Nilton Santos
Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Nacemento | (pt-br) Nílton dos Reis Santos 16 de maio de 1925 Río de Xaneiro, Brasil | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Morte | 27 de novembro de 2013 (88 anos) Río de Xaneiro, Brasil | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Causa da morte | Insuficiencia respiratoria | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Lugar de sepultura | Cemitério de São João Batista (pt) | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Altura | 180 cm | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Peso | 68 kg | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ocupación | futbolista | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Período de actividade | 1948 - | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Nacionalidade deportiva | Brasil | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Deporte | fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Posición de xogo | Defensa | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Participou en | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
1962 | Mundial de Fútbol Chile 1962 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
xuño de 1958 | Mundial de Fútbol Suecia 1958 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
1954 | Mundial de Fútbol Suíza 1954 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
1953 | Campeonato Sul-Americano de Futebol de 1953 (pt) | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
1950 | Mundial de Fútbol Brasil 1950 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
1949 | Campeonato Sul-Americano de Futebol de 1949 (pt) | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Sitio web | niltonsantos.com.br | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Nilton Reis dos Santos, coñecido como Nilton Santos, nado no Río de Xaneiro o 16 de maio de 1925 e finado na mesma cidade o 27 de novembro de 2013, foi un futbolista brasileiro que xogaba como lateral esquerdo. Elixido pola FIFA como o mellor lateral esquerdo de todos os tempos,[1] militou durante toda a súa carreira no Botafogo, sendo con 723 partidos oficiais, o futbolista con máis encontros na historia do club.
Foi 75 veces internacional coa selección brasileira, coa que disputou os Mundiais de 1950, 1954, 1958 e 1962, proclamándose campión nos dous últimos.
Alcumado "A Enciclopedia" polos seus amplos coñecementos sobre fútbol e por ser completo como xogador, foi o precursor en arriscar nas subidas ofensivas polo lateral do campo. Revolucionou a posición de lateral, utilizando a súa versatilidade para defender e atacar, nunha época no que a súa posición só tiña función defensiva.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Botafogo
[editar | editar a fonte]Nacido e criado na Illa do Gobernador, era o máis vello de sete irmáns e axudaba a seu pai no oficio da pesca.[2] Comezou a xogar ao fútbol nas rúas da illa e aos 14 anos ingresou no Flexeiras Atlético Clube. Realizando o servizo militar, xogou un partido contra o São Cristóvão e a súa actuación espertou o interese do club, que o tentou fichar. Con todo, preferiu seguir o consello do seu amigo o coronel Honório Magalhães e facer unha proba co Botafogo, cuxo director social era tío do coronel.[2] Foi aceptado no club alvinegro e ingresou no equipo xuvenil deste. Vestiu a camiseta do club carioca durante toda a súa carreira como futbolista, ata 1964.
Debutou co Botafogo nun partido amigable ante o América Mineiro, pouco antes de disputar o seu primeiro encontro no Campionato Carioca, nunha vitoria por 2-4 fronte ao Canto do Rio en Caio Martins. Ese mesmo ano proclamouse campión carioca por primeira vez, sumando outros tres títulos nos anos 1957, 1961 e 1962. Gañou ademais dúas veces o Torneo Río–São Paulo, entre outros títulos.
Disputou un total de 723 partidos co Botafogo, sendo o futbolista con máis encontros na historia do club, superando en máis de 100 ao segundo clasificado, Garrincha.[3]
Selección brasileira
[editar | editar a fonte]Debutou coa selección brasileira no Campionato Suramericano de 1949, no que o Brasil se acabou proclamando campión. Ao ano seguinte disputou o Mundial de 1950, no que os brasileiros perderon o título fronte ao Uruguai no célebre Maracanazo, pero Nílton Santos non chegou a debutar na competición.
Catro anos despois, no Mundial de 1954, foi titular na defensa da canarinha en tódolos partidos, xunto a Djalma Santos e Brandãozinho, e foi un dos expulsados no violento partido de cuartos de final contra Hungría, partido que pasou á historia co sobrenome de Batalla de Berna, despois de pelexarse con József Bozsik. O equipo brasileiro quedou eliminado nese mesmo encontro, ao perder por 4-2.[4]
No Mundial de Suecia en 1958 volveu xogar como titular tódolos encontros do Brasil, no posto de lateral esquerdo, e marcou un gol contra Austria na primeira xornada. Disputou a final contra a selección anfitrioa no estadio Råsunda de Solna, que rematou con vitoria brasileira por 5-2 e coa conquista do primeiro título da historia do equipo suramericano.[5] Foi elixido no equipo ideal do torneo.[6]
Foi convocado por Aymoré Moreira para o Mundial de 1962 en Chile, acudindo así á súa cuarta Copa do Mundo. Foi titular nos seis partidos do Brasil, incluída a final contra Checoslovaquia no estadio Nacional de Santiago de Chile, onde tanto el como o Brasil conquistaron o seu segundo título mundial, no que foi o seu último encontro como internacional.[7]
Disputou un total de 75 partidos oficiais e 10 non oficiais coa selección brasileira, coa que marcou tres goles.[8] No momento da súa retirada era o futbolista con máis partidos da historia da selección.[9]
Morte
[editar | editar a fonte]Enfermo de Alzhéimer nos seus últimos anos de vida, faleceu o 27 de novembro de 2013 na Fundación Bela Lopes, no barrio de Botafogo do Río de Xaneiro, vítima dunha infección pulmonar.[10] Tanto os gastos médicos como os de enterramento correron a cargo do Botafogo.[11] Foi enterrado no cemiterio de São João Batista.
