Saltar ao contido

Pintura

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Gioconda pintura do renacemento por Leonardo da Vinci é un dos cadros máis recoñecidos do mundo.
A carreta de argazo. de Serafín Avendaño unha mostra da pintura galega no Museo de Pontevedra
Venus do espello de Velázquez.
Impresionismo: Claude Monet.
Amadeo Modigliani.
Le Déjeuner des canotiers de Pierre Auguste Renoir.

A pintura é a arte da representación gráfica utilizando pigmentos mesturados con outras substancias aglutinantes orgánicas ou sintéticas, en forma líquida a unha superficie bidimensional, co fin de coloreala, atribuíndolle matices, tons e texturas.[1] Nesta arte empréganse técnicas de pintura, coñecementos de teoría da cor e de composición pictórica, e o debuxo. Nun sentido máis específico, a práctica da arte de pintar, consiste en aplicar, nunha superficie determinada -unha folla de papel, un lenzo, un muro (pintura mural ou de frescos), unha madeira, un fragmento de tecido etc.- unha técnica determinada, para obter unha composición de formas, cor, texturas, debuxos etc. dando lugar a unha obra de arte segundo algúns principios estéticos.

O arquitecto e teórico do clasicismo André Félibien, no século XVII, nun prólogo das Conferencias da Academia francesa fixo unha xerarquía dos xéneros da pintura clásica: «a historia, o retrato, a paisaxe, os mares, as flores e os froitos».

A pintura é unha das expresións artísticas máis antigas e unha das sete Belas Artes, e está incluída como materia na maior parte das licenciaturas nesta disciplina. En estética ou teoría da arte modernos a pintura está considerada como unha categoría universal que comprende todas as creacións artísticas feitas sobre superficies. Unha categoría aplicable a calquera técnica ou tipo de soporte físico ou material, incluíndo os soportes ou as técnicas efémeras así como os soportes ou as técnicas dixitais.

A pintura é considerada por moitos como un dos soportes artísticos tradicionais máis importantes; moitas das obras de arte máis importantes do mundo, tales como a Mona Lisa, son pinturas.

Diferénciase do deseño polo uso dos pigmentos líquidos e do uso constante da cor, mentres aquel apropiase principalmente de materiais secos.

Definición

[editar | editar a fonte]

Unha pintura é o soporte pintado sobre un muro, un lenzo, ou unha lámina. A palabra pintura aplícase tamén á cor preparada para pintar,[1] asociada ou non a unha técnica de pintura; neste sentido é empregado na clasificación da pintura atendendo ás técnicas de pintar, por exemplo: «pintura ao fresco» ou «pintura ao óleo».

A clasificación da pintura pode atender a criterios temáticos (como a «pintura histórica» ou a «pintura de xénero») ou a criterios históricos baseados nos períodos da Historia da Arte (como a «pintura prehistórica», a «pintura gótica») e en xeral de calquera período da historia da pintura.

As pinturas son obras de arte, atendendo ao seu sentido estético Ernst Gombrich di que:[2]

Non hai nada de malo en que nos deleitemos coa pintura dunha paisaxe porque nos recorda a nosa casa ou nun retrato porque nos recorda un amigo, xa que como homes que somos, cando miramos unha obra de arte estamos sometidos ao recordo dunha multitude de cousas que para ben ou para mal inflúen sobre os nosos gustos.
Gombrich, Historia da arte (2002)

E parafraseando a Arnold Hauser:

Interpretámolas (as pinturas) de acordo con nosas propias finalidades e aspiracións, trasladámoslles un sentido, cuxa orixe está nas nosas formas de vida e hábitos mentais.

Ernst Bloch en Geist der Utopia (O espírito da utopía) (1918), defende a arte non figurativa, relacionándoa cunha concepción utópica do home, como un destino non revelado pero presente de forma inconsciente no máis profundo do ser humano.[3]

Se a tarefa da pintura fora poñernos ante os ollos do aire e a preciosa vastedade do espazo e de todo o demais, máis valería ir gozar directa e gratuitamente de todo aquilo.
Ernst Bloch, O espírito da utopía (1918)

Erwin Panofsky e outros historiadores da arte, analizan o contido das pinturas mediante a iconografía (forma) e a iconoloxía (o seu contido), primeiro trátase de comprender o que representa, logo o seu significado para o espectador e, a continuación, analizan o seu significado cultural, relixioso e social máis amplamente.

Artigo principal: Historia da pintura.
Réplica dunha pintura rupestre feita no teito da cova de Altamira exposta no Deutches Museum de Múnic

A historia da pintura comprende desde a prehistoria ata a Idade Contemporánea, e inclúe todas as representacións realizadas coas diferentes técnicas e cambios, que coincide coa historia da arte no seu contexto histórico e cultural.

A chamada arte parietal consiste en pintura mural feita dentro de covas, este concéntrase fundamentalmente nalgunhas rexións pirenaicas pertencentes a Francia e España e na costa mediterránea a arte levantina, outras mostras inferiores seatopan en Portugal, Norte de África, Italia e Europa Oriental. As pinturas rupestres máis antigas coñecidas atópanse na cova de Chauvet, en Francia, datadas por algúns historiadores nuns 32.000 anos, entre os períodos Auriñaciense e Gravetiense. Foron realizadas con ocre de arxila, vermello de óxido de ferro e negro de dióxido de manganeso. Tamén é salientábel as pinturas realizadas nas covas de Lascaux e Altamira. Atópanse debuxados rinocerontes, leóns, búfalos, mamuts, cabalos ou seres humanos a miúdo en actitude de caza.[4]

