Benito Vicetto
Nome orixinal | Benito Vicetto Pérez |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 21 de maio de 1824 Ferrol, España |
Morte | 28 de maio de 1878 (54 anos) Ferrol, España |
Causa da morte | pneumonía |
Lugar de sepultura | Cemiterio de Canido (Ferrol). Cemiteiro de Catabois (Ferrol) desde 1967 |
País de nacionalidade | Galicia |
Actividade | |
Ocupación | Escritor. Xornalista. Historiador. Militar. Funcionario |
Xénero artístico | Narrativa. Ensaio. Poesía. Teatro |
Movemento | Rexionalismo galego |
Obra | |
Obras destacables | |
Familia | |
Cónxuxe | Josefina Pérez Agudo |
Fillos | Antonia Vicetto |
Descrito pola fonte | Ensayo de un catálogo de periodistas españoles del siglo XIX (1903-1904), (sec:Vicetto y Pérez (Benito), p.475) Dicionario biográfico de Galicia Diciopedia do século 21 |
Benito Vicetto Pérez nado en Ferrol o 21 de maio de 1824 e finado na mesma cidade o 28 de maio de 1878, foi un escritor, xornalista e historiador galego.
Prolífero autor literario en lingua castelá, na que cultivou a poesía, a novela, o teatro e o ensaio, escribiu tamén algúns poemas en lingua galega.[1] Destacou como editor e colaborador de xornais de tendencia progresista, desde os que impulsou as ideas rexionalistas. Como historiador publicou unha exitosa Historia de Galicia en sete volumes que, malia a súa discutida fiabilidade histórica, avivou o interese polas propias raiceiras e a conciencia diferencial da sociedade galega do seu tempo.[2]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos
[editar | editar a fonte]Cronobiografía | |
---|---|
1824 | Nado en Ferrol, na rúa do cárcere (hoxe Benito Vicetto) |
1826 ca. | Morte do seu pai Benito Vicetto San Benetto. |
1836 | Ingreso na escola de Gardamariñas e pilotos do arsenal de Ferrol |
1839 ca. | Morte da súa nai Xosefina Pérez. Abandono da escola e ingreso no exército. |
1841 | Acantonamento no Mosteiro de Sobrado. |
1843 | Traslado a Madrid, ao Real Cuerpo de Alabarderos |
1844 | Publica El caballero verde, a súa primeira novela. |
1845 | Actúa na representación da súa obra El arquero y el rey en Ferrol |
1850 | Abandona o exército. Oficial de prisións en Sevilla |
1851 | Publica Los hidalgos de Monforte. |
1852 | Traslado como oficial ao cárcere da Coruña |
1854 | Dirixe El Clamor de Galicia |
1856 | Coñece persoalmente a Manuel Murguía. |
1857 | Dirixe o Diario de La Coruña |
1861 | Xogos Florais da Coruña. Primeiros cadernos da Historia de Galicia. |
1865 | Primeiro volume da Historia de Galicia |
1867 | Censura e retirada da Historia de Galicia |
1868 | Superintendente da Fábrica de moeda de Xuvia |
1873 | Sétimo e último volume da Historia de Galicia |
1874 | Publicación da Revista Galaica. |
1875 | Casamento con Antonia Rodríguez. |
1876 | Nacemento da súa filla Antonia. Derradeira novela: El cazador de fantasmas. |
1878 | Morre en Ferrol. |
Benito Vicetto naceu na rúa do Cárcere (hoxe rúa Benito Vicetto[3]) no Ferrol Vello. Fillo do mariño xenovés Benito Vicetto San Benetto, armador e capitán dun bergantín contrabandista,[4] e da moza ferrolá Josefina Pérez Agudo.
