Saltar ao contido

Tartaruga mariña común

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Caretta caretta»)
Tartaruga mariña común
Rango fósil: 40 Ma-0 Ma
Eoceno - Actual[1]

Tartaruga mariña común nadando nun acuario.
Estado de conservación
En perigo
En perigo[2]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Reptilia
Subclase: Anapsida
Orde: Testudines
Superfamilia: Chelonioidea
Familia: Cheloniidae[3]
Xénero: ''Caretta''
Rafinesque, 1814
Especie: ''C. caretta''
Nome binomial
'Caretta caretta'
(Linnaeus, 1758)
Distribución de C. careta Lista Testudo Caretta Linnaeus, 1758 Testudo Cephalo Schneider, 1783 Testudo nasicornis Lacépède, 1788 Testudo Caouana Lacépède, 1788 Chelone caretta Brongniart, 1805 Chelonia Caouanna Schweigger, 1812 Caretta nasuta Rafinesque, 1814 Chelonia cavanna Oken, 1816 Caretta atra Merrem, 1820 Caretta Cephalo Merrem, 1820 Caretta nasicornis Merrem, 1820 Chelonia caretta Bory de Saint-Vincent, 1828 Testudo Corianna Gray, 1831 Chelonia pelasgorum Valenciennes en Bory de Saint-Vincent, 1833 Chelonia cephalo Gray, 1829 Chelonia (Caretta) cephalo Lesson en Bélanger, 1834 Chelonia caouanna Duméril & Bibron, 1835 Chelonia (Thalassochelys) Caouana Fitzinger, 1836 Chelonia (Thalassochelys) atra Fitzinger, 1836 Thalassochelys caretta Bonaparte, 1838 Chelonia (Caouanna) cephalo Cocteau en Cocteau & Bibron en Ramon de la Sagra, 1838 Halichelys atra Fitzinger, 1843 Caounana Caretta Gray, 1844 Caouana elongata Gray, 1844 Thalassochelys Caouana Agassiz, 1857 Thalassochelys corticata Girard, 1858 Chelonia corticata Strauch, 1862 Thalassochelys elongata Strauch, 1862 Thalassochelys caouana Nardo, 1864 Eremonia elongata Gray, 1873 Caretta caretta Stejneger, 1873 Thalassochelys cephalo Barbour & Cole, 1906 Caretta caretta caretta Mertens & Muller, 1928 Caretta gigas Deraniyagala, 1933 Caretta caretta gigas Deraniyagala, 1939 Caretta caretta tarapacana Caldwell, 1962 Chelonia cahuano Tamayo, 1962 Caretta careta Tamayo, 1962[4] Lista Caretta Rafinesque, 1814 Caretta (Thalassochelys) Fitzinger, 1835 Thalassochelys Bonaparte, 1838 Caouana Cocteau in Ramon de la Sagra, 1838 Halichelys Fitzinger, 1843 Eremonia Gray, 1873 ?Pliochelys Portis, 1890 ?Proganosaurus Portis, 1890[5]
Distribución de C. careta

Distribución de C. careta

A tartaruga mariña común[6] (Caretta caretta) é unha especie de tartaruga mariña pertencente á familia Cheloniidae. Habita no océano Atlántico, Pacífico e Índico, e no Mediterráneo. Tamén se pode ver polas costas galegas (ver Lista de réptiles de Galicia). Actualmente é a única especie do xénero Caretta. Pasa a maior parte da súa vida en hábitats mariños e estuarios, e a femia só sobe brevemente á praia para desovar. Ten unha baixa taxa de reprodución; as femias fan como media catro postas de ovos e logo pasan por un período de quiescencia no cal non poñen ovos durante dous ou tres anos. Chega á madureza sexual entre os 17 e os 33 anos e ten unha lonxevidade de 47 a 67 anos.[7]

As tartarugas adultas miden como media uns 90 cm de longo e teñen un peso medio de 135 kg, aínda que tamén se rexistraron exemplares máis grandes cunha lonxitude de ata 213 cm e un peso de ata 545 kg. A cor da pel varía desde amarelo a marrón, e a coiraza (cuncha) é tipicamente marrón–avermellada. A diferenza máis clara entre machos e femias adultos é que os machos teñen colas máis grosas e plastróns máis curtos que as femias. Non hai dimorfismo sexual entre femias e machos xuvenís.

É unha especie omnívora, que se alimenta principalmente de invertebrados que viven no leito mariño. As súas mandíbulas son grandes e poderosas e serven como unha ferramenta eficaz para desfacer as presas. As tartarugas neonatas teñen numerosos depredadores e os ovos son especialmente vulnerables a depredadores e organismos terrestres. Unha vez que alcanzan a idade adulta, o seu gran tamaño fai que os seus depredadores se limiten basicamente aos tiburóns.

É considerada unha especie en perigo de extinción pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Os aparellos de pesca desatendidos son responsables de moitas mortes entre as tartarugas mariñas, incluíndo C. caretta. Tamén poden afogarse cando quedan atrapadas en redes de arrastre. Para reducir a mortalidade, utilízanse redes con dispositivos que exclúen as tartarugas mariñas, que lles proporcionan unha vía de escape se quedan atrapadas nas redes. A perda de praias de desove axeitadas e a introdución de depredadores exóticos tamén afectan ás poboacións de C. caretta. Os esforzos de conservación requiren a cooperación internacional, xa que estas tartarugas vagan por vastas áreas e porque as praias de desove esenciais para a súa reprodución están espalladas por moitos países.

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Linneo foi o primeiro que lle deu a esta especie o seu nome binomial, Testudo caretta, en 1758.[4][8] Durante os dous séculos seguintes, xurdiron outros trinta e cinco nomes, entre os cales está o nome Caretta caretta suxerido por Leonhard Stejneger en 1902.[5][9][10] C. caretta pertence á familia Cheloniidae, que comprende todas as tartarugas mariñas, agás a tartaruga de coiro.[11] A clasificación subespecífica de C. caretta é obxecto de debate, mais a maioría dos autores considera que é unha soa especie polimórfica.[12] Estudos de xenética molecular confirmaron que existe hibridación entre C. caretta e Lepidochelys kempii (tartaruga mariña pequena), Eretmochelys imbricata (tartaruga carei) e Chelonia mydas (tartaruga verde). Aínda que non se determinou o grao de hibridación natural entre elas, existen informes dunha segunda xeración de híbridos, o que indica que algúns híbridos son fértiles.[13]

C. careta pasa a maior parte da súa vida no mar e en augas costeiras de pouco fondo. Rara vez sobe a terra, con excepción de breves visitas das femias para escavar niños e depositar os seus ovos. Os neonatos viven en bancos flotantes de algas Sargassum.[14] Os adultos e xuvenís viven ao longo da plataforma continental, e nos estuarios costeiros pouco profundos.[15] No océano Atlántico noroccidental, a idade inflúe na preferencia por un tipo de hábitat. Os xuvenís atópanse máis frecuentemente nos estuarios pouco profundos e teñen menos acceso ao mar aberto en comparación cos adultos que non aniñan.[16] Fóra da tempada de desove, viven en augas mariñas con temperaturas superficiais que oscilan entre 13,3 °C e 28,0 °C. Para as femias aniñadoras as temperaturas axeitadas están entre 27 °C e 28 °C.[17]

Os xuvenís comparten o seu hábitat entre os sargasos cunha variedade de organismos. Os bancos de Sargassum tamén son o hábitat dunhas 100 especies de animais que constitúen as presas das que se alimentan as tartarugas inmaturas. Algunhas das presas son insectos que son transportados polo vento a esas zonas. Presas endémicas dos bancos de Sargassum son os percebes, pequenas larvas de cangrexos, ovos de peixes e colonias de hidrozoos.[14]

Distribución

[editar | editar a fonte]
Mapa de distribución de C. caretta.

