Sicómoro
Sicómoro | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||
'Ficus sycomorus' L. | |||||||||||||||||
Distribución | |||||||||||||||||
O sicómoro (Ficus sycomorus) é unha árbore da familia das moráceas e do xénero das figueiras.
Non se debe confundir cos tamén chamados sicómoro europeo (Acer pseudoplatanus), sicómoro americano (Platanus occidentalis), sicómoro de California (Platanus racemosa) ou sicómoro de Arizona (Platanus wrightii).
Distribución
[editar | editar a fonte]Cultivado en Exipto desde o terceiro milenio a.C., a figueira sicómoro é orixinaria da África Central, onde se atopa desde o Senegal e o Sahel até Namibia e o nordeste de Suráfrica, agás no bosque tropical húmido. Aparece espontaneamente ao sur da península arábiga, en Chipre e en certas rexións de Madagascar, e tamén no Líbano, onde a famosa rúa Gemmayzeh chámase así polo seu nome árabe gemmayz. Foi naturalizado en Israel e en Exipto. Na novela de Xulio Verne, Kerabán o Testarudo, aparece ao sur do mar Negro. No seu hábitat orixinal, crece xeralmente sobre solos ricos, en ribeiras e bosques mixtos.
Descrición
[editar | editar a fonte]O sicómoro pode chegar a medir até 20 m de altura e 6 metros de anchura cunha copa bastante espesa. As cascas desta árbore son verdes amarelas e exfólianse en tiras que deixan aparecer no seu interior outra tona amarelenta. Como todas as figueiras, o sicómoro contén látex. As follas cordiformes (con forma acorazonada) teñen unha cor verde escura, son ásperas e miden uns 14 cm de longo e uns 10 cm de largo e están dispostas en espiral ao redor da rama. Sobre o seu envés verde claro vense os nervios prominentes. O pecíolo pubescente mide de 0,5 a 3 cm de lonxitude.
O froito é un figo comestible de 2 a 3 cm de diámetro, que pasa do verde ao amarelo rosado. Aparece en acios directamente sobre o tronco ao longo de todo o ano, cun pico entre xullo e decembro. A flor crece dentro do figo e machos e femias crecen en froitos diferentes, de maneira que fai falta a axuda dunha pequena nespra para a polinización.
Reprodúcese facilmente por esqueixes, que deben ser fnios coma un dedo e duns 15 cm de lonxitude. Plántanse nunha maceta grande con terra húmida e hai que esperar varias semanas a que empece a crecer antes de trasplantalo. Tamén se pode plantar mediante estacas máis grosas obtidas dunha rama directamente no chan, procurando que a estaca non estea demasiado seca. É suficiente con que teña un metro de lonxitude e a anchura dun brazo. En todos os casos, debe plantarse xusto antes da estación húmida.
Aínda que esta especie de figueira require para frutificar de simbiose coa avespa Ceratosolen arabicus, e este insecto está desaparecido de Exipto, Zahy e Hopf (Zohay D. e Hopf M. Domestication of plants in the Old World, Oxford, 2000) non teñen dúbida de que este país foi a principal área do cultivo do sicómoro, posto que hai ataúdes construídos coa súa madeira. Nos países tropicais nos que este insecto abunda, desenvolveuse un complexo miniecosistema arredor da avespa, unha serie de nematodos, outras avespas parasitas, varios predadores maiores e o sicómoro. Entre todos, aseguran unha produción constante de figos.
Usos
[editar | editar a fonte]Polo seu amplo porte úsase como árbore de sombra nos países cálidos, especialmente no Próximo Oriente.
A súa mol madeira serve de combustible e mediante a fricción de dúas pólas pódese acender un lume. Tamén se usa para facer tallas, especialmente para tambores.
O froito é comestible, de sabor aromático, pero adoita estar cheo de insectos. Dos figos fermentados pódese obter unha bebida alcohólica. Son moi atractivos para os paxaros, que os comen incluso cando están caídos na auga. Os froitos, como as follas, pódense usar como alimento para o gando, especialmente as cabras, e melloran a produción de leite. En moitas aldeas dáselle ás vacas unha mestura de follas e froitos. Coa tona pódense facer cordas moi resistentes. Unha decocción da tona e o látex úsase para combater a tose e a escrófula, unha inflamación dos ganglios do pescozo. Este líquido tamén se usa contra a dermatofitose. O látex úsase para tratar inflamacións da pel e frétase sobre as verrugas para destruílas. Polo seu carácter pegañento, tamén se usa como trampa para cazar paxaros pequenos.