Figura na documentación eclesiástica como o cuarto fillo dun total de cinco irmáns: Juana, Angel, Micaela, Benito e Victoriana.[5] Porén, no testamento do seu pai, datado en xaneiro de 1826, só aparece un varón entre os cinco fillos do matrimonio: Jose Antonio, de dezaoito meses. Esta idade axústase á que se lle supón a Vicetto, polo que tal nome podería referirse a el.[6] O resto das fillas no documento son Juana (11 anos), Micaela (7 anos), Petra (5 anos) e Josefa (3 anos). Coñécense tamén pola acta testamentaria dous casamentos previos do pai de Vicetto dos que existían outros dous fillos, así como relevantes datos da súa fortuna e carreira como mariño.[7]
Morto o seu pai, Vicetto pasou, segundo o seu biógrafo Manuel Murguía, unha triste infancia baixo o coidado dunha nai "brusca e áspera" cos seus fillos, confortado só polo agarimo da súa irmá máis vella Juana, á que estaba moi unido.[8][9] Con doce anos de idade ingresou no Colexio de Garda Mariñas e Pilotos do arsenal de Ferrol,[10] onde estudou só uns poucos cursos debido a un novo deceso familiar, esta vez a súa nai Josefina. Após este novo infortunio, o orfo Vicetto pasou a residir con Juana, dez anos máis vella, mentres as irmáns máis novas foron acollidas nos domicilios de parentes próximos.[11] Forzado polo precario da situación económica, e despois de encadear unha serie de pequenos empregos, o mozo Benito Vicetto decidiu alistarse no exército durante a primeira guerra carlista.[12]
Escritor e militar
[editar | editar a fonte]Amparado na milicia por un cuñado[13], comandante da unidade na que servía, Vicetto combateu as partidas carlistas no rural galego.[14] Coa súa compañía acantonada no mosteiro de Sobrado dos Monxes, acudiu en certa ocasión a visitalo Juana. Durante a visita foi testemuña dunha desagradábel escena na que Vicetto se viu obrigado a dirixir o pelotón de fusilamento dun mozo prisioneiro. Este suceso marcou a relación entre os irmáns e foi lembrado polo propio autor nun relato posterior.[15] Tamén Manuel Murguía investigou este incidente deixando sobre el precisos detalles na súa obra Los Precursores.[16] A estancia no mosteiro de Sobrado e a colaboración dun monxe, identificado polo autor nos seus escritos como frei González, deulle acceso ao novelista ao arquivo e á biblioteca do cenobio. Os datos obtidos na estadía fóronlle de utilidade en ulteriores novelas, en especial en Los hidalgos de Monforte.[17]
Rematada a guerra, Vicetto ingresou no Real Cuerpo de Alabarderos e trasladouse a Madrid.[18] Nesta cidade publicou no 1844 a súa primeira novela: El caballero verde, obra que vén asinada polo autor en Sobrado dos Monxes, en 1841, cando só contaba dezasete anos de idade. O texto, que nunha posterior edición (1863) mudou o seu título por El caballero de Calatrava, abriulle a porta dos primeiros xornais ilustrados madrileños: Semanario Pintoresco Español e Museo de las Familias. No primeiro deles publicou a lenda romántica La loca de Roupar e no segundo dúas pequenas novelas: Un crimen y una venganza e La roca sangrienta. Tamén xurdiron por estas datas os primeiros xornais en Ferrol, Vicetto colaborou en El Águila e en El Ferrolano publicando relatos, ensaios e artigos que foron recollidos conxuntamente nunha obra titulada Horas de Insomnio.[19]
En 1845 solicitou licenza no exército para regresar a Ferrol. Na cidade departamental rematou El arquero y el rey, peza teatral que ofreceu inmediatamente a unha compañía dramática coa condición de ser o actor protagonista nas primeiras representacións. A obra estreouse en setembro do 1845 no teatro de Ferrol obtendo un grande éxito.[20] O propio Vicetto foi galardoado polo público cunha coroa de prata entregada despois dunha das funcións.[21]
A finais de ano Vicetto reincorporouse ao seu cuartel en Madrid, lugar desde o que viviu o fracaso da revolución de 1846 e o fusilamento dos insurrectos.[22] Durante toda a súa traxectoria expresou sempre a súa admiración por aqueles "irmandiños", máis valentes que os celtas do monte Medulio.[23][24]
En Madrid continuou coas súas colaboracións coa prensa progresista. Son desta época os relatos: Macías el enamorado, La infanzona de Mesía e La corona de fuego, e o inicio dos seus estudos históricos con senllos artigos: La torre de Hercules e La ciudad de Tuy publicados no Semanario Pintoresco Español. No 1848 imprimiu a súa peza teatral: El arquero y el rey[25] e continuou a publicar as súas Crónicas de Galicia en diversos xornais.[26]
En 1850 rematou o seu tempo de servizo no exército. Foi nomeado cabaleiro da orde de Carlos III e comezou a traballar como oficial de prisións no cárcere de Sevilla, seguindo os pasos do cuñado co que servira na guerra.[14] Na capital andaluza publicou só textos de temática galega e os seus mellores traballos narrativos: Los hidalgos de Monforte, e Cristina (chamada noutra versión: Páginas de un diario) que acadou as seis edicións. Albiscábase a saudade por Galicia nos seus artigos nos xornais sevillanos La aurora, El eco de la juventud e El telégrafo, onde apareceron por entregas as súas crónicas (publicadas agora baixo o nome de crónicas españolas).[27] Tanto é así que o seu amigo, o enxeñeiro Ramón Rúa Figueroa, lle dedicou un soneto titulado: "Nostalgia",[28] no que aconsellaba a Vicetto o regreso a Galicia, á "patria encantadora".[29] Así o fixo o autor. No ano 1852 trasladouse, co cargo de maior de presidio, ao cárcere da cidade da Coruña.
Vicetto na Coruña
[editar | editar a fonte]O popular escritor foi moi ben acollido pola sociedade coruñesa, frecuentando neses anos os círculos da burguesía liberal da cidade e a casa de Juana de Vega.[30] O mesmo lugar no que, oito anos atrás, se xestara o fracasado pronunciamento militar de Miguel Solís e os mártires de Carral.[31] Nesta etapa coruñesa publicou un relato en verso titulado El asedio de Ferrol en 1800, e as novelas El diario de un calavera e Rojin Rojal o el paje de los cabellos de oro, esta última adicada a Juana de Vega. Comezou tamén nestes anos, ao abeiro da progresista revolución de 1854, a edición de El clamor de Galicia, periódico iniciático do rexionalismo galego, continuador do provincialista El porvenir de Antolín Faraldo.[32] Murguía narrou posteriormente como o fracaso do alzamento do 1846 acalou por un tempo a reivindicación da nacionalidade galega, até a chegada da xeración liderada por Vicetto, quen "reanimou o corazón de todos" coa publicación do citado xornal e co seu libro Los hidalgos de Monforte.[33] Esta novela histórica popularizou dous dos mitos dos galeguismo moderno, a figura de Pardo de Cela e a dos irmandiños. Na obra, imaxínase o mariscal como líder da irmandade e xuntos, baixo o lema "Deus fratesque Gallaeciae (Deus e os irmáns de Galicia)", enfróntase ao conde de Lemos, fiel á raíña de Castela.