C. careta ten unha distribución cosmopolita, e reprodúcese no rango xeográfico máis amplo de todas as tartarugas mariñas. Habita no océano Atlántico, Índico e Pacífico e no mar Mediterráneo.[18] Foi rexistrada nas costas galegas, onde é a tartaruga mariña máis fácil de ver (as máis das veces exemplares mortos que chegan ás praias).

No océano Atlántico, a maior concentración prodúcese ao longo da costa sueste de América do Norte e no golfo de México. Son moi poucas as que viven ao longo das costas atlánticas europeas e africanas.[19] O sitio de desove máis frecuentado é Florida, con máis de 67.000 niños ao ano. As zonas de desove esténdense polo norte ata Virxinia, e polo sur ata o Brasil, e polo leste a Cabo Verde. A illas de Cabo Verde son o único sitio de desove significativo no lado oriental do Atlántico. No Atlántico a zona de alimentación esténdese dende o Canadá ata o Brasil.[18]

No océano Índico, procura alimento ao longo das costas de África, da península Arábiga e do mar Arábigo.[20] Na costa africana, aniña desde o arquipélago de Bazaruto en Mozambique ata o estuario de Santa Lucia en Suráfrica.[21] O maior sitio de desove no océano Índico é Omán na península Arábiga, que alberga arredor de 15.000 niños, e representa a segunda zona de desove en importancia de tartarugas mariñas comúns no mundo. A costa de Australia Occidental é outra área de desove notable, con de 1.000 a 2.000 niños ao ano.[20] No océano Pacífico viven en zonas temperadas e tropicais.[21] Aliméntanse no mar da China Oriental, o Pacífico suroccidental, e ao longo da península de Baixa California. As principais zonas de desove atópanse no leste de Australia e no Xapón; a Gran Barreira de Coral australiana é considerada unha importante zona de desove.[22] Ocasionalmente aniñan en Vanuatu e Tokelau. A illa de Yakushima é o sitio máis importante, con tres zonas de desove que son visitadas polo 40% de todas as tartarugas mariñas comúns da área.[20] Despois de aniñar, as femias adoitan buscar alimentos no mar da China Oriental, mentres que a zona de bifurcación da extensión da corrente de Kuroshio ofrece importantes zonas de alimentación para os neonatos e xuvenís.[21] As poboacións do Pacífico oriental concéntranse na costa de Baixa California, onde o afloramento oceánico crea zonas de alimentación para as tartarugas xuvenís e subadultas. Ao longo da cunca do Pacífico oriental os sitios de desove son raros. A análise de polimorfismo de secuencias de ADNmt e os estudos de seguimento indican que o 95% da poboación das costas do Pacífico americanas nacen nas illas xaponesas do Pacífico occidental.[23] As tartarugas son transportadas polas correntes predominantes a través de todo o Pacífico norte, o que constitúe unha das rutas de migración máis longas entre os animais mariños.[23] Sospeitábase desde hai moito tempo que fan a viaxe de regreso ás praias natais do Xapón, malia que teñen que atravesar unha área de augas pouco fértiles con poucas oportunidades de alimentación.[24] A primeira proba da existencia da viaxe de retorno proviña dunha femia adulta, equipada cun dispositivo de seguimento por satélite, que fixo a viaxe de 14.500 km a través do Pacífico desde México en 1996, que foi o primeiro animal que foi seguido cruzando toda unha cunca oceánica.[25]

O mar Mediterráneo é unha gardería para os xuvenís, e un lugar frecuentado polos adultos en primavera e verán.[19][26] Case o 45% da poboación xuvenil do Mediterráneo orixinouse no océano Atlántico.[19] As áreas de alimentación encóntranse principalmente no mar de Alborán e no Adriático.[19] A principal zona de desove do Mediterráneo é Grecia, con máis de 3.000 niños por ano.[20] As costas de Chipre e Turquía son tamén sitios de desove comúns.[20]

Historia evolutiva

[editar | editar a fonte]

Aínda que se carece de probas concretas,[27] as tartarugas mariñas actuais probablemente teñen un antepasado común que se remonta ao Cretáceo. Igual que todas as outras tartarugas mariñas, agás a tartaruga de coiro, a tartaruga mariña común pertence á antiga familia Cheloniidae que apareceu hai 40 millóns de anos.[1] Das seis especies de Cheloniidae existentes, a tartaruga mariña común está máis estreitamente relacionada coa Lepidochelys kempii (tartaruga mariña pequena), Lepidochelys olivacea e a Eretmochelys imbricata (tartaruga carei) que coa Natator depressus e a Chelonia mydas (tartaruga verde].

Hai aproximadamente tres millóns de anos, durante a época do Plioceno, América Central emerxeu do mar, comunicando as dúas Américas e illando as correntes mariñas que circulaban entre o Atlántico e o Pacífico. O desvío das correntes oceánicas deu lugar a cambios climáticos e a Terra entrou nun ciclo glacial. O afloramento de auga fría que pasa polo cabo de Boa Esperanza en África e a redución da temperatura da auga no cabo de Fornos formaron barreiras de auga fría que impediron a migración das tartarugas. Isto tivo como resultado o illamento completo das poboacións do Atlántico e as do Pacífico.[28] Durante a era glacial máis recente, as praias do sueste de América do Norte eran demasiado frías para os ovos das tartarugas mariñas. A medida que a Terra comezou a quentarse, as tartarugas mariñas comúns ampliaron a súa área de distribución cara ao norte, colonizando as praias do norte. Debido a isto, as tartarugas que aniñan entre Carolina do Norte e o norte de Florida representan unha poboación xeneticamente diferente das do sur de Florida.[28]

As distintas poboacións de tartarugas mariñas comúns teñen diferenzas xenéticas e características únicas. Por exemplo, as do Mediterráneo son máis pequenas, como media, que as do océano Atlántico.[20] As do Atlántico Norte e do Mediterráneo son descendentes de colonizadores orixinarios de Maputalandia en Suráfrica, e os xenes destes colonizadores surafricanos aínda están presentes nas poboacións actuais.[28]

Anatomía e morfoloxía

[editar | editar a fonte]
Coiraza da tartaruga mariña común de cor marrón avermellada, con cinco escudos vertebrais que corren pola liña media da tartaruga rodeados por cinco pares de escudos costais.

