Vibrio
Vibrio é un xénero de bacterias gramnegativas que ten unha característica forma de bacilo curvado con forma de coma, entre as que está a especie que produce o cólera (Vibrio cholerae).[1][2][3] As bacterias con forma de coma (do xénero Vibrio e doutros) chámanse xenericamente vibrios ou vibrións e son un dos grandes tipos morfolóxicos de bacterias, xunto cos cocos, bacilos e espirilos. O nome Vibrio deriva da palabra vibrión, que utilizou Filippo Pacini para chamar aos microorganismos que illou de pacientes de cólera en 1854, e ten que ver coa súa mobilidade (vibraban).[4]
Ademais do cólera causado por V. cholerae, varias especies do xénero Vibrio poden causar infeccións alimentarias, xeralmente asociadas co consumo de alimentos pouco cociñados, e outros poden infectar feridas abertas e producir septicemias. Os Vibrio atópanse xeralmente na auga salgada, pero tamén na doce e son anaerobios facultativos que dan positivo na proba da oxidase, son fermentativos e non forman esporas.[5] Todos os membros do xénero son móbiles e teñen un flaxelos polares con vaíñas. As filoxenias recentes elaboráronse baseándose nun conxunto de xenes (análise de secuencia multilocus).[1]
Cepas patóxenas
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Cólera.
Varias especies de Vibrio son patóxenas.[6] A maioría das cepas que causan enfermidades están asociadas con gastroenterites, mais poden tamén infectar feridas abertas e causar septicemia. Poden ser transportadas por numerosos animais mariños, como cangrexos e gambas, e poden causar infeccións mortais en humanos. Os Vibrio patóxenos inclúen V. cholerae (axente causante do cólera), V. parahaemolyticus, e V. vulnificus. Vibrio cholerae transmítese xeralmente por medio de auga contaminada.[3] Os Vibrio patóxenos poden causar enfermidades de orixe alimentaria infecciosas, xeralmente asociadas ao consumo de alimentos mariños pouco cociñados.
O cólera producido por V. cholerae causa unha forte diarrea acuosa e vómitos. Transmítese principalmente por beber ou comer auga ou alimentos contaminados con feces doutra persoa infectada, mesmo de persoas que non aparentan síntomas. A gravidade da diarrea e vómitos pode orixinar unha rápida deshidratación e desequilibrio de electrólitos, e mesmo a morte nalgúns casos. O tratamento principal é unha terapia de rehidratación oral que substitúa a auga e electrólitos perdidos, que de ser necesario pode facerse administrando fluídos por vía intravenosa. Tamén se poden administrar antibióticos en casos graves, que acurtan a duración e gravidade do proceso.
As epidemias producidas por Vibrio vulnificus aparecen xeralmente en climas cálidos, onde con regularidade hai epidemias pequenas e xeralmente letais. Poden aparecer en situacións de catástrofes, como durante o furacán Katrina de 2005 en Nova Orleáns.[7]
V. parahemolyticus é un organismo mariño que vive en moluscos e crustáceos, e pode producir gastroenterites se se consomen crus, moi frecuentes no Xapón. V. parahaemolyticus está tamén asociado co fenómeno Kanagawa, no cal as cepas illadas dun hóspede humano (illados clínicos) son hemolíticas nas placas de ágar sangue, pero as illadas de fontes non humanas non son hemolíticas.[8]
Moitos Vibrio spp. son tamén zoonóticos. Causan enfermidades nos peixes e marisco, e son unha causa común de mortalidade na vida acuática doméstica (acuarios).
Outras cepas
[editar | editar a fonte]Vibrio fischeri e Vibrio harveyi (e tamén Photobacterium phosphoreum) son notables pola súa capacidade de comunicarse. V. fischeri (e Ph. phosphoreum) son simbiontes doutros organismos mariños (normalmente medusas, peixes, ou luras), e producen luz por bioluminescencia por medio do mecanismo da "percepción do quórum" (quorum sensing). V. harveyi é un patóxeno de varios animais acuáticos, e causa vibriose luminosa nas gambas.[9]
Flaxelos
[editar | editar a fonte]O vibrio máis típico V. cholerae ten un só flaxelo polar (célula monotrica) con vaíña. Algunhas especies, como V. parahaemolyticus e V. alginolyticus, teñen tanto un flaxelo polar con vaíña coma flaxelos delgados que se proxectan en todas as direccións (célula perítrica), e outras especies como V. fischeri, teñen penachos de flaxelos polares con vaíña (célula lofotrica).[10]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Thompson FL, Gevers D, Thompson CC, Dawyndt P,Naser S, Hoste B, Munn CB, Swings J (2005). "Phylogeny and Molecular Identification of Vibrios on the Basis of Multilocus Sequence Analysis". Applied and Environmental Microbiology 71 (9): 5107–5115. PMC 1214639. PMID 16151093. doi:10.1128/AEM.71.9.5107-5115.2005.
- ↑ Ryan KJ; Ray CG (editors) (2004). Sherris Medical Microbiology (4th ed.). McGraw Hill. ISBN 0-8385-8529-9.
- ↑ 3,0 3,1 Faruque SM; Nair GB (editors). (2008). Vibrio cholerae: Genomics and Molecular Biology. Caister Academic Press. ISBN 978-1-904455-33-2 .
- ↑ http://www.whonamedit.com/doctor.cfm/2605.html
- ↑ Madigan, Michael; Martinko, John (editors) (2005). Brock Biology of Microorganisms (11th ed.). Prentice Hall. ISBN 0-13-144329-1.
- ↑ C.Michael Hogan. 2010. Bacteria. Encyclopedia of Earth. eds. Sidney Draggan and C.J.Cleveland, National Council for Science and the Environment, Washington DC]
- ↑ Jablecki J, Norton SA, Keller GR, DeGraw C, Ratard R, Straif-Bourgeois S, Holcombe JM, Quilter S, Byers P, McNeill M, Schlossberg D, Dohony DP, Neville J, Carlo J, Buhner D, Smith BR, Wallace C, Jernigan D, Sobel J, Reynolds M, Moore M, Kuehnert M, Mott J, Jamieson D, Burns-Grant G, Misselbeck T, Cruise PE, LoBue P, Holtz T, Haddad M, Clark TA, Cohen A, Sunenshine R, Jhung M, Vranken P, Lewis FMT, Carpenter LR (2005). "Infectious Disease and Dermatologic Conditions in Evacuees and Rescue Workers After Hurricane Katrina - Multiple States, August–September, 2005". Mortality and Morbidity Weekly Report 54: 1–4.
- ↑ Joseph S, Colwell R, Kaper J (1982). "Vibrio parahaemolyticus and related halophilic Vibrios". Crit Rev Microbiol 10 (1): 77–124. PMID 6756788. doi:10.3109/10408418209113506.
- ↑ Austin B & Zhang X-H (2006). "Vibrio harveyi: a significant pathogen of marine vertebrates and invertebrates". Letters in Applied Microbiology 43 (2): 119–214. PMID 16869892. doi:10.1111/j.1472-765X.2006.01989.x.
- ↑ George M. Garrity (editor) (2005). Bergey's manual of Systematic Bacteriology. Vol. 2 Part B (2nd ed.). Springer. pp. 496–8. ISBN 0-387-24144-2.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Vibriogenomes and related information at PATRICArquivado 10 de marzo de 2013 en Wayback Machine., un Centro de Recursos Bioinformáticos da NIAID
- Manual bacteriolóxico analítico en liña
- Association of Vibrio Biologist