A novela imprimiu a comezos de 1856 unha segunda edición. Na crítica da época abundaron as loanzas ao texto.[34] Unha delas, a do mozo Manuel Murguía desde Madrid, tivo especial relevancia para Vicetto e motivou o inicio dunha efusiva relación epistolar.[35] Nas súas cartas Vicetto ofreceu a Murguía un traballo no seu xornal El Clamor: "Ven, ven como sexa, empregado de calquera modo. Galicia necesítate". Nelas exprésase tan exaltadamente que semella ser o mesmo Pardo de Cela quen escribe: "Hai unha misión para os dous que hai que cumprir, aínda que sexa unha misión de martirio".[36] Porén, a primeira entrevista entre ambos os homes foi descrita moi negativamente por Murguía na súa obra Los precursores. Narra este a decepción de Vicetto ao coñecelo e non colmar as expectativas creadas na súa imaxinación. Describe tamén a súa propia aversión polo avasalamento e superioridade que percibiu na actitude do ferrolán.[37] A animosidade e a rivalidade marcou desde aquela xuntanza a relación entre ambos. Coa excepción de Los Hidalgos de Monforte, Murguía criticou causticamente desde entón toda a obra de Vicetto.[38]
A finais de 1856 Vicetto foi ascendido e destinado como comandante ao presidio de Alcalá de Henares onde, illado socialmente, continuou publicando as súas Crónicas de Galicia. En 1857 saíron do prelo dúas novelas, Magdalena, inspirada no seu frustrado amor cunha muller sevillana, e El último Roade.[39]
Xogos florais
[editar | editar a fonte]Volveu á Coruña na primeira oportunidade, a comezos de 1859, retomando con enerxía a súa vida anterior. Pronunciou naquelas datas un acendido discurso político "por Galicia y para Galicia" no ateneo da Coruña. A disertación foi reproducida o 24 de abril na primeira páxina do xornal La Perseverancia.[40] En 1860 publicou a novela pretendidamente autobiográfica Victor Basben, que para Murguía amosaba máis o que o autor desexaba ser que o que na realidade era.[41] Na segunda parte do libro, incluíu a lenda mitolóxica Hiar-Treva,[42] unha balada mítica sobre a fundación da céltica Galicia que escribira anos atrás.[43] Nese mesmo ano imprimiu o ensaio histórico Los reyes suevos en Galicia e xa en 1861 El lago de la Limia e a conclusión das súas crónicas, publicadas baixo o título final de Crónicas Galaicas.[44] Durante este feraz período continuou tamén o seu traballo como xornalista, dirixindo agora o Diario de La Coruña.[45]
Porén, nunha nota negativa, tamén por estas datas rematou a súa amizade coa influente Juana de Vega. Dedicábase esta, xunto a Concepción Arenal, a realizar visitas aos cárceres tentando mellorar as condicións de vida dos presidiarios. Estas visitas resultaron nun conflito co comandante da prisión coruñesa, o estrito Vicetto, de quen se afirma gardaba escrito pola súa propia man, con anotacións artigo por artigo, o regulamento carcerario.[46] No 2 de xullo de 1861, Vicetto colaborou na organización na Coruña dos que serían os primeiros xogos florais galegos.[47] Presentando o autor aos mesmos a balada Al enamorado Macias, confiado en acadar o premio no certame. Cando finalmente só recibiu o primeiro accésit, ofendeuse profundamente e culpou da aldraxe a "certa condesa", en referencia a Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina "que desde a súa casa movía e gobernaba os máis sutís fíos da vida coruñesa".[48]
Desgustado, Vicetto decidiu abandonar a Coruña, iniciando entón un longo periplo por diferentes presidios españois. En 1862 trasladouse como comandante ao cárcere de Toledo, permutando de seguida o seu posto co xefe do penal de Ceuta e trasladándose no verán do 1863 ao de Granada. Alí, "desterrado entre xentes que falaban outra lingua e tiñan outros amores"[49] publicou unha colección de poesías El angel de mi amor. No outono ocupou un novo destino, esta vez en Barcelona, lugar no que publica Nostalgia, un libro onde se percibe a morriña pola súa patria. Aínda aceptou brevemente outro cargo no cárcere de "el canal de Isabel II" no que pasou pouco mais dun mes antes de renunciar e retornar finalmente a Coruña en xaneiro do 1864.[50] Alí publicou, nese mesmo ano, un novo libro de poemas: El eco de mi amor, poesías que unidas a outras do autor foron publicadas na obra Ecos del alma en 1869.[51]
Historia de Galicia
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Historia de Galicia (Vicetto).