As imaxes que se poden contemplar nas paredes das tumbas exipcias, remontanse a uns 5.000 anos, son escenas da vida cotiá e de carácter mitolóxico, simbolizadas cos trazos característicos de perfil e utilizando o tamaño das figuras como rango social. Na Antiga Roma era normal decorar os muros das casas e palacios principais e entre as mellor conservadas atópanse as de Pompeia e Herculano. Na época paleocristiá decoráronse as catacumbas con escenas do Novo Testamento e coa representación de Xesús como o «Bo Pastor». Eran figuras estáticas con grandes ollos que parecían mirar ao espectador. Este estilo continuou na escola bizantina de Constantinopla. A pintura románica desenvólvese entre os séculos XII e XIII, sendo as zonas máis interesantes as do sur de Francia e as de Cataluña, a maioría das veces eran temas relixiosos realizados para os ábsidas e muros das igrexas con representacións do Pantocrátor, a Virxe María e a vida dos santos. En pintura gótica ademais dos temas relixiosos represéntanse temas laicos principalmente en Francia e Italia, onde destacou a figura do pintor Giotto.[5]

No renacemento tivo a pintura unha grande influencia clásica, desenvolveuse a perspectiva lineal e o coñecemento da anatomía humana para a súa aplicación na pintura, tamén nesta época apareceu a técnica do óleo. Foi unha época de grandes pintores entre os que destacaron Leonardo da Vinci, Michelangelo, Rafael Sanzio e Tiziano. Na obra da Gioconda sobresaen as novas técnicas empregadas por Leonardo, o sfumato e o clarescuro. Michelangelo realizou unha das máis grandes obras pictóricas: os frescos da Capela Sistina. Os artistas que máis empregaron temas simbólicos foron os do Norte de Europa encabezados polos irmáns Jan van Eyck e Hubert van Eyck. En Alemaña sobresaíu o pintor e humanista Durero.[5]

Hipnotizador (1912), de Bohumil Kubišta (Ostrava). Pintura do expresionismo con mestura do cubismo.

A Igrexa da contrarreforma busca a arte relixiosa auténtica coa que quere contrarrestar a ameaza do protestantismo, e para esta empresa as convencións artificiais dos manieristas, que dominaran a arte durante case un século, xa non parecían adecuadas. As dúas características máis importantes do manierismo eran o rexeitamento das normas e a liberdade na composición, nas cores e nas formas, a novidade dos caravaggistas era un naturalismo radical que combinaba a observación física detallada cunha aproximación, ata teatral e dramática mediante o clarescuro, o uso de luz e sombra. Caravaggio e Annibale Carracci son dous pintores coetáneos, considerados decisivos na conformación pictórica do barroco. A pintura barroca caracterízase polo dinamismo das súas composicións; distinguíronse entre outros Velázquez, Rubens e Rembrandt. Na primeira metade do século XVIII impúxose o rococó, máis alegre e festivo que o barroco. Tivo especial importancia en Francia e Alemaña.

O romanticismo de principios do século XIX expresaba estados de ánimos e sentimentos intensos. En Francia o pintor máis importante foi Eugène Delacroix; no Reino Unido, Constable e Turner; nos Estados Unidos, Thomas Cole; e en España, Francisco de Goya. Coa invención da fotografía a mediados do século XIX, a pintura empezou a perder o seu obxectivo histórico de proporcionar unha imaxe realista; o impresionismo, con Manet como precursor, é un estilo de pinceladas soltas e xuxtaposición de cores que busca reconstruír un instante percibido, unha impresión, sen interesarse polos detalles concretos.[6]

O inicio do século XX caracterízase pola diversidade de correntes pictóricas: o fauvismo, que rexeita as cores tradicionais e achégase a cores violentas; o expresionismo, que mostraba máis os sentimentos que a reprodución fiel da realidade; o cubismo con Georges Braque e Pablo Picasso, coa descomposición das imaxes tridimensionais a puntos de vista bidimensionais; e a pintura abstracta, herdeira do cubismo. O expresionismo abstracto desenvolveuse en Nova York entre os anos 1940-1950, o Pop art chegou un pouco despois, cun coñecido expoñente en Andy Warhol. O minimalismo caracterízase pola procura da máxima expresión cos mínimos recursos estéticos. O século XXI demostra unha idea de pluralismo e as obras séguense realizando nunha ampla variedade de estilos e grande estética.[5]

Xéneros pictóricos

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Xerarquía dos xéneros.

Os xéneros artísticos, ademais de clasificar as obras por temas, foron a presentación artística a través da historia da pintura, que afectou tamén a técnica, as dimensións, ao estilo e á expresión das obras de arte. Os autores como Platón (427-347 a. C.), Aristóteles (384-322 a. C.) e Horacio (65-8 a. C.) afirmaron que a arte é sempre unha mímese e que o seu mérito está no valor didáctico do que representa e da súa boa representación, sen establecer diferenzas entre o retrato imaxinado ou real. Vitruvio na segunda parte do século I, describiu a decoración de comedores onde se vían imaxes con comida e doutras salas con paisaxes ou escenas mitolóxicas.[7]

No renacemento, Leon Battista Alberti quixo elevar o grao de «artesán da pintura» ao de «artista liberal» afirmando: «O traballo máis importante do pintor é a historia», coa palabra historia referíase á pintura narrativa, con escenas relixiosas ou épicas « ... a que retrata os grandes feitos dos grandes homes dignos de recordarse difiere da que describe os costumes dos cidadáns particulares, da que pinta a vida dos campesiños. A primeira ten carácter maxestuoso, debe reservarse para edificios públicos e residencias dos grandes, mentres que a outra será adecuada para xardíns ...»[8]

A aparición da pintura ó óleo no século XVI e o coleccionismo, fixo que, aínda que non se perdese a monumentalidade para murais narrativos, xurdisen as pinturas máis comerciais e noutros formatos máis manexables, así comezaron a clasificarse os xéneros pictóricos e a súa especialización por parte dos artistas. Na Italia central continuouse facendo pintura histórica, os pintores da parte norte da Península Itálica realizaban retratos e os dos Países Baixos realizaron a pintura de xénero a pequena escala presentando a vida campesiña, o paisaxe e a natureza morta. En 1667, André Félibien historiógrafo, arquitecto e teórico do clasicismo francés, nun prólogo das Conferencias da Academia fai unha xerarquía dos xéneros da pintura clásica: «a historia, o retrato, a paisaxe, os mares, as flores e os froitos».[9]

Pintura histórica

[editar | editar a fonte]
A última cea de Leonardo da Vinci é un claro exemplo de pintura mural, histórica e relixiosa