Di Dioscórides: "Chámase tamén sicómoro o seu froito por ser desabrido ao gusto. É unha árbore alta, semellante a unha figueira, moi provisto de zume e parecido á moreira polas súas follas. Produce froito tres ou catro veces ao ano, non nos ramos, como no caso da figueira silvestre, senón no tronco: o seu froito é semellante ao da figueira silvestre, máis doce que o figo silvestre e non ten grans dentro... Dáse moito en Caria, en Rodas e outros lugares que non son ricos en gran. Extráese zume da árbore antes de producir o froito, na primavera, a base de machucar superficialmente a casca cunha pedra... Recóllese a bágoa cunha esponxa ou un anaco de la e unha vez seco e moldeado en pastillas, almacénase nun recipiente de barro cocido... O zume ten virtude molificativa, cicatrizante de feridas, sudorífico de cousas de dixestión difícil. Bébese e aplícase como ungüento contra a mordedura de serpes, o endurecemento do bazo, as dores de estómago e os calafríos; o zume vólvese caruncho rapidamente... Prodúcese tamén en Chipre un sicómoro de diferente especie, pois as súas follas parécense ás do olmo. Produce un froito do tamaño das ameixas, aínda que máis doce. En todo o demais, é semellante ao que se dixo".
Historia
[editar | editar a fonte]O sicómoro empeza a mencionarse en épocas predinásticas no Antigo Exipto. Ás veces menciónase a Exipto como o "país dos sicómoros", e a árbore chámase falsa figueira ou figueira exipcia. Segundo Zohay e Hopf, os exipcios eran os únicos que o cultivaban, moi fácil de reproducir mediante esqueixes.
Debido á súa madeira incorruptible, os exipcios relacionárono coa morte e a resurrección; de aí que se plantaran cerca das tumbas e que os ataúdes se construíran cando era posible coa súa madeira branda e lixeira. Tamén se facían amuletos coa forma das súas follas.
Ao principio, a tapa do ataúde identificábase coa deusa do ceo Nut, aínda que, co tempo, a árbore acabou identificándose tamén con Hathor e con Isis, as tres señoras do sicómoro.
É normal encontrar representacións nas que aparecen Hathor ou Nut subidas a un sicómoro dando de comer ou de beber ao ba do defunto. Nut adopta entón o papel protector e compasivo de Hathor. Como árbore do viaxeiro, era Hathor quen ofrecía os seus figos aos viaxeiros que se encontraban cunha destas árbores no camiño.
Hathor aparece ás veces coa mención de “Dama do sicómoro do Sur”, refiróndose á árbore que crece en Menfis, xa que o sicómoro de Norte crecía en Heliópole.
O ataúde de Osiris estaba construído con madeira de sicómoro e recibía a sombra da mesma árbore. Ser enterrado nun ataúde desta madeira significaba ser acollido polo abrazo da gran nai en forma de Isis, Hathor ou Nut.
Un xeroglífico mostra dous sicómoros iguais no horizonte do leste como as portas do ceo polas que emerxe cada día o sol, de aí que tamén se coñeza como “A grande árbore de horizonte oriental”.
- O sicómoro na tradición cristiá
"A árbore da Virxe" é un vello sicómoro que se encontra en el-Matariya, O Cairo, Exipto. A tradición recolle que nel a Virxe María descansou durante a súa fuxida a Exipto.[1]
Literatura
[editar | editar a fonte]- Na Biblia, Amós (Amos 7:14), pastor e produtor de figos, fala do froito do sicómoro como pouco importante. Aparece mencionado tamén en Xeremías 24:2. En Xericó, Zaqueo rube a un sicómoro para ver pasar a Xesús.
- En I Reis 10:27 dise: “O rei fixo a prata tan común en Xerusalén como as pedras, e fixo os cedros tan abundantes como os sicómoros que están na chaira”.
- Na Mishná hebrea, no libro de Zeraim descríbese a Alta Galilea como a área do norte de Kfar Hananya onde non se dá o sicómoro; sendo a Baixa Galilea, a área do sur de Kfar Hananya, onde medra o sicómoro.
- Na primeira escena do primeiro acto de "Romeo e Xulieta", de William Shakespeare, Lady Montesco pregúntalle a Benvolio se viu a Romeo e este respondelle á nai do seu amigo: "Unha hora antes de que o sol sagrado asomara polo balcón dourado de Oriente, a miña alma entristecida moveume a saír. Alí, por entre os sicómoros nunha arboreda que crece no oeste da cidade, vin paseando o voso fillo moi cedo (...)".