De volta na cidade herculina Vicetto retomou, coa axuda do editor ferrolán Nicasio Taxonera, o traballo na súa Historia de Galicia da que até entón só publicara un primeiro tomo. Comprometérase nesta empresa xa no ano 1851 durante unha fugaz visita a súa estrañada Galicia nun tempo no que exercía como oficial da prisión de Sevilla.[52] Os primeiros cadernos non se publicaron até o 1861 no Diario de La Coruña[53] e tiveron unha acollida tan entusiasta que se chegou a organizar un banquete literario, con máis de 40 comensais, en homenaxe ao autor.[54][55]
O propósito da obra ficaba claro desde o prólogo do primeiro volume onde Vicetto escribiu: "Emprendo un traballo de moita importancia literaria, ao impulso dunha aspiración respectábel, a de chegar a dotar ao meu país dunha historia, propiamente dita, xa que non ten ningunha."[56]. Un traballo afrontado cunha certa visión mesiánica, "toda a súa gloria daba por ser o primeiro na cruzada por el emprendida" dirá Murguía[57], na busca dos fundamentos históricos da nación galega e co declarado obxectivo de recuperar a súa dignidade e camiñar cara a súa emancipación.[58] Esta idea dun home cunha misión aparece noutras obras de Vicetto, que adoitan traspasar os límites entre o real e o literario. Na súa novela El último Roade chega a autorretratarse a través do mestre Pita: "O seu pensamento... era a independencia de Galicia [..] se tivera sido escritor, arrostraría con gusto toda clase de deportacións, despois de ter infiltrado a súa idea no país xa nos editoriais dun periódico, xa nos cadros amorosos da novela histórica [..]"[59]
Crítica e censura
[editar | editar a fonte]En 1865 saíu tamén do prelo o primeiro tomo da Historia de Galicia de Manuel Murguía. Nel incluíase unha crítica directa á obra de Vicetto: "Nos nosos días, o señor Vicetto dou á prensa traballos históricos que evitamos cualificar.(..) O eloxio non sería doado nin agradábel; a censura é hoxe imposíbel".[60] O novelesco traballo de Vicetto, tendente aos excesos narrativos, "o principal para escribir a historia dun pobo non son os datos; o principal é a imaxinación" afirma nun dos seus libros,[61] contrastaba coa obra do positivista Murguía, sempre á procura dunha base científica para os seus escritos.[62] Vicetto gardou a réplica durante anos, até o último tomo da súa obra publicado en 1873. Alí respondeu cunha aceda crítica ao libro Murguía: "frío, pesado, sen movemento e sen vida..".[63] Con todo, foi Murguía quen dixo a última palabra. Na súa biografía póstuma sobre Vicetto escribiu sobre o libro "nada suma nin nada importa para o coñecemento do noso pasado. Non coñezo libro máis triste, nin que impresione mais penosamente."[64]
A crítica adversa de Murguía, e doutros autores como Saralegui,[65][66] non foi o único problema co se encontrou a Historia de Vicetto. No segundo volume, publicado en 1866, incluíu este unha reflexión teolóxica, próxima ao panteísmo, na que concluía a equivalencia entre Deus e o tempo.[67] A obra foi denunciada á igrexa por este motivo, e no 8 de xaneiro de 1867 o bispo de Mondoñedo Ponciano de Arciniega solicitou a Vicetto a retirada do libro e a reforma do capítulo. Diante da negativa do autor, interveu o arcebispo de Santiago Miguel García Cuesta, quen nunha nova misiva no 8 de abril solicitou a retirada das páxinas 233 a 244 da obra.[68] O intento de censura por parte da igrexa xerou unha intensa polémica na prensa da época, chegando Vicetto a publicar as cartas en El Diario de Ferrol e a incluílas nun apéndice no terceiro volume da Historia en 1867.[69] No 22 de xullo o arcebispo volveu esixir a retirada da obra, mais crendo Vicetto que tras da actitude do prelado había "influencias alleas" negouse novamente. Finalmente o gobernador civil da Coruña ordenou retirar a publicación e confiscou todos os exemplares en poder do editor.