A pintura histórica era considerada grande genre e incluía as pinturas con temas relixiosos, mitolóxicos, históricos, literarios ou alexóricos, era practicamente unha interpretación da vida e mostraba unha mensaxe intelectual ou moral. Sir Joshua Reynolds, nos seus Discourses (Discursos) sobre arte expostos na Royal Academy of Arts entre 1769 e 1790 comentaba: «O gran fin da arte é espertar a imaxinación ... De acordo en correspondencia co costume, eu chamo esta parte da arte Pintura Histórica, pero debería dicirse Poética .(...) Debe algunhas veces desviarse do vulgar e da estrita verdade histórica á procura de grandeza para a súa obra ». Aínda que Nicolás Poussin foi o primeiro pintor que realizou este xénero en formato máis reducido, esta innovación tivo pouco éxito, Diego Velázquez en 1656 realizou As Meninas cun tamaño que demostra simbolicamente que este retrato da familia real entra dentro do xénero da pintura histórica, moito máis tarde Pablo Picasso na súa obra Guernica de 1937, tamén emprega unha gran dimensión para esta pintura histórica.[10]

Autorretrato de Sofonisba Anguissola (1556)

Dentro da xerarquía dos xéneros, o retrato ten unha localización ambigua e intermedia, por unha banda, representa a unha persoa feita a semellanza de Deus, pero doutra banda, á fin e ao cabo, trátase de glorificar a vaidade dunha persoa. Historicamente, representouse os ricos e poderosos, pero co tempo, difundiuse, entre a clase media, o encargo de retratos das súas familias. Aínda hoxe, persiste a pintura de retrato como encargo de gobernos, corporacións, asociacións ou particulares. Cando o artista se retrata así mesmo trátase dun autorretrato. Rembrandt explorou neste sentido cos seus máis de sesenta autorretratos. O artista en xeral intenta un retrato representativo, como afirmou Edward Burne-Jones: «A única expresión que se pode permitir na gran retratística é a expresión do carácter e a calidade moral, nada temporal, efémero ou accidental.»[11] Na técnica do óleo foi Jan van Eyck un dos primeiros que o impuxo nos retratos, o seu Matrimonio Arnolfini foi un exemplo de retrato de parella en corpo completo. Durante o renacemento, representaron o status e éxito persoal do retratado, sobresaíron Leonardo da Vinci, Rafael e Durero.[12] En España destacarón Zurbarán, Velázquez e Francisco de Goya. Os impresionistas franceses tamén practicaron este xénero, Degas, Monet, Renoir, Vincent van Gogh, Cézanne etc. No século XX, Matisse, Gustav Klimt, Picasso, Modigliani, Max Beckmann, Umberto Boccioni, Lucian Freud, Francis Bacon ou Andy Warhol.[13]

Pintura de xénero

[editar | editar a fonte]
Pintura de xénero: Voda campesiña (1568) por Pieter Brueghel o Vello.

A pintura de xénero ou «escena de xénero» é o retrato dos hábitos das persoas privadas en escenas cotiás e contemporáneas do pintor, tamén se adoita chamar «pintura costumista». Os primeiros cadros máis populares déronse nos Países Baixos durante o século XVI e entre os artistas máis destacados atópanse Pieter Brueghel o Vello e Vermeer. Non se sabe con seguridade se se trata de simple representación da realidade cun propósito de mera distracción, ás veces cómico, ou ben se buscaba unha finalidade moralizante a través dos exemplos próximos ao espectador. Non hai dúbida de que, no cadro de xénero do século XVIII, si estaba presente a intención satírica ou moralizante en obras como as de William Hogarth ou Jean-Baptiste Greuze. En España, Diego Velázquez cultivouno co seu Vella fritindo ovos ou O augadeiro de Sevilla, Francisco de Goya reflectiu, en varias obras de cartóns para tapices, as festas populares, Bartolomé Esteban Murillo fixo escenas de xénero de esmoleiros e mozos picarescos. En Francia, Jean-Honoré Fragonard e Antoine Watteau fixeron un tipo de pinturas idealizadas da vida diaria.[14]

Paisaxe con río, castelo e escena de pescadores, no Museo de Pontevedra (Jenaro Pérez Villaamil)

A China e o Xapón son os primeiros países onde, desde o século V, se atopan pinturas co tema da paisaxe. En Europa, aínda que aparecen elementos de paisaxe como fondo de escenas narrativas, ou tratados de botánica e farmacia, iníciase verdaderamente no século XVI, cando coa aparición do coleccionismo empezouse a pedir temas de cadros campestres e a designar como especialistas aos pintores do norte de Europa. Así dun xeito específico impúxose o tema da «paisaxe holandesa», que se caracteriza polo seu horizonte baixo e os ceos cargados de nubes e con motivos típicos holandeses como os muíños de vento, gandos e barcas de pesca. As paisaxes venecianas de Giorgione e os seus discípulos teñen unha aparencia lírica e un belo tratamento cromático, este tipo de pintura desenvolveuse sobre todo ao longo de todo o século XVIII, nun estilo chamado vedutismo, que son vistas xeralmente urbanas, en perspectiva, chegando ás veces a un estilo cartográfico, onde se reproducen imaxes panorámicas da cidade, describindo con minuciosidade as canles, monumentos e lugares máis típicos de Venecia, sos ou coa presenza da figura humana, xeralmente de pequeno tamaño e en grandes grupos de xente. Os seus maiores expoñentes foron Canaletto, Bernardo Bellotto, Luca Carlevarijs e Francesco Guardi. Na escola de Barbizon foron os primeiros en pintar ao aire libre e facer un estudo sobre a paisaxe a base da luz e as súas variantes que influíron especialmente na pintura impresionista.[15]

Natureza morta

[editar | editar a fonte]
Bol de froita transparente e xerras. Frescos romanos en Pompeia (ao redor do ano 70)
Artigo principal: Natureza morta.

