Saltar ao contido

Outubro na cultura popular galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O que segue recolle diversa información sobre a pegada do mes de outubro, ou outono, na cultura popular e na literatura oral galegas, recollida de diferentes traballos etnográficos –xerais a toda Galicia ou localizados nun ámbito xeográfico máis concreto-, dicionarios, refraneiros, cantigueiros etc.

Outros nomes populares do mes de outubro son os de San Lucas e o de mes do rosario [1].

Refraneiro

[editar | editar a fonte]
  • A lúa de octubre a sete cubre, e se chove, nove.
  • A verdura de San Simón dá pró amo e mais pró ladrón [2].
  • A verdura en outono cómea o seu dono.
  • Áncoras ó fondo, que chega San Simón.
  • Arriba, putas, que aí veñen as san Lucas [3]
  • As avenidas de San Simón, antes ou despois sonadas son.
  • As avenidas de San Simón, sonadas son.
  • As enchentes de San Simon sonadas son, ou antes ou despois enchen o carro e mais os bois.
En outubro, a terra esterca e cobre.
  • Auga de outono mata ó seu dono [4].
  • De setembro a San Simón non cóma-lo mexillón [5].
  • En outubro, a terra esterca e cobre.
  • En octubre, a terra estercola e cobre.
  • En san Francisco trae a vela, en San Xosé lévaa [6].
  • En setembre e outono, bebe o viño vello e deixa estar o novo [7].
  • Na semana de san Lucas, suca, boi, suca [8].
  • O día de San Lucas mata o teu porco e barra as túas cubas [9].
  • O que deixa a Coaresma e as festas de san Lucas, dígao a incrusa.
  • Pasados os Remedios e san Roque, xa non hai sesta nin merendote [10]
  • Polo Pilar, os nabos na terra e o viño a envasar [11].
  • Polo Pilar, nabos á terra e viño a envasar.
  • Polo San Lucas, mata o teu porco e barra as tuas cubas [12].
  • Polo san Lucas saben ben as uvas.
  • Polo san Lucas solta os bois, mata os porcos e tapa as cubas [13].
  • Polo san Simón, áncoras ó fondón.
  • Polo san Simón apreta o baldón [14]
  • Polo San Simón proba o viño, i o porco polo San Martiño [15].
  • Polo San Simón tapa o portelo da sazón, o da resteva non.
  • Por San Francisco bota o liño mourisco, se o botas en San Simón nin dá estopa nin estopón.
Polo san Simón apreta o baldón.
  • Por san Francisco, risco, risco.
  • Por san Luca alza o boi da suca, mata o porco e tapa a cuba.
  • Por san Martiño e san Xudas, piñeiriña das túas uvas [16]
  • Por san Quintín castañas ó rolín [17].
  • Por san Simón a xeira do cogordón [18].
  • Por san Simón cada moneda vale un doblón.
  • Por San Simón, camiñar si, navegar non.
  • Por san Simón e por san Xudas, mata ó teu porco e atesta as túas cubas [19].
  • Por san Simón e san Xudas, collidas as uvas.
  • Por san Simón e san Xudas, mata o teu porco e atesta as túas cubas.
  • Por san Simón, aperta o baldón.
  • Por san Simón o néspero se repón.
  • Por san Xudas e san Simón, collidas as uvas son.
  • San Francisco fai a rela, San Xosé lévaa.
  • San Francisco trae a vela, San Xosé lévaa.
  • San Pedro e san Simón traen a chave do trebón. Así como eles son santos, traian os trebóns mansos [20].
  • San Simón, apreta o baldón.
  • San Simón proba o viño e o porco san Martiño.
  • San Simón, se me pillas unha mosca, douche un millón.
  • Santiago manda o pan, san Migueliño manda o viño, san Francisco manda a landre e san Andrés o touciño.

Cantigueiro

[editar | editar a fonte]
  • Naquela banda do río,/ ten meu pai un castiñeiro,/ bota castañas no outono/ uvas no mes de xaneiro.
  • Nosa Señora da Adina/ ten oliveiras no adro,/ botan piñas no outono,/ cereixas no mes de maio [21].
  • Nosa Señora da Adina/ ten un piñeiro no adro,/ bota piñas polo outono,/ cereixas no mes de maio [22].
  • San Simón, san Simonciño,/ bendíceme este cordón/ que dá nove voltas/ ó redor do corazón.
  1. Constantino García González.
  2. San Simón apóstolo, 28 de outubro.
  3. San Lucas é o 18 de outubro e en Mondoñedo celébranse as festas patronais.
  4. Eladio Rodríguez González, s. v. auga.
  5. Referido ás mareas vermellas do mexillón, que comezan nestas datas.
  6. San Francisco, 4 de outubro.
  7. Eladio Rodríguez González, s. v. setembre.
  8. Rosario Soto Arias 2013.
  9. "Barrar as cubas" é tapar calquera greta ou abertura que poida ter a cuba para asegurar a súa hermeticidade. Facíase con lama ou pez. San Lucas celébrase o 18 de outubro. Fonte: Eladio Rodríguez González, s. v. día.
  10. Os Remedios, o segundo domingo de outubro; san Roque, o 16 de agosto.
  11. A Virxe do Pilar, 12 de outubro.
  12. Eladio Rodríguez González, s. v. porco.
  13. Eladio Rodríguez González, s. v. San Lucas.
  14. Baldón ou bandón é o tapón de cortiza ou madeira co que se tapa o burato da tapa superior dos bocois polo que se bota o viño. San Simón, 28 de outubro.
  15. Eladio Rodríguez González, s. v. viño.
  16. San Xudas, 28 de outubro.
  17. San Quintín, 31 de outubro.
  18. Refírese a que comeza a tempada de ir ós cogomelos.
  19. San Simón e San Xudas celébranse o 28 de outubro.
  20. Non parece lóxico relacionar ó San Pedro de xuño coas tormentas, polo que este refrán debe referirse San Pedro de Mezonzo, que se celebra o 10 de setembro. Hai outros San Pedro pero máis lonxe de San Simón (18 de outubro).
  21. Refírese, como a seguinte, á igrexa de Santa María de Iria Flavia, coñecida popularmente como Adina.
  22. Gran Enciclopedia Galega, s. v. Adina.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]