Saltar ao contido

Conversa:Mitoloxía galega

Os contidos da páxina non están dispoñibles noutras linguas.
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A versión para imprimir xa non se actualiza e pode conter erros de renderizado. Actualice os marcadores do seu navegador e empregue mellor a función de impresión propia do navegador.


Untitled

Era incríbel que na Galipedia, existindo un artigo Mitoloxía vasca, non existira o de Mitoloxía galega (aínda que, iso si, unha categoría). Probabelmente este artigo estea demadiado cargado de historia, pero é a maneira de resaltar as numerosas fontes que tivo, e ten, a mitoloxía do noso país. --XoioÉche o que hai 20:10, 27 de agosto de 2011 (UTC)

  • Este é un artigo sobre a historia de Galicia aderezado dalgúns comentarios tanxenciais sobre mitoloxía. Se o que querías era "resaltar as fontes que tivo a mitoloxía do noso país" tamén poderías falar, coa mesma extensión, da relixión, da literatura e da xeografía. Pero o caso é que todo iso non é mitoloxía galega. Pedro --Lameiro (conversa) 23:20, 27 de agosto de 2011 (UTC)
Moi de acordo con Lameiro. Xoio, mellor que queden 4 liñas ben redactadas e útiles que rebordalo con contidos 'tanxenciais', como apunta Pedro. Dentro duns días, se segue igual, procederei ao borrado de case todo agás da parte introdutoria. É dicir, quedará coma un bosquexo. Isto contando con que non o mellores ti antes, cousa que desexo. Saúdos. --Atobar (conversa comigo) 09:20, 28 de agosto de 2011 (UTC)
    • Concordo Estou de acordo cos dous (xa dicía que o artigo estaba demasiado cargado de historia). Vou tentar enfocalo dun xeito máis mitolóxico (e máis breve), incluído bibliografía básica por se alguén quere ampliar coñecementos. É un algo difícil e non sei se serei que de facelo. Se nuns días non dou sinais de vida, Atobar, podes deixalo na "introdución" ou esbozo (iso si, deixando a referencia ao Diccionario de seres míticos, que é fundamental. Un saúdo. --XoioÉche o que hai 15:10, 28 de agosto de 2011 (UTC)
    • Eu ata diria mais que Lameiro e Atobar, o camiño que leva o artigo corresponde mais ben o que serian as fontes fundadoras do nacionalismo entendendo o que se chama as mitoloxías creadas polos nacionalismos que xurdiron no secúlo XIX, tanto en Galicia como en case toda Europa. Niste sentido (é decir o contido actual do artigo, agás a parte introdutora como di Atobar, pero que podese mellorar) o titulo non me parece conforme usando a palabra mitoloxía, o artigo Mitoloxía vasca, cales que sexan as súas calidades ou defetos esta en conformidade co estado do coñecemento. En conclusion eu penso co noso contido actual é un traballo inedito e non pode quedar como se esplica na páxina Wikipedia:A Wikipedia non é unha fonte primaria ( e pidolle a Xoio a lectura, en particular, dos dous ultimos parafos da seccion para que entenda que non desprecio o seu traballo, todo o contrario). --Elvira (conversa comigo) 23:37, 28 de agosto de 2011 (UTC)

Concordo co exposto con anterioridade. O título do artigo ten pouco que ver co seu contido. --. HombreDHojalata.conversa 17:04, 12 de novembro de 2011 (UTC)


De acordo coa conversa anterior elimino do artigo todo o que era contido histórico e non mitolóxico. Déixoo aquí por se algún día pode ser útil pero asumo que tampouco esta páxina de conversa é o seu sitio. Pedro --Lameiro (conversa) 19:05, 20 de decembro de 2011 (UTC)


Contido eliminado do artigo

A Mitoloxía galega

Os primeiros poboadores

Artigo principal: Galicia Prehistórica.

Dado que o territorio de Galicia está habitado polo home desde a máis remota antigüidade (recordemos que as primeiras probas líticas de presenza humana na nosa terra se remontan a uns 300.000 anos, no Paleolítico Inferior, durante o Plistoceno medio),[1] e das sucesivas invasións que, ao longo dos séculos, foron chegando, non nos debe estrañar que a galega sexa unha mitoloxía rica e abondosa.

Castro de Baroña, Porto do Son.

A finais da Idade do Ferro, as xentes do extremo noroccidental da península Ibérica conformaban xa unha unidade cultural homoxénea que as diferenciaba do resto e que, tempo despois, sería así percibida polos primeiros autores grecolatinos, que denominaron a este conxunto de pobos co nome latino de Gallaeci ou Callaeci, derivado do grego Καλλαϊκοί (se cadra pola aparente similitude cos xa coñecidos Galli (galos) e Gallati (gálatas).

Os Gallaeci ou galaicos foron orixinariamente un pobo indoeuropeo de lingua celta[2], por tanto, celtas para uns autores, ou celtizados para outros —sen que exista pleno consenso entre os investigadores— que ocuparon durante séculos aproximadamente o territorio da actual Galicia e norte de Portugal, limitando ao sur cos lusitanos e ao leste cos ástures. Son en si os primeiros "galegos", nome actual que deriva de Gallaeci.

O modo de hábitat dos galaicos baseábase na ocupación do territorio sobre todo en poboados fortificados, que reciben o nome de castros, e que poden variar o seu tamaño desde pequenas aldeas de menos de unha hectárea, máis usuais no norte, a dos grandes castros de máis de dez hectáreas, denominados oppida ou "citanias", estando estes máis presentes na metade sur do seu poboamento tradicional.[3] [4]

Citania de Briteiros, Guimarães, Portugal.

Este xeito de habitar o territorio, en castros, foi común en toda Europa durante as Idades do Bronce e do Ferro, recibindo no noroeste da Península Ibérica o nome de cultura dos castros ou "cultura castrexa", que alude a este tipo de manifestación cultural antes da chegada de Roma. Con todo os galaicos seguirían a habitar castros até o século VIII d.C. Só no territorio da Galicia actual chegan a contabilizarse máis de dous mil castros, o que revela unha das maiores dispersións poboacionais da Idade do Ferro en toda Europa, que sería en boa medida a orixe da ocupación galega do territorio herdada até o presente, e caracterizada por pequenas e numerosísimas poboacións pouco distantes entre si.

A organización política dos galaicos artellábase en pequenos estados independentes entre si compostos por un numero dispar de castros, encabezados estes estados pola figura dun rei local que os romanos denominaron princeps como noutras partes de Europa. Cada galaico identificábase a si mesmo como membro do castro que habitaba (segundo a interpretación máis común do C invertido da epigrafía posterior) así como do estado/pobo ao que pertencía, e que os romanos denominaron populus, entre os que atopamos numerosos nomes como arrotrebi, albioni, celtici supertamarici, lemavi, nemetati, etc., do mesmo xeito que até finais do século XVIII a xente en Galicia se identificaba coa parroquia e a comarca.