A tartaruga mariña común é a tartaruga con coiraza ou cuncha dura máis grande do mundo (a tartaruga de coiro é meirande pero non ten coiraza dura).[29] Os adultos teñen un peso medio entre 80 e 200 kg e unha lonxitude de 70 a 95 cm.[29] O peso máximo rexistrado é de 545 kg e a lonxitude máxima rexistrada da coiraza é de 213 cm.[29] A cabeza e a parte superior da coiraza (espaldar) ten unha cor que pode variar desde amarelo alaranxado ata marrón avermellado, mentres que o plastrón (parte inferior) é tipicamente de cor amarela clara.[30] O pescozo e os costados da tartaruga son de cor marrón na parte superior e amarela nos lados e parte inferior.[9]

A coiraza serve como armadura externa, aínda que estas tartarugas non poden retraer as súas testas ou patas nela.[31] Divídese en dúas seccións: a parte superior ou espaldar e a parte inferior ou plastrón. A coiraza componse de grandes placas ou escudos.[30] En xeral, ten 11 ou 12 pares de escudos marxinais que beirean a coiraza.[8] Pola liña media do espaldar hai cinco escudos vertebrais, os cales están beireados por cinco pares de escudos costais.[32] O escudo nucal está na base da cabeza.[32] O espaldar conéctase co plastrón por medio de tres pares de escudos inframarxinais.[32] O plastrón ten pares de escudos gulares, umerais, peitorais, abdominais, femorais e anais.[8]

O dimorfismo sexual de C. caretta só é aparente nos adultos. Os machos adultos teñen colas e uñas máis longas que as femias. O plastrón dos machos é máis curto que o das femias, presumiblemente para acomodar a cola máis grande dos machos. A coiraza dos machos é máis larga e menos curvada que a das femias, e os machos adoitan ter cabezas máis grandes.[33] Non é posible determinar o sexo dos xuvenís e subadultos pola súa anatomía externa, senón por medio da disección, laparoscopia abdominal, exame histolóxico (anatomía celular), e ensaios radioinmunolóxicos (estudo inmunolóxico con marcaxe isotópica).[33]

As glándulas lacrimais, que funcionan como glándulas do sal, que se encontran detrás de cada ollo permiten manter un equilibrio osmótico ao eliminar o exceso de sal obtido pola inxestión de auga de mar. En terra, a excreción do exceso de sal dá a falsa impresión de que a tartaruga está chorando.[34]

Ecoloxía e comportamento

[editar | editar a fonte]
Caretta caretta en repouso.

As tartarugas mariñas comúns observadas tanto en catividade coma na natureza son máis activas durante o día. En cativerio, as actividades cotiás están divididas entre nadar e descansar no fondo do acuario. Durante o descanso, estende as súas patas dianteiras ata a posición de natación (braceo) media. Permanecen inmóbiles, cos ollos abertos ou medio pechados e alértanse doadamente cando están nese estado. De noite, os individuos en catividade dormen na mesma posición, mais cos ollos ben pechados, e son lentos en reaccionar.[17] Pasan ata o 85% do día mergullados, e os machos son mergulladores máis activos que as femias. A duración media das inmersións é de 15 a 30 minutos, pero poden permanecer baixo a auga ata catro horas.[35] Xuvenís e adultos teñen diferentes métodos de natación. Os xuvenís manteñen as súas extremidades anteriores presionadas cara aos lados da coiraza, e propúlsanse batendo os seus membros traseiros. A medida que os xuvenís maduran, este método de natación é progresivamente substituído polo método de alternancia das extremidades practicado polos adultos, e dependen completamente deste método de natación ao alcanzar a idade dun ano.[36]

A temperatura da auga afecta ao metabolismo das tartarugas mariñas.[17] As temperaturas entre 13 e 15 °C inducen letarxia. Cando a temperatura baixa ata aproximadamente 10 °C, a tartaruga adopta unha postura flotante, atordada polo frío.[17] Porén, os inmaturos son máis resistentes ao frío e non quedan atordados ata que as temperaturas caen por debaixo de 9 °C. A migración permite evitar a exposición ao frío.[37] Cando as temperaturas da auga son máis altas prodúcese un aumento do metabolismo e ritmo cardíaco. A temperatura do corpo aumenta con maior rapidez en augas máis cálidas que o que se reduce en augas máis frías; o seu máximo térmico crítico é actualmente descoñecido.[37]

Aínda que a agresión entre femias é moi rara entre os vertebrados mariños, nestas tartarugas é bastante común. A agresión ritualizada vai desde unha postura de ameaza pasiva ata o combate. O conflito entre femias prodúcese principalmente polo acceso ás zonas de alimentación. A escalada do conflito normalmente segue catro etapas.[38] Inicialmente, o primeiro contacto é estimulado por sinais visuais ou táctiles. Na segunda fase, prodúcese a confrontación, empezando con enfrontamentos pasivos caracterizados por movementos circulares amplos. A confrontación agresiva comeza cando unha das tartarugas deixa de circular e fai fronte directamente ao seu adversario. Na terceira fase, iníciase o combate cando as tartarugas morden as mandíbulas do adversario. A etapa final implica a separación, que pode ser mutua, con ambas as tartarugas nadando en direccións opostas, ou consistir en que unha das tartarugas está sendo perseguida ata fóra da zona disputada.[38] A escalada está determinada por varios factores, como os niveis hormonais, o desgaste de enerxía, os resultados esperados, e a importancia do sitio. En todas as etapas, colocar a cola vertical indica a vontade de entrar en conflito se é necesario, mentres que unha cola enroscada mostra a vontade de someterse. Como unha maior agresión é metabolicamente custosa e potencialmente debilitante, é moito máis probable que o conflito só se intensifique se está en xogo o acceso a boas zonas de alimentación.[38] Tamén se observan agresións en cativerio. Aparentemente as tartarugas son animais territoriais, e mostran un comportamento agresivo fronte a outras tartarugas da súa especie, e mesmo doutras especies.[35]

Depredadores

[editar | editar a fonte]
O raposo é un depredador de niños de tartarugas mariñas comúns en Australia.

A tartaruga mariña común ten numerosos depredadores, especialmente no período inicial da súa vida. Entre os depredadores de ovos e de neonatos están vermes oligoquetos, escaravellos, larvas de moscas, formigas, larvas da avespa parasitaria, moscas da carne, cangrexos, serpes, gaivotas, córvidos, sarigüeias, osos, ratas, armadillos, mustélidos, mofetas, cánidos, prociónidos, gatos, porcos, e seres humanos. Durante a migración desde os seus niños ata o mar, as crías son depredados por, cangrexos, sapos, lagartos, serpes, aves como fregatas e outras, e mamíferos. No océano, os depredadores das crías acabadas de eclosionar son peixes, como os peixes loro e moreas, e cangrexos portúnidos. É máis raro que os adultos sexan atacados debido ao seu gran tamaño, pero poden ser presa de tiburóns, pinnípedes, e candorcas. Ata o 40% das femias aniñadoras teñen feridas que foron probablemente causadas por ataques de tiburóns.[39] As femias que desovan son atacadas por moscas da carne, cans salvaxes e seres humanos. Os mosquitos dos pantanos salgados tamén poden molestar ás femias durante o desove.[39][40]

En Australia, a introdución do raposo (Vulpes vulpes) polos colonos ingleses no século XIX, deu lugar a unha redución significativa das poboacións de C. caretta. Durante a década de 1970, a depredación de ovos de tartaruga destruíu ata o 95% de todas as postas realizadas nunha sección costeira estudada do leste de Australia.[41] Conseguiuse reducir ese impacto por medio dunha campaña agresiva para eliminar os raposos nas décadas de 1980 e 1990. Porén, estímase que haberá que agardar ata o ano 2020 antes de que as poboación cheguen a recuperarse completamente das drásticas perdas sufridas.[42]

