Henry Hoyle Howorth
Henry Hoyle Howorth, nado en Lisboa o 1 de xullo de 1842 e finado en Londres o 15 de xullo de 1923, foi un político conservador británico e avogado, coñecido tamén pola súa dedicación como afeccionado á historiografía, a xeoloxía e a numismática.
Traxectoria
editarHoworth naceu en Lisboa, fillo único de Henry Howorth, que exercía nesa cidade como comerciante, e da súa esposa Elizabeth. Ao pouco de nacer marchou para Inglaterra coa súa nai, logo do falecemento do seu pai.[2] Alí estudou o seu ensino secundario na Rossall School, en Lancashire, e posteriormente cursou estudos superiores de Dereito.[3]
Colexiouse como avogado en Londres en 1867, no Inner Temple,[4] e exerceu a avogacía no Northern Circuit.[2][3]
No aspecto político, Howorth defendía o unionismo británico, e en 1886 foi elixido membro do Parlamento Británico do Partido Conservador, pola circunscrición de Salford Sur, Manchester. Posteriormente resultou reelixido en 1892 e 1895,[4] e finalmente retirouse dos Comúns nas eleccións xerais de 1900.[2][3]
Ademais do dereito e a política, Howorth interesouse profundamente por temas tan diversos como a arqueoloxía, a historia, a numismática e a etnografía. Foi un escritor prolífico sobre estas áreas e colaborou con diversos artigos en revistas especializadas do seu tempo.[3]
En 1892 foi nomeado Cabaleiro do Imperio Indio, en recoñecemento aos seus traballos sobre a historia e etnografía de Asia. En 1893 foi elixido membro da Royal Society,[2] cunha considerable oposición por carecer de educación científica regrada. Posteriormente foi nomeado bibliotecario honorario do Chetham's College, de Manchester, e administrador do Museo Británico.[3][5]
Tamén foi membro da Chetham Society —de cuxo consello formou parte entre 1877 e 1900,[6] e da Manchester Literary and Philosophical Society. Entre 1908 e 1914 foi o presidente da Royal Numismatic Society, de Londres.[7]
Howorth era polemista e expuña adoito as súas opinións na páxina de cartas de The Times, ás veces baixo o pseudónimo de A Manchester Conservative ("Un conservador de Manchester").[3]
Ao longo da súa vida, Howorth foi compondo unha importante colección de arte. En 1875 dooulle á National Gallery de Londres a pintura Interior dunha igrexa, de Van Bassen. En 1922, logo do falecemento da súa esposa, fixo unha doazón doutras cinco pinturas, entre elas a Natividade de Masaccio. Nun cartel situado na entrada da National Gallery figura o seu nome como un dos principais benefactores.[2]
En 1869 casou con Katherine Brierley, con quen tivo tres fillos. A súa esposa faleceu en 1921, e el o 15 de xullo de 1923, aos 81 anos.[2][8] Foi soterrado no cemiterio de Putney Vale, no Suroeste de Londres.[3]
O pensamento de Howorth
editarHenry Hoyle Howorth rexeitou o uniformismo de James Hutton e Charles Lyell. Atacou a teoría da idade de xeo no seu libro The Mammoth and the Flood (1887). Defendeu unha forma de neodiluvialismo, segundo a cal as inundacións catastróficas devastaran grandes zonas da Terra.[2][9]
Non cría nun diluvio universal e consideraba que o diluvio bíblico era só un dos moitos mitos de diluvio que apoiaban a súa teoría. Utilizou probas xeolóxicas para apoiar a sú teoría en The Glacial Nightmare and the Flood (1893). En 1905 escribiu outro libro, Ice or Water, no que intentou refutar en detalle a teoría glaciaria, mais os seus postulados non convenceron os xeólogos profesionais.[9]
Publicacións
editarEstas son os traballos monográficos máis salientables publicados por Henry Hoyle Howorth ao longo da súa traxectoria:
- (1876-1888). History of the Mongols from the 9th to the 19th Century (4 volumes). Longmans, Green and Co., Londres.
- (1876). I. The Mongols proper and the Kalmuks.
- (1880). II: The socalled Tartars of Russia and Central Asia: Division I - Division II.
- (1888). III: The Mongols of Persia.
- (1927). IV: Supplement and Indices.
- (1886). The Philosophic Tramp. John Heywood, Londres.
- (1887). The Mammoth and the Flood. Gilbert and Rivington, Londres.
- (1892-1893). The Glacial Nightmare and the Flood. Vol. I (1892) - Vol. II (1893). Sampson Low, Londres.
- (1905). Ice or Water. Vol. I - Vol. II. Longmans, Green and Co., Londres.
- (1912). Saint Gregory the Great. John Murray, Londres.
- (1913). Saint Augustine of Canterbury. John Murray, Londres.
- (1917). The Golden days of the early English Church. Vol. I - Vol. II - Vol. III. John Murray, Londres.
- (1918). "Harald Fairhair" and his Ancestors. Viking Society, Londres
Notas
editar- ↑ Vaniti Fair. 11 de xuño de 1895.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 "Sir Henry Hoyle Howorth K.C.I.E. D.C.L. F.R.S. F.S.A. (1842-1923)". En Barry, T. (2016). Páxinas 89-91.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 "Sir Henry Howorth, A Life of Wide Interests, Politics, Science, and Art". En The Times. 17 de xullo de 1923. Páxina 14.
- ↑ 4,0 4,1 Hull, E. (1923). Páxina 411.
- ↑ Hull, E. (1923). Páxina 412.
- ↑ The Chetham Society: Officers and Council, 1843-2013. Páxina 7. The Chetham Society.
- ↑ "Presidents of the Society". The Royal Numismatic Society.
- ↑ "Sir Henry H. Howorth, K.C.I.E., F.R.S". En Nature, 112 (1923). Páxinas 112, 171-172.
- ↑ 9,0 9,1 Kruger, T. (2013). Discovering the Ice Ages: International Reception and Consequences for a Historical Understanding of Climate. Brill. Páxinas 282-283. ISBN 978-9004241695
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Henry Hoyle Howorth |
Bibliografía
editar- Hull, E. (1923). "Obituary: Sir Henry Hoyle Howorth". En Viking Society for Northern Research. Vol. 9. Páxinas 411-413.
- Barry, T. (2016). "The Howorth and the Ellicot Families". Páxinas 77-101.The British Historical Society of Portugal.
Ligazóns externas
editar
Predecesor: John Evans |
Presidente da Royal Numismatic Society 1908 - 1914 |
Sucesor: Arthur Evans |