Kumquat
Kumquat (xénero Fortunella) | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Especies | |||||||||||||||||
Fortunella crassifolia |
Valor nutricional por 100 g | |
---|---|
Enerxía | 296 kJ (71 kcal) |
15.9 g | |
Azucres | 9.36 g |
Fibra alimentaria | 6.5 g |
0.86 g | |
1.88 g | |
Vitaminas | Cantidade %DV† |
Vitamina A equiv. | 2% 15 μg129 μg |
Tiamina (B1) | 3% 0.037 mg |
Riboflavina (B2) | 8% 0.09 mg |
Niacina (B3) | 3% 0.429 mg |
Ácido pantoteico (B5) | 4% 0.208 mg |
Vitamina B6 | 3% 0.036 mg |
Ácido fólico (B9) | 4% 17 μg |
Colina | 2% 8.4 mg |
Vitamina C | 53% 43.9 mg |
Vitamina E | 1% 0.15 mg |
Minerais | Cantidade %DV† |
Calcio | 6% 62 mg |
Ferro | 7% 0.86 mg |
Magnesio | 6% 20 mg |
Manganeso | 6% 0.135 mg |
Fósforo | 3% 19 mg |
Potasio | 4% 186 mg |
Sodio | 1% 10 mg |
Cinc | 2% 0.17 mg |
| |
†As porcentaxes son aproximadas empregando a recomendación de US para os adultos. Fonte: Base de datos USDA Nutrient |
O kumquat[1], laranxeira anana ou laranxeira chinesa (Fortunella spp.) é un xénero de árbores froiteiras e arbustos da familia das rutáceas, estreitamente emparentado cos cítricos (Citrus spp.). De feito moitas veces inclúese neste xénero coma Citrus japonica, e son quen de hibridar nel. É orixinario da China.
Nome vulgar
[editar | editar a fonte]O nome kumquat provén da latinización (kumquat) do seu nome orixinal en cantonés gam1 gwat1 (金|金, 橘|橘, "laranxa dourada"). En portugués recibe os nomes de kinkan ou xinxim. En castelán ademais de kumquat, emprégase quinoto. En francés emprégase kumquat e en inglés emprégase cumquat e kumquat indistintamente.
Historia
[editar | editar a fonte]Os kumquats introducíronse en Europa en 1846 por Robert Fortune, pertencente á Royal Horticultural Society inglesa, e pouco despois en América do Norte. Inicialmente incluído no xénero Citrus, foron transferidos ao xénero Fortunella en 1915. Nos estudos de Burkill 1931 e Mabberley 1998, favorécese o seu retorno ao seo do xénero Citrus.
Hoxe cultívanse no sur de Europa e nalgunhas rexións dos Estados Unidos, a Arxentina, e o Brasil como froiteira, ademais de na súa zona de orixe.
Descrición
[editar | editar a fonte]As laranxeiras chinesas son árbores ou arbustos perennifolias, que medran amodo, e que acadan os 5 m de altura. Están densamente ramificados; as pólas son angulosas, lisas ou ás veces espiñentas. As follas son lanceoladas, alternas, finamente dentadas preto do ápice, verdes escuras pola face e un chisco máis claras polo envés, coriáceas, alternas, de entre 4 e 9 cm de longo. As flores son axilares, solitarias ou en acios de 1 a 4, pentámeras, recendentes, de cor branca, hermafroditas.
O froito é un hesperidio oblongo ou ovoide, de até 5 cm de longo, cuberto por unha magra e recendente pela amarela, alaranxada ou arroibada con glándulas oleicas claramente visíbeis, comestíbel. A polpa está segmentada, e é lixeiramente aceda, de cor roxa. As sementes son escasas, oblongas ou esferoidales, abrancazadas, co miolo averdado. Aparece a comezos do outono e madurece cara finais deste ou comezos do inverno segundo a especie.
Hábitat e distribución
[editar | editar a fonte]Non se coñece o kumquat bravo. Seica é orixinario da China, onde hai rexistros do seu cultivo dende o século XII; no Xapón era xa unha cultura asentada contra o século XVIII. As primeiras referencias en Europa datan de 1646, cando foron descritos por misioneiros portugueses que souberan deles na China. Non foron importados até mediados do século XIX, cando o coleccionista Robert Fortune, da London Horticultural Society levou os primeiros exemplares ao Reino Unido e despois aos Estados Unidos.
