Saltar ao contido

Quelonioideos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Tartarugas mariñas»)
Chelonia mydas comendo.
Chelonia mydas aflorando á superficie.
Tartarugas verdes hawaianas inmaturas en augas pouco profundas.
Tartaruga mariña escavando o niño nunha praia.
Tartarugas mariñas inmaturas nadando polo fondo mariño.

Os quelonioideos (Chelonioidea) son unha superfamilia de tartarugas (Testudines) que comprende as tartarugas mariñas. Consta de dúas familias actuais, quelónidos[1] ou queloníidos (Cheloniidae) e dermoquélidos ou dermoquelíidos (Dermochelyidae).[2]

Coñecidas xa desde o cretáceo, hai máis de 75 millóns de anos, acuualmente só sobreviven sete especies, das que cinco foron citadas nas augas galegas. Plenamente adaptadas á vida no mar en ambientes tropicais e subtropicais, chegan ás veces ás costas atlánticas europeas como divagantes. Porén, no mar Mediterráneo hai poboacións estábeis, aínda que hoxe moi reducidas, de tres destas especies, que crían en afastadas praias, especialmente na zona oriental.[3]

Algunhas especies viven en case todos os océanos e fan grandes migracións, como a tartaruga mariña verde, a tartaruga mariña común, a tartaruga mariña carei, ou a tartaruga de coiro, mentres que outras teñen unha distribución máis limitada, como a tartaruga mariña olivácea e a tartaruga mariña pequena, e unha, a Natator depressus, encóntrase unicamente na costa norte de Australia.

Características

[editar | editar a fonte]

Como adaptación á vida no mar, teñen as extremidades transformadas en aletas, destacando as dianteiras, longas e fortes, que utilizan para nadar movéndoas na auga verticalmente, como se fosen ás máis que remos. o corpo é moi hidrodinámico, e está recuberto dunha cobertura baixa e comprimida. A cabeza e as patas son só parcialmente retráctiles, non podendo o animal refuxiarse dentro da cobertura como fan o resto das tartarugas. Estas coberturas, unidas lateralmente, protéxenas dos depredadores e das variacións da temperatura. Non todas as coberturas son iguais: nos quelónidos está constituída por grandes ósos e cuberta por placas córneas, mentres que nos dermoquélidos está formada por numerosos ósos pequenos cubertos de pel, que a fan delgada e flexíbel.[4]

Toda a súa vida transcorre no mar, e unicamente saen a terra as femias para faceren a desova. Non teñen dentes, que substituíron por bicos cortantes na parte superior da boca. Tampouco teñen oídos externos, senón só un oído interno, moi eficiente. Os pulmóns poden conteren a respiración durante uns dez minutos, e entón as tartarugas soben á superficie para respiraren. O colo está conformado por 8 vértebras, e pódeno retraer dentro da cobertura, pero en xeral ten pouca mobilidade.

As tartarugas mariñas poden vivir de 50 a 80 anos segundo a especie.[5]

Bioloxía

[editar | editar a fonte]

Reprodución

[editar | editar a fonte]

As tartarugas mariñas maduras sexualmente á idade de 6 a 8 anos. Os machos adoitan seren algo menores que as femias e teñen a cola máis longa e ancha. Na época da reprodución concéntranse os machos nin augas próximas ás praias de cría, esperando a que cheguen as femias para reproducírense. Os machos montan sobre as femias, e crávanlle as garras para o apareamento, introducindo o seu pene, que sae da cloaca, na abertura cloacal da femia. Rematado o apareamento, as femias esperan á noite para saíren a terra, desprazándose pola praia con moita dificultade até encontrar un lugar axeitado, lonxe do efecto das mareas, onde escavan un amplo burato na area, utilizando para iso as catro extremidades, e logo outro máis pequeno, usando só as traseiras, onde depositan entre 60 e 240 ovos, segundo a especie e o tamaño do animal.[6]

Incubación

[editar | editar a fonte]

O ovos tardan de 2 a 3 semanas en formarse dentro da femia. As tartarugas mariñas fan un percorrido moi longo e con moitos obstáculos pola praia até encontrar o lugar idóneo para a desova. Os lugares para o depósito dos ovos teñen que estar sen vexetación e a certa distancia da liña da costa, xa que unha marea alta podería chegar ao lugar de incubación e arrastrar os ovos. Despois, as tartarugas escavan un burato de entre 40 e 60 cm no que deposita os ovos.