Romanización (19 a.C. - 409 d.C.)

Artigos principais: Romanización de Galicia e Gallaecia.
Muralla romana de Lugo.
Miliario XXIX na Vía Nova en Campo do Gerês, Terras de Bouro, Portugal.

O interese de Roma na dominación do noroeste da antiga Hispania supuxo o comezo dos conflitos armados entre Roma e os galaicos a finais do século I a.C.

Aínda que o xeneral Décimo Xunio Bruto Galaico logrou controlar efemeramente os pobos galaicos máis meridionais na súa campaña do ano 137 a.C., non foi até a fin das Guerras Cántabras (29 a.C. - 19 a.C.) cando galaicos, ástures e cántabros foron definitivamente anexionados ao Roma.

Ademais da guerra, o Imperio Romano valeuse de tratados de paz (chamados pactos de hospitalidade) cos diferentes pobos galaicos, o que na práctica favorecían a súa integración —sen vertedura de sangue— no Imperio. Conquistado o territorio e as súas xentes —ben pola guerra ou ben por tratados—, o Imperio romano asegurou o seu control militar como era costume con numerosos campamentos onde se albergaban lexións ou cohortes tales como os de Aquis Querquennis, A Ciadella (Sobrado dos Monxes) ou o propio Lugo.

Entre os anos 284 e 305, o emperador Diocleciano acometeu a reorganización administrativa do Imperio. Na península Ibérica (Hispania) créanse dúas novas provincias (Gallaecia e Cartaginensis) a partir das xa existentes: Baetica, Tarraconensis e Lusitania. Así, a nova provincia baixo o nome de Gallaecia ocupou o extremo noroccidental da península Ibérica que anteriormente pertencera á Tarraconensis, e estivo formada polos territorios da rexión de Asturica e da propia Gallaecia, organizada administrativamente en tres Conventus iuridicus (conventos xurídicos). Cabe destacar que entre, todas as capitais dos conventos, Lugo (Lucus augusti), Braga, (Braccara augusta) e Astorga (Asturica augusta), era a cidade de Bracara a que exercía de capital provincial de toda a Gallaecia.

Esta provincia do noroeste hispánico será, pola súa importancia militar, unha provincia imperial (dependente directamente do emperador), non senatorial, e estaba controlada por unha forte lexión na actual León e con campamentos como o de Aquis Querquernis (na vía Nova), Ciadella ou na propia cidade de Lugo.

O Imperio Romano estendeu sobre a Gallaecia a súa rede viaria, conectando as principais poboacións, portos e vilas (villae) con catro grandes vías: a Vía XVII, a Vía Nova ou Vía XVIII, a Vía XIX e a Vía XX.

Xunto ás vías, o imperio tamén construíu pontes (como as do Bibei, Ourense), canalizacións, termas, faros (como a Torre de Hércules), portos, grandes murallas como a de (Lugo), así como outras instalacións que favorecían a explotación económica do territorio conquistado e a súa integración no resto o Imperio Romano.

A cultura galaico-romana

Pinturas romanas no santuario galaico-romano de Santalla de Bóveda de Mera, Lugo.

A conquista e incorporación dos galaicos ao Imperio Romano foi un proceso continuo, pero lento. A conquista supuxo a chegada dunha cultura —a romana— moito máis avanzada tecnoloxicamente e da que se nutriron as clases altas galaicas, motivando o apoxeo económico dos grandes castros como Lansbricae, Santa Trega, Citania de Briteiros e Lanhoso, entre moitos outros, durante douscentos anos.

Porén, tras ese momento de esplendor, a ausencia de conflitos bélicos motivou o paulatino abandono dos castros —fortalezas, á fin e ao cabo—, e a poboación comezou a instalarse maioritariamente nos vales, preto das novas terras de cultivo, acudindo aos castros só en caso de perigo.

Foi nestes vales máis romanizados onde comezaron a espallarse o se coñecen como villae (vilas), asentamentos estábeis con explotacións agrarias, que se expanden sobre todo nos séculos III e IV, e que van cambiando a fisionomía do territorio (28 villae no convento de Braccara, 32 no de Asturica e 15 no de Lucus). Outro aspecto económico de interese foi a explotación a grande escala dos recursos mineiros, especialmente o do ouro, explotado co sistema da ruina montium, nas médulas de León e no eixe Miño-Sil[5]

A chegada do Cristianismo (313 - 380). O Priscilianismo

Paulo Orosio, historiador e teólogo galaico-romano, foi unha das figuras cristiás máis ilustres da Gallaecia e de toda a Europa atlántica a finais do Imperio Romano.

A conversión dos galaico-romanos á relixión cristiá remóntase ao século IV.

Dúas datas marcan o comezo desta cristianización: a primeira no ano 313, cando o emperador Constantino I legalizou a relixión cristiá mediante o edicto de Milán, e a segunda, en 380, cando o cristianismo foi elevado á consideración de relixión oficial do Imperio Romano de Occidente (edicto de Tesalónica). Desde este período as elites galaico-romanas foron adoptando progresivamente o cristianismo e, consecuentemente, abandonando o culto a deuses romanos —tales como Xúpiter, Minerva) ou Marte— e galaicos — Bandua, Reva ou Berobreo— que, pese a todo, deixaron a súa pegada en mitos, ritos, simbolismos e crenzas de singular riqueza que, nalgúns casos, chegan aos nosos días.

A expansión do cristianismo —isto é, unha relixión asiática, concretamente semítica— supuxo cambios profundos na Gallaecia romana.

Por unha banda, impoñíase unha relixión monoteísta, que acabaría por substituír ás relixións politeístas, traendo consigo unha simboloxía, culto e arte propia desta relixión, que perdurou até os nosos días e que segue a marcar aspectos sociais tan importantes como o calendario, as leis ou a moral.

Por outra, a adopción do cristianismo como relixión oficial tamén creou de facto a necesidade de adaptarse á nova rede eclesiástica que se estaba a configurar por todo o Imperio romano con centro en Roma, creando deste xeito unha novidosa organización territorial eclesiástica —as dioceses— que tiñan cadansúa sé episcopal.

No século IV aparecen as primeiras sés episcopais da Igrexa galega que, xa no seguinte século, conectarán coas correntes de pensamento dos Padres da Igrexa. Así Paulo Orosio ou Hidacio manifestarán unha autoconsciencia elevada do cristianismo galaico.

Priscilianismo

Artigo principal: Priscilianismo.

Prisciliano defenderá un cristianismo de cariz gnóstico, comunitario e, ao mesmo tempo, ascético, en confrontación coa instalación urbana da Igrexa hispana. O seu simbolismo e cosmovisión semella conectar ben coas tradicións indíxenas. O seu éxito levarao ao martirio en Tréveris, acusado de ritos promiscuos, maleficio e maxia, o que fará del unha figura discutida pero idealizada.

O priscilianismo arraigou ben e de xeito duradeiro na Gallaecia. No ano 396, os bispos galegos no sínodo de Toledo néganse a deixar de considerar os priscilianistas como mártires.