Ao longo da costa sueste dos Estados Unidos, o mapache (Procyon lotor) é o depredador máis destrutivo dos sitios de aniñación. Nalgunhas praias de Florida rexistráronse taxas de mortalidade de case o 100% de todas as postas realizadas nunha tempada.[41] Isto atribuíuse a un aumento das poboacións de mapache, que floreceron en contornas urbanas. Os esforzos para protexer os sitios de aniñación cubríndoas cunha rede metálica reduciron significativamente o impacto da depredación de ovos de tartarugas mariñas polos mapaches.[42] En Bald Head Island en Carolina do Norte, utilizáronse caixas de malla de arame para cubrir os niños confirmados para evitar que sexan escavados por raposos e outros depredadores.[43] Unha nova preocupación asociada co uso de proteccións con materiais de aceiro é a interferencia co desenvolvemento normal do sentido de percepción magnética dos neonatos debido á utilización de arames ferrosos,[44] que pode perturbar a capacidade das tartarugas de navegar correctamente. Estanse a realizar esforzos para encontrar un material que non sexa magnético pero que á vez permita evitar que os depredadores rillen a barreira.

Doenzas e parasitos

[editar | editar a fonte]

As crías e os ovos poden verse afectadas por bacterias infecciosas como Pseudomonas e Salmonella. Fungos como Penicillium infectan os niños e a cloaca destas tartarugas.[39]

A doenza vírica fibropapilomatose, causada por un herpesvirus, pode orixinar tumores internos e externos. Estes tumores afectan aos comportamentos esenciais do animal e poden causar cegueira permanente cando ocorren nos ollos.[45] Trematodos da familia Spirorchiidae poden habitar nos tecidos do corpo da tartaruga mariña común, incluíndo órganos vitais como o corazón e o cerebro.[46] A infección por trematodos pode ser moi debilitante, e as lesións inflamatorias por trematodos poden, por exemplo, causar endocardite e enfermidades neurolóxicas.[46] O nematodo Angiostoma carettae tamén pode afectar a esta tartaruga, causando lesións histolóxicas no tracto respiratorio.[47]

Máis de 100 especies de animais de 13 filos, e 37 tipos de algas, viven adheridos ao dorso da coiraza desta tartaruga.[48] Estes organismos parasitarios aumentan a fricción coa auga, e non ofrecen ningún beneficio coñecido para a tartaruga, aínda que é posible que melloren a súa camuflaxe.[48]

Alimentación

[editar | editar a fonte]
Unha medusa Aurelia adulta, unha das presas de C. caretta durante a migración a través do mar aberto.

Son tartarugas omnívoras, que se alimentan principalmente de invertebrados do leito mariño, como gasterópodos, bivalvos e decápodos. É a tartaruga mariña que ten un maior número de presas coñecidas. Outros alimentos inclúen esponxas, corais, pennatuláceos, vermes poliquetos, anemones de mar, cefalópodos, percebes, braquiópodos, isópodos, insectos, briozoos, ourizos Clypeasteroidea, cogombros de mar, estrelas de mar, peixes (ovos, xuvenís e adultos), tartarugas neonatas (mesmo se son membros da súa propia especie), algas, e plantas vasculares.[49] Durante a migración a través do mar aberto, aliméntase de medusas, moluscos flotantes, ovos flotantes, luras e peixes voadores.[9]

As súas mandíbulas son grandes e poderosas e serven como unha ferramenta eficaz para desfacer as súas presas.[9][40] Prolongacións con forma de pincho das escamas que sobresaen da marxe anterior do antebrazo, permiten a manipulación dos alimentos, xa que poden ser utilizadas como "pseudo-gadoupas" para arrancar grandes cachos de comida na boca da tartaruga. A tartaruga xira o pescozo para consumir o alimento desgarrado nesas escamas con pincho.[40] Na rexión dianteira do esófago hai unhas papilas cubertas de moco que apuntan cara ao interior e que serven para filtrar corpos estraños, tales como anzós. A seguinte rexión do esófago non ten papilas, senón numerosos pregamentos mucosos. A velocidade da dixestión depende da temperatura, e aumenta a medida que aumenta a temperatura.[40]

Ciclo vital

[editar | editar a fonte]

Primeiros anos

[editar | editar a fonte]
Cría dirixíndose ao mar.

A cor das crías varía desde marrón claro ata case negro, e non teñen os distintivos tons amarelos e vermellos dos adultos.[30] Ao naceren, miden aproximadamente 4,6 cm e pesan uns 20 g.[9] Os ovos son depositados na praia nunha zona por riba da liña da marea alta. Os ovos son depositados preto da auga, polo que as crías poden volver doadamente ao mar.[50] O sexo das crías é determinado pola temperatura do niño soterrado. As temperaturas de incubación xeralmente oscilan entre 26 °C e 32 °C. Os ovos de tartarugas mariñas que se manteñen a unha temperatura de incubación constante de 32 °C convértense en femias. Os ovos que incuban a 28 °C convértense en machos. Unha temperatura de incubación de 30 °C ten como resultado unha proporción igual de crías machos e femias.[51] As crías dos ovos do centro do niño tenden a ser máis grandes, crecen máis rapidamente, e son as máis activas durante os primeiros días de vida mariña.[41]

A incubación dura arredor de oitenta días, despois da cal as crías escavan a través da area cara á superficie. En xeral isto acontece durante a noite, xa que a escuridade aumenta as oportunidades de escapar á depredación e permite evitar as temperaturas extremas da superficie da area durante o día.[50] As crías diríxense cara ao océano, navegando cara ao horizonte máis brillante creado polo reflexo das estrelas e a lúa sobre a superficie da auga.[52]

Os neonatos poden perder ata un 20% da súa masa corporal debido á evaporación de auga durante o traxecto do niño ao océano.[53] Tras chegaren á auga utilizan inicialmente a resaca da ondaxe para avanzar de cinco a dez metros cara ao mar.[53] Unha vez no mar, nadan durante unhas 20 horas para afastarse da costa.[30] No seu cerebro teñen un composto de ferro (magnetita) que permite que as tartarugas perciban o campo magnético da Terra para navegar.[54] Moitas crías utilizan as capas de algas Sargassum no océano aberto como protección ata que alcanzan unha lonxitude de aproximadamente 45 cm.[30] Habitan neste ambiente peláxico ata que alcanzan a idade xuvenil, e logo migran ás augas próximas á costa.[30]

Maduración

[editar | editar a fonte]
Tartaruga mariña común adulta nun arrecife.