Natureza morte é o xénero máis representativo da imitación da natureza de obxectos inanimados, en xeral da vida cotiá, como froitas, flores, comida, utensilios de cociña, de mesa, libros, xoias etc. e pódese dicir, que é o menos literario de todos os temas. A súa orixe está na antigüidade onde se utilizaba para a decoración de grandes salóns, como os frescos romanos en Pompeia. Plinio o Vello relata que os artistas gregos de séculos antes, eran moi destros no retrato e nas naturezas mortas. Foi moi popular na arte occidental desde o século XVI, un exemplo é A carnicería de Joachim Beuckelaer. No mesmo século Annibale Carracci e Caravaggio representaron magníficas naturezas mortas. Durante o século XVII evolucionou nos Países Baixos un tipo de bodegón, chamado «vanitas», onde se expoñían instrumentos musicais, vidro, prata e vaixela, así como xoias e símbolos como libros, cranios ou reloxos de area, que servían de mensaxe moralizante do efémero dos praceres dos sentidos. A academia francesa catalogou este xénero no último lugar da xerarquía pictórica. Coa chegada do impresionismo e xunto coa técnica da cor, a natureza morta volveu ser un tema normal entre os pintores, as pinturas dos Xirasois de Van Gogh son dos máis coñecidos. Os artistas durante o cubismo pintaron tamén composicións de bodegóns, entre eles Pablo Picasso, Georges Braque e Juan Gris.[16]

O xuízo de Paris (1904) de Enrique Simonet.
Artigo principal: Nudez na arte.

O espido é un xénero artístico que consiste na representación do corpo humano espido. É considerado unha das clasificacións académicas das obras de arte. Aínda que se adoita asociar ao erotismo, o espido pode ter diversas interpretacións e significados, desde a mitoloxía ata a relixión, pasando polo estudo anatómico, ou ben como representación da beleza e ideal estético de perfección, como na Antiga Grecia. O estudo e representación artística do corpo humano foi unha constante en toda a historia da arte, desde a prehistoria (Venus de Willendorf) ata os nosos días. Unha das culturas onde máis proliferou a representación artística do espido foi na Antiga Grecia, onde era concibido como un ideal de perfección e beleza absoluta, concepto que perdurou na arte clasicista chegando ata os nosos días, e condicionando en boa medida a percepción da sociedade occidental cara ao espido e a arte en xeral. Na Idade Media a súa representación circunscribiose a temas relixiosos, sempre baseados en pasaxes bíblicos que así o xustificasen. No renacemento, a nova cultura humanista, de signo máis antropocéntrico, propiciou o retorno do espido á arte, xeralmente baseado en temas mitolóxicos ou históricos, perdurando igualmente os relixiosos. Foi no século XIX, especialmente co impresionismo, cando o espido empezou a perder o seu carácter iconográfico e a ser representado simplemente polas súas calidades estéticas, o espido como imaxe sensual e plenamente autorreferencial.[17]

Técnicas

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Técnicas de pintura.

As técnicas de pintura divídense de acordo a como se dilúen e fixan os pigmentos no soporte a pintar. En xeral, e nas técnicas a continuación expostas, se os pigmentos non son solubles o aglutinante permanecen dispersos nel.[18]

Artigo principal: Pintura ó óleo.
Paleta de pintor, pinceis e tubos de pintura ao óleo.
Paleta de pintor, pinceis e tubos de pintura ao óleo.

Na pintura ó óleo o vehículo empregado para fixar o pigmento son diferentes tipos de aceites, disolvente é trementina. A pintura ó óleo faise basicamente con pigmento pulverizado seco, mesturado na viscosidade adecuada con algún aceite vexetal. Estes aceites sécanse máis lentamente que outros, non por evaporación senón por oxidación. Fórmanse capas de pigmento que se incrustan na base e que, se se controlan cuidadosamente os tempos de secado, fixaranse correctamente nas seguintes capas de pigmento. Este proceso de oxidación confire riqueza e profundidade ás cores do pigmento seco, e o artista pode variar as proporcións de aceite e disolventes, como a trementina, para que a superficie pintada mostre toda unha gama de calidades, opaca ou transparente, mate ou brillante. Por esta e por outras razóns, o aceite pode considerarse como o medio máis flexible. Usado dun xeito conveniente, a pintura ao óleo cambia moi pouco de cor durante o secado aínda que, a longo prazo, tende a amarelar lixeiramente. A súa capacidade de soportar capas sucesivas, permite ao artista desenvolver un concepto pictórico por etapas - Edgar Degas (1834-1917) chamaba este proceso ben amenée(ben levado)- e a lentitude de secado permítelle retirar pintura e repasar zonas enteiras. As fotografías con raios X demostran que ata os grandes mestres introducían a miúdo cambios durante o proceso de realización dun cadro.[19]

Artigo principal: encáustica.

O vehículo son ceras que normalmente se usan quentes. A encáustica, que deriva do grego enkaustikos ('gravar a lume'), é unha técnica de pintura que se caracteriza polo uso da cera como aglutinante dos pigmentos. A mestura ten efectos moi cubrintes e é densa e cremosa. A pintura aplícase cun pincel ou cunha espátula quente. A terminación é un puído que se fai con trapos de liño sobre unha capa de cera quente previamente estendida (que neste caso xa non actúa como aglutinante senón como protección). Esta operación chámase «encaustización» e está perfectamente descrita por Vitruvio (c. 70-25 a. C.), que di así: «Hai que estender unha capa de cera quente sobre a pintura e a continuación hai que puír cuns trapos de lino ben secos.»[20]

Caixa de acuarelas.
Caixa de acuarelas.
Artigo principal: Acuarela.

