Saltar ao contido

Okuribito

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Okuribito
Ficha técnica
Título orixinalおくりびと
DirectorYōjirō Takita
ProdutorToshiaki Nakazawa
GuiónKundō Koyama
Intérpretes
MúsicaJoe Hisaishi
FotografíaTakeshi Hamada
MontaxeAkimasa Kawashima
EstudioAmuse Soft Entertainment
Asahi Shimbun
Dentsu
Mainichi Broadcasting System
Sedic
Shochiku
ShoPro
TBS Radio & Communications
Tokyo Broadcasting System
DistribuidoraShochiku
EstreaMWFF: 23 de agosto de 2008
Duración130 minutos
Orixe Xapón
XéneroDrama
Recadación$70 000 000
Na rede
http://www.departures-themovie.com/
IMDB: tt1069238 Filmaffinity: 892791 Allocine: 142464 Rottentomatoes: m/10010675-departures Allmovie: v468277 TCM: 740621 Metacritic: movie/departures TV.com: movies/departures Netlix: 70114013 Editar o valor en Wikidata

Okuribito (おくりびと?) é un filme xaponés de 2008 dirixido por Yōjirō Takita. Está protagonizado por Masahiro Motoki, Ryōko Hirosue e Tsutomu Yamazaki. Está vagamente baseado en Coffinman, unha memoria de Shinmon Aoki, e o filme conta a historia dun home novo que regresa á súa vila despois de fracasar na súa carreira como violonchelista e comeza a traballar como nōkanshi, un embalsamador tradicional xaponés. Enfróntase ós prexuízos de tódolos seus coñecidos, incluíndo a súa muller, por mor de tabús sociais coa xente que traballa coa morte. Posteriormente, consegue o respecto dos seus e aprende a importancia das concexións interpersoais a través da beleza e a dignidade do seu traballo.

A idea de Okuribito xurdiu de Motoki que, afectado por ter visto unha cerimonia funeral no río Ganxes cando viaxou á India, leu amplamente sobre o tema da morte e atopou Coffinman. El sentiu que a historia podería adaptarse ben ó cinema, e Okuribito foi rematado unha década despois. Por mor dos prexuízos xaponés contra aqueles que traballan cos mortos, os distribuidores amosáronse remisos a estrealo até que gañaron un gran premio sorpresa no Festival Internacional de Cinema de Montreal en agosto de 2008. O mes seguinte o filme estreouse no Xapón, onde gañou o premio da academia xaponesa ó mellor filme do ano e converteuse no filme con maior recadación no seu país ese ano. Este éxito foi superado no 2009, cando se converteu na primeira produción xaponesa en gañar o Óscar ó mellor filme en lingua non inglesa.[1][2]

Okuribito recibiu críticas positivas, cunha valoración do 80% de aprobación en Rotten Tomatoes en función de 105 recensións. A crítica louvou o humor do filme, a beleza da cerimonia de embalsamamento e a calidade das interpretacións, pero algúns discreparon pola súa previsibilidade e sentimentalismo manifesto. Os críticos salientaron unha variedade de temas, pero enfocáronse principalmente na humanidade que provoca a morte e como fortalece os lazos familiares. O éxito de Okuribito provocou o estabelecemento de atraccións turísticas en lugares conectados coa rodaxe do filme e fixo medrar o interese polas cerimonias de embalsamamento, así como a adaptación da historia a diferentes medios, incluíndo un manga e unha obra de teatro.

Daigo Kobayashi (Masahiro Motoki) perde o seu traballo como violonchelista cando a orquestra é disolta. El e a súa muller Mika (Ryōko Hirosue) múdanse dende Toquio até a vila natal del en Yamagata, onde viven na súa casa natal que lle foi herdada despois da morte da súa nai dous anos atrás. A casa conta cunha cafetería que rexentaba o pai de Daigo antes de que marchase da casa coa camareira e abandonase a Daigo con seis anos; dende entón pai e fillo perderon o contacto. Daigo sente xenreira cara ó seu pai e culpa por non coidar mellor da súa nai. Daigo aínda conserva unha "carta de pedra", unha piedra que segundo din transmite un significado a través da súa textura, que o seu pai lle dera moitos anos antes.

Daigo atopa un anuncio de emprego "asistindo saídas". Asumindo que o traballo é para unha axencia de viaxes, vai a unha entrevista na oficina NK Agent e descobre a través da secretaria, Yuriko Kamimura (Kimiko Yo), que o traballo consiste en preparar corpos para a cremación nunha cerimonia de embalsamamento tradicional. Aínda que remiso, Daigo é contratado no momento e recibe un anticipo en efectivo do seu novo xefe, Sasaki (Tsutomu Yamazaki). Daigo amósase furtivo sobre os seus novos deberes e ocultalle a verdadeira natureza do traballo a Mika.

O seu primeiro traballo consiste en asistir no embalsamamento dunha muller que morreu soa na casa e que foi descuberta dúas semanas despois. Sofre de náuseas por mor do forte cheiro e despois é humillado nun autobús cando uns estraños detectan ese desagradable cheiro sobre el. Para limparse, visita un baño público que adoitaba frecuentar cando era neno. Os baños son rexentados por Tsuyako Yamashita (Kazuko Yoshiyuki), a nai dun dos antigos compañeiros de clase de Daigo.

