A Liga ASOBAL 2012/13 é a 62ª edición da liga española de balonmán, a 23ª coa denominación Asobal. Este ano o torneo tivo o mesmo sistema de competición das últimas tempadas, con 16 equipos e 30 xornadas. Unha das novidades máis salientables desta tempada é o retorno á elite do conxunto galego do BM Cangas do Morrazo, despois de dúas tempadas na División de Honra Prata, tras impoñerse na fase de ascenso; outra novidade é a primeira participación do ARS Palma del Río na máxima categoría do balonmán español na súa historia tras ascender de xeito directo. Tanto o equipo de Cangas como o de Palma del Río pretenden competir na categoría sen estar adscritos á ASOBAL.
Os numerosos problemas económicos da meirande parte dos equipos supoñen unha notable perda de nivel da liga, chegando ao punto de que varios equipos tiveron que renunciar á súa praza na competición antes de comezar a tempada. Ese foi o caso do BM Torrevieja, que o 2 de xullo de 2012 confirmaba a súa renuncia á praza que lle correspondía na competición, o primeiro equipo ao que correspondería o dereito de aceptar a praza era o BM Antequera, mais debido á súa desaparición, este dereito pasou ao BM Puerto Sagunto, que aceptou a praza e regresou á Liga ASOBAL tras descender na tempada anterior. A mediados do mes de xullo, o histórico San Antonio anunciou a súa decisión de renunciar a competir na categoría dada a imposibilidade de afrontar os seus gastos con garantías, polo que a súa praza pasou a ser ocupada polo BM Villa de Aranda, que debutou na máxima categoría.
Ao final da tempada o FC Barcelona proclamouse campión de liga cun balance case perfecto no que tan só rexistrou unha derrota no feudo do Club Balonmano Ciudad de Logroño. Deste xeito, o equipo catalán conseguiu o seu 12º título dende o nacemento da Liga ASOBAL na tempada 1990-91.