Saltar ao contido

Cuarcita

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mostra de cuarcita.

A cuarcita, ás veces chamada metacuarcita, é unha rocha metamórfica dura cun alto contido de cuarzo,[1][2] de textura non foliada.[3] A súa coloración pode ser branca, gris, rosada o avermellada.[1][4]

A cuarcita ten unha superficie granulada, como papel de lixa, que lle dá unha aparencia vidrosa.

Na súa composición, a maioría das cuarcitas chegan a ter máis do90 % de cuarzo e algunhas incluso 99 %.[1]

Cuarcita da formación da Prospect Mountain, no pico Jeff Davis, en Nevada, Estados Unidos.

O termo cuarcita a miúdo é usado erroneamente[5] para designar á cuarzoarenita ou ortocuarcita, rocha sedimentaria cementada con sílice que precipitou de augas intersticiais durante a súa diaxénese.[1][2]

Bifaces de cuarcita encontrados en Stellenbosch, Suráfrica.

Formación

[editar | editar a fonte]

A cuarcita fórmase por recristalización a altas temperaturas e presións.[1] É unha rocha carente de foliación.[3] Se presenta capas de folliñas paralelas de mica branca a rocha adquire unha estrutura xistosa e pasa a chamarse xisto de cuarzo.[1][4]

A súa meteorización é lenta e produce solos infrecuentemente delgados. A súa resistencia á erosión fai que formacións de cuarcita sobresaian na paisaxe, como é o caso de numerosas cristas nos montes Apalaches,[1][4] ou, a menor escala, no val do río Ulla no lugar de Gundián.

A cuarcita pura emprégase como unha fonte natural de cuarzo para procesos metalúrxicos e para fabricar ladrillos de sílice.[1][4]

Na industria úsase cuarcita de alta pureza para fabricar ferrosilicio, aliaxes de ferro e silicio nas que o contido en silicio varía entre o 15 e o 90 %, sendo as máis utilizadas as que conteñen o 75 % de silicio, xa que representan os 3/4 do uso do silicio (excluíndo o SiO 2) e o 20 % da produción de aliaxes ferrosas.[6] A este respecto cabe destacar que a fábrica da FerroAtlántica de Cee, a de maior antigüidade e cabeceira do complexo industrial Cee-Dumbría, ten unha capacidade anual de produción de 18.000 t de ferrosilicio (ademais de 37.000 de silicomanganeso, 55.000 de ferromanganeso, 6.000 de pasta de eléctrodos e 3.000 de microsílice).[7]

As cuarcitas úsanse tamén como balasto* en camiños e vías férreas.[1] Outros usos son como rocha ornamental na construción e para facer esculturas.[2][3]

Cómpre dicir tamén que, durante a Idade de pedra a cuarcita era usada como un substituto de menor cualidade para o sílex.[8]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 1,8 quartzite, Encyclopedia Britannica Academic Edition. Consultada o 2 de maio de 2015.
  2. 2,0 2,1 2,2 kvartsit Den Store Danske Encyklopædi. Consultada o 2 de maio de 2015.
  3. 3,0 3,1 3,2 Quartzite Arquivado 02 de marzo de 2009 en Wayback Machine. Powell, Darryl. Mineral Information Institute. Consultadao o 2 de maio de 2015.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Kvartsitt Store norske leksikon. Consultada o 2 de maio de 2015.
  5. Ireland, H. A. (1974). "Query: Orthoquartzite????". Journal of Sedimentary Petrology 44 (1): 264–265. doi:10.1306/74D729F0-2B21-11D7-8648000102C1865D. 
  6. SfC (ed.). "Description du silicium sur SFC.fr". Consultado o 6 de maio de 2015. [Ligazón morta]
  7. FerroAtlántica Arquivado 05 de maio de 2015 en Wayback Machine. (en castelán).
  8. Raw material Arquivado 29 de xullo de 2012 en Wayback Machine.. Stone Age Reference Collection, Institute for archeology, University of Oslo, Norway

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]