Cando as augas do océano arrefrían, estas tartarugas teñen que migrar a zonas máis cálidas. Tamén poden hibernar ata certo punto; nos meses máis fríos mergúllase durante sete horas seguidas, emerxendo durante só sete minutos para respirar. Aínda que as tartarugas de auga doce poden superala, estas son algunhas das inmersións máis longas rexistradas en calquera vertebrado mariño que respire aire.[55] Durante a súa migración estacional, os xuvenís teñen a capacidade de navegar utilizando para guiarse signos magnéticos e visuais.[56] Cando ambos os signos están presentes, utilízanse en combinación, pero un só deles por separado é dabondo para orientarse.[56] Durante a migración, as tartarugas nadan cunha velocidade de aproximadamente 1,6 km/h.[57]

Como todas as tartarugas mariñas, a tartaruga mariña común prepárase para a reprodución na súa zona de alimentación. Isto ten lugar varios anos antes de que migre a unha zona de apareamento.[58] No sueste dos Estados Unidos e en Australia as femias reprodúcense por primeira vez entre as idades de 28 a 33 anos; en Suráfrica isto ocorre entre as idades de 17 e 30 anos. Non se coñece a idade da primeira reprodución no Mediterráneo, Omán, o Xapón e o Brasil.[59] As tartarugas mariñas comúns que aniñan, teñen unha lonxitude recta da coiraza de 70 a 109 cm. Debido á ampla gama, a lonxitude da coiraza non é un indicador fiable da madurez sexual.[58] A súa esperanza de vida máxima está entre 47 e 67 anos na natureza.[49]

Reprodución

[editar | editar a fonte]
Desove.

As femias reprodúcense por primeira vez entre as idades de 17 e 33 anos,[59] e o seu período de apareamento dura ata seis semanas.[60] Aínda que o comportamento de cortexo non foi examinado a fondo,[61] o dos machos inclúe comportamentos como acariñar co fociño, morder, e mover a cabeza e as aletas.[61] Algúns estudos indican que as femias producen feromonas cloacais para indicar a capacidade reprodutiva.[61] Antes do apareamento, o macho se achega á femia que adoita resistir os seus intentos iniciais de montala. A continuación, o macho e a femia comezan a dar voltas un arredor do outro. Se o macho ten competidores, a femia pode deixar que os machos loiten entre eles. O gañador monta a femia, proceso durante o cal as uñas curvadas do macho adoitan danar a superficie dos ombreiros da coiraza da femia. Mentres que está tratando de copular, os competidores tenden a morder ao macho, lesionando as súas aletas e cola, ás veces ata deixar expostos os ósos. Estas lesións poden obrigar ao macho a desmontar e a súa curación pode tardar semanas.[61]

Durante o período de aniñación, as femias realizan unha media de 3,9 postas de ovos, e logo pasan por un período de quiescencia no cal non producen ovos durante dous ou tres anos.[60][62] A diferenza doutras tartarugas mariñas, o cortexo e o apareamento non adoitan ter lugar preto da praia de aniñación, senón máis ben ao longo das rutas migratorias entre as zonas de alimentación e de reprodución.[61] Probas recentes indican que a ovulación das femias é inducida polo apareamento.[63] Por medio do acto de apareamento, a femia ovula e os ovos son fecundados polo macho. Isto é un fenómeno moi especial, xa que a ovulación inducida polo apareamento é rara en animais non mamíferos.[63] No Mediterráneo o período de apareamento ten lugar desde finais de marzo ata principios de xuño. A tempada de desove é nos meses de xuño e xullo, pero pode variar segundo a praia de aniñación.[64]

A tartaruga mariña común pode ter paternidade múltiple.[65] A femia ten a capacidade de almacenar o esperma de varios machos nos seus ovidutos ata a ovulación.[66] Cada posta pode ter ata cinco pais distintos, cada un dos cales contribúe con esperma a unha parte da posta.[65] O tamaño da femia ten unha correlación positiva coa paternidade múltiple.[65] Existen dúas hipóteses para explicar esta correlación. Unha postula que os machos prefiren femias grandes pola súa percepción de que teñen unha maior fecundidade.[65] A outra mantén que as femias máis grandes poden nadar con maior velocidade ás zonas de reprodución, e polo tanto teñen períodos de apareamento máis longos.[65]

Pegadas deixadas na praia pola tartaruga mariña común.

Todas as tartarugas mariñas son parecidas no seu comportamento de aniñación básico. Durante a tempada de desove, a femia volve á praia onde naceu para poñer ovos a intervalos de 12 a 17 días.[62][67] Sae da auga, sobe á praia, e retira a area superficial para formar unha depresión co tamaño do seu corpo. Coas súas patas traseiras, escava un burato onde deposita os ovos. Logo cobren a cámara de ovos e o burato con area, e finalmente regresa ao mar.[68] Este proceso tarda unha ou dúas horas, e prodúcese nas zonas de area abertas ou na parte superior das dunas de area.[62] A selección da zona de aniñación é importante, xa que inflúe nos resultados da posta, tales como a condición física das crías, a proporción de crías que consegue emerxer da area, e a vulnerabilidade ante os depredadores de niños.[50] A media de ovos nas postas de tartaruga mariña común é de 70.[69]

Conservación

[editar | editar a fonte]

Moitas actividades humanas teñen efectos negativos sobre as poboacións de tartarugas mariñas comúns. O problema agrávase polo tempo prolongado que cómpre para que alcancen a madurez sexual e as altas taxas de mortalidade dos ovos, neonatos e xuvenís ante depredadores e fenómenos naturais.[70]

Niño de tartaruga mariña común, acordoado como parte dun proxecto de conservación en Hilton Head Island.

As tartarugas mariñas comúns foron cazadas intensamente pola súa carne e ovos. Malia que a caza diminuíu debido á lexislación internacional que as protexe, aínda se consome carne e ovos de tartaruga nos países onde non se fan cumprir estritamente as leis.[71] En México, por exemplo, os ovos de tartaruga son un prato común, e os habitantes do lugar afirman que os ovos son un afrodisíaco.[72] O consumo de ovos ou carne de tartaruga pode causar doenzas graves debido ás bacterias daniñas que pode conter, como Pseudomonas aeruginosa e Serratia marcescens, e polos altos niveis de metais pesados que se concentran como resultado da bioacumulación.[71][73]

A costa occidental dos Estados Unidos forma parte dun corredor migratorio esencial para as tartarugas mariñas comúns do Pacífico, polo cal cruzan o Pacífico desde as zonas de aniñación no Xapón ata a costa de California. Por medio de estudos de telemetría descubríronse importantes hábitats de alimentación para os xuvenís situados no centro do Pacífico Norte.[74] Estes hábitats superpóñense con caladoiros para a pesca a grande escala (con redes de deriva no pasado, e con palangre no presente) o que ten como resultado altos niveis de captura accidental destas tartarugas.[74] Moitas destas tartarugas xuvenís concéntranse nas costas de Baixa California Sur, México, onde a pesca costeira a pequena escala aumenta o risco de mortalidade das tartarugas; os pescadores confirmaron a captura accidental de decenas destas tartarugas por día e por barco con aparellos de pesca de fondo.[74] A forma de pesca comercial máis responsable da captura accidental destas tartarugas é a pesca de arrastre dos barcos camaroneiros no golfo de California.[75] Estímase que o ano 2000, entre 2.600 e 6.000 tartarugas mariñas comúns morreron só polo uso de palangre peláxico no Pacífico.[76]

Tartaruga mariña, afogada ao quedar enredada.

No mar aberto, os aparellos de pesca constitúen a maior ameaza para as tartarugas mariñas comúns. Estas enrédanse a miúdo en redes de enmalle ou son capturadas en palangres. Segundo un informe do ano 2009 do Servizo de Pesca dos Estados Unidos, a principal ameaza para estas tartarugas no Pacífico Norte é o afogamento ao quedaren atrapadas en palangres e redes de enmalle.[75] Tamén quedan atrapadas en trampas, nasas, redes de arrastre e son vítimas de dragas.[9] A implantación de dispositivos de exclusión de tartarugas nas redes e noutras trampas pode reducir o número de tartarugas atrapadas accidentalmente.