A acuarela é unha pintura sobre papel ou cartolina con cores diluídas en auga. As cores utilizadas son transparentes (segundo a cantidade de auga na mestura) e ás veces deixan ver o fondo do papel (branco), que actúa como outro verdadeiro ton. Componse de pigmentos aglutinados con goma arábiga ou mel. Nos seus procedementos emprégase a pintura por capas transparentes, a fin de lograr maior brillantez e soltura na composición que se está realizando. Require do artista a seguridade nos trazos e espontaneidade na execución, xa que o seu maior mérito consiste no frescor e a transparencia das cores. Con todo existe a acuarela hiper realista que vai en contra deste postulado e que utiliza vernices para non remover as primeiras capas e dar sucesivas veladuras co que se consegue un clarescuro moi detallado pero carente da translucidez da acuarela clásica.[21]

O nacemento de Venus pintura á témpera de Sandro Botticelli

A témpera ou gouache é un medio similar á acuarela, pero ten unha «carga» de talco industrial ou branco de zinc. Este engadido adicional o pigmento apórtalle á témpera o carácter opaco e non translúcido que o diferenza da acuarela, permitíndolle aplicar tonalidades claras sobre unha escura, procedemento que na acuarela «clásica» considérase incorrecto. É á súa vez un medio moi eficaz para complementar debuxos e facer efectos de trazo seco ou de empaste. Igual que a acuarela o seu aglutinante é a goma arábiga, aínda que moitas témperas modernas conteñen plástico. Con esta técnica François Boucher logrou grandes obras mestras, os artistas do século XVIII empregaron a acuarela e o gouache xuntos para dar distinción a unha zona concreta da pintura feita con acuarela . Segundo o pintor Paul Signac: «... determinados rosas violáceos dos ceos de Turner, certos verdes das acuarelas de Johan Jongkind non se puideron conseguir sen un pouco de gouache.»[22]

Milton Kurtz: Quasi contacto, 1989, acrílico sobre tea, acervo de MARGS.

Acrílico

[editar | editar a fonte]

A pintura acrílica é unha clase de pintura de secado rápido, na que os pigmentos están contidos nunha emulsión dun polímero acrílico (cola vinílica, xeralmente). Aínda que son solubles en auga, unha vez secas son resistentes á mesma. Destaca especialmente pola rapidez do secado. Así mesmo, ao secar modifícase lixeiramente o ton, máis que no óleo. A pintura acrílica data da primeira metade do século XX, e foi desenvolvida paralelamente en Alemaña e Estados Unidos. O pintor Jackson Pollock utilizou as pinturas acrílicas tal como saen dos tubos para conseguir texturas novas e espesas mentres que Morris Louis diluíaas con gran cantidade de auga para pintar grandes teas que quedaban cun efecto de tinguido máis que de pintura.[23]

Caixa de barriñas de pastel.
Caixa de barriñas de pastel.
O barreño, Degas, pintura ao pastel.
O barreño, Degas, pintura ao pastel.

A técnica da pintura ao pastel consiste na utilización dunhas barras de cores cuxos pigmentos en po están mesturados coa suficiente goma ou resina para que queden aglutinados e formen unha pasta seca e compacta. A palabra pastel deriva da pasta que así se forma; é pasta modelada en forma dunha barriña do groso aproximado dun dedo que se usa directamente (sen necesidade de pinceis nin espátulas, nin de disolvente algún) sobre a superficie a traballar, como soporte é común utilizar papel de boa calidade de bo gramaxe de cor neutro non branco e de lixeira rugosidade, aínda que a técnica é o suficientemente versátil para que se poida usar sobre outras superficies tales como madeira. Son cores fortes e opacos, a maior dificultade é a adhesión do pigmento á superficie a pintar, polo que se adoita usar o finalizar o debuxo fixadores atomizados (spray) especiais. O pastel xeralmente úsase como o «craión» ou o lapis, o seu recurso expresivo máis afín é a liña coa cal se pode formar tramas, tamén adoita usarse o po, que tende a soltar a barra do pastel, para aplicar a cor. Moitos artistas empregaron esta técnica desde o século XVI, Leonardo da Vinci, foi un dos primeiros en utilizalo en Italia no debuxo de Isabel de Este. Outros artistas son Hans Holbein o Novo, Correggio, Fragonard ou Degas.[24]

Pincel, barra de tinta e tinteiro.
Pincel, barra de tinta e tinteiro.
Tinta sobre papel, século XIV, Xapón.
Tinta sobre papel, século XIV, Xapón.

A presentación da tinta, tamén chamada tinta chinesa, é xeralmente líquida aínda que tamén pode ser unha barra moi sólida que se debe moer e diluír para o seu uso. Úsase sobre papel e as cores de tinta máis utilizados son o negro e o sepia, aínda que hoxe en día úsanse moitos outros. A tinta aplícase de varios xeitos, por exemplo con pluma ou plumín, que son máis adecuados para debuxo ou caligrafía e non para cadros, as diferentes puntas de plumiña utilízanse cargadas de tinta para facer liñas e con elas debuxar ou escribir. Outro recurso para aplicar a tinta é o pincel, que se utiliza basicamente como a acuarela e que se chama augada, pero a técnica milenaria chamada caligrafía ou escrita xaponesa tamén está feita con tinta e pincel sobre papel. Outras formas máis utilitarias de usar a tinta é o tiralíneas (cargador de tinta) ou rapidograph. A tinta xunto co grafito son máis ben técnicas de debuxo.

Artigo principal: Fresco.

A miúdo o termo fresco úsase incorrectamente para describir moitas formas de pintura mural. O verdadeiro fresco é ás técnicas pictóricas modernas o que o latín é aos idiomas modernos. A técnica do fresco baséase nun cambio químico. Os pigmentos de terra moidos e mesturados con auga pura, aplícanse sobre unha argamasa recente de cal e area, mentres o cal está aínda en forma de hidróxido de calcio. Debido ao dióxido de carbono da atmosfera, o cal transfórmase en carbonato de calcio, de maneira que o pigmento cristaliza no seo da parede. Os procedentes para pintar ao fresco son sinxelos pero laboriosos e consomen moito tempo. Esta técnica de pintura adoita ser estable e de longa duración, aínda que se pode danar por causas físicas, químicas ou bacteriolóxicas, a máis frecuente é a humidade que consegue a alteración das cores ante a disolución do carbonato de calcio e o desenvolvemento do mofo.[25]

A grisalla é unha técnica pictórica baseada nunha pintura monocroma en clarescuro: «luz e sombra» como a chamou Giorgio Vasari, a cor está feita dunha mestura de óxidos de ferro, de cobre e dun fundente, que produce a sensación de ser un relevo escultórico. No século XIV utilizouse como bosquexos prepatorios dos escultores para conseguir o efecto de relevo mediante diversas gradacións dunha soa cor. Baixo o reinado de Carlos V de Francia, o uso da grisalla foi sobre todo na miniatura, nos vitrais e na pintura. A súa utilización será unha das características da pintura flamenga: no dorso dos retablos adoitábase representar unha Anunciación en grisalla (Políptico de Gante, Jan van Eyck, para a catedral de San Bavón en Gante). Josep Maria Sert enfatiza aínda máis pola súa evolución cromática, que termina apoiándose nun predominio da monocromía dourada. Empregaba unha gama cromática limitada: ouros, ocres, terras tostadas, con toques de carmín, utilizando como fondo unha rica preparación en metal, prata e pan de ouro.[26]

Tarde de domingo na illa da Grande Jatte de Georges Seurat é un exemplo de puntillismo

Puntillismo

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Puntillismo.