Haberá que esperar á configuración do Reino Suevo para que o cristianismo de obediencia romana xogue como armazón estábel dunha nova sociedade de xeito pioneiro entre os reinos xermánicos.[6] [7]

Os Bárbaros do Norte (409 - 711)

A monarquía sueva (409 - 585)

Artigo principal: Reino Suevo.
Moeda de ouro sueva datada entre os anos 410 e 500.
Marfil románico San Millán de la Cogolla, onde se representa a Leovixildo, primeiro rei visigodo de Galicia, sometendo aos cántabros e tomando unha cidade.

A comezos do século V, o Imperio Romano de Occidente experimentou unha gran inestabilidade militar, económica e política. Desde o centro de Europa (especialmente desde o territorio da actual Alemaña), numerosos pobos xermanossuevos, saxóns, francos, alanos e outros— comezaron atacar os postos fronteirizos romanos no río Rhin, irrompendo finalmente no Imperio o 31 de decembro do ano 406 e asentándose no seu interior polas armas, mais tamén grazas a pactos pacíficos.

Arredor do ano 409, dirixidos polo seu rei Hermerico, gran parte dos suevos (estímase que sobre 40.000 persoas) chegaron á provincia romana da Gallaecia, onde lograron instalarse mediante un posíbel pacto con Roma, decidindo establecer a súa capital na cidade de Bracara Augusta. Este pacto, chamado foedus, permitía aos suevos gobernar a provincia da Gallaecia como un reino propio (Galliciense Regnum), mentres que estes aceptasen ao emperador romano como o seu superior. O historiador galaico Hidacio narraba entón que os suevos foran ben recibidos pola poboación galaico-romana, pois aliviaron os impostos.[8]

Tras a morte de Hermerico, o seu fillo Requila (438 - 448) asumiu o trono e dirixiu expedicións de saqueo, anexionando o norte da provincia romana da Lusitania, integrándose suevos e galaico-romanos. Isto pon de manifesto a plena independencia do Imperio.

A Requila sucederao Requiario (448 - 456), quen adoptará o catolicismo no 449, manifestación pioneira dunha nacente concepción do goberno apoiada na Igrexa católica. Tamén foi Requiario o primeiro rei europeo en cuñar moeda propia, a cal facía referencia ao carácter galego do Reino.[9]. Roma enviou un exército integrado por visigodos e, no ano 456, ten lugar a batalla do río Órbigo, que enfrontará visigodos contra suevos, coa derrota destes últimos e que terá como consecuencia o asasinato de Requiario.

Tras a derrota fronte aos visigodos, o reino suevo dividiuse e gobernarán simultaneamente Frantán e Aguiulfo. Ambos farano desde 456 até 457, ano no que Maldras (457 - 459) reunificará o reino para acabar sendo asasinado tras unha conspiración romano-visigoda que finalmente fracasará. A pesar de que a conspiración non conseguiu os seus auténticos propósitos, o reino suevo viuse novamente dividido entre dous reis: Frumario (459 - 463) e Remismundo (fillo de Maldras) (459 - 469) que reunificaría novamente o reino do seu pai no 463 e que se vería obrigado a adoptar o arianismo no 465 debido á influenza visigoda.

Esta época escura rematará co reinado de Carriarico (550 - 559) que se converterá ao catolicismo no 550, feito que significaba a ruptura cos visigodos. Sucederao Teodomiro (559 - 570) (non se confunda con Teodomiro, rei dos ostrogodos), durante o reinado do cal terá lugar o Primeiro Concilio de Braga (561), instituíndose esta asemblea como órgano asesor do rei. Salienta neste período a figura de San Martiño de Dumio pola súa achega á organización territorial (Parochiale suevorum, as parroquias dos suevos) e á lexitimación cristiá dun goberno estábel sobre unha poboación plenamente integrada e fusionada.

A Teodomiro sucédeo Miro (570 - 583). Durante o seu reinado celebrouse o Segundo Concilio de Braga (572), consolidándose a súa contribución á gobernación e á impartición de xustiza. Aproximadamente no 577 iníciase a guerra civil visigoda na que intervirá Miro, quen no 583 organizará unha expedición de conquista a Sevilla que fracasará. Durante a volta desta expedición o rei morre. No reino suevo comezan a producirse moitas loitas internas. Eborico (tamén chamado Eurico) (583 - 584) é destronado por Andeca (584 - 585) que fracasa no seu intento por evitar a invasión visigoda dirixida por Leovixildo, que se fará efectiva finalmente en 585.[10]

Chegada dos bretóns e fundación da diocese de Britonia

Artigo principal: Diocese de Britonia.

A situación política da illa de Gran Bretaña (Britania) entre os séculos IV e VII, mudou completamente co abandono da illa por parte de Roma e o constante establecemento de tribos anglosaxoas —procedentes do norte de Alemaña e de Dinamarca— na parte oriental de Britania.

Mapa dos asentamentos dos bretóns ou britanos contra o século VI d.C.

As constantes agresións e hostigamentos dos xutos e anglosaxóns contra os nativos —bretóns— propiciaron que parte da poboación emigrase por vía marítima a puntos próximos da costa atlántica, dirixíndose maiormente ás costas da Armórica (que debido a isto acabaron por tomar o nome actual de Bretaña) e, en en menor medida, ao norte da antiga Gallaecia.

Descoñécese a causa do desprazamento dalgúns continxentes bretóns cara á osta norte de Galicia e a acollida do seu asentamento polos galaico-suevos, algúns autores poñen de manifesto un posible pacto militar, ou sinxelamente unha aceptación con condicións descoñecidas actualmente.

Organizados nun importante territorio, introduciron a súa propia organización relixioso-cristiá algo diferente, e fundaron un bispado propio que aparece citado no Parochiale Suevorum ou Divisio Teodomiri. A súa integración relixiosa foi total, asistindo o seu representante —Maeloc— ao Segundo Concilio de Braga, no ano 572.

O territorio da antiga diocese dos britónsBritonia— ocupou principalmente a franxa costeira da Mariña Luguesa até a comarca da Terra Chá, chegando a súa influenza até as costas da comarca do Eo-Navia polo leste, e de Ferrol polo oeste. A súa antiga sede, coñecida co nome de Mosteiro Máximo foi identificado por algúns autores coa Basílica medieval de San Martiño de Mondoñedo, onde se atopan restos do séculos V e VI.

Cambiaron de sede e nome en varias ocasións, e a actual diocese galega de Mondoñedo-Ferrol é a súa sucesora histórica. O asentamento desta vaga de emigrantes bretóns e a creación dunha diocese propia supón o segundo maior asentamento dun pobo estranxeiro en terras galegas, despois dos suevos.

A monarquía visigoda (585-711)

Artigo principal: Galicia na monarquía visigoda.
Coroa votiva do rei visigodo Recesvinto († 672), rei de Galiza (Gallecia), Spania e Septimania.

