Saltar ao contido

Taxina

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

As taxinas son un conxunto de medicamentos antineoplásicos que impiden o crecemento celular ó impedir a división das células. As taxinas úsanse para tratar o cancro. Tamén se denominan antimicrotúbulo, antimitótico e inhibidor mitótico.

As taxinas son terpenos producidos por plantas do xénero Taxus como o teixo, de aí o seu nome xenérico. Identificáronse por primeira vez en fontes naturais, pero algúns deles sintetizáronse artificialmente. Son taxinas o paclitaxel, o docetaxel e o cabazitaxel. O paclitaxel atopouse por primeira vez no teixo do Pacífico.

Utilízanse para realizar o tratamento de quimioterapia en pacientes afectados de cancro. O principal mecanismo da taxina é a inhibición da función do microtúbulo. Isto lévao a cabo mediante a estabilización do guanosindifosfato (nucleótido abreviado normalmente como GDP) unido á tubulina impedindo o normal funcionamento dos microtúbulos. Os microtúbulos son esenciais para a división celular, e por iso as taxinas paran a mitose celular. De forma similar ás taxinas, o alcaloide da Vinca esnaquiza os fusos mitóticos. Polo tanto ambos denomínanse velenos da mitose. Crese que as taxinas son radiosensibilizadores.