Prexudicados economicamente Vicetto e o editor Nicasio Taxonera acudiron a Santiago, onde se entrevistaron co arcebispo. A xuntanza rematou en enfrontamento aberto esixindo iradamente o relixioso a retractación máis absoluta. O indignado Vicetto partiu entón cara a Madrid, xunto a Taxonera, onde todos os seus requirimentos foron rexeitados con "estraña hostilidade".[70][71] Afundido no desánimo, Vicetto abandonou a carreira penal e a cidade da Coruña, volvendo a residir en Ferrol. Alí escribiu unha nova novela: Las tres fases del amor, que xa disposta para a venda foi tamén retirada por orde gobernamental baixo a acusación agora de "excesivo naturalismo".[72]
Conclusión da obra
[editar | editar a fonte]A mudanza política do ano 1868, co inicio do chamado sexenio democrático, permitiu a Vicetto retomar a publicación da Historia. Ao mesmo tempo obtivo un posto no corpo de funcionarios de Facenda e foille encargada a dirección da Real Casa da Moeda de Xuvia.[73] Publicou o cuarto tomo da Historia no ano 1871 e o quinto e sexto en 1872. Neste último volume incluíu o manuscrito "Relación de algunas casas y linajes del Reino de Galicia" escrita por Vasco da Ponte no século XVI, unha obra inédita até o momento e unha importantísima fonte historiográfica para a historia medieval da Península Ibérica.[74]
Paralelamente ao traballo na Historia, Vicetto atopou tempo para publicar outra novela en 1872, El conde de Amaral, e para manter unha activa correspondencia co historiador portugués Alexandre Herculano o cal escribe a Vicetto nunha carta do 25 de xullo de 1872: "Galicia dounos poboación e lingua (..) o portugués non é senón un galego civilizado e perfeccionado".[75]
O derradeiro tomo foi publicado en 1873, Vicetto dedicoullo á posteridade, "só ti poderás apreciar se o meu libro é inferior a miña época, ou se a época foi inferior ao meu libro" escribiu.[76] O libro foi un éxito de público que avivou o interese dos galegos polas súas orixes, impulsou a historia local e espallou a conciencia diferencial entre determinados sectores sociais da Galicia do seu tempo.[2]
Derradeiros anos
[editar | editar a fonte]O 15 de maio de 1874 Vicetto comezou en Ferrol a publicación da Revista Galaica.[77] Retomou alí o debate en torno a súa polémica teoría do tempo "cunha audacia filosófica tremenda" segundo Vicente Risco.[71] Murguía, sempre depreciativo co seu rival, escribiu máis adiante que "non eran para el esta clase de coñecementos".[64] Nese mesmo ano publicou dúas novas novelas La baronesa de Fringe e Amores del conde de Basben e no seguinte Las aureanas del Sil.
En 1875 casou, a idade de 51 anos, con Antonia Rodríguez, a quen dobraba a idade, na igrexa de Santa María de Neda. No ano seguinte suspendeu a publicación da Revista Galaica e ocupou brevemente un posto como xefe de negociado no Goberno Civil da Coruña. Nese mesmo ano de 1876 ano xubilouse, regresando novamente a Ferrol coa súa familia.[78] En Ferrol publicou a súa derradeira novela, El cazador de Fantasmas, e alí naceu a súa única filla, Antonia Vicetto. En 1878 atopábase en Madrid preparando a cuarta edición da súa exitosa novela Los hidalgos de Monforte, e outra das súas obras poéticas, cando caeu enfermo dunha pulmonía. Contravindo os consellos dos médicos insistiu en regresar a Ferrol, chegando o día 27 de maio en moi malas condicións.[79]
Benito Vicetto finou o 28 de maio de 1878.[13] Foi soterrado no día seguinte no cemiterio ferrolán de Canido,[80] e o seu nicho cuberto cunha placa conmemorativa ofrecida pola cidade de Ferrol.[81]
A morte do escritor deixou na pobreza á súa muller e filla pois este gastara a súa modesta fortuna no empeño por publicar os sete volumes da Historia de Galicia.[82] Por iniciativa do periódico ourensán El heraldo Gallego acordouse un envío mensual de diñeiro á familia colectado entre diferentes medios xornalísticos, un acordo que durou moi pouco tempo.[83] Tampouco tivo éxito a solicitude dunha pensión para a súa viúva lanzada por Manuel Curros Enríquez desde o mesmo xornal.[84]
Memoria
[editar | editar a fonte]No ano 1900 o concello de Ferrol homenaxeou a Vicetto mudando o nome da rúa do cárcere, onde nacera, polo de Benito Vicetto, nome que aínda conserva. Existe tamén na cidade departamental un busto do autor nos xardíns do parque municipal, chamado hoxe Raíña Sofía.[78][85]
A súa filla Antonia Vicetto morreu na pobreza en Madrid no ano 1942. Atesourou até o final, malia as propostas de compra que se lle fixeron, os numerosos manuscritos do seu pai. Toda a documentación orixinal do escritor ferrolán pasou, despois da súa morte, a mans dos acredores de Antonia e rematou á venda no Rastro madrileño, perdéndose desde entón a súa pegada.[86]
Os restos de Benito Vicetto foron trasladados en xuño do 1967 desde o clausurado cemiterio de Canido ao novo cemiterio de Catabois. Ao traslado asistiu Xosé Leyra, correspondente da Real Academia Galega.[87] En 1978, centenario da morte do escritor, a súa biógrafa Josefina López de Serantes visitou a súa tumba, que atopou en estado de total abandono, sen conservar sequera a cuberta do nicho.[88] Ese mesmo ano, o concello ferrolán realizou un acto de homenaxe onde se colocou unha placa conmemorativa na sepultura do escritor.[89]
Obras
[editar | editar a fonte]Segundo a clasificación do propio autor.[90]
- Novelas históricas
- El caballero verde, 1844. (2ª edición: El caballero de Calatrava, 1863).
- Los hidalgos de Monforte, 1851.[91]
- Rojin Rojal o el paje de los cabellos de oro, 1855.