No ano 585, o rei visigodo Leovixildo fíxose co control do reino de Galicia, aproveitando unha disputa interna no reino e derrotando ao derradeiro monarca suevo, Andeca. Deste xeito, o territorio da chamada entón Gallaecia pasou a formar parte dos dominios dos reis visigodos que, que tras seren expulsados da Galia polos francos, limitaban o seu territorio a Hispania e Septimania, desde o ano 507. Os novos monarcas visigodos foron aceptados polas elites galaico-suevas.

Os visigodos, que tiñan a súa corte en Toledo, asumían o control político de tres antigos reinos Hispania, Septimania e Gallaecia. Así, nos concilios relixiosos, como o celebrado en Toledo no ano 589, estaban presentes episcoporum totius Hispaniae, Galliae et Gallaetiae [11] é dicir, "bispos de toda Hispania, Galia e Gallaecia". Esta concepción tripartita pódese ver ao longo do goberno visigodo desde o ano 585, diferenciando mediante diversas fórmulas as tres entidades visigodas nos documentos, como fines Spanie, Gallie, Gallecie,[12] ou Spaniae et Galliae vel Gallitiae,[13] entre outras. Destaca neste contexto a figura de San Froitoso, bispo galaico de ascendencia visigoda,[14], famoso polas numerosas fundacións levadas a cabo por el en todo o occidente peninsular, case sempre en lugares agochados nas montañas e mesmo illas, sobresaíndo a súa austeridade.[15].

O feito de que a Gallaecia seguise a posuír un status especial dentro da monarquía visigoda propiciou que o rei Éxica cedese ao seu fillo Vitiza o goberno de Galicia (antigo reino dos suevos) desde 698 até 702 cando, morto o seu pai, asumiu o tamén o goberno de Hispania e Septimania.

Alta Idade Media: mouros, cristiáns e viquingos (711 - 1092)

Invasión dos mouros

Tras a morte de Witiza, un sector aristocrático visigodo impediu a subida ao trono do seu fillo Axila, impoñendo pola forza a Rodrigo, o que supuxo un irresolúbel conflito civil entre os seus partidarios e os dos fillos de Witiza.

Será no ano 711 cando os inimigos de Rodrigo logren que un exército musulmán cruce o estreito de Xibraltar e presente batalla a Rodrigo en Guadalete, onde este foi derrotado, fito que marca a fin do goberno visigodo en Hispania, e que terá unha transcendencia histórica total para as dúas restantes entidades políticas, Gallaecia e Septimania.

No ano 715 Abd al-Aziz ibn Musa toma por esposa á viúva de Rodrigo, chamada Exilona e titulada reginam Spanie,[16] confirmando deste xeito a continuidade dinástica, transferida así lexitimamente ao gobernador musulmán. Así, coa conquista de toda a Spania polos musulmáns, alén das súas fronteiras, os emires cordobeses serían coñecidos co título de rex Spanie.[17] A partir de entón comeza unha nova concepción xeográfica, pois España (Al-Ándalus) será o nome co que se designe ao territorio musulmán, e Galicia ao territorio cristián. Así o historiador Al-Maqqari deixa claro a extensión do dominio musulmán ao referirse a conquista de comezos do século VIII:

Non quedou lugar sen dominar en Al-Andalus se exceptuamos o país de Galicia. [18]

A reconstrución da monarquía (711 - 791)

Artigo principal: A Galicia altomedieval.

Tras a vitoria da coalición visigoda e musulmá contra as tropas de Rodrigo en Guadalete, os exércitos musulmáns decidiron asentarse no sur de Hispania. Axiña comezarían unha exitosa campaña de expansión islámica que acabaría por conseguir a conversión ao Islam de gran parte da aristocracia visigoda en Hispania derrocando o goberno de Toledo e chegando no ano 720 mesmo a Septimania.

A caída e islamización de Hispania supuxo a fin do control visigodo da Gallaecia, comezando un proceso de reconstrución dunha monarquía propia independente xa de Toledo. No 714 chegan a Galicia algúns bérberes, pero no ano 740 abandónana e recúan cara ao sur. Afonso I o Católico (739 - 757) foi o primeiro suposto monarca, pero non pasou de ser máis que un Señor Territorial con moito poder e influenza na zona ovetense, ao cal lle inventarán moitos séculos despois en Crónicas unha ascendencia que vai até os visigodos para faceren valer a súa entidade rexia. Galicia pasa a ser un núcleo cristián integrado nun territorio norteño que ten por cabeza política a Asturias (Oviedo).

O nacemento do Camiño de Santiago (813)

Artigo principal: Camiño de Santiago.

Foi a comezos do século IX, e concretamente no ano 813, cando tivo lugar o acontecemento relixioso máis importante da Europa cristiá medieval: o descubrimento, en Galicia, dunha arca cuxos restos foron atribuídos ao apóstolo Santiago. Mito ou realidade, este "descubrimento" foi atendido polo monarca galego-ovetense, Afonso II (791 - 842), quen no mesmo ano ordenaba edificar unha igrexa arredor da tumba "santa", espallando a nova por toda a cristiandade europea.

Estatua borgoñona do século XV na que se representa o apóstolo Santiago, vestido como peregrino.

A Diocese de Iria, e o seu titular, converteuse na máis poderosa administración eclesiástica non só da Gallaecia altomedieval, senón de toda a península Ibérica, acrecentando o seu poder coas constantes doazóns, por parte dos monarcas, á igrexa compostelá. Convertida no terceiro centro de peregrinación da cristiandade —só despois de Xerusalén e Roma— foi, a partir do século XI e principalmente do XII, cando desde numerosos puntos de Europa comezaron a chegar peregrinos, ben desde Occitania, Francia, Navarra ou Aragón-Cataluña vía terrestre, ben desde as Illas Británicas, Escandinavia, ou Alemaña, vía marítima.

O fenómeno xacobeo foi decisivo na conformación cultural-económica do reino de Galicia, debedor en gran medida ao auxe conseguido durante a titularidade de Diego Xelmírez (1100 - 1136) convertendo a Compostela en sé metropolitana (ano 1122), a máis importante dignidade de todo Occidente despois de Roma.

Arredor do sepulcro apostólico medrou non só unha catedral —centro artístico-relixioso de primeira magnitude— senón unha vila e posteriormente unha cidade, perfectamente establecida na Baixa Idade Media, cunha actividade comercial derivada da súa condición de cidade santa, onde se coroarían reis galegos, onde medraría a grande escola galego-portuguesa e onde reside desde a Idade Media a capital de Galicia.

Os estudos histórico-arqueolóxicos levados a cabo no século XX na propia catedral revelaron, non obstante, que desde época galaico-romana e sueva, Compostela fora un lugar relevante onde xa se soterraban importantes dignidades civís ou relixiosas moito antes do ano 813, o que motivou a diversos especialistas a defenderen que o corpo atribuído ao apóstolo Santiago era en realidade o de Prisciliano, patriarca da igrexa galega, decapitado en Tréveris no ano 385.

