Miocardiopatía dilatada
A miocardiopatía dilatada (MCD), anteriormente chamada cardiomiopatía conxestiva, é unha sindrome caracterizada por unha dilatación ventricular e progresiva de ámbolos dous ventrículos, mais en especial o dereito, que comporta unha alteración da función sistólica, isto é, mingua a capacidade do corazón para propulsar o sangue de xeito eficiente. Co paso do tempo, esta miocardiopatía pode arribar a afectar a outros órganos, especialmente aos pulmóns, provocando insuficiencia cardíaca. De feito, un 33% dos doentes de insuficiencia cardíaca teñen miocardiopatía dilatada. A miocardiopatía dilatada agrúpase dentro do tipo das miocardiopatías, doenzas que afectan ao miocardio (o músculo do corazón).[1] Esta doenza é a forma máis común de cardiomiopatía non isquémica, a diferenza doutras como a miocardiopatía hipertrófica que si a producen. Adóitana padecela máis os homes que as mulleres, e é máis frecuente entre os 20 e os 60 anos. A miocardiopatía dilatada tamén pode acontecer en nenos.[2] Macroscópicamente observamos un aumento de tamaño nas cavidades cardíacas, afectándose primeiro o ventrículo esquerdo, despois a aurícula esquerda, posteriormente o ventrículo dereito e finalmente a aurícula dereita. As válvulas cardíacas e as arterias coronarias fican normais. Microscópicamente a miocardiopatía dilatada caracterízase por unha hipertrofia dos miocitos, fibrose intersticial e perivascular e zonas de necrose e infiltrado inflamatorio.
Etioloxía
[editar | editar a fonte]As causas da miocardiopatía dilatada son diversas e moitas delas descoñecidas (idiopáticas). Arredor dun 30% dos doentes poden ter unha orixe xenética. Un alto porcentaxe é probabelmente o resultado do dano producido ao miocardio por unha variedade de axentes tóxicos, metabólicos ou infecciosos. Pode ser unha consecuencia tardía dunha miocardite viral, probabelmente mediada por un mecanismo inmune. Tamén se suxestionou a posibilidade da existencia dun mecanismo autoinmune como causa dunha miocardiopatía dilatada, por mor duns anticorpos que atacan ao tecido cardíaco. É moi importante a xeografía nesta doenza. En América do Sur a causa primeira de miocardiopatía dilatada e a doenza do Chagas, producida polo axente Trypanosoma cruzi. Os tóxicos tamén son causa nada desprezábel de miocardiopatía dilatada. No caso da miocardiopatía asociada ao consumo de alcol, este é reversibel se se frea o seu consumo, mellorando a fracción de exección, a insuficiencia cardíaca e en xeral a función ventricular. A cocaína e os fármacos citostáticos tamén poden ser causantes da doenza. Entre os citostáticos máis importantes atópanse a ciclofosfamida, as antraciclinas e o trastuzumab, que ao seren dose dependentes, poden provocar miocardiopatía en procesos onde se empreguen en grandes cantidades, como son o cancro de mama e os linfomas. Outras etioloxías da miocardiopatía dilatada poden ser a isquemia, enfermidades neuromusculares coma a distrofia de Duchenne, a miocardiopatía idiopática do embarazo, o hipertiroidismo e feocromocitoma (reversibeis) ou mesmo a causa pode ser o estrés (miocardiopatía por estrés ou tako-tsubo.
Sintomas
[editar | editar a fonte]En moitos dos doentes de miocardiopatía dilatada a súa calidade de vida non está afectada, pois fican asintomáticos. Porén, unha parte dos doentes chegan a desenvolver sintomas de insuficiencia cardíaca tanto esquerda como dereita. Isto é, dispnea, ortopnea, edema agudo de pulmón, edemas, hepatomegalia e esplenomegalia. Ademais, existen un importante risco de morte súbita característica, con disfunción ventricular importante e sintomas de baixo gasto cardíaco. A morte prodúcese por arritmias ventriculares. Cando na miocardiopatía dilatada aparece insuficiencia cardíaca o prognóstico empeora moito. Os factores de mal prognóstoco nesta doenza son: clase funcional baixa, fracción de exección baixa e afectación do ventrículo dereito.
Exploración física
[editar | editar a fonte]Na exploración física a tensión arterial adoita ser normal. Na inspección podemos obxectivar a presenza de edemas e ingurxitación xugular, por mor da insuficiencia cardíaca. Á palpación podemos observar o latexo desprazado e se palpamos o abdome podemos ver hepatomegalia e esplenomegalia. Na auscultación cardíaca, escoitamos o 3º ruído (correspondente coa enchedura brusca do ventrículo) que co 1º e o 2º forman o ritmo de galope; e tamén escoitamos un sopro de insuficiencia mitral. Na auscultación respiratoria escóitanse crepitantes.
Diagnóstico
[editar | editar a fonte]O electrocardiograma dun doente de miocardiopatía dilatada é case sempre anormal, polo xeral a expensas de alteracións no complexo QRS. Este QRS amosa crecemento do ventrículo esquerdo, alteracións da condución coma bloqueo de rama esquerda e xa, na parte final da enfermidade, fibrilación auricular. O eixo cardíaco está desviado á dereita. Na radiografía de tórax obxectívase cardiomegalia (crecemento do tamaño do corazón), e outros signos de conxestión por mor da insuficiencia cardíaca, se a houber. Pódese observar tamén edema agudo de pulmón e derramamento pleural (sobre todo no pulmón dereito, aínda que tamén no esquerdo). O diagnóstico confírmase mediante un ecocardiograma, o cal permite ver dilatación das cavidades cardíacas, redución da función ventricular. Tamén podemos ver como existe insuficiencia mitral malia seren as válvulas normais (insuficiencia mitral funcional). Tamén confirma o diagnóstico a resonancia magnética, sobre todo cando o ecocardiograma é dubidoso ou non se pode facer, e permítenos facer diagnóstico diferencial. O contraste con gadolinio permítenos identificar as zonas isquémicas, xa que estas zonas captan o gadolinio para si e quedan patentes na imaxe. Outra exploración empregada acotío é a analítica de sangue. Esta permítenos obxectivar o grao de isquemia do miocardio mediante a medición das troponinas ou das creatinina fosfoquinases específicas do corazón (CPK-MB).
Tratamento
[editar | editar a fonte]Se é que coñecemos a causa da miocardiopatía, habemos de tratala en primeiro lugar. En canto ao tratamento con fármacos, son útiles a digoxina, os diuréticos como a furosemida ou a espironolactona, vasodilatadores coma os IECAs ou os ARA-II e beta-blocadores. O tratamento cirúrxico pódese facer mediante un transplante cardíaco, sendo de feito a causa máis frecuente de transplante.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Harrison Medicina Interna, Ed. 2007, Cap. 231 Miocardiopatías e miocardites; Joshua Wynne, Eugene Braunwald
- ↑ Robbins Patoloxía Básica, 7º ediciónn. Kumar, Cotran, Robbins. ISBN 0-7216-9274-5