Ubaque, o pago de tributos e o dereito do Zipa a realizar visitas de inspección cada vez que o estimase conveniente. Ademais, o cacique de Ubaque cedeu ao Zipa ás súas dúas fillas máis fermosas como esposas. Nemequene só tomou á maior, mentres que a menor deulla ó seu irmán, o novo cacique de Guatavita. Logo estabeleceu unha gornición permanente en Ubaque e dispúxose a regresar a Funza, cargado dun inmenso botín. En Funza celebráronse varios días de festas e sacrificios ós deuses, en agradecemento polas continuas vitorias do Zipa.
Os caciques de Ubaté, Simijaca e Susa aliáronse para facer fronte común contra o Zipa. Porén, non se puxeron de acordo sobre quen deles lideraría a alianza, polo que, cando Nemequene partiu para confrontalos, estes atopábanse en completo desacordo.
En camiño a Ubaté, as tropas do Zipa tiñan que pasar pola grande abertura de Tausa, onde o cacique de Ubaté lles tiña preparada unha emboscada. Porén, Nemequene fixo pregoar que estaba disposto a darlle morte a todos os habitantes de Ubaté, sen perdoar a vida a ninguén, polo que estes, presas do medo, fuxiron, deixando paso libre ó Zipa, quen ocupou a poboación e obtivo un cuantioso botín. De inmediato, Nemequene marchou contra Simijaca e Susa, ós que venceu sen dificultade, fixando aquelas terras como fronteira cos muzos e anexándoas baixo a xurisdición de Guatavita. Logo de deixar estabelecidas gornicións militares, regresou á Corte de Bacatá.
Trala morte do Zipa Nemequene, o novo Zipa, Tisquesusa nomeou ó seu irmán, Zaquesazipa, como xeral dos seus exércitos. Zaquesazipa logrou moi pronto someter ó cacique de Ubaque, que se quería aliar co Zaque Quemuenchatocha.
Algúns anos antes da chegada dos españois, un sacerdote muisca de Ubaque, chamado Popón, profetizáralle ó Zipa Tisquesusa que morrería «afogado no seu propio sangue» por mor duns estranxeiros vindos de terras afastadas.
Conquista e colonia española
[editar | editar a fonte]O poboado colonial foi fundado polo sacerdote español Custodio Lesaca en 1651. En 1594, cando visitou a rexión o oidor Miguel de Ibarra había tres poboados, Ubaque, Quescabita e Santa Ana, dos cales formouse un só co primeiro nome.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ hyba Gómez, Diego F. Diccionario muisca-español
- ↑ Quye. Gómez, Diego F. Diccionario muisca-español
- ↑ "Sitio Oficial de la Alcaldía Municipal de Ubaque - Información general - Historia". Arquivado dende o orixinal o 09 de agosto de 2019. Consultado o 09 de agosto de 2019.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ubaque |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Páxina oficialArquivado 01 de agosto de 2019 en Wayback Machine. (en castelán)