As invasións viquingas (844 - 1038)

Artigo principal: Viquingos en Galicia.

Procedentes de Escandinavia —en especial desde Noruega, Suecia e Dinamarca—, viquingos e normandos devastaron e invadiron durante séculos as costas europeas, preferentemente as atlánticas —como as galegas—, chegando tamén ao Mediterráneo oriental.

Reprodución dun drakkar, o barco empregado polos viquingos.

A primeira vagada en Galicia rexistrouse o 1 de agosto do ano 844, en pleno reinado de Ramiro I de Oviedo. Procedentes dunha extraordinaria rota de saqueo por terras frisais, francas, bretonas e cantábricas, atacaron o norte de Galicia, instalándose temporalmente nos arredores do Farum Bregatium (A Coruña), desde onde levaron a cabo numerosos asaltos como o que sufriu o mosteiro de San Martiño de Xuvia. A intervención dos exércitos de Ramiro I, comandados polo duque Arximiro, conseguiu expulsalos de terras galegas minguando a flota viquinga que pouco despois tomaba rumbo a Al-Andalus.

A segunda incursión escandinava tivo por obxecto as rías baixas galegas entre os anos 858 e 861. Nesta ocasión, vidos desde os seus asentamentos en Irlanda, adentráronse na ría de Arousa con cen naves, acampando nas inmediacións de Iria Flavia (Padrón). Desde os seus postos, arrasaron Iria Flavia e sitiaron a propia Compostela ate a chegada do exército do conde Pedro, que arrasou más dunha trintena de drakkars, obrigándoos a fuxir.

Estatua en recordo de las incursións viquingas, en Catoira.

Pouco máis de cen anos despois —no ano 966— unha nova frota de viquingos daneses, encabezada polo nobre Gunderedo, penetrou de novo pola ría de Arousa na que se coñece como terceira vagada viquinga. Dirixidos a saquear Compostela, o bispo Sisnando II saíu ao seu encontro cun gran exército episcopal, librando o 29 de marzo do ano 968 a coñecida como "batalla de Fornelos", onde o propio bispo perdeu a vida dun frechazo e o seu exército foi derrotado. Dispersadas as tropas de Gunderedo polo interior de Galicia (Lugo, Mondoñedo e o Courel), foron finalmente rexeitadas por un exército galego ao mando do conde Gonzalo Sanches e do bispo Rosendo de Celanova no ano 971.

Porén, foi o período entre 1008 e 1038 cando se sucederon os ataques viquingos máis violentos nas costas de Galicia. Despois de devastar Braga o ano 1008, chegaba ás terras de Tui unha inxente frota norueguesa ao mando do rei Olaf Haraldsson. A pesar da defensa levada a cabo polas tropas do duque galego Mendo Gundisalviz, estas foron aniquiladas —tamén o propio duque— polos atacantes viquingos que asolaron a cidade de Tui e secuestraron ao seu bispo Afonso.

No ano 1028 unha nova frota escandinava entrou pola ría de Arousa, liderada polo nobre Ulf, máis tarde alcumado o Galego. Lonxe de ser un mero ataque de pillaxe, as tropas de Ulf serviron como mercenarios a aristócratas galegos, permanecendo dez anos no reino de Galicia até a súa expulsión.

Feitos notábeis e conflitos internos e con Al-Ándalus

En 876 o conde galego Hermenexildo Guterrez conquista Coímbra.

En 910 Ordoño II, casado coa princesa galega Elvira Menéndez, convértese en rei de Galicia.

En 925 Sancho Ordóñez é coroado en Santiago como rei de Galicia polo bispo Hermenexildo.

En 982 Vermudo II é coroado en Santiago e vence a Ramiro III de León en Monterroso. Vermudo II consolidou a monarquía, pero a nobreza opositora chamou a Almanzor, que fai unha expedición en terras cristiás e arrebata Coímbra e saquea León, Astorga e Compostela en 997.

En 1035 Fernando I O Magno herdou o condado de Castela do seu pai Sancho III O Maior, rei de Navarra, e en 1037 a súa esposa Sancha herdou os reinos de León e Galicia do seu irmán Vermudo III.

Tras da morte de Fernando I, en 1065, as súas posesións quedaron repartidas entre os seus tres fillos: o condado de Castela quedou para Sancho, o reino de León para Afonso e o reino de Galicia para García, que foi o último rei de Galicia porque, en 1072 Afonso (Afonso VI de León) matou a Sancho (Sancho II de Castela) e encerrou de por vida a García, gobernando así sobre os reinos dos seus irmáns até a súa morte en 1109.

En 1091 Afonso VI (autodenominado Emperador) entrega o condado de Galicia á súa filla Urraca de León, e o condado portucalense (que comprendía as terras entre o Miño e o Mondego, comprendendo tamén o condado Coímbra) á outra súa filla, Teresa de León. Urraca casou con Raimundo de Borgoña, que gobernou o Reino de Galicia por concesión de Afonso VI como totia Galletie imperator. Pero a rebelión de Afonso Henriques, fillo de Teresa e de Henrique de Borgoña, contra seu primo Afonso Reimúndez, fillo de Raimundo, e rei de Galicia e de León (Afonso VII), deu lugar ao nacemento do reino de Portugal. É entón, a finais do século XI, cando o reino de Galicia pasa a ter, aproximadamente, o territorio xeográfico da Galicia actual.

Fragmentación do reino alto-medieval

A inseguridade da poboación sometida a saqueos sufridos algunha vez (árabes, viquingos, normandos) fixo que se incrementaran as relacións feudo-vasaláticas. Nestes contratos había unha sumisión económica e persoal por parte do campesiñado con respecto á aristocracia, a cal presta a súa protección militar aos seus vasalos. Galicia vaise enchendo por todo o seu territorio de castelos e fortalezas, tanto na costa como no interior, servindo tamén como centros de poder da aristocracia laica e eclesiástica. Apréciase tamén certa tensión entre a nobreza e o clero, da que saíra beneficiado o señorío eclesiático. Os mosteiros e os bispos apoiaban aos reis astur-leoneses e recibían a cambio grandes beneficios.

O feito era que Galicia era un reino, pero a corte dos reis acostumaba estar en Asturias (e despois en León), motivo polo cal a nobreza galega quedaba marxinada. Houbo varios reis da Galiza, como vimos anteriormente, pero o reino sempre acababa sendo integrado na coroa de León ou na de Castela-León.

Baixa Idade Media (1092 - 1486)

A Era Compostelá (1101 - 1230)

Artigo principal: Era Compostelá.

A Era Compostelá ou Época de Xelmírez foi unha das épocas de maior brillo e de maior desenvolvemento económico da historia de Galicia. Desenvolveuse durante o século XII, a raíz do período de rexencia do arcebispo Xelmírez na cidade de Santiago de Compostela.

Fachada das Praterías, da Catedral de Santiago.
Pantocrátor do Pórtico da Gloria.
Codex Calixtinus, Folio 162v.