- Los reyes suevos de Galicia, 1860.[92]
- El lago de la Limia, 1861.
- Tradicións cabaleirescas
- Crónicas españolas, 1851.
- Crónicas galaicas, 1861.
- Novelas sociais e de costumes
- Cristina, páginas de un diario, 1852.
- El último Roade, 1857.[93]
- Magdalena, páginas de una pasión, 1857.
- Las tres fases del amor, 1868
- El conde de Amarante, 1872.
- La baronesa de Frige, 1874.
- Outras
- Horas de insomnio, 1844.
- El arquero y el rey, 1848.[25]
- Diario de un calavera, 1856.
- Ecos del alma, 1869.
- Historia de Galicia, 1865-1873.[94][95][96]
- Las aureanas del Sil, 1875.
- Non incluídas polo autor na súa clasificación
- El puente dá, 1849.[97]
- Rafael Gomez, 1851.[98]
- Victor Basbén, páginas de una vida íntima, 1860.[99]
- El cazador de fantasmas, 1877.
- Tradiciones feudales de Galicia, 1878.
Biblioteca virtual
[editar | editar a fonte]-
El Caballero Verde, 1844.
-
El arquero y el rey, 1848.
-
Rafael Gomez, 1851.
-
Rogin Rojal o El paje de los caballeros de oro, 1857.
-
Los reyes suevos de Galicia, 1860.
-
El lago de la Limia, 1861.
-
El caballero de Calatrava, 1863.
-
Historia de Galicia t. IV. 1871.
-
Los hidalgos de Monforte. 5ª ed. Tomo I. 1903.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Carballo Calero, Ricardo (1981). Historia da literatura galega contemporánea 1808-1936. Galaxia. p. 117.
- ↑ 2,0 2,1 Beramendi, Justo; Núñez Seixas, Xosé Manoel (1995). O nacionalismo galego. Vigo: A Nosa Terra. pp. 30–31.
- ↑ "Rúa Benito Vicetto". Callejero.net.
- ↑ Manuel Murguía (1886), p. 240.
- ↑ López de Serantes (1978), pp. 188-189 (Libro 12, Fol. 247 do rexistro eclesiástico).
- ↑ "Vicetto". Arquivo do reino de Galicia. Arquivado dende o orixinal o 15/02/2021. Consultado o 16/01/2021.
- ↑ Vicetto San Benetto, Benito (1828). Expediente de inventario e reconto dos documentos mobles e efectos que quedaron á morte de Benito Vicetto. (PDF). Alcaldía Maior de Ferrol e A Graña.: Arquivo do Reino de Galicia. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15/2/2021. Consultado o 20/1/2021.
- ↑ Manuel Murguía (1886). pp. 240-241.
- ↑ Fort y Roldán (1903). p. 5.
- ↑ Fort y Roldán (1903). p. 6.
- ↑ López de Serantes (1978). p. 16.
- ↑ López de Serantes (1978). p. 19.
- ↑ 13,0 13,1 Placer Bouzo, Camilo (1878). Necrología de D. Benito Vicetto. La Ilustración de Galicia y Asturias - N. 2 (Hemeroteca Virtual - Real Academia Galega). Arquivado dende o orixinal o 13/6/2018. Consultado o 20/1/2021.
- ↑ 14,0 14,1 Datos biográficos de Don Benito Vicetto. Historia de Galicia (Imprenta de La Colonia Española (Montevideo)). 1880. p. II.
- ↑ Fort y Roldán (1903). pp. 6-7.
- ↑ Murguía, Manuel (1886). pp. 246-248.
- ↑ López de Serantes (1978). p. 37.
- ↑ Llorca Freire (1996). p. 236.
- ↑ Fort y Roldán (1903). p. 8.
- ↑ "Manual del viajero en la catedral de Santiago". biblioteca.galiciana.gal. Consultado o 15/1/2/2020.
- ↑ López de Serantes (1978). p. 50.
- ↑ Torna, Cilia. "Vicetto, o precursor". Nós Diario. Consultado o 16/1/2021.
- ↑ Vicetto, Benito (1866). Historia de Galicia 2. pp. 68–69.
- ↑ Renales Cortés (1989). pp. 334, 339.
- ↑ 25,0 25,1 El arquero y el rey : drama original, en tres actos y en verso, precedido de un prólogo en Internet Archive.
- ↑ Fort y Roldán (1903). p. 10.
- ↑ Fort y Roldán (1903). p. 11.
- ↑ Rúa Figueroa, Ramón. "Nostalgia". biblioteca.galiciana.gal. Consultado o 15/12/2020.
- ↑ López de Serantes (1978). pp. 98-100.
- ↑ López de Serantes (1978). pp. 101-102.
- ↑ Lacalzada de Mateo, María José. Concepción Arenal: mentalidad y proyección social. Prensas universitarias de Zaragoza. p. 131.
- ↑ Manuel Murguía (1886). p. 235.
- ↑ Buján, Daniel (2018 (ed. dixital)). Manuel Murguía. Estudio crítico. Orígenes y desarrollo del regionalismo en Galicia (Fundación Larramendi). p. 38.
- ↑ López de Serantes (1978). p. 114.