O puntillismo é a técnica que xurdiu no neoimpresionismo polo estudo practicado principalmente polo pintor Georges Seurat, que consiste en colocar puntos pequenos esféricos de cores puras, en lugar da técnica de pinceladas sobre o soporte para pintar. Ao haber relacións físicas entre as cores, a interacción entre os primarios e complementarios, conseguen coa posición duns xunto a outros a mestura óptica, a partir dunha certa distancia do cadro, que é capaz de producir o efecto da unión entre eles.[27]

O dripping é unha pintura automática, que segundo os surrealistas conséguese con ela unha pintura casual, feita con pingas e salpicaduras de pintura, é a técnica pictórica característica da «action painting» estadounidense (pintura de acción). A pintura realízase polo artista camiñando sobre a superficie a pintar con grandes brochas ou co mesmo bote de pintura, deixando caer o goteo da cor, normalmente esmalte, que é o que forma as manchas sobre o soporte.

Pintura envasada en aerosois.
Pintura envasada en aerosois.
Graffiti en Ordes representando o capitalismo.
Graffiti en Ordes representando o capitalismo.

Realízase cunha pintura envasada en aerosois que se utiliza pulsando o botón superior polo que sae nunha aspersión moi fina e permite pintar grandes superficies, normalmente os muros das rúas, á pintura conseguida deste xeito denomínaselle graffiti. A finais do ano 1970 empezáronse a ver moitas destas obras urbanas asinadas e cada vez máis elaboradas, ata se fabrican pintura en aerosol exclusivamente para estes artistas, ás veces utilízanse modelos para recortar a superficie que se quere pintar, así como tamén hai outros modelos para letras no mercado, aínda que o máis corrente é que os propios artistas fagan as súas.

Técnicas mixtas

[editar | editar a fonte]

Ás veces empréganse diversas técnicas nun mesmo soporte. A colaxe por exemplo, que é unha técnica artística (non pictórica por non ser pintada), convértese nunha técnica mixta cando ten algunha intervención con guache, óleo, tinta ou calquera outra pintura.[28]

Finalmente, sería conveniente distinguir entre «procedemento pictórico» e «técnica pictórica». Enténdese por procedemento pictórico a unión dos elementos que constitúen o aglutinante ou adhesivo, e os pigmentos. A forma de aplicar este procedemento pictórico denomínase técnica pictórica.[29]

Materiais

[editar | editar a fonte]
Pintura con cera ou encàustica sobre táboa en Faium.

Existe información sobre os materiais empregados polos artistas en documentos escritos, notas dirixidas a outros artistas e outra fonte é o exame técnico e científico das obras de arte. Estes exames serven tamén para reforzar as probas documentais. Como é natural os materiais empregados a partir do século XX son moito máis numerosos e exhaustivos.[30]

O soporte cumpre a función de ser o portador do fondo e das capas de pintura. Os soportes son moi variados, os máis tradicionais son o papel, o cartón, a madeira, o lenzo e os muros, aos que se pode engadir o metal, o vidro, o plástico ou o coiro entre outros. Todos necesitan dunha imprimación especial segundo o procedemento pictórico que se queira seguir.[31]

Táboa de madeira

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Pintura sobre táboa.

A táboa de madeira foi dos soportes máis utilizados desde sempre, os artistas exipcios xa pintaban sobre a madeira dos sarcófagos e especialmente na Idade Media, os retablos ou os frontai do altar. A súa imprimación é suficiente cunha capa de cola ou en caso de ter que dourar con pan de ouro, hai que facer outra preparación de colas, xeso e arxila previas, e tamén foi o principal soporte para a pintura de cabalete europea ata o século XV.[32] A madeira maciza empregada antigamente tiñase que cubrir con tiras de tea de liño encoladas para disimular as xuntas, tamén ás veces cubríase completamente coa tea, así evitabanse posibles gretas posteriores. Así o explica Cennino na súa obra Il Libro dell'Arte do ano 1390.[33] Utilizabase tamén o contrachapado e o conglomerado, taboleiros prefabricados que ofrecen a característica de ter as superficies lisas e sen unións, atópase o chamado táblex que ademais de lixeiro, ten dúas caras unha lisa e outra rugosa, adóitase utilizar pola parte rugosa xa que a lisa necesita unha preparación para que a pintura se adhira a ela correctamente.[34]

Artigo principal: Lenzo.
Vista posterior dun bastidor en construción, soporte de madeira sobre o cal tensar o lenzo.