Tras da morte de Raimundo de Borgoña en 1107, hai un conflito por ter o poder no reino de Galicia. A nobreza laica autóctona, dirixida por don Pedro Froilaz de Traba (conde de Traba), apoia a Afonso Raimúndez para ser o novo rei; pero outra parte de nobreza laica, principalmente foránea, defende os dereitos de dona Urraca (apoiada tamén por leoneses e aragoneses); por último, o alto clero —dirixido polo bispo (e despois arcebispo) Diego Xelmírez— mantén alianzas oscilantes cos sectores anteriores segundo lle conviña, e sería o gran gañador.

En 1110 Afonso Raimúndez é coroado como rei de Galicia na catedral de Santiago por Diego Xelmírez e o conde Pedro Froilaz de Traba. Foi este conde quen uniu o reino e Afonso VII foi chamado Rei de Galicia e León e Emperador de toda España, entendendo daquela a Spania como a zona penisular desde Toledo cara ao sur. O conflito acabará o ano 1126 ao morrer dona Urraca, de modo que Afonso Raimúndez accede tamén á coroa de Castela, para ser chamado a partir de agora Afonso VII O Emperador.

Este século XII parte dun contexto de crecemento poboacional e de expansión do fenómeno urbano. Isto propiciou que aparecesen ou que abrollasen con maior forza o artesanado e o comercio, motivado en boa parte polos excedentes motivados pola expansión da agricultura. Tamén durante esta época naceu o Camiño de Santiago como fonte de ingresos e como a ponte que comunicou en case todos os sentidos Galicia co resto de Europa, sendo boa proba disto a magnífica literatura medieval expresada na lingua galego-portuguesa. Así mesmo, acábase a construción da catedral de Santiago e constrúense as de Mondoñedo, Lugo, Ourense e Tui.

En 1156 Afonso VII divide os seus reinos deixando Galicia e León a Fernando II, grande impulsor dos burgos galegos. Fernando II fai unha política de concesión de cartas-póboas, que xa iniciara seu pai e funda, entre outras, as vilas de Padrón, Ribadavia, Noia e Pontevedra; tamén deu un pulo fundamental á catedral de Santiago de Compostela. O seu fillo Afonso VIII (computado como IX pola historiografía española), que sucedeu ao pai en 1188 e reinaría até 1230, mantivo a mesma política fundando, ao longo da costa, Betanzos, A Coruña, Baiona, Ferrol, Xove e Neda. Estas vilas de reguengo supoñen unha verdadeira revolución na estrutura social da época, porque inauguran a diversificación económica, rachando coa autarquía dos séculos anteriores, e ademais facilitan o desenvolvemento das actividades pesqueiras e preindustriais orientadas á elaboración de materias primas —peixe salgado sobre todo—, que se comercializan a través dos portos.

Con estes dous monarcas o centro dos reinos era León, onde residía a corte por norma, pero tamén é certo que Compostela era outro centro vital, e na Catedral compostelá están ambos os reis enterrados.

O esplendor desta cidade quedou perpetuado polo mestre Mateu no granito da Catedral, sobre todo no Pórtico da Gloria e na Fachada das Praterías. Da prosperidade do reino dan fe tamén as innumerábeis construcións románicas que aínda salfiren Galicia. A outro nivel menos visíbel, a cultura galega reflíctese na creación literaria, que ficou plasmada, por exemplo, na redacción da Historia Compostelá e do Códice Calixtino.

Florecemento e esplendor cultural (Séculos XIII - XIV)

Trobadores tocando un organistrum. Pórtico da catedral de Ourense, século XIII.

Esta é a etapa de maior esplendor da literatura galego-portuguesa. O galego convértese na lingua por excelencia da lírica en toda a Península Ibérica, agás en Cataluña (poesía trobadoresca). Propiamente debemos falar de lírica galego-portuguesa, que estivo en apoxeo no séculos XIII e a primeira metade do XIV, cando o galego antigo ou galego-portugués acada o rango de lingua internacional, xa que está presente tanto en autores non só galegos e portugueses, senón tamén en casteláns, occitáns, aragoneses, sicilianos, etc. así como en cortes reais e señoriais (Santiago, Toledo, Coímbra, Lisboa...)

As Cantigas de Santa María, composicións feitas en loanza da Virxe, son a mostra da vertente relixiosa desta lírica galego-portuguesa e constitúen o corpus de poesía mariana medieval máis relevante de toda a península. Foron compostas na corte de Afonso X o Sabio, quen se encargou da dirección e, en ocasións, da propia elaboración. Exemplifican o prestixio acadado polo idioma galego como lingua literaria a finais do século XIII.

Ilustración do Codex E das Cantigas de Santa María.

En comparación coa lírica, a prosa literaria medieval en galego é escasa e tardía. Cómpre ter en conta que os centros culturais da época eran os mosteiros e as escolas monacais, nos que imperaba o uso do latín eclesiástico.

Aínda así, a partir de fins do XIII e, máis significativamente, nos séculos XIV e XV, os temas de maior difusión na Europa medieval recóllense en lingua galega.

Mostra son os relatos do ciclo bretón arredor da figura do rei Artur, os textos referentes á historia e destrución de Troia, como a Historia Troiana e a Crónica Troiana; e os Miragres de Santiago, conxunto de relatos que contan desde a destrución de Xerusalén até a milagrosa intervención do apóstolo en diferentes situacións. Inclúense algúns textos dentro da prosa, que son traducións ou traslacións doutras linguas con elaboración propia: Crónica Xeral Galega, General Estoria, Crónica Galega de 1404 e Crónica de Santa María de Iria.

Fin da monarquía galego-leonesa (1230)

O feito de que no ano 1230 o rei castelán Fernando III se apoderase dos reinos de Galicia e León tras a morte do seu rei, Afonso VIII, marcou un dos acontecementos políticos máis decisivos en toda a historia de Galicia.

Representación medieval de Afonso VIII, derradeiro rei de Galicia e León. Na inferior represéntase o león púrpura símbolo da monarquía galaico-leonesa.

En realidade o conflito remóntase anos atrás, cos dous matrimonios do rei Afonso VIII; o primeiro, coa princesa portuguesa Tareixa Sanches (1191) —do que naceron tres fillos: Fernando, Aldonza e Sancha— e o segundo, coa princesa castelá Berenguela (1197) —do que naceu, entre outros, Fernando III—. A morte inesperada do herdeiro e futuro rei de Galicia e León, Fernando, irmán de Aldonza e Sancha (chorado, en galego, polo rei seu pai), e a coroación de Fernando III como rei de Castela, impulsada pola súa nai Berenguela e os nobres casteláns en contra da vontade de Afonso VIII, abriu unha fonda disputa sobre quen debía ser o novo herdeiro de Galicia e León.