Hoxe os principais focos de cultivo fóra do Extremo Oriente son o sur dos Estados Unidos (California, Texas e Florida), algúns países da conca Mediterránea (en especial Grecia), Brasil, Colombia, Suriname, Arxentina, Guatemala, Australia e Suráfrica. En ocasións úsase coma planta ornamental pola beleza do seu froito e a súa flor, de bo recendo. Cultívase tamén coma bonsai.
Cultivo
[editar | editar a fonte]O kumquat rara vez se cultiva de semente para o uso coma froiteira, pola lentitude do seu desenvolvemento e o seu escaso vigor. Adoita reproducirse por enxerto sobre base de laranxeira trifoliada (Poncirus trifoliata), laranxeira amarga (Citrus × aurantium) a toronxeira (Citrus × paradisi). Plántanse en cadros ou en fileira, cunha separación de arredor de 3,5 m. Nesas condicións, atura ben solos relativamente pobres, mais require de boa humidade constante, e bastante sol. É lixeiramente acidófila.
Malia preferir un verán cálido, atura as xeadas moito mellor ca os Citrus; Fortunella margarita atura até 10 °C baixo cero en inverno, máis aínda que a satsuma ou mikan (Citrus x unshiu), polo que se cultiva coma froiteira nas rexións setentrionais da China. A hibernación é profunda; durante varias semanas ao comezo da primavera a árbore fica aínda retraída, e non bota flores nin gromos durante este período. As xeadas da primavera poden resultarlle moi daniñas.
O kumquat é resistente á cancrose, mais outras pragas dos cítricos aféctanlle, en especial Elsinoë fawcetti, Cephaleuros virescens, Cercospora citri-grisea, Colletotrichum gloeosporioides, Diaporthe citri e Physalospora rhodina.
Sistemática
[editar | editar a fonte]Clasificadas inicialmente e hoxe doutra volta entre os Citrus, Walter Tennyson Swingle trasladounas ao xénero Fortunella en 1915. Recoñécense hoxe catro especies:
- Fortunella crassifolia, chamada de 'Meiwa';
- Fortunella hindsii, chamada de 'kumquat de Hong Kong';
- Fortunella japonica, chamada de 'Marumi'; e,
- Fortunella margarita, chamada de 'Nagami'. Existen tamén varios híbridos de Fortunella e Citrus ou Poncirus.
Uso
[editar | editar a fonte]A laranxa anana, kumquat, en especial o cultivar 'Meiwa' consómese coma froita fresca; noutras especies a polpa é demasiado aceda, e se come só a pela. Máis frecuente é a preparación en almibre, para o cal se deixan enxugar lixeiramente, macéranse con bicarbonato de sodio ou cal e se cocen a moi baixa temperatura nun almibre mesto; o cumquat nesta preparación é unha sobremesa típica da cociña de Hong Kong. Arránxanse tamén en salgadeira, sexan acedos —conservados nunha mestura de vinagre e salmoira durante unhas 8 semanas— ou doces, nunha base líquida de vinagre, almibre, cravo (Syzygium aromaticum) e canela (Cinnamomum verum).
Empréganse tamén para a elaboración de marmelada e un mollo semellante ao chutney, con cumquat, laranxa, mel, sal, manteiga e especias. Algúns produtos modernos inclúen o licor de kumquat.
En Guangdong os kumquats consérvanse en sal, obtendo unha froita reducida e engurrada que se emprega coma menciña para as dores de gorxa, antitusivo e estimulante unha vez rehidratada.
O aceite esencial das follas e gomos frescos, ás veces, emprégase en perfumaría.
Fortunella: nome xenérico outorgado ao botanista Robert Fortune.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ VV. AA. (2012): Dicionario de alimentación e restauración, pax. 137. Termigal. Xunta de Galicia. Real Academia Galega. ISBN 978-84-453-5056-0
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Kumquat |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Chopra, R. N.; Nayar, S. L.; Chopra, I. C (1986). Glossary of Indian Medicinal Plants. Nueva Delhi: Council of Scientific and Industrial Research.
- Morton, Julia F. (1987). Fruits of warm climates. Miami: Creative Resource Systems. ISBN 0-9610184-1-0 [1].
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- CumquatArquivado 14 de xullo de 2014 en Wayback Machine. (en castelán).