A temperatura do niño é o factor determinante do sexo das tartarugas. A incubación pode durar entre 40 e 70 días. Os ovos enfróntanse a perigos como cans, mareas altas, recolectores de ovos para a súa posterior venda, e turistas cravando parasois ou facendo castelos de area.

As tartarugas acabadas de nacer tratan de emerxer na noite cando non hai tantos depredadores e a temperatura é baixa. As pequenas tartarugas sempre esperan até que todas as súas irmás salgan do ovo, polo que se dirixen sempre xuntas cara ao mar.

Alimentación e crecemento

[editar | editar a fonte]

As tartarugas de terra son herbívoras; as de auga doce, carnívoras e as mariñas, omnívoras.

As tartarugas mariñas comen corais, que lles subministran calcio, vexetación acuática, algas e, as máis carnívoras, pequenos invertebrados, medusas ou polbos.

Adoitan migrar constantemente entre as zonas de alimentación e as de reprodución. Normalmente encóntranse nas zonas de reprodución en inverno e nas de alimentación en verán.

As tartarugas mariñas teñen un crecemento ininterrompido durante toda a súa vida. Ao nacer, poden pesar uns 50 g; nun ano, xa pesan 2 kg; aos 3 anos, 20 kg, chegando aos 300 kg na madurez sexual.

Adaptacións

[editar | editar a fonte]

As tartarugas mariñas, como todos os réptiles, son animais poiquilotermos, pero poden cambiar á súa temperatura corporal dentro de certos límites. Para iso poden facer inmersións a gran profundidade para arrefriar, ou nadar máis rapidamente para que a calor da actividade muscular quente o seu corpo. Tamén escollen as correntes de auga fría ou quente, dependendo da temperatura á que queiran estar.

Os sentidos das tartarugas mariñas son parecidos aos do ser humano. O sentido do olfacto é débil, pero o da vista está máis desenvolvido nas tartarugas mariñas que nas terrestres. O sentido do oído é moi agudo. E teñen un sentido da orientación moi desenvolvido, o que lles permite regresar a desovar á mesma praia na que naceron.

Taxonomía e evolución

[editar | editar a fonte]

As tartarugas mariñas, xunto con outras tartarugas, forman parte da orde dos testudinos Testudines.

As sete especies de tartarugas mariñas son: Natator depressus, Chelonia mydas (tartaruga mariña verde), Eretmochelys imbricata (tartaruga carei), Lepidochelys kempii (tartaruga mariña de Kemp), L. olivacea (tartaruga mariña olivácea), Dermochelys coriacea (tartaruga mariña real ou tartaruga mariña de coiro) e Caretta caretta (tartaruga mariña común).[7] Todas as especies pertencen á familia Cheloniidae, excepto Dermochelys coriacea, que pertence á familia Dermochelyidae' da que é o seu único membro.

As especies distínguense principalmente pola súa anatomía: por exemplo, as escamas prefrontais na cabeza, o número e a forma dos escudos da cobertura (coiraza), e o tipo de escudos inframarxinales do plastrón. A tartaruga mariña real é a única tartaruga mariña que non ten unha cobertura dura; en cambio, leva un mosaico de pequenas placas óseas debaixo da súa pel acoirada. É a tartaruga mariña máis grande, de 1,8 a 2,1 m de lonxitude e 0,91 a 1,5 m de anchura na madurez, e pode chagar a pesar até 590 kg. As outras especies son menores, alcanzando a súa maioría entre 0,61 a 1,2 m de lonxitude, e son, proporcionalmente, máis estreitas.[8]

As tartarugas mariñas constitúen unha radiación única que se separou das outras tartarugas hai polo menos 110 millóns de anos.

