Saltar ao contido

Partido Árabe Socialista Baaz

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Partido Baath Árabe Socialista (PASB)
Partido político de Siria
Dirixentes e organización
LíderBashar al-Assad
Historia
Fundación7 de abril de 1947
Posicións políticas
IdeoloxíaNacionalismo árabe, Socialismo árabe e Panarabismo
Outros datos
SedeDamasco, Siria
Na rede
www.baath-party.org

O Partido Baath Árabe Socialista (tamén transcrito como Baaz, Baath ou Ba'ath, árabe: حزب البعث العربي الاشتراكي Hizb Al-Baath Al-Arabi Al-Ishtiraki), foi fundado en 1947 como un partido político nacionalista árabe laico, radical socialista. Funcionaba como un partido panárabe con pólas en diferentes países árabes, pero era máis forte en Siria e Iraq. Asumiu o poder en ambos países en 1963. En 1966 os partidos sirio e iraquí convertéronse en faccións rivais. Ambo-los dous partidos Baaz mantiveron o mesmo nome e teñen estruturas paralelas no mundo árabe.

Apareceu inicialmente como movemento nacionalista árabe en 1940 da man dos pensadores sirios Michel Aflaq e Salah Bitar. Tomou forza nos anos seguintes en Siria (onde se lle agregaron militantes de grupos nacionalistas e marxistas) e no veciño Iraq (onde se implantou fortemente no exército). Non foi fundado de xeito oficial como partido até a celebración do seu primeiro congreso en Damasco, o 7 de abril de 1947.

A palabra árabe "Baath" significa "resurrección", como na obra publicada por Michel Aflaq, titulada Na senda da resurrección. As crenzas baazistas combinan o socialismo árabe, o nacionalismo e o panarabismo. A ideoloxía, na súa maior parte laica, contrasta moito coa doutros gobernos árabes no Medio Oriente, que ás veces tenden a orientarse cara ao islamismo e a teocracia. Algúns analistas occidentais pensan que o Partido Baaz ten certas similitudes coa ideoloxía fascista polo seu discurso populista e o seu nacionalismo panarabista que case se converte en expansionismo.

O lema do partido é "Unidade, liberdade, socialismo" (en árabe wahda, hurriya, ishtirakiya). A "unidade" refírese á unidade árabe, a "liberdade" fai énfase na liberación do control estranxeiro e particularmente da súa intervención, e o "socialismo" refírese ao que se ven chamando socialismo árabe antes que ao marxismo.

O Partido Baath chegou ao poder en Siria o 8 de marzo de 1963 e mantivo un monopolio sobre o poder político dende finais dese ano. Os baazistas gobernaron Iraq brevemente en 1963, e logo dende xullo de 1968 até 2003. Trala destitución "de facto" da ditadura baathista de Saddam Hussein durante a invasión de Iraq de 2003, as autoridades de ocupación prohibiron o Partido Baath Iraquí en xuño de 2003.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]