Xa no seu leito de morte en Sarria, o rei Afonso VIII selaba un testamento de herdanza onde se plasmaba a súa última vontade: as súas fillas, Aldonza e Sancha serían as raíñas lexítimas de Galicia e León tras a súa morte, protexendo deste xeito a independencia política destes reinos e impedindo sobre todo que caeran nas mans do seu outro fillo, o rei castelán Fernando III.

Lonxe de acatar este testamento, e seguindo coa súa política expansionista, Fernando III reclamou os reinos de Galicia e León para si, ameazando con tomalos pola forza nunha guerra aberta. Se ben a nobreza galega e asturiana estaba disposta a defender coas armas o cumprimento do testamento real e a proclamación de Aldonza e Sancha como raíñas, a aristocracia leonesa —xunto cos bispos de Lugo, Oviedo e Mondoñedo—, máis achegada xeografica e culturalmente a Castela, apoiou maioritariamente as pretensións do rei castelán, inclinando a balanza cara a Fernando. A sombra dunha guerra civil e o inminente conflito armado contra León e Castela forzaron un pacto diplomático entre as viúvas de Afonso VIII, polo que o rei castelán se facía coa coroa de León a cambio de non invadir Galicia nin León e de pagar unha renda anual a Aldonza e Sancha en concepto de compensación pola privación dos seus dereitos reais.

Galicia (e tamén León) perdía desde este momento unha casa real propia que garantira a súa soberanía e unira a súa nobreza; en troques, convertíase nun reino periférico, gobernado desde e por Castela e cuxas cidades foron perdendo poder en detrimento das cidades castelás. Tal situación levou aos nobres galegos a alzárense en numerosas ocasións contra Castela, proclamando un novo rei, e mesmo coroando a Fernando I de Portugal, e ao inglés John of Gaunt, como soberanos lexítimos de Galicia.

Guerras coa Coroa de Castela (1296 - 1388)

Tras cinco anos cos reinos de Galicia-León e Castela separados, co rei Fernando IV (1301 - 1312) vólvense a unir os dous reinos, que xa quedarán unidos case definitivamente. Tras morrer Fernando IV, o seu fillo Afonso XI (1312 - 1350) aínda era moi novo e comezaron algunhas loitas, de maneira que en Galicia pasou a gobernar o infante don Filipe (mais sen adoptar o título de rei) apoiado polos concellos das cidades galegas e enfrontado aos bispos.

Afonso XI nunha ilustración das Crónicas de Froissart, ca. 1410.

Os Castro, sucesores dos Traba, adquiren a preeminencia nobiliaria en Galicia e unha máis que decisiva influenza na Corte castelá. A guerra civil entre o rei lexítimo Pedro I e Henrique de Trastámara, o bastardo, cambiará os liderados. A derrota dos petristas en Castela non é aceptada en Galicia e os Castro fan que neste reino se recoñeza como monarca ao rei de Portugal Fernando I, emparentado co asasinado Pedro I (1369). Tras uns anos de presenza en Galicia, a retirada do portugués non evita o enquistamento do conflito.

A viaxe á corte inglesa, do conde coruñés Xoán Fernández de Andeiro conseguiu, tempo despois, que os intereses galegos e ingleses confluíran nunha alianza militar contra os trastamaristas. Así, en 1386, desembarcaba na Coruña, aclamado como rei, o inglés Don Xoán de Gante, duque de Lancaster, casado con Constanza (filla do defunto Pedro I e sobre a cal recaían os dereitos dinásticos). Tras unha campaña vitoriosa, axudado por galegos e portugueses, Xoán de Gante logra controlar todo o reino de Galicia até que gran parte das súas tropas son decimadas pola peste, obrigando a un acordo definitivo cos Trastámara. A gran nobreza galega, como os Castro ou os Andeiro, paga cara a derrota; os que poden, exílianse na corte do rei de Portugal. Os Trastámara desposúen á vella nobreza galega e reparten os seus bens (e títulos) a unha pequena nobreza foránea, máis desarticulada, autónoma e depredadora, que medra grazas ás mercedes enriqueñas polo seu apoio. Así, agroman os Andrade no noroeste, os Moscoso no centro, os Lemos na Galicia oriental, e os Sarmiento e os Soutomaior no sur. Tamén se viu beneficiada a nobreza eclesiástica galega —partidaria dos Trastámara—, que recibiu privilexios fiscais. Tamén sufriron consecuencias negativas os concellos galegos, aos que os Trastámara lles anularon moitos privilexios.

O século XIV é crítico na historia de Europa, con guerras (como a dos Cen Anos) que cortaban as relacións comerciais, cunha crise demográfica provocada pola peste negra, ao que lle hai que sumar as malas colleitas polo clima, a fame e as guerras internas xa descritas. E ademais, a nova nobreza que medra incrementa a presión sobre as xentes dos burgos e os fidalgos, os prelados e os campesiños. Nunha Galicia abandonada á súa sorte pola monarquía castelá, estoupará a finais da Idade Media unha gran revolta das clases medias-baixas para acabar cos constantes abusos de gran parte da alta aristocracia galega.

A sociedade baixomedieval galega

Na primeira metade do século XV obsérvase unha certa recuperación poboacional, debido a que moitos foros que recuperaban parcelas incultas, volvían a render, e a un crecemento dos inmóbeis das cidades e da inmigración chegada do rural. De maneira similar, nestes primeiros cincuenta anos rexístrase unha certa recuperación económica, cunha revitalización no campo, con protagonismo do viñedo (principalmente o Ribeiro), e nas cidades, cunha artesanía e comercio en expansión. Expórtase peixe desde Pontevedra a Europa por vía marítima, Ourense comercia co viño, e na artesanía téxtil do liño e da la sobresaen Compostela e Ourense. Porén, na segunda metade do século pásase da recuperación ao declive: hai unha forte recesión económica e un estancamento do crecemento da poboación e, nalgunhas cidades, hai un claro descenso (como en Ourense).

As Guerras Irmandiñas (1431 e 1466 - 1469)

Artigo principal: Irmandiño.

A crise social e económica que sufriu Europa durante o século XV motivou no reino de Galicia a constante perda de influenza e poder económico das clases altas, tanto aristocráticas como clericais. Ante tal situación, os grandes nobres e bispos, co obxecto de manter o seu privilexiado status, comezan a agravar os seus abusos sobre as clases máis desfavorecidas. A resposta das clases baixas galegas —entre elas a pequena nobreza, o baixo clero e, specialmente os campesiños— foi a conformación dunha gran Santa Irmandade que impartise xustiza no reino de Galicia, capaz de agrupar exércitos, axustizar á alta nobreza, e derrubar aqueles castelos que acolleran aos nobres malfeytores, é dicir, a defensa dos seus intereses fronte aos abusos dos señores.

Cada un dos miles de membros desta Santa Irmandade recibiu o nome de irmandiño, en base á idea de igualdade deste grupo, polo que as guerras civís nas que interviñeron pasaron a denominarse Guerras Irmandiñas.

O castelo de Pambre.