Clasificación segundo SWOT Report, vol. 1[9]

O home e as tartarugas mariñas

[editar | editar a fonte]

O home mataou tartarugas mariñas para obter todo o que elas producen: carne, pel, carei, ovos... Por iso houbo masacres de tartarugas, e agora a maioría das especies están en vías de extinción. Actualmente nalgúns lugares consérvanse as praias de desova como parques nacionais ou reservas protexidas.

Os ovos de tartaruga cómense na India. En Suramérica, o aceite extraído das tartarugas ten un gran valor como aceite para lámpadas. Noutros lugares úsase a coiraza para fabricar instrumentos musicais.

Pagouse un alto prezo cos masacres, xa que en tres séculos matáronse 100 millóns de tartarugas verdes.

Na actualidade, nalgunhas zonas onde aínda quedan tartarugas, estase educando á poboación, especialmente á xuventude, para que axuden na protección destes animais. Ademais está implementándose unha nova técnica para redes de pesca TED (Turtle Exclusion Device, Dispositivo de exclusión de tartarugas) o cal permite que as tartarugas salgan das redes de pesca.

Tamén a WWF está axudando a protexer ás tartarugas mariñas con maior risco de extinguirse, facendo doazóns ás organizacións que as protexen.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para quelónidos.
  2. Arnold, E. N. e J. A. Burton (1978): Guía de campo de los reptiles y anfibios de España y Europa. Barcelona: Omega, p.94.
  3. Galán Regalado, P. e G. Fernández Arias (1993): Anfibios e réptiles de Galicia. Vigo: Xerais, p. 267.
  4. Galán, P. e G. Fernández, Op. cit., p. 267.
  5. Sea turtles. Longevity & Causes of Death Arquivado 16 de agosto de 2012 en Wayback Machine.. SeaWorld Parks & Entertainment. (en inglés) Consultada o 30 de setembro de 2012.
  6. Galán, P. e G. Fernández, Op. cit., pp. 267-268.
  7. A subpoboación do Pacífico oriental da tartaruga verde foi antigamente clasificada como especie independente (denominada Chelonia agassizi, tartaruga mariña negra), pero as análises de ADN evidencian que non é evolutivamente distinta da verde.Karl, Stephen H.; Brian W. Bowen (1999). "Evolutionary Significant Units versus Geopolitical Taxonomy: Molecular Systematics of an Endangered Sea Turtle (genus Chelonia)". Conservation Biology (Blackwell Synergy) 13 (5): 990–999. doi:10.1046/j.1523-1739.1999.97352.x. 
  8. "WWF - Marine Turtles". Species Factsheets. World Wide Fund for Nature. 4 de maio de 2007. 
  9. "SWOT Report.Vol.I". The State of the World's Sea Turtles (en inglés). Consultado o 10 de setembro de 2018. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Andrada, Javier (1980): Guía de campo de los anfibios y reptiles de la península Ibérica. Barcelona: Omega. ISBN 84-282-0589-2.
  • Arnold. E. N. e J. A. Burton (1878): Guía de campo de los reptiles y anfibios de España y Europa. Barcelona: Omega. ISBN 84-282-0488-8.
  • Devaux, B. & De Wetter, B. (2000): On the Trail of Sea Turtles. París: Nathan. ISBN 0-7641-1162-0
  • Galán Regalado, Pedro e Gustavo Fernández Arias (1993): Anfibios e réptiles de Galicia. Vigo: Xerais. ISBN 84-7507-772-6.
  • Spotila, James R. (2004): Sea Turtles: A Complete Guide to Their Biology, Behavior, and Conservation. Baltimore: Johns Hopkins University Press. ISBN 0-8018-8007-6.
  • Witherington, Blair E. (2006): Sea Turtles: An Extraordinary Natural History of Some Uncommon Turtles. St. Paul: Voyageur Press. ISBN 0-7603-2644-4.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]