Plinio o Vello narrou que o emperador Nerón encargou un retrato seu sobre unha tea de 36,5 metros de longo. Heraclio no seu manuscrito De Coloribus te Artibus Romanorum do século X, describía como se preparaba un lenzo de liño para poder pintalo e douralo, tensando a tea e preparándoa con cola de pergamiño. A pintura sobre tea foi utilizada sobre todo no norte de Europa e despois en Italia pola súa gran lixeireza, a partir do século XVIII fíxose corrente a súa utilización en bastidor fixo e desde o século XIX comercializouse en serie.[32]

Os lenzos máis usados son os provenientes de fibras vexetais como : o cáñamo, o liño, o iute con tramado fino ou o algodón, todos preséntanse con gran fino ou groso segundo o resultado que queira o artista do seu traballo, tamén hai soportes realizados con tecido de poliéster. Estes lenzos pódense adquirir a metros e montalos sobre marco o propio pintor ou utilizar os que hai no mercado de diferentes tipos e formatos. Existe unha numeración internacional para as medidas de longo e ancho de cada bastidor, ademais tres formatos diferentes para cada número que corresponde a: «figura», «paisaxe» e «mariña», o tamaño dun lado é sempre o mesmo e o outro vai diminuíndo, por exemplo o «40 figura» mide 100 × 81 cm, o «40 paisaxe» mide 100 × 73 cm e o «40 mariña» mide 100 × 64 cm. Naturalmente non hai que seguir esta regra, cada autor pode realizar a súa obra libremente na medida que máis desexe.[35] A maioría de lenzos do mercado están preparados con aceite de liñaza e tapaporos e tamén existen preparacións a base de emulsións aptos para o óleo ou o acrílico, así simplificase a preparación de imprimacións para diferentes tipos de pintura e obteñense sempre os mesmos resultados.[36]

Vidro pintado greco-romano do século II.
Artigo principal: Cobre.

O cobre non é un soporte moi común, pero foi usado principalmente durante o século XVI en láminas moi delgadas e por pintores do norte de Europa, como o artista alemán Adam Elsheimer. O tamaño normalmente pequeno destas pranchas fai pensar que os artistas que as empregaron, recicláronas de antigos gravados.[32]

Artigo principal: Vidro.

Outro soporte para pintar é o vidro, realizado en obxectos (xerras, vasos) con esmalte que unha vez decorados en frío, debe ser sometido, para a súa fixación ao soporte, á calor do forno cunha temperatura inferior á fusión do vidro.[[37] Foi o soporte para vidreiras de catedrais desde o século XII, onde se colocaban cristais de cores e a pintura sobre o mesmo vidro por medio da grisalla, así se conseguía por unha banda, cambiar a cor do cristal de fondo e por outro, facer os trazos das figuras representadas, especialmente os rostros.[38]

Artigo principal: Papel.
Debuxo sobre papel de arroz chinés (1729).

Dataronse achados de papel procedentes da China cerca do 200 a. C. Dáse como inventor do papel ao chinés Cai Lun (50-121), eunuco imperial, que mellorou a fórmula do papel, converténdoo nunha alternativa ao papiro e ao pergamiño, os soportes tradicionais para a escritura, grazas ao engadido de amidón que protexía as fibras vexetais. O soporte do papel é utilizado en diversas técnicas pictóricas, as máis correntes son a acuarela, o gouache, o pastel e a tinta chinesa negra ou en cores. Hai gran variedade de texturas, pesos e cores, e a súa elección depende do estilo do artista. Existen tres tipos estándares:

  • Papel prensado en quente: ten unha superficie dura e lisa, moitos artistas considerano unha superficie demasiado esvaradiza para a acuarela.
  • Papel prensado en frío: é texturado, semiáspero, adecuado para lavados amplos e lisos.
  • Papel áspero: cunha superficie granulada, cando se aplica un lavado obtense un efecto moteado polas cavidades do papel.

O peso do papel é a segunda consideración para a súa elección, xa que un papel máis pesado ten menos tendencia a ondularse. Para evitar que o papel se ondule hai que tensalo. O gramaxe apropiado para a acuarela é entre 120 g/m² e 850 g/m².

Os pinceis, son un instrumento clásico e efectivo que o pintor emprega no seu traballo. Os pinceis poden variar en tamaño, anchura, e calidade. Os materiais dos compoñentes dos pinceis e brochas poden ser orgánicos ou sintéticos.

Pinceis diversos.

O pincel consta de tres partes: o pelo, a férula ou virola e o mango. Distínguense polo pelo e a súa forma, os planos e os de «lingua de gato» adoitan ser de pelo duro e os redondos de pelo fino. Os pinceis escóllenos os artistas segundo o traballo a realizar e a súa forma de tratar a pintura. Para preparar grandes superficies utilizan as brochas grandes, o interior das cales está baleiro para recoller unha maior cantidade de pintura, outras brochas máis pequenas xa non teñen o baleiro central. Os pelos dos pinceis adoitan ser naturais provenientes de diferentes animais (cabalo, marta, porco etc.) ou de crinas artificiais. Os pinceis, requiren ser tratadas con coidado para así prolongar a súa vida útil; isto inclúe a súa limpeza continua. Unha forma eficaz de manter as pelos dos pinceis en bo estado, é quitar o excedente de pintura, limpalos con disolvente e lavalos con jabón, secar a humidade cunha flanela e gardalos horizontalmente ou cos pelos cara a arriba. Utilízase tamén como medio para imprimir a pintura rodetes de diferentes tamaños e materiais, como os de la, goma-espuma ou fibras, esponxas naturais ou artificiais e os coitelos paleta e as espátulas metálicas de folla flexible en formas diversas serven para unir diferentes cores e tamén para pintar con elas.[39]

Interior cunha muller bebendo en compañía de dous homes por Pieter de Hooch. A través da transparencia da saia da muller da dereita e da capa do home, a medida que pason os anos apréciase as baldosas pintadas anterioremente como fondo da pintura.