A orixe da confrontación foron os constantes atropelos de Nuno Freire de Andrade sobre a vila de Ferrol, cidade de reguengo, na que estoupou a chamada Irmandade Fusquenlla no ano 1431, e que tivo por obxecto o apresamento, así como o derrubamento dos castelos pertencentes á casa de Andrade, encabezados polo fidalgo Roi Xordo. Nesta ocasión a Irmandade foi finalmente derrotada en pouco tempo por tropas dos Andrade, do arcebispo de Santiago (pois até aí chegou a revolta) e mais do correxedor do rei.

Anos máis tarde señores comezou outra revolta de dimensións moito maiores, que foi organizada por Alonso de Lanzós e Diego de Lemos, baixo o lema Deus fratresque Galliciae (Deus e os irmáns de Galicia), e que contaba co apoio das principais vilas do reino así como dos monarcas de Castela. Era en si mesma, unha Irmandade Xeral do reino de Galicia, que logrou derrubar máis de 130 fortalezas e controlou a totalidade de Galicia entre os anos 1465 e 1469, facendo fuxir aos grandes propietarios galegos a Portugal e Castela. Porén, o apoio dos monarcas de Castela non procuraba acabar cos abusos económicos sobre os clases baixas galegas, senón o esmagamento total da nobreza galega e o control directo do reino de Galicia pola monarquía castelá. Derrubadas moitas das fortalezas e axustizados moitos nobres, os acontecementos obrigaron a actuar aos monarcas de Castela, virando a súa posición e apoiando incondicionalmente aos nobres galegos, asi coma ao arcebispo de Compostela. En 1469 o exército do arcebispo e Pedro Madruga, apoiados por tropais reais castelás e portuguesas, poñía fin á derradeira Guerra Irmandiña.

A guerra polo trono de Castela, e os Reis Católicos

A nobreza castelá e aragonesa apoiou a Isabel de Castela.
A coroa portuguesa e Pedro Álvarez apoiaron a Xoana a Beltranexa.

En 1474 morre o rei Henrique IV e xorden dous bandos para a sucesión da coroa de Castela:

  • Partidarios de Isabel. Ademais da nobreza castelá e aragonesa, e con Alonso II de Fonseca, arcebispo e Santiago, ao mando, tomaron partido por Isabel o conde de Lemos, o vizconde de Monterrei, o conde de Benavente, os Pardo de Cela, Saavedras, Bolaños e Ribadeneiras. En realidade, a maioría da nobreza laica e eclesiástica apoiaba a Isabel.
  • Partidarios de Xoana. A coroa de Portugal, Pedro Madruga e algúns nobres laicos galegos apoiaban a causa da infanta dona Xoana, a Beltranexa.

En realidade, os dous bandos tiñan no fondo un resultado político distinto: a unión de Castela-León con Aragón (se gañaba Isabel) ou a unión de Castela-León con Portugal (se gañaba Xoana). A guerra comezou en 1475, con dous bandos dirixidos por Pero Alvares por un lado e o arcebispo de Santiago Alonso II de Fonseca polo outro, e acabaría catro anos despois co tratado de Alcáçovas, de maneira que Isabel foi quen ascendeu ao trono. Os nobres partidarios de Xoana tiveron que exiliarse ou caer en desgraza, e comeza a política autoritaria de Isabel e Fernando, chamados os Reis Católicos. Estes reis aínda tiveron algúns nobres que se opuxeron ao seu control, como foi o caso de Pedro Álvarez Osorio, Rodrigo Enríquez de Castro e o mariscal Pero Pardo de Cela.

Cando xa non había oposición nobiliaria, os Reis Católicos pretenderon someter definitivamente o reino de Galiza baixo a súa autoridade, e para isto toman determinadas medidas que marcarían os séculos futuros:

Fernando II e Isabel de Castela comezan a uniformización da coroa de Castela.
  • Nomeamento dun Gobernador-Capitán Xeneral foráneo plenipotenciario (auténtico vicerrei).
  • Creación dun órgano xurisdicional para a impartición da Xustiza no nome da Monarquía: A Real Audiencia do Reino de Galicia, presidida polo Gobernador-Capitán Xeneral.
  • Orde de non reconstruír os castelos derrubados polos irmandiños.
  • Integración dos mosteiros galegos nas congregacións de Castela e Valladolid.
  • Descabezamento da nobreza levantisca: Pardo de Cela é decapitado en Mondoñedo; Pedro Madruga, conde de Camiña e Soutomaior, arrecunchado en Portugal e, posteriormente, asasinado; o conde de Lemos é acantoado na Galicia oriental.
  • Creación da Santa Hermandad, institución policial moi mal recibida pola nobreza e que se impón en 1483 coa axuda do arcebispo Alonso II de Fonseca, como podemos comprobar nas palabras do cronista Jerónimo Zurita:
contra voluntad de todo aquel reino, estando todos en resistencia, recibió la hermandad en Santiago; y en un día la hizo recibir y pregonar desde el Miño hasta la mar, que fue hacer al rey y a la reina señores de aquel reino.[19]

Desde aquela, e despois do frustrado estatuto na Segunda República, Galicia non recuperaría unha autonomía até despois da promulgación da actual Constitución española.[20]

Notas

  1. Achados os mellores restos de neandertais en Galicia nunha cova de Triacastela.
  2. Eugenio R. Luján Martínez, The Language(s) of the Callaeci (en inglés).
  3. Mapa dos pobos prerromanos, cara ao 200 a.C.
  4. Caamaño Gesto, José Manuel. A Gran Historia de Galicia. Cultura Castrexa. Volume 1: Ocupación do territorio e cultura material.
  5. Villares, R. (1984): Galicia. A Historia. Vigo: Galaxia, páx. 48. (7ª ed, 1992).
  6. mb-soft.com Priscillian / Priscillianism (en inglés)
  7. Catholic Encyclopedia / Priscillianism (en inglés)
  8. Villares, R. Op. cit.
  9. López Carreira, Anselmo (1998): O reino de Galiza. Edicións ANT.
  10. López Carreira, A & Fernández Cal, T. (2003): Os reis de Galicia. Vigo: A Nosa Terra. ISBN 8496203271
  11. Iohannes Biclarensis Chronicon Iohannis Biclarensis 590.1 = vv 330-341.
  12. Wamba Lex.
  13. Synodus Toletana tertia.
  14. San Fructuoso de Braga: vida y novena, Juan Llorens, Vicente Rafael. 2007. p 21. e [1]
  15. Ed. Cardoso, 1996, p.24
  16. Crónica Mozárabe, ed. López Pereira, 1980a, ps. 76-79: "cum reginam spanie in coniugo copulatam".
  17. Ed. Lafuente Alcántara, 1867, p. 166.
  18. Al-Maccari, Histori, ed. Gayangos, 2002, v. I, p.291.
  19. Extracto dos Anales de la Corona de Aragón, Zurita, J., lib. XX, cap. XLVI
  20. Estatuto de Autonomía de Galcia de 1981. Xunta de Galicia.