Phrynorhombus norvegicus
Phrynorhombus norvegicus Meiga de Noruega | |||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||||||
Phrynorhombus norvegicus (Günther, 1862) |
Phrynorhombus norvegicus (Günther, 1862) é unha especie de peixe teleósteo da orde dos pleuronectiformes, suborde dos pleuronectoideos e familia dos escoftálmidos, única actualmente recoñecida no xénero Phrynorhombus [1] e coñecida en galego como meiga de Noruega.[2]
Taxonomía
[editar | editar a fonte]- Xénero
O xénero Phrynorhombus foi descrito en 1862 polo zoólogo británico de orixe alemá Albert Günther.[3]
- Etimoloxía
O nome Phrynorhombus está formado coa raíz do latín científico phryno-, derivada do grego φρύνος phrýnos, "sapo", e o latín rhombus, "rodaballo" que, á súa vez, deriva do grego antigo ῥόμβος rhómbos, "rombo".
- Especie
Günther, así mesmo, describiu por primeira vez, e o mesmo ano, á especie, pero baixo o nome de Rhombus norvegicus, que máis tarde reclasificou no xénero actual.[1]
Até hai pouco tempo recoñecíanse no xénero dúas especies:
- Phrynorhombus norvegicus (Günther, 1862).
- Phrynorhombus regius (Bonnaterre, 1788).
pero a segunda reclasificouse actualmente como Zeugopterus regius (Bonnaterre, 1788).[3]
Características
[editar | editar a fonte]As principais características morfolóxicas deste peixe son:[4][5]
- Corpo ovalado, alongado e comprimido, de até os 12 cm de lonxitude (é a menor das especies de peixes planos do norte de Europa).
- Cabeza con perfil lixeiramente arredondado.
- Ollos separados por un estreito espazo.
- Boca grande e oblicua.
- Pel áspera, con escamas rugosas en ambos os lados do corpo.
- Liña lateral igualmente desenvolvida nos dous lados do corpo, que describe un arco sobre a aleta pectoral no lado pigmentado.
- A aleta dorsal orixínase sobre o ollo superior. As aletas ventral e anal non están fusionadas.
- A coloración do lado pigmentado é parda clara, con manchas irregulares máis escuras sobre todo o corpo (incluídas as aletas).
Distribución
[editar | editar a fonte]Distribúese por toda a costa de Noruega, desde o cabo Norte até o Skagerrak, sur de Islandia, noroeste de Suecia, oeste de Dinamarca, illas Feroe, illas Británicas, o canal da Mancha e o noroste de Francia, até o sur da Bretaña.[5][6]
Hábitat e bioloxía
[editar | editar a fonte]Hábitat
[editar | editar a fonte]Vive principalmente en fondos rochosos de 10 a 100 m de profundidade (máis abundante entre os 20 e os 50 m).[4][5]
Bioloxía
[editar | editar a fonte]- Nutrición
Aliméntase principalmente de pequenos peixes e invertebrados (sobre todo crustáceos e vermes).[4][5]
- Reprodución
A desova efectúase entre os meses de febreiro e agosto (con máis frecuencia entre abril e xullo). Os ovos, peláxicos, miden 0,8 mm de diámetro, e eclosionan ao cabo dunha semana. As larvas, de simetría bilateral, sofren a metamorfose ao estadio bentónico cando alcanzan entre 10 e 13 mm.[4][5]
En Galicia
[editar | editar a fonte]O primeiro rexistro en augas de Galicia, na zona externa da ría de Arousa, entre os 10 e os 40 m de profundidade, fíxoo J. Iglesias en 1981, publicándoa no seu traballo "Spatial and temporal changes in the demersl fish community of the Ria de Arosa (NW Spain)", Mar. Biol. 65: 199-208. Posteriormente hai outra cita, do mesmo autor, xunto a E. González Gurriarán, en 1984, na ría de Pontevedra, publicada en "Primeros datos sobre la megafauna bentónica de la Ría de Pontevedra: Peces demersales y crustáceos decápodos (Brachyura)", Cuadernos da Área de Ciencias Mariñas. Seminario de Estudos Galegos 1: 303-319.[4]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Phrynorhombus norvegicus (Günther, 1862) no WoRMS.
- ↑ Lahuerta Mouriño, Fernando e Francisco X. Vázquez Álvarez (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia / Termigal. ISBN 84-453-2913-8, p. 84.
- ↑ 3,0 3,1 Phrynorhombus Günther, 1862 no WoRMS.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Rodríguez Villanueva et al. (1995), pp. 284-285.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Muus, Bent J. el al. (1998), pp. 255-256.
- ↑ Phrynorhombus norvegicus (Günther, 1862) en FishBase.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Phrynorhombus norvegicus |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Muus, Bent J.; Jørgen G. Nielsen; Preben Dahlstrøm e Bente O. Nyström (1998): Peces de mar del Atlántico y del Mediterráneo. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-1161-2.
- Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. Nova York: John Wiley & Sons, Inc. ISBN 978-0-471-25031-7.* Rodríguez Solórzano, Manuel; Sergio Devesa Regueiro e Lidia Soutullo Garrido (1983): Guía dos peixes de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-433-4.
- Rodríguez Villanueva, X. L. e Xavier Vázquez (1995): Peixes do mar de Galicia. (III) Peixes óseos (continuación). Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-870-2.
- van der Land, J.; Costello, M.J.; Zavodnik, D.; Santos, R.S.; Porteiro, F.M.; Bailly, N.; Eschmeyer, W.N.; Froese, R. (2001): "Pisces", en: Costello, M. J. et al., eds. European register of marine species: a check-list of the marine species in Europe and a bibliography of guides to their identification. Collection Patrimoines Naturels, 50: pp. 357–374.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Phrynorhombus norvegicus (Günther, 1862) en FishBase (en inglés) Información, imaxes e mapa de distribución
- Norwegian topknot - Phrynorhombus norvegicus en MarLIN. Biodiversity & Conservation (en inglés) Información, unha imaxe e un mapa de distribución restrinxio ás illas Británicas.