Novela negra
A novela negra é, como a definiu Raymond Chandler no seu libro The Simple Art of Murder, a novela do mundo profesional do crime. Debe o seu nome a dous factores: a que orixinalmente foi publicada na revista Black Mask de Estados Unidos e na colección Série Noire francesa, así como ós ambientes "escuros" que logra. O termo asóciase a un tipo de novela policial na que a resolución do misterio non é en si o obxectivo principal; que é habitualmente moi violenta e as divisións entre o ben e o mal están bastante difuminadas. A maior parte dos seus protagonistas son individuos derrotados, en decadencia, que buscan encontrar a verdade (ou polo menos algún indicio de verdade).
Características
[editar | editar a fonte]Este tipo de relato presenta unha atmosfera asfixiante, medo, violencia, falta de xustiza, corrupción do poder e inseguridade. Amosa os efectos do capitalismo co triunfo do individualismo, nacionalismo e racismo. Nace nas primeiras décadas do século XX nos Estados Unidos, como unha variante das historias policiais, e difundida en revistas.
A novela negra agrega a violencia ás características do xénero policial. Os crimes baséanse nas debilidades humanas como a rabia, ansias de poder, envexa, odio, avaricia, paixóns etc. Por esta razón aparece unha linguaxe máis crúa, onde se lle dá máis importancia á acción que á análise do crime.
Neste tipo de relato importa máis a descrición da sociedade onde nacen os criminais e a reflexión sobre a deterioración ética.[1]
Tipos
[editar | editar a fonte]Actualmente existen tres tipos de novela negra:[1]
- Novela de acción co detective como protagonista.
- Novela desde o punto de vista do criminal.
- Novela desde o punto de vista da vítima.
Pais do xénero
[editar | editar a fonte]- Dashiell Hammett : Detectives Sam Spade, O home delgado e O axente da Continental. Escribiu cinco novelas: Red Harvest, The Dain Curse, The Maltese Falcon, The Glass Key e The Thin Man. Os seus relatos (publicados na revista Black Mask nos anos vinte) foron recollidos baixo o título xenérico de The Big Knockover. Foi o primeiro escritor de novelas policiais que tivo en conta o estrato social onde máis se xeraba o crime, nos baixos fondos, que coñecía ben por ser anteriormente detective privado da axencia Pinkerton.
- Raymond Chandler: O seu detective principal é Philip Marlowe, interpretado no cine por Bogart e Robert Mitchum, entre outros. É o protagonista de The Big Sleep, Farewell, My Lovely, O longo adeus, The High Window, The Lady in the Lake, Playback e The Little Sister. Nos seus relatos, publicados na súa maior parte na Dime Detective Magazine, apareceron outros detectives, John Dalmas e John Evans, que ó mesturarse deron como resultado a Philip Marlowe. Caracterízase por un estilo moi elaborado e irónico, de frase enxeñosa e ácida.
Representantes do xénero
[editar | editar a fonte]Novela negra en galego
[editar | editar a fonte]- Carlos G. Reigosa: Crime en Compostela, O misterio do barco perdido, A guerra do tabaco, Narcos (protagonizadas por Nivardo Castro).
- Xabier P. DoCampo: A chave das noces.
- Xelís de Toro (co pseudónimo de Roque Morteiro): Seis cordas e un corazón.
- Aníbal Malvar: Un home que xaceu aquí, Unha noite con Carla.
- Xesús Franco González (co pseudónimo de Joaquim Fariña): Blues para un asasino.
- Miguel Anxo Fernández Fernández: Un nicho para Marilyn, Luar no inferno, Tres disparos e dous friames e Lume de cobiza (saga de Frank Soutelo).
- Diego Ameixeiras: Baixo mínimos e O cidadán do mes (con Horacio Dopico); Asasinato no Consello Nacional.
- Domingo Villar: Ollos de auga, A praia dos afogados (protagonizadas polo inspector Leo Caldas).