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]Foi incluído por Pelé na súa lista FIFA 100. A IFFHS elixiuno como o noveno mellor futbolista brasileiro do século XX e o 28º suramericano. Pola súa banda, a FIFA nomeouno mellor lateral esquerdo de tódolos tempos.
No ano 2000, mentres desenvolvía un proxecto social con mozos a través do fútbol no estado de Tocantins, o goberno local homenaxeouno dándolle o seu nome a un novo estadio da cidade de Palmas, chamado agora estadio Nilton Santos.
En 2009, inaugurouse unha estatua súa diante do Estadio Olímpico João Havelange, sede do Botafogo, o seu equipo de toda a vida. En 2017 o estadio mudou definitivamente de nome, chamándose dende entón "Estadio Olímpico Nilton Santos".
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Casou dúas veces: a primeira delas con Abigail, coa que tivo dous fillos, Carlos Eduardo e Andréa; e a segunda con María Coeli, coa que viviu ata a súa morte.[12] Ademais de no Río de Xaneiro, viviu en Araruama e Brasilia, traballando nesta última con escolas de fútbol. Tamén escribía unha columna no diario Correio Braziliense.
Palmarés
[editar | editar a fonte]- Botafogo
- Campionato Carioca (4): 1948, 1957, 1961, 1962.
- Torneo Río-São Paulo (2): 1962, 1964.
- Torneo Inicio do Campionato Carioca (3): 1961, 1962, 1963.
- Torneo Municipal do Río de Xaneiro (1): 1951.
- Selección carioca
- Campionato Brasileiro de Seleccións Estatais (1): 1950.
- Selección brasileira
- Copa do Mundo (2): 1958, 1962.
- Campionato Suramericano (1): 1949.
- Copa Oswaldo Cruz (6): 1950, 1955, 1956, 1958, 1961, 1962.
- Copa Rio Branco (1): 1950.
- Campionato Panamericano (1): 1952.
- Copa Bernardo O'Higgins (3): 1955, 1959, 1961.
- Copa do Atlántico (2): 1956, 1960.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Bicampeão mundial Nilton Santos morre aos 88 anos" (en portugués). 27 de novembro de 2013. Consultado o 26 de setembro de 2022.
- ↑ 2,0 2,1 "Nilton Santos". acervo.estadao.com.br (en portugués). Consultado o 26 de setembro de 2022.
- ↑ "JOGADORES QUE MAIS ATUARAM". Botafogo de Futebol e Regatas (en portugués). Arquivado dende o orixinal o 28 de setembro de 2022. Consultado o 26 de setembro de 2022.
- ↑ "Mundial 1954: La Batalla de Berna entre dos candidatos a ganar la Copa del Mundo". Mundo Deportivo (en castelán). 25 de xullo de 2022. Consultado o 26 de setembro de 2022.
- ↑ "Brasil 5-2 Suecia". FIFA (en inglés). Consultado o 26 de setembro de 2022.
- ↑ "KOPA considerado el delantero centro del major equipo del mundo (1)". Mundo Deportivo (en castelán). 22 de xaneiro de 1959. p. 1.
- ↑ "Nilton Reis dos Santos - International Appearances". rsssf.org (en inglés). Consultado o 26 de setembro de 2022.
- ↑ Perdigão, Lauthenay. "Nilton Santos". museudosesportes.com.br (en portugués). Arquivado dende o orixinal o 7 de xullo de 2002. Consultado o 26 de setembro de 2022.
- ↑ "Appearances for Brazil National Team". rsssf.org (en portugués). Consultado o 26 de setembro de 2022.
- ↑ "Morre no Rio o ex-jogador Nilton Santos, a 'Enciclopédia do Futebol'" (en portugués). 27 de novembro de 2013. Consultado o 26 de setembro de 2022.
- ↑ "Nilton Santos é enterrado sob aplauso da torcida e hino do Botafogo" (en portugués). 28 de novembro de 2013. Consultado o 26 de setembro de 2022.
- ↑ Barreto, André. "O mestre da bola" (en portugués). Arquivado dende o orixinal o 26 de maio de 2022. Consultado o 26 de setembro de 2022.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Muller, Maneco. Minha Bola, Minha Vida, Gryphus. O velho e a bola, Maquinaria Editora, 2013.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Nilton Santos |
A Galicitas posúe citas sobre: Nilton Santos |
- Datos do xogador Arquivado 26 de setembro de 2022 en Wayback Machine. no sitio web oficial do Botafogo (en portugués).
- Datos do xogador Arquivado 04 de outubro de 2018 en Wayback Machine. en sambafoot (en portugués).
- Sitio web oficial (en portugués). Arquivado dende o orixinal o 30 de novembro de 2013.
- Nados no Río de Xaneiro
- Nados en 1925
- Finados en 2013
- Futbolistas do Brasil
- Defensas de fútbol
- Xogadores do Botafogo
- Xogadores da selección de fútbol do Brasil
- Xogadores do Mundial de Fútbol de 1950
- Xogadores do Mundial de Fútbol de 1954
- Xogadores do Mundial de Fútbol de 1958
- Xogadores do Mundial de Fútbol de 1962
- FIFA 100
- Enfermos de alzhéimer
- Futbolistas gañadores do Mundial