Frederico V do Palatinado
Frederico V,[1] nado o 16 de agosto de 1596 en Lauterhofen e finado en Maguncia o 29 de novembro de 1632,[2][3] foi Elector Palatino entre 1610 e 1623, así como rei de Bohemia durante un ano, polo que foi coñecido como Rei de Inverno (en checo Zimní král).[2]
Era fillo e herdeiro de Frederico IV e de Luísa Xiana de Orange-Nassau, a filla de Guillerme de Orange e Carlota de Borbón-Monpensier. Nacido no pavillón de caza Deinschwang no Alto Palatinado, Frederico V sucedeu á morte do seu pai como príncipe elector do Palatinado do Rin no Sacro Imperio Romano Xermánico en 1610, baixo a tutela do conde Xoán II des Deux-Ponts ata 1614.
Vida pública
editarEn 1619 os Estados protestantes de Bohemia se rebelaron contra o católico Emperador do Sacro Imperio Fernando II e ofreceron a coroa de Bohemia a Frederico, escolléndoo debido a que era un membro influente da Unión Protestante, unha organización fundada polo seu pai para protexer o protestantismo no Imperio.
En agosto de 1619, descontentos con Fernando II, o sucesor de Matías de Habsburgo, emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico, os Estados de Bohemia, cunha maioría de protestantes mentres que Fernando era católico, depoñen a este e propoñen ceder o título a Frederico V.
Aínda que ao principio Frederico expresa reticencias, finalmente acepta a proposta. Esta acción será un dos factores que contribuirán ao desencadeamento da guerra dos Trinta Anos. É coroado en Praga, o 4 de novembro de 1619,e a súa esposa éo tres días máis tarde. Pouco despois, Fernando II inicia unha ofensiva para recuperar a coroa de Bohemia.
Os seus aliados na Unión Protestante non lle apoiaron militarmente ao asinar o Tratado de Ulm (1620), pero abandonado despois polas potencias estranxeiras e pola Unión Protestante, Frederico V, con poucos medios financeiros e humanos, non logra conter aos exércitos de Fernando e sofre unha derrota ante Tilly, na batalla da Montaña Branca o 8 de novembro de 1620, é dicir, un ano e catro meses logo do seu entronización. Por iso herdaría o alcume de «rei dun inverno» (Winterkönig en alemán).
As forzas imperiais de Maximiliano I de Baviera invadiron o Palatinado e tivo que fuxir a Holanda en 1622. Un edicto imperial privouno formalmente do Palatinado 1623. Viviu o resto da súa vida no exilio coa súa esposa e familia principalmente na Haia, antes de morrer en Maguncia en 1632.
Matrimonio e fillos
editarResultado: O 13 de febreiro de 1613, contraera matrimonio con Isabel Estuardo (1596-1622), coa que tivo 13 fillos:
- Hrenrique Frederico (n. Heidelberg, 2.1.1614 - m. afogado, Haarlem Meer, 7.1.1629).
- Carlos I Luís (n. Heidelberg, 1.1.1618 - m. Edingen, 28.8.1680), elector palatino (1648-1680) tras recuperar os estados do seu pai polo Tratado de Westfalia.
- Isabel (n. Heidelberg, 26.12.1617 - m. Herford 11.2.1680), abadesa de Herford; soado pola correspondencia filosófica que sostivo con René Descartes.
- Ruperto (n. Praga, 17.12.1619 - m. Londres, 29.11.1682), coñecido como o Príncipe Ruperto; foi creado polo seu tío o rei Carlos I de Inglaterra como duque de Cumberland e conde de Holderness (1644), sendo o encargado de dirixir a cabalería real durante a Guerra Civil.
- Mauricio (n. Küstrin, 6.1.1621 - m. afogado, Antillas, 10.3.1654).
- Luísa (n. A Haia, 17.4.1622 - m. Maubuisson, 11.2.1709), monxa, abadesa de Maubuisson, en Francia.
- Luís (n. A Haia, 21.8.1623 - m. A Haia, 24.12.1624).
- Eduardo (n. A Haia, 6.10.1624 - m. París, 13.3.1663), conde palatino de Simmern; convértese ao catolicismo romano.
- Henriqueta María (n. A Haia, 17.7.1626 - m. Saróspatak, 18.9.1651), casada con Sexismundo Rákóczi, Príncipe húngaro de Transilvania.
- Filipe (n. A Haia, 16.9.1627 - m. caído en batalla, Rethel, 16.12.1650).
- Carlota (n. A Haia, 19.12.1628 - m. A Haia, 23.1.1631).
- Sofía (n. A Haia, 14.10.1630 - m. Schloss Herrenhausen, 8.6.1714), declarada presunta herdeira das coroas de Inglaterra, Escocia e Irlanda en 1701; casada con Ernesto Augusto de Brunswick-Luneburgo, elector de Hannover.
- Gustavo Adolfo (n. A Haia , 4.1.1632 - m. A Haia, 9.1.1641).
Notas
editar- ↑ "Frederico na Guía de nomes da RAG". academia.gal. Consultado o 8 de xullo de 2022.
- ↑ 2,0 2,1 Parker, Geoffery. "Frederick V (elector Palatine of the Rhine)". Encyclopaedia Britannica. Encyclopaedia Britannica. Consultado o 16 de agosto 2014.
- ↑ Brown, Gregory. "Friedrich V.". Leibnitiana. The Houston Circle for the Study of Early Modern Philosophy. Consultado o 16 de agosto 2014.