- Manuel Forcadela: Sangue sobre a neve, Barato, barato, Fóra de xogo, A procura do falso Grial (protagonizadas por Toni Barreiro).
- Manuel Esteban: A ira dos mansos (protagonizada polo inspector Carlos Manso).
Anglosaxóns
[editar | editar a fonte]Trátase dunha lista moi incompleta.
- Cornell Woolrich, máis coñecido como William Irish, leva á novela negra o suspense e o lirismo da cega fatalidade. As súas obras, en especial os relatos máis ben curtos, foron adaptadas ó cine.
- Chester Himes, escritor negro que situou ós seus detectives, "Ataúde" Ed Johnson e "Sepultureiro" Jones (Coffin Ed Johnson e Grave Digger Jones), no Harlem máis escuro, intentando sobrevivir nun medio bastante hostil. Aínda que a súa especialidade é en si o xénero policial, na súa obra alude constantemente ós problemas raciais que historicamente existiron nos Estados Unidos.
- Agatha Christie (1890-1976), creou os personaxes de Hercules Poirot, enxeñoso detective belga, e Miss Marple. As obras máis importantes son The Mysterious Affair at Styles (1920), The murder of Roger Acroyd (1926), The murder at the Vicarage (1930), Curtain: Poirot's Last Case (1975) e Sleeping Murder (1976, póstumo).
- Erle Stanley Gardner, avogado e escritor estadounidense. Autor de novelas policiacas -protagonizadas polo avogado Perry Mason-, que publicou baixo o seu propio nome. Tamén publicou outras novelas do mesmo xénero usando os pseudónimos de A.A. Fair, Kyle Corning, Charles M. Green, Carleton Kendrake, Charles J. Kenny, Les Tillray, e Robert Parr.
- Patricia Highsmith. O seu protagonista non é un detective como adoita suceder, senón o amoral estafador e asasino ocasional Tom Ripley (O talento do señor Ripley, Ripley's Game). Vive de substituír as persoas que asasina, polo xeral nenos de rica familia. É unha especie de antiheroe. Patricia Highsmith é unha escritora moi ben dotada para crear personaxes morbosos e de turbia psicoloxía e posúe un estilo conciso e moi económico, aprendido de Guy de Maupassant. The Animal Lover's Book of Beastly Murder é unha colección de contos protagonizados por mascotas asasinas, por exemplo hámsteres. Little Tales of Misogyny narra asasinatos realizados por mulleres.
- Jim Thompson: Pop. 1280 está entre as tres mellores do xénero. O seu protagonista é un sheriff corrupto, entolecido, diabolicamente intelixente e aparentemente pailán do profundo sur dos Estados Unidos que trata de gañar a reelección contra un home honrado e debe realizar unha serie de trampas e asasinatos para logralo. Malia o tema sórdido, a súa principal característica é o humor. Outros libros son The Grifters, The Kill-Off ou Texas by the Tail. Tamén é coñecido como guionista de cine e a el se debe, por exemplo, o guión de The Killing de Stanley Kubrick.
- James Ellroy, autor de L. A. confidential.
- Walter Mosley: creador do detective Easy Rawlings, protagonista de A Red Death ou Devil in a Blue Dress.
- Elmore Leonard: Unknown man No. 89, Last Stand at Saber River, Get Shorty.
- James Redding Ware, autor da primeira novela en lingua inglesa no que o detective é unha muller (The Female Detective).
Outros europeos
[editar | editar a fonte]- Boris Vian: Publicou, baixo o pseudónimo de Vernon Sullivan, catro novelas: Cuspirei sobre as vosas tumbas, Les morts ont tous la même peau, Elles se rendent pas compte e Et on tuera tous les affreux. Vian aparecía como o tradutor das novelas, e Sullivan, supúñase, era un escritor negro dunha intensidade e sordidez pouco usual incluso segundo os estándares estadounidenses (descontando a Jim Thompson e Chester Himes). Descuberto o engano, foi condenado por un tribunal a pagar, xunto co seu editor, unha forte multa por inmoralidade e a que o seu libro fose retirado das librerías francesas. Pero desde a súa aparición as catro novelas se converteron automaticamente en clásicos. Outras obras "non negras" de Vian son L'Automne à Pékin, L'Écume des jours ou L'Herbe rouge.