- ↑ Naya Pérez, Juan (1950). "Murguía y su obra poética". Boletín de la Real Academia Gallega (289-293): 99. Arquivado dende o orixinal o 15/2/2021. Consultado o 20/1/2021.
- ↑ Renales Cortés (1989). p. 341.
- ↑ Manuel Murguía (1886). pp. 236-237.
- ↑ López de Serantes (1978). pp. 117-120.
- ↑ Fort y Roldán (1903). pp. 28-29.
- ↑ 40,0 40,1 Vicetto, Benito (24 abril 1859). "Discurso de Benito Vicetto no ateneo da Coruña". La Perseverancia: periódico de Galicia, literario, científico, comercial, agrícola, industrial y de intereses materiales (15).
- ↑ Manuel Murguía (1886). pp. 253. 254.
- ↑ Vicetto, Benito (1860). Hiar-Treva, balada de los obretrevas. Victor Basben.
- ↑ López de Serantes (1978). p. 59.
- ↑ López de Serantes (1978). p. 122.
- ↑ López de Serantes (1978). p. 129.
- ↑ López de Serantes (1978). pp. 124-125.
- ↑ Album de la Caridad. Juegos Florales de La Coruña en 1861, seguido de un mosaico poético de nuestros vates gallegos contempornáneos Galiciana.
- ↑ Moure Mariño (1979). p. 194.
- ↑ Manuel Murguía (1886). p. 242.
- ↑ Fort y Roldán (1903). pp. 15-16.
- ↑ López de Serantes (1978). p. 141.
- ↑ Fort y Roldán (1903). pp. 10-11.
- ↑ López de Serantes (1978). p. 129.
- ↑ Alejos Pita, Federico (22/05/1861). "Banquete literario, celebrado en la Coruña en 1861, en honor del historiador de Galicia Don Benito Vicetto". Revista Galaica (11). Arquivado dende o orixinal o 13/06/2018. Consultado o 20/01/2021.
- ↑ Fort y Roldán (1903). p. 14.
- ↑ Vicetto, Benito (1865). Historia de Galicia 1. p. V.
- ↑ Manuel Murguía (1886). p. 233.
- ↑ Máiz, Ramón (1984). O rexionalismo galego: organización e ideoloxía. Ediciós do Castro. p. 45.
- ↑ Renales Cortés (1989). p. 340.
- ↑ Murguía, Manuel (1865). Historia de Galicia 1. p. XVII.
- ↑ Vicetto, Benito (1873). Historia de Galicia VII. p. 239 (1).
- ↑ Máiz, Ramón (1984). O rexionalismo galego: organización e ideoloxía. Ediciós do Castro. p. 46.
- ↑ Buján, Daniel (2018 (ed. dixital)). Manuel Murguía. Estudio crítico. Fundación Larramendi.
- ↑ 64,0 64,1 Manuel Murguía (1886). p. 250.
- ↑ López de Serantes (1978). p. 147.
- ↑ Fort y Roldán (1903). pp. 33-34.
- ↑ Vicetto, Benito (1866). Historia de Galicia 2. p. 235.
- ↑ Vázquez Vilanova, Jose Antonio (2004). Clero y sociedad en la Compostela del siglo XIX (en castelán). Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento. p. 162. ISBN 84-00-08263-X.
- ↑ "Polémica sobre la naturaleza de Diós entre el Eminentísimo Cardenal, Arzobispo de Santiago y el Sr. D. Benito Vicetto". arquivo.galiciana.gal. 1867.
- ↑ López de Serantes (1978). pp. 143-144.
- ↑ 71,0 71,1 Risco, Vicente (1928). "Vicetto ou o romantismo". Nós (54): 111–113.
- ↑ López de Serantes (1978). pp. 142-144.
- ↑ López de Serantes (1978). p. 146.
- ↑ Fernández Pousa, Ramón (1967). Vasco da Ponte, historiador de Galicia. Diario La Noche.
- ↑ Vicetto, Benito (1873). Historia de Galicia VII. p. 522.
- ↑ López de Serantes (1978). p. 148.
- ↑ Vicetto Pérez, Benito (1874-1876). "Revista Galaica". Hemeroteca da Real Academia Galega. Arquivado dende o orixinal o 13 de febreiro de 2021. Consultado o 21 de xaneiro de 2021.
- ↑ 78,0 78,1 Burgoa, Juan Jose (2/6/2019). "Benito Vicetto y Pérez". Diario de Ferrol (en castelán). Archived from the original on 08/06/2019. Consultado o 21/1/2021.
- ↑ Fort y Roldán (1903). p. 19.
- ↑ López de Serantes (1978). pp. 175-180.
- ↑ "Lápida conmemorativa na sepultura de Benito Vicetto". www.europeana.eu (en inglés). Consultado o 2022-07-28.
- ↑ Datos biográficos de Don Benito Vicetto. Historia de Galicia (Imprenta de La Colonia Española (Montevideo)). 1880. p. V.
- ↑ López de Serantes (1978). p. 182.
- ↑ "El Heraldo Gallego : semanario de ciencias, artes y literatura". biblioteca.galiciana.gal. 5 xuño 1878.