Co tempo, Daigo séntese máis agusto coa súa profesión conforme vai cumprindo un número de encargos e experimenta a gratitude das familias dos finados. Malia que afronta o ostracismo social, Daigo non deixa o traballo, nin sequera cando Mika descobre un DVD de adestramento no que el mesmo fai de morto. Mika vaise cos seus pais a Toquio. O antigo compañeirode clase de Daigo, Yamashita (Tetta Sugimoto) insístelle en que atope unha forma de traballo máis respectable e, ata entón, que o evite a el e á súa familia.

Despois dalgúns meses, Mika regresa e anúncialle que está embarazada. Exprésalle a Daigo a súa esperanza de que poida atopar un traballo do cal o seu futuro fillo poida estar orgulloso. Durante a súa conversa, Daigo recibe unha chamada por un embalsamamento para a señora Yamashita. Daigo prepara o corpo en fronte da familia Yamashita e de Mika, quen tamén coñecía á dona dos baños. O ritual válelle o respecto de tódolos presentes, e Mika deixa de insistir en que Daigo cambie de traballo.

Algún tempo despois, reciben a nova da morte do pai de Daigo. De xeito remiso, Daigo vai con Mika a outra vila para velo corpo. Nun comezo, Daigo non é quen de recoñecer ó seu pai, pero oféndese cando uns traballadores da funeraria manipulan sen o debido coidado o corpo. Daigo teima en vestilo el mesmo, e mentre o fai atopa unha carta de pedra que el lle dera ó seu pai cando era neno. A lembranza do seu pai volve á súa mente e, despois de rematar a cerimonia, Daigo achega suavemente a carta de pedra á barriga de Mika.

Produción

[editar | editar a fonte]

Contexto cultural

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Nōkanshi.

Os funerais xaponeses son cerimonias moi ritualizadas que na maioría dos casos se realizan de acordo con ritos budistas.[3] Na preparación para o funeral, o corpo é lavado e os orificios son bloqueados con algodón ou gasas. O ritual de embalsamamento (chamado nōkan), tal como se representa Okuribito, é practicada moi raramente, mesmo nas áreas rurais.[4] Esta cerimonia non está estandarizada, pero polo xeral require dun profesional funerario (納棺師 nōkanshi?)[5] que prepara ritualmente o corpo, vísteo de branco e ás veces aplícalle maquillaxe. Despois o corpo ponse sobre xeo seco nun cadaleito, xunto coas posesións persoais e outros obxectos necesarios para a viaxe á outra vida.[6]

Malia a importancia dos rituais funerarios, na cultura tradicional xaponesa o tema é considerado sucio, como todo o relacionado coa morte que é unha fonte de kegare (deshonra). Despois de estar en contacto coa morte, os individuos deben limparse a si mesmos a través de rituais de purificación.[7] A xente que traballa directamente cos mortos, como os profesionais funerarios, son considerados sucios, e durante a era feudal eran considerados burakumin (intocables), obrigados a vivir nas súas propias aldeas e discriminados pola sociedade máis ampla. Malia o cambio cultural da Restauración Meiji de 1868, o estigma da morte aínda ten unha considerable forza dentro da sociedade xaponesa, e a discriminación contra os intocables continuou.[8][9]

Até 1972, a maioría das mortes eran xestionadas polas familias, con funerais na casa, ou nōkanshi. No ano 2014, arredor do 80% das mortes prodúcense nos hospitais, e a preparación dos corpos é realidazada polo persoal dos propios hospitais; neses casos, a miúdo a familia non ve o corpo até o funeral.[10] Unha enquisa de 1998 descubriu que un 29,5% dos xaponeses cren na outra vida, e un 40% adicional queren crer; esta crenza era máis alta entre a xente nova. A crenza na existencia dunha alma (54%) e a conexión entre os mundos dos vivos e os mortos (64,9%) tamén son moi comúns.[11]

  1. Antes da creación da categoría en 1956, tres filmes xaponeses recibiron premios honoríficos: Rashomon (Akira Kurosawa; 1951), Jigokumon (Teinosuke Kinugasa; 1954) e Samurai I: Musashi Miyamoto (Hiroshi Inagaki; 1955)
  2. A coprodución xaponesa-soviética Dersu Uzala (Akira Kurosawa; 1975) gañou o premio, pero foille concedido á Unión Soviética (Armstrong).
  3. Sosnoski 1996, p. 70.
  4. Olsen 2009.
  5. Tamén chamado 湯灌師 (yukanshi?); yukan é o ritual de limpeza do corpo que precede ó nōkan propiamente.
  6. Kim 2002, pp. 225–257; Okuyama 2013, p. 4.
  7. Plutschow 1990, p. 30.
  8. Para unha discusión máis detallada sobre a posición dos kegare e a morte na sociedade xaponesa, véxase Okuyama 2013, pp. 8–12.
  9. Pharr 2006, pp. 134–135.
  10. Hosaka 2014, p. 58.
  11. Ide 2009, p. 2.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]