Cada ano vértense preto de 24.000 toneladas métricas de plástico no océano. As tartarugas inxiren unha ampla gama destes restos flotantes, como bolsas, láminas, gránulos, globos e liñas de pesca abandonadas.[77] As tartarugas poden confundir o plástico con medusas flotantes, un alimento común. O plástico inxerido provoca numerosos problemas de saúde, desde a obstrución intestinal, a unha redución da capacidade de absorción de nutrientes e malnutrición, asfixia, ulceracións, ou fame. Ademais, os plásticos inxeridos liberan compostos tóxicos, como bifenilos policlorados, que poden acumularse nos tecidos internos e afectar aos ovos. Estas toxinas poden levar ao adelgazamento das cascas dos ovos, danos tisulares, ou modificación da conduta natural.[78]

A iluminación artificial nas praias desalenta a aniñación e interfire coa habilidade dos neonatos de dirixirse cara ao mar. As femias prefiren aniñar en praias que non teñen iluminación artificial. Nas praias explotadas, a miúdo fan os niños agrupados en torno a edificios altos, posiblemente porque bloquean as fontes de luz artificial.[58] En condicións normais as crías son atraídas pola reflexión das estrelas e da lúa sobre a superficie da auga do mar. Confundidas pola luz artificial, diríxense ao interior, lonxe da protección da auga, o que as expón á deshidratación e a depredación cando sae o sol.[52] Cada ano a iluminación artificial causa decenas de miles de mortes entre os neonatos.[79]

A invasión e destrución do hábitat polos humanos é outra ameaza para as tartarugas mariñas. En condicións naturais óptimas, as praias de aniñación son praias de area abertas e largas, que se estenden no interior alén da liña da marea alta. Porén, as praias explotadas adoitan ter construcións encima da liña de marea alta e privan ás tartarugas de sitios de aniñación axeitados, obrigándoas a aniñar máis preto de onde chegan as ondas.[62] A urbanización a miúdo causa sedimentación nas praias de area, diminuíndo a súa viabilidade como zona de aniñación.[62] A construción de peiraos e portos deportivos pode destruír os hábitats próximos á costa. O tráfico marítimo e o dragado poden degradar o hábitat e lesionar ou matar ás tartarugas se os barcos chocan con elas.[45]

As variacións anuais das temperaturas climáticas poden afectar á proporción de machos e femias entre os neonatos, xa que a temperatura do niño determina o sexo das crías. As temperaturas elevadas poden facer que os coeficientes de sexo estean nesgados cara ás femias. Sitios de aniñación que foron expostos a temperaturas infrecuentemente cálidas nun período de tres anos, produciron unha proporción de femias do 87 ao 99%.[80] Isto causa preocupación pola relación entre os rápidos cambios da temperatura global e o risco de extinción da poboación de tartarugas mariñas comúns.[81] Un efecto máis localizado é o causado pola construción de edificios altos preto das praias, que reducen a exposición ao sol e reducen a temperatura media da area, o que orixina un cambio nas proporcións de sexos, incrementando a porcentaxe de machos.[62]

Actividades de conservación

[editar | editar a fonte]
Tartaruga mariña común que escapa dunha rede a través dun dispositivo de exclusión de tartarugas.

Como esta tartaruga ten unha área de distribución moi extensa, a súa conservación require un esforzo de cooperación internacional.[9]

Está clasificada como unha especie en perigo de extinción pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN) e está incluída no Apéndice I da Convención sobre o Comercio Internacional de Especies Ameazadas (CITES), polo cal o comercio internacional desta especie é considerado ilícito.[9] Nos Estados Unidos, o Servizo de Pesca e Vida Silvestre e o Servizo Nacional de Pesca Mariña clasifícana como especie ameazada no marco da Lei de Especies Ameazadas.[9] En Australia considérase unha especie en perigo de extinción.

A convención sobre a conservación das especies migratorias de animais silvestres aplícase tamén á conservación da tartaruga mariña común na costa atlántica de África, e no océano Índico e sueste asiático.[82][83] No Xapón, a Asociación de Tartarugas Mariñas do Xapón traballa para a conservación destas tartarugas,[84] e en Grecia faino a Sociedade para a Protección da Tartaruga Mariña (ARCHELON).[85] Na illa de Zakynthos, as autoridades gregas non permiten que os avións engalen ou aterren durante a noite para protexer as tartarugas aniñadoras.[86] En Omán a Fundación de Investigación Mariña traballa para a súa conservación.[87] Está tamén protexida polo Anexo 2 do Protocolo relativo ás Áreas e Vida Silvestre Especialmente Protexidas do Convenio de Cartaxena, que trata sobre a contaminación que pode prexudicar aos ecosistemas mariños.[9][88] No mundo enteiro hai organizacións conservacionistas que traballaron xunto coa industria da pesca de arrastre para desenvolver un dispositivo de exclusión de tartarugas para evitar a captura accidental de tartarugas mariñas. Estes dispositivos son obrigatorios para todos os camaroneiros.[9]

Durante a tempada de aniñación, traballadores e voluntarios de organizacións conservacionistas vixían a costa para identificar niños de tartarugas,[89] e os investigadores científicos tamén saen durante a noite na procura de femias aniñadoras para marcalas, e para retirarlles percebes e tomar mostras de tecidos. Os voluntarios poden, en certas condicións, resituar os niños para protexer os ovos de distintas ameazas, como as mareas altas da primavera e depredadores, e vixían os niños decote para comprobar se houbo alteracións. Despois da eclosión dos ovos, os voluntarios abren o niño para contar os ovos non eclosionados, e as crías mortas. As crías vivas restantes son liberadas ou levadas a instalacións de investigación. En xeral, morren as crías que carecen de vitalidade dabondo como para poder saír do ovo e subir á superficie.[90] Os neonatos utilizan o traxecto do niño ao mar para desenvolver forzas para a natación.[91]

Nos Estados Unidos esta especie foi declarada réptil oficial do estado de Carolina do Sur e tamén réptil oficial de auga salgada do estado de Florida.[92][93]