- ↑ "Benito Vicetto - Ferrol". www.forociudad.com (en castelán). Consultado o 2022-07-28.
- ↑ López de Serantes (1978). p. 183.
- ↑ "Traslado de los restos mortales del escritor Benito Vicetto.". Boletín nº 345-350 - (Real Academia Galega.). Arquivado dende o orixinal o 15/2/2021. Consultado o 31/1/2021.
- ↑ López de Serantes (1978). pp. 184-186.
- ↑ Castro Tomé, Germán (2018). Acto da corporación municipal de Ferrol polo centenario da morte de Benito Vicetto. Twitter @esmudiense.
- ↑ Vicetto, Benito (1874). "Obras completas de D. Benito Vicetto". Revista Galaica (12): 7–8.
- ↑ Vicetto, Benito (1856). Los hidalgos de Monforte : novela histórica caballeresca. Galiciana. Biblioteca dixital de Galicia.
- ↑ Vicetto, Benito (1869). Los reyes suevos de Galicia. Galiciana. Biblioteca dixital de Galicia.
- ↑ Oitava edición de El último Roade na Biblioteca Nacional de España.
- ↑ Edición orixinal, en sete tomos en Galiciana.
- ↑ Edición de Montevideo, en dous volumes na Biblioteca Nacional de España.
- ↑ Edición de Montevideo, en dous volumes en Galiciana.
- ↑ El Puente dá na Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes.
- ↑ Rafael Gómez na Biblioteca Nacional de España.
- ↑ Vicetto, Benito (1860). Victor Basben : páginas de la vida íntima. Galiciana. Biblioteca dixital de Galicia.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Benito Vicetto |
A Galifontes posúe textos orixinais acerca de: Benito Vicetto na súa lingua orixinal. |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Placer Bouzo, Camilo (1/7/1878). "Necrología. D. Benito Vicetto". La Ilustración de Galicia y Asturias (2): 16–17.
- "Datos biográficos de Don Benito Vicetto". Historia de Galicia. Montevideo: Imprenta de La Colonia Española. 1880. pp. I–VI.
- Murguía, Manuel (1975) [1886]. Los Precursores (facsímile) . La Voz de Galicia.
- Fort y Roldán, Nicolás (1903) [1901]. "Prólogo" (PDF). En Andrés Martínez. Los hidalgos de Monforte. Biblioteca Gallega (5ª ed.).
- Risco, Vicente (1928). "Vicetto ou O romantismo". Nós (53): 83–89.
- ——— (1928). "Vicetto ou O romantismo". Nós (54): 107–113.
- ——— (1928). "Vicetto ou O romantismo". Nós (55): 127–129.
- Carballo Calero, Ricardo (1981 ed.) [1963]. Historia da literatura galega contemporánea. Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-391-5.
- López de Serantes, Josefina (1978). Benito Vicetto iñorado. Alvarellos Editora. ISBN 84-85311-15-9.
- Moure Mariño, Luis (1979). Temas gallegos. Espasa-Calpe. pp. 185–196. ISBN 84-239-2056-9.
- Renales Cortés, Juan (1989). "El celtismo de Benito Vicetto" (PDF). Revista de filología románica (6): 325–344. ISSN 0212-999X.
- Vilavedra, D., ed. (1995). Diccionario da literatura galega I. Galaxia. pp. 608–609. ISBN 84-8288-019-5.
- Llorca Freire, Guillermo (1996). Ferroláns. Biblioteca de Ferrolterra. Edicións Embora. pp. 236–239.
- "Vicetto Pérez, Bieito". Enciclopedia Galega Universal 16. Ir Indo. 1999-2002. p. 344. ISBN 84-7680-288-9.
- Gómez, A.; Queixas, M. (2001). Historia xeral da literatura galega. A Nosa Terra. pp. 114 e 173. ISBN 84-95350-79-3.
- Pardo de Neyra, Xulio (2003). "Benito Vicetto na lírica galega do "rexurdimento"". Boletín Galego de Literatura (USC) (29): 21–43.
- "Vicetto Pérez, Bieito". Diccionario enciclopédico galego universal 59. La Voz de Galicia. 2003-2004. p. 57. ISBN 84-7680-429-6.
- Mato Domínguez, Alfonso (2005). "Vicetto Pérez, Benito". Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (DVD) . El Progreso. ISBN 84-87804-88-8.
- Rodríguez, Francisco (2024). "Benito Vicetto: Realización, frustración, contradición e esperanza da nación galega". Vía Galega (7, Día da Patria 2024): 3.
- "Vicetto Pérez, Benito". Diciopedia do século 21 3. Do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 2166.
- "Vicetto Pérez, Bieito". Dicionario biográfico de Galicia 3. Ir Indo. 2010-2011. p. 306.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Escritores de Galicia en lingua castelá
- Escritores de Galicia en lingua galega
- Poetas de Galicia
- Xornalistas de Ferrol
- Historiadores de Galicia
- Nados en 1824
- Finados en 1878
- Finados por pneumonía
- Militares de Galicia
- Escritores de Galicia coa obra no dominio público
- Poetas en lingua castelá
- Poetas en lingua galega
- Novelistas de Galicia