Na diversidade de soportes, afaise a modificar antes de comezar a pintar neles, cun tratamento de imprimación o fondo, que alcanza unha superficie pintada coa cor e a textura desexada polo artista. Adoitaban facerse por medio orgánico como o aceite ou a cola, mesturado coa cor branca ou coloreado, estes medios adhesivos foron as colas de animais e de peixe, os secantes e as emulsións de ovo, aceite ou resina , a cor sólida adoitaba ser a cal, a pedra pómez e a terra ocre. Isto definía tamén o efecto visual da obra finalizada. Esta cor no fondo do soporte, consegue nun branco reflectir a luz a través das capas de pintura e si é unha cor escura tende a rebaixar o ton da pintura.[40]

Segundo Giorgio Vasari explica no seu tratado Sobre a técnica no prólogo técnico de Le vite (1550), os fondos oleosos teñen a vantaxe de conservar a súa flexibilidade nos lenzos de grandes dimensións e que se poidan enrolar para trasladalos, aínda que necesitan dun tempo maior para o seu secado. Durante os séculos XVII e XVIII utilizáronse moito os fondos pintados con tons de terra avermelladas, o que permitía deixar algúns espazos sen poñer pintura e o cadro gañaba en uniformidade tonal. Desde o século XIX os fondos comerciais foron preparados industrialmente con branco de chumbo e secante.[41]

Pigmentos

[editar | editar a fonte]

Os pigmentos divídense en inorgánicos como os derivados de minerais, as terras, sales ou óxidos cos que se conseguen as cores de terras ocres e sienitas, e os orgánicos derivados de vexetais ou animais como os conseguidos por cocción de sementes ou calcinación e os obtidos por vía sintética como anilinas tamén de composto orgánico. Os orgánicos adoitan ser menos estables que os inorgánicos. O pigmento xunto co aglutinante forma a pintura. O aglutinante é o que permite alcanzar a fluidez no pigmento e conseguir a adhesión da pintura na superficie, pode ser acuoso ou graxo. O disolvente ten a misión de diluír ou disolver e o seu tipo depende da clase do aglutinante empregado. Así o augarrás dilúe o aceite e disolve a resina, e a auga disolve a goma e unha vez disolta, tamén pode diluíla máis.[42]

Segundo o índice de opacidade da pintura utilizada, a medida que pasan os anos, pode captar mellor o fondo dunha pintura e os «arrepentimentos» do artista durante a súa execución. En pinturas realizadas anteriormente ao século XVIII pódense observar as partículas do pigmento mediante microscopio, canto máis groso era o gran do pigmento máis baixa calidade tiña a pintura. Durante o século XIX sintetizaronse materias colorantes que se usaban como pigmentos, o azul cobalto, o amarelo zinc e o óxido de cromo entre outros. O número de pigmentos foi crecendo ata a actualidade en que existe unha gran variedade e todos de excelente calidade.[43]

  1. 1,0 1,1 Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para pintura.
  2. Gombrich 2002: p.15
  3. Givone 2001: p.117
  4. Sureda 1988: pàx.60-75
  5. 5,0 5,1 5,2 La Gran enciclopèdia en català 2004 Volume XVI
  6. Historia Universal del Arte-V.8 1984: p.1109
  7. Historia Universal del Arte-V.8 1984: p.1074
  8. Historia Universal del Arte-V.8 1984: p.1075
  9. Historia Universal del Arte-V.8 1984: p.1076
  10. Historia Universal del Arte-V.8 1984: p.1077-1081
  11. Aymar 1967: p.94
  12. Aymar 1967: p.161
  13. Aymar 1967: p.188
  14. Historia Universal del Arte-V.8 1984: p.1086-1087
  15. Historia Universal del Arte-V.8 1984: p.1090-1091
  16. Historia Universal del Arte-V.8 1984: p.1092-1095
  17. Calvon Serraller 2005, p. 62.
  18. Colin Hayes. Guía Completa de Pintura y Dibujo. Técnica y Materiales. Blume Ediciones.
  19. Maltese 2001: p.309
  20. Fuga 2004: p.97
  21. Maltese 2001: p.317
  22. Maltese 2001: p.320
  23. Historia Universal del Arte-V.8 1984: p.1179
  24. Fuga 2004: p.39-41
  25. Fuga 2004: p.106
  26. La Gran enciclopèdia en català-V.10 2004
  27. Suárez/Vidal 1989: p.38
  28. Fuga 2004: p.370
  29. Pedrola 1988: p.21
  30. Historia Universal del Arte-V.8 1984: p.1160
  31. Pedrola 1988: p.23
  32. 32,0 32,1 32,2 Historia Universal del Arte-V.8 1984: p.1162
  33. Pedrola 1988: p.37
  34. Pedrola 1988: p.38
  35. Pedrola 1988: p.44-48
  36. Pedrola 1988: p.53
  37. Maltese 2001: p.146
  38. Maltese 2001: p.358
  39. Pedrola 1988: p.27
  40. Historia Universal del Arte-V.8 1984: p.1163
  41. Historia Universal del Arte-V.8 1984: p.1164
  42. Pedrola 1988: p.24
  43. Historia Universal del Arte-V.8 1984: p.1165-1167

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Aymar, Gordon C (1967). The Art of Portrait Painting (en inglés). Filadelfia: Chilton Book Co. 
  • Calvon Serraller, Francisco (2005). Los géneros de la pintura. Taurus, Madrid. ISBN 84-306-0517-7. 
  • DDAA (2004). La Gran enciclopèdia en català:Volume X. Barcelona: Edicions 62. ISBN 84-297-5438-5. 
  • DDAA (2004). La Gran enciclopèdia en català:Volume XVI. Barcelona: Edicions 62. ISBN 84-297-5444-X. 
  • DDAA (1984). Historia Universal del Arte. Madrid: Sarpe. ISBN 84-7291-596-4. 
  • Fuga, Antonella (2004). Técnicas y materiales del arte. Barcelona: Electa-Mondadori. ISBN 84-8156-377-3. 
  • Givone, Sergio (2001). Historia de la estética. Barcelona: Lumen. ISBN 84-309-1897-3. 
  • Gombrich, Ernst (2002). Història de l'art (en catalán). Barcelona: Columna. ISBN 84-8300-768-1. 
  • Maltese, Conrado (2001). Las técnicas artísticas. Madrid: Cátedra. ISBN 84-376-0228-9. 
  • Pedrola i Font, Antoni (1988). Materials, procediments i tècniques pictòriques (en catalán). Barcelona: Universitat de Barcelona. ISBN 84-7528-588-0. 
  • Suárez, Alícia; Vidal, Mercè (1989). Historia Universal del Arte: Volume IX. Barcelona: Planeta. ISBN 84-320-8909-5. 
  • Sureda, Joan (1988). Historia Universal del Arte:Las primeras civilizaciones Volume I. Barcelona: Editorial Planeta. ISBN 84-320-6681-8. 

Outros artigos

[editar | editar a fonte]