  1. 1,0 1,1 Spotila 2004, p. 59
  2. Marine Turtle Specialist Group (1996). "Caretta caretta". Lista Vermella de especies ameazadas. (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 
  3. Seaturtles: Cheloniidae – Loggerhead Turtle (Caretta caretta): Species Accounts animals.jrank.org
  4. 4,0 4,1 Dodd 1988, p. 1
  5. 5,0 5,1 Dodd 1988, p. 2
  6. Conde Teira, M. A. (1996): "Acerca dos nomes dos anfibios e réptiles galegos" Arquivado 27 de agosto de 2016 en Wayback Machine. en Cadernos de Lingua, 13, páx. 84. Real Academia Galega.
  7. History, Life. "Loggerhead Sea Turtles, Caretta caretta". MarineBio. 
  8. 8,0 8,1 8,2 Conant 2009, p. 7
  9. 9,00 9,01 9,02 9,03 9,04 9,05 9,06 9,07 9,08 9,09 9,10 Bolten, A.B. (2003). "Loggerhead Turtle (Caretta caretta)". NOAA Fisheries. NOAA Fisheries. Arquivado dende o orixinal o 13 de marzo de 2010. Consultado o 31 de xaneiro de 2010. 
  10. Dodd 1988, p. 4
  11. Wynne 1999, p. 97
  12. Marquez 1990, p. 14
  13. James 2004, p. 581
  14. 14,0 14,1 Spotila 2004, p. 172
  15. Spotila 2004, p. 174
  16. Conant 2009, p. 11
  17. 17,0 17,1 17,2 17,3 Ernst 2009, p. 39
  18. 18,0 18,1 Spotila 2004, p. 164
  19. 19,0 19,1 19,2 19,3 Spotila 2004, p. 165
  20. 20,0 20,1 20,2 20,3 20,4 20,5 Spotila 2004, p. 166
  21. 21,0 21,1 21,2 Conant 2009, p. 8
  22. C.Michael Hogan. 2011. Coral Sea. Encyclopedia of Earth. Eds. P. Saundry & C.J.Cleveland. National Council for Science and the Environment. Washington DC
  23. 23,0 23,1 Bowen 1995, p. 3731
  24. Bowen 1995, p. 3733
  25. Wallace J., Nichols (2008). "Voyage of the Lonely Turtle – Interview: Wallace J. Nichols". PBS. Educational Broadcasting Corporation. Arquivado dende o orixinal o 26 de abril de 2010. Consultado o 29 de maio de 2010. 
  26. Conant 2009, p. 20
  27. Witherington 2006, p. 12
  28. 28,0 28,1 28,2 Spotila 2004, p. 167
  29. 29,0 29,1 29,2 Ernst 2009, p. 37
  30. 30,0 30,1 30,2 30,3 30,4 30,5 Wynne 1999, p. 104
  31. SeaWorld Parks & Entertainment (2010). "Sea Turtles: Physical Characteristics". SeaWorld/Busch Gardens Animals. Arquivado dende o orixinal o 18 de agosto de 2010. Consultado o 26 de maio de 2010. A sea turtle cannot retract its limbs under its shell as a land turtle can. 
  32. 32,0 32,1 32,2 Wynne 1999, p. 110
  33. 33,0 33,1 Valente 2007, p. 22
  34. Peaker 1975, p. 231
  35. 35,0 35,1 Ernst 2009, p. 44
  36. Ernst 2009, p. 43
  37. 37,0 37,1 Ernst 2009, p. 40
  38. 38,0 38,1 38,2 Schofield, G; Katselidis, G; Pantis, KA; Dimopoulos, JD; Hays, P (2007). "Female-female aggressions: structure of interaction and outcome in loggerhead sea turtles". Marine Ecology Progress Series (Inter-Research) 336 (1): 267. ISSN 1616-1599. doi:10.3354/meps336267. Arquivado dende o orixinal o 23 de febreiro de 2012. Consultado o 28 de maio de 2010. 
  39. 39,0 39,1 39,2 Ernst 2009, p. 53
  40. 40,0 40,1 40,2 40,3 Ernst 2009, p. 52
  41. 41,0 41,1 41,2 Spotila 2004, p. 171
  42. 42,0 42,1 National Research Council 1990, p. 62
  43. BHI Conservancy’s Sea Turtle Protection Program Arquivado 06 de marzo de 2021 en Wayback Machine.. BHI Conservancy. Consultado o 1 de marzo de 2013
  44. (http://www.unc.edu/depts/geomag/ Arquivado 10 de novembro de 2018 en Wayback Machine.)
  45. 45,0 45,1 NOAA Fisheries (2010). "Threats to Marine Turtles". Endangered marine animal preservation. NOAA Fisheries Office of Protected Resources. Arquivado dende o orixinal o 04 de xaneiro de 2010. Consultado o 7 de febreiro de 2010. 
  46. 46,0 46,1 Flint, Mark (novembro de 2009). "Postmortem diagnostic investigation of disease in free-ranging marine turtle populations: a review of common pathologic findings and protocols". Journal of Veterinary Diagnostic Investigation. Arquivado dende o orixinal o 27 de maio de 2010. Consultado o 27 de maio de 2010. 
  47. Byrd, Lynne; Clauss, Tonya M.; Anderson, Eric T.; Kinsel, Michael J.; Manire, Charles A. (2008/03). "Lungworm Infection in Three Loggerhead Sea Turtles, Caretta caretta". Journal of Zoo and Wildlife Medicine 39 (1): 92–99. ISSN 1042-7260. doi:10.1638/2007-0092.1. 
  48. 48,0 48,1 Spotila 2004, p. 177
  49. 49,0 49,1 Ernst 2009, p. 50
  50. 50,0 50,1 50,2 Miller 2000, p. 10
  51. Yntema 1982, p. 1013
  52. 52,0 52,1 Fish and Wildlife Research Institute (setembro de 2009). "Artificial Lighting and Sea Turtle Hatchling Behavior". Florida Fish and Wildlife Conservation Commission. Coastal Carolina University. Arquivado dende o orixinal o 27 de maio de 2010. Consultado o 12 de abril de 2010. 
  53. 53,0 53,1 Spotila 2004, p. 21
  54. Spotila 2004, p. 22
  55. Hochscheid, S.; F. Bentivegna, G.C. Hay (2005). "First records of dive durations for a hibernating sea turtle". Biology Letters 1 (1): 82–6. PMC 1629053. PMID 17148134. doi:10.1098/rsbl.2004.0250. Arquivado dende o orixinal o 27 de maio de 2010. Consultado o 12 de abril de 2010. 
  56. 56,0 56,1 Avens, Larisa (2003). "Use of multiple orientation cues by juvenile loggerhead sea turtles Caretta caretta". The Journal of Experimental Biology (The Company of Biologists) 206 (1): 4317. doi:10.1242/jeb.00657. 
  57. Bentivegna, F.; Valentino, F.; Falco, P.; Zambianchi, E.; Hochscheid, S. (2007). "The relationship between loggerhead turtle (Caretta caretta) movement patterns and Mediterranean currents". Marine biology 151 (5): 1605–1614. 
  58. 58,0 58,1 58,2 Miller 2000, p. 5
  59. 59,0 59,1 Spotila 2004, p. 16
  60. 60,0 60,1 Miller 2000, p. 4
  61. 61,0 61,1 61,2 61,3 61,4 Miller 2000, p. 6
  62. 62,0 62,1 62,2 62,3 62,4 62,5 Spotila 2004, p. 170
  63. 63,0 63,1 Manire, Charles (2008). "Mating-induced ovulation in loggerhead sea turtles, Caretta caretta". Zoo Biology. 
  64. Miller 2000, p. 9
  65. 65,0 65,1 65,2 65,3 65,4 Zbinden, Judith A.; Largiadèr, Carlo R.; Leippert, Fabio; Margaritoulis, Dimitris; Arlettaz, Raphaël (2007). "High frequency of multiple paternity in the largest rookery of Mediterranean loggerhead sea turtles". Molecular Ecology (en inglés) 16 (17): 3703–3711. ISSN 1365-294X. doi:10.1111/j.1365-294X.2007.03426.x. 
  66. Pearce, D.E. (2001). "Turtle Behavior Systems: Behavior, Sperm Storage, and Genetic Paternity". The Journal of Heredity. Arquivado dende o orixinal o 17 de abril de 2010. Consultado o 29 de abril de 2010. 
  67. Miller 2000, p. 29
  68. Miller 2000, p. 13
  69. Miller 2000, p. 17
  70. Spotila 2004, p. 178