Taxonomía
[editar | editar a fonte]Ficus sycomorus foi descrito por Carl von Linné e publicado en Species Plantarum 1: 1059. 1753.[2]
Ficus: nome xenérico que se deriva do nome dado en latín ao figo.[3]
sycomorus: epíteto
- Ficus chanas Forssk.
- Ficus cocculifolia Baker
- Ficus cocculifolia subsp. sakalavarum (Baker) H. Perrier & Leandri
- Ficus cocculifolia var. sakalavarum (Baker) H. Perrier
- Ficus comorensis Warb.
- Ficus damarensis Engl.
- Ficus gnaphalocarpa (Miq.) Steud. ex Miq.
- Ficus integrifolia Sim
- Ficus sakalavarum Baker
- Ficus scabra Sim
- Ficus sycomorus subsp. gnaphalocarpa (Miq.) C.C.Berg
- Ficus trachyphylla (Miq.) Miq.
- Ficus trachyphylla Fenzl
- Sycomorus antiquorum Gasp.
- Sycomorus gnaphalocarpa Miq.
- Sycomorus rigida Miq.
- Sycomorus trachyphylla Miq.[4]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ E. A. Wallis Budge: Notes For Travellers In Egypt p. 281.
- ↑ "Sicómoro". Tropicos.org. Missouri Botanical Garden. Consultado o 12 de febreiro de 2013.
- ↑ En Nombres Botánicos
- ↑ ["Sicómoro en PlantList". Arquivado dende o orixinal o 17 de outubro de 2017. Consultado o 24 de maio de 2015. Sicómoro en PlantList]
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Berg, C. C. 1986. The Ficus species (Moraceae) of Madagascar and the Comoro Islands. Bull. Mus. Natl. Hist. Nat., B, Adansonia 8(1): 17–55.
- Berg, C. C. 1991. 156. Moraceae. Fl. Zambes. 9(6): 13–76.
- Gibbs Russell, G. E., W. G. Welman, E. Reitief, K. L. Immelman, G. Germishuizen, B. J. Pienaar, M. v. Wyk & A. Nicholas. 1987. List of species of southern African plants. Mem. Bot. Surv. S. Africa 2(1–2): 1–152(pt. 1), 1–270(pt. 2).
- Schatz, G. E., S. Andriambololonera, Andrianarivelo, M. W. Callmander, Faranirina, P. P. Lowry, P. B. Phillipson, Rabarimanarivo, J. I. Raharilala, Rajaonary, Rakotonirina, R. H. Ramananjanahary, B. Ramandimbisoa, A. Randrianasolo, N Ravololomanana, Z. S. Rogers, C. M. Taylor & G. A. Wahlert. 2011. Catalogue of the Vascular Plants of Madagascar. Monogr. Syst. Bot. Missouri Bot. Gard. 0(0): 0–0.
- Zohay D. e Hopf M. Domestication of plants in the Old World, Oxford, 2000
- Estudios y traducción. Dioscórides, Manuscrito de Salamanca. Universidad de Salamanca, 2000
- Diccionario de los dioses y mitos del Antiguo Egipto, Océano, Barcelona, 2003
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Sicómoro |
Vexa a entrada do Galizionario acerca de sicómoro |
- Ficus Sycomorus (en castelán)
- Figweb.org (en inglés)
- U-landslære Approaches to Development - Sycamore Fig (en inglés)
- Botswana Tourism Flora and Fauna (en inglés)
- PBS Nature documental "The Queen of Trees" (on the sycamore fig in Kenya)
- http://www.raysfiginfo.com/sycomore.html
- http://www.flowersinisrael.com/Ficussycomorus_page.htm
- http://www.wildflowers.co.il/kkl/english/plant.asp?ID=119
- http://www.odu.edu/~lmusselm/plant/bible/sycomorefig.php
- http://waynesword.palomar.edu/ww0501.htm Arquivado 27 de outubro de 2015 en Wayback Machine.
- https://web.archive.org/web/20131104065255/http://www.botswanatourism.co.bw/sycamoreFigtree.php
- http://www.treesofjoy.com/content/sycamore-fig-ficus-sycamorus Arquivado 24 de maio de 2015 en Wayback Machine. (co vídeo no que se ve a avespa do sicómoro)
- Sicómoro en AgroForestryTree Database (en inglés)
- Distribución en Infonet-biovision (en inglés)