Lei de Unión (1800)
A Lei de Unión de 1800 foi o documento que formalizou a unión do Reino de Gran Bretaña e do Reino de Irlanda nun só reino, para crear o Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda. Por esta fusión, 100 parlamentarios irlandeses obtiveron escanos na Cámara dos Comúns do Parlamento do Reino Unido.
A Acta (documento)acta foi aprobada tanto polo Parlamento británico como polo de Irlanda. Os irlandeses obtiveran a independencia na Constitución de 1782, logo de ser dominados durante séculos por Inglaterra. A Unión con Gran Bretaña non era ben vista polos irlandeses, e xa fora rexeitada unha moción de unión en 1799, pero unha forte campaña do goberno británico e as rebelións de Irlanda de 1798 fixeron o camiño máis fácil para a súa aprobación en 1800. O seu pase final polo parlamento de Irlanda foi un éxito xa que foi aprobado por unha maioría simple de parlamentarios, que recibiron por parte do goberno británico o ofrecemento de títulos de nobreza británicos, terras e outras prebendas.
Parte da atracción da Unión para os católicos, confesión maioritaria en Irlanda, foi que prometía a abolición das leis penais que discriminaban na súa contra e outorgaba a súa emancipación civil. Como se dixo, baixo os termos da Lei de Unión, Irlanda sería representada por 100 parlamentarios, e unha vantaxe importante para os fillos de San Patricio era que se permitían os parlamentarios irlandeses católicos, aínda que este dereito foi cancelado durante o reinado de Xurxo III, quen argumentou que o beneficio ía contra o seu xuramento, feito durante a cerimonia de coroación, de defender a Igrexa de Inglaterra. A participación de romanistas no parlamento británico non se restablecería ata 1829.
A nova bandeira que emerxeu da unión, coñecida como Union Flag, combina as bandeiras de Inglaterra, Escocia e a cruz de San Patricio que representa a Irlanda. Na actualidade, tras a independencia de Irlanda como república en 1949, a insignia continúa sendo o estandarte británico.