  71. 71,0 71,1 Aguirre, A.; Susan C. Gardner, Jesse C. Marsh, Stephen G. Delgado, Colin J. Limpus, Wallace J. Nichols (setembro 2006). "Hazards Associated with the Consumption of Sea Turtle Meat and Eggs: A Review for Health Care Workers and the General Public" (PDF). EcoHealth 3 (3): 141–53. doi:10.1007/s10393-006-0032-x. Consultado o 2 de marzo de 2010. [Ligazón morta]
  72. Dellios, Hugh (18 de setembro de 2005). "Mexico Cracks Open Myth of Sea Turtle Eggs". Chicago Tribune. Arquivado dende o orixinal o 27 de maio de 2010. Consultado o 16 de marzo de 2010. 
  73. Craven, Kathryn; Taylor, Judy (11 de setembro de 2007). "Marine Turtle Newsletter: Identification of Bacterial Isolates from Unhatched Loggerhead (Caretta caretta) Sea Turtle Eggs in Georgia, USA". Armstrong Atlantic State University, Dept. Biology. Arquivado dende o orixinal o 28 de maio de 2010. Consultado o 16 de marzo de 2010. 
  74. 74,0 74,1 74,2 Peckham, S. Hoyt; Diaz, David Maldanado; Walli, Andreas; Ruiz, Georgita; Crowder, Larry B.; Nichols, Wallace J. (2007). Colin Allen, ed. "Small-Scale Fisheries Bycatch Jeopardizes Endangered Pacific Loggerhead Turtles". PLoS ONE 2 (10): e1041. PMC 2002513. PMID 17940605. doi:10.1371/journal.pone.0001041. Arquivado dende o orixinal o 04 de setembro de 2010. Consultado o 25 de outubro de 2010. 
  75. 75,0 75,1 National Marine Fisheries 1998, p. 23
  76. Peckham, S. Hoyt; Diaz, David Maldonado; Walli, Andreas; Ruiz, Georgita; Crowder, Larry B.; Nichols, Wallace J. (2007). Colin Allen, ed. "Small-Scale Fisheries Bycatch Jeopardizes Endangered Pacific Loggerhead Turtles". PLoS ONE 2 (10): e1041. PMC 2002513. PMID 17940605. doi:10.1371/journal.pone.0001041. Arquivado dende o orixinal o 04 de setembro de 2010. Consultado o 25 de outubro de 2010. 
  77. National Research Council 1990, p. 114
  78. National Research Council 1990, p. 115
  79. Lorne 2007, p. 23
  80. Mrosovsky, N. & Provancha, J. 1992
  81. Janzen 1994, p. 7489
  82. Convention on Migratory Species (2004). "Memorandum of Understanding concerning Conservation Measures for Marine Turtles of the Atlantic Coast of Africa". Convention on Migratory Species. UNEP / CMS Secretariat. Arquivado dende o orixinal o 18 de agosto de 2010. Consultado o 26 de maio de 2010. The project aims to create a monitoring and protection network for nesting and feeding sites in close collaboration with local communities, fishermen, travel operators and coastal developers. 
  83. Convention on Migratory Species (2004). "Memorandum of Understanding concerning Conservation Measures for Marine Turtles of the Indian Ocean and South-East Asia". Convention on Migratory Species. UNEP / CMS Secretariat. Arquivado dende o orixinal o 09 de decembro de 2009. Consultado o 26 de maio de 2010. In the context of sustainable development, the conservation and management of marine turtles globally and within the Indian Ocean – South-East Asian region presents a formidable challenge. 
  84. Bullock, Dusty (2008). "What is the Sea Turtle Association of Japan?". Sea Turtle Association of Japan. Sea Turtle Association of Japan. Arquivado dende o orixinal o 23 de xullo de 2011. Consultado o 26 de maio de 2010. Our most important activities are counting nesting turtles, and marking them to enable discrimination, using consistent methods throughout Japan. 
  85. Rees, Alan (2005). "Archelon, the Sea Turtle Protection Society of Greece: 21 Years Studying and Protecting Sea Turtles". Archelon. British Chelonia Group. Arquivado dende o orixinal o 30 de maio de 2010. Consultado o 27 de maio de 2010. Archelon is involved with the turtles, not only through nest management and turtle rehabilitation, but also with stakeholders 
  86. "Zakynthos Airport". Zakynthos Internet Services. 2010. Arquivado dende o orixinal o 27 de maio de 2010. Consultado o 12 de abril de 2010. Night flights are banned on Zakynthos, so as not to disturb the endangered Caretta Carettaturtles which nest their eggs on the beaches of Zante. 
  87. Marine Research Foundation (2004). "Ongoing Conservation Initiatives". Marine Research Foundation. Marine Research Foundation. Arquivado dende o orixinal o 30 de maio de 2010. Consultado o 29 de maio de 2010. This project aimed to continue to build on Oman’s programme to conduct surveys, develop survey protocols and provide equipment and material and personnel support for Government rangers 
  88. European Environment Agency (2010). "Legislative instrument details: Cartagena Convention". European Environment Agency. European Environment Agency. Arquivado dende o orixinal o 16 de outubro de 2009. Consultado o 31 de maio de 2010. The Cartagena Convention requires Parties to adopt measures aimed at preventing, reducing and controlling pollution of the following areas: pollution from ships; pollution caused by dumping; pollution from sea-bed activities; airborne pollution; and pollution from land-based sources and activities. 
  89. seaturtle.org (11 de decembro de 2009). "Job Board". seaturtle.org. seaturtle.org. Arquivado dende o orixinal o 28 de maio de 2010. Consultado o 27 de maio de 2010. collect biopsy samples for DNA studies, cage nests to prevent egg depredation, record location of nests and non-nesting emergences. 
  90. Conant 2009, p. 13
  91. Whitmeyer, Steven J. (2009). Field geology education: historical perspectives and modern approaches. The Geological Society of America. pp. 238. ISBN 978-0-8137-2461-4. 
  92. "State symbols/Fla. cracker horse/loggerhead turtle (SB 230)". Florida House of Representatives. 2008. Arquivado dende o orixinal o 08 de outubro de 2011. Consultado o 10 de agosto de 2011. 
  93. Shearer 1994, p. 323

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Lecturas complementarias

[editar | editar a fonte]
  • Bolten, Alan B.; Witherington, Blair E. (2003). Loggerhead Sea Turtles. Washington, D.C.: Smithsonian Books. ISBN 1-58834-136-4. 
  • Lutz, Peter L.; Musick, John A.; Wyneken, Jeanette (1997). The Biology of Sea Turtles 1. Boca Raton, Florida: CRC Press. ISBN 0-8493-8422-2. 
  • Lutz, Peter L.; Musick, John A.; Wyneken, Jeanette (2003). The Biology of Sea Turtles 2. Boca Raton, Florida: CRC Press. ISBN 0-8493-8422-2. 
  • Gulko, D.; Eckert, K.L. (2004). Sea Turtles: An Ecological Guide. Honolulu, Hawai’i: Mutual Publishing. ISBN 1-56647-651-8. 

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]