- Georges Simenon é o creador do comisario Maigret, que resolve sempre os crimes poñéndose no lugar do criminal, xa que coñece moi ben ás persoas e é un gran psicólogo. Caracteriza a Simenon un gran dominio da descrición ambiental, que sabe facer primorosamente, e unha grande habilidade para crear complicidade entre os seus personaxes e o lector.
- Andrea Camilleri: o personaxe das súas novelas é o comisario Montalbano, siciliano, sendo o seu nome unha homenaxe a Manuel Vázquez Montalbán. As obras máis coñecidas de Camilleri son: La forma dell'acqua ou La voce del violino.
- Ian Michael, medievalista e autor de seis novelas policiacas ambientadas en España, publicadas co pseudónimo de David Serafín. O seu detective é o imperturbable inspector Bernal, e os seus títulos son Saturday of Glory, Madrid Underground, Christmas Rising, The Body in Cadiz Bay, Port of Light ou The Angel of Torremolinos.
- Henning Mankell, autor sueco, creador do inspector de policía Kurt Wallander. Algúns dos seus libros son Mördare utan ansikte, Den vita lejoninnan ou Mannen som log.
- Léo malet, autor francés, creador dos personaxes de Nestor Burma, Johnny Métal e Mike Rowland.
Castelanfalantes
[editar | editar a fonte]- Juan Madrid, Nada que hacer, Días Contados, Brigada Central... O seu detective é Toni Romano, e varias das súas novelas foron levadas ó cine ou a televisión sendo el mesmo o guionista.
- Manuel Vázquez Montalbán: o Chandler catalán, co seu detective Carvalho (nado na provincia de Lugo) cincuentón, voyeur, gastrónomo e que queima libros, o seu fiel Biscúter, e a súa moza a prostituta Charo. Escribiu libros como Los Mares del Sur ou Los pájaros de Bangkok.
- Andreu Martín: autor en castelán e catalán de novelas violentamente transgresoras. Destacan El procedimiento ou Bellísimas personas. Tamén é guionista de cine.
- Jaume Ribera: Creador xunto co anterior da saga de Flanagan, un mozo detective que protagoniza novelas destinadas ó público xuvenil ambientadas en Barcelona.
- Jorge Martínez Reverte, O seu detective Gálvez, protagoniza unha serie de novelas do xénero, como Demasiado para Gálvez. Martínez Reverte ademais é xornalista.
- Alicia Jiménez Bartlett, con obras como Ritos de muerte. É unha das poucas mulleres presentes no xénero.
- Lorenzo Silva, autor dunha serie de novelas protagonizadas por unha parella de gardas civís, entre as que destaca El lejano país de los estanques.
- Mario Vargas Llosa, peruano, novelista coñecido e que tamén tivo coqueteos co xénero policial. Un bo exemplo é a novela Quién mató a Palomino Molero.
- Adolfo Bioy Casares e Jorge Luis Borges, que baixo o pseudónimo de "H. Bustos Domecq" publicaron varias coleccións de relatos policiacos protagonizados por Isidro Parodi, un xenio que desvela os máis enrevesados enigmas desde unha cela do cárcere onde cumpre condena.
- Eduardo Mendoza, que, tras acercarse ó xénero na experimental La verdad sobre el caso Savolta, creou moito tempo despois un detective, Celedonio, habitual hóspede do psiquiátrico, resolve crimes na grotesca Barcelona de El misterio de la cripta embrujada e El laberinto de las aceitunas.