John Williams
John Towner Williams, nado en Queens, Long Island, Nova York o 8 de febreiro de 1932, é un compositor estadounidense premiado varias veces polas súas bandas sonoras.[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos e formación
[editar | editar a fonte]Fillo de Johny Williams, un músico de orquestra que traballou como percusionista en programas de radio e bandas sonoras, especialmente para a CBS e Columbia Pictures. Outros membros da súa familia dedicáronse á música, como a súa irmá, que foi profesora de piano.[2] Durante a infancia, escoitaba ao seu pai pola radio, e este animouno a aprender piano, aínda que durante dous anos estivo especialmente interesado no trombón, estudos que deixou para retomar os de piano.
Formouse na Universidade de California, Os Ánxeles e na Julliard School.
Carreira musical
[editar | editar a fonte]Bandas sonoras
[editar | editar a fonte]Amigo de Steven Spielberg, asina case todas as bandas dos seus filmes, tales como Parque Xurásico, Tiburón, A lista de Schindler, Encontros na terceira fase, Munich etc.[3] Tamén é socio do cineasta George Lucas, sendo o autor das famosas bandas sonoras das series cinematográficas de éxito Star Wars e Indiana Jones.
Outras bandas famosas de autoría de Williams son a da saga Harry Potter, a de Home Alone e a do filme de Superman protagonizado por Christopher Reeve.
Ademais dos seus traballos en música de filmes, fixo bandas sonoras para series de televisión como Lost in Space, Land of the Giants ou o tema calipso para Gilligan's Island.
É considerado un dos maiores compositores da actualidade. Nomeado nada menos que 58 veces ao Oscar, foi vitorioso cinco veces.[4]
Outros traballos
[editar | editar a fonte]Williams é coñecido tamén polas súas obras eruditas e concertos, como: o concerto para fagot e orquestra, o concerto para violoncello e orquestra, o concerto para trompeta e orquestra, o concerto para violín, frauta e orquestra e o concerto para trompa e orquestra.
Compuxo a música para a "rededicación da estatua da Liberdade" e para a toma de posesión de Barack Obama, interpretada por Itzhak Perlman e Yo-Yo Ma, Anthony McGill e Gabriela Montero[5] e compuxo a música de catro Xogos Olímpicos.[1]
Dirixiu diversas orquestras, como a banda de música das Forzas Armadas dos EUA, Orquestra Sinfónica de Boston, a Filarmónica de Nova York, a Orquestra Sinfónica de Chicago e a Filarmónica dos Ánxeles, á que dirixe anualmente para os concertos no Hollywood Bowl.
Influencias
[editar | editar a fonte]Williams citou a Chaikovskii, Bernard Herrmann, Sergei Prokofev, Franz Waxman, Mantovani, Elmer Bernstein, Richard Wagner, Gustav Holst, Igor Stravinsky, Erich Wolfgang Korngold, Henry Mancini e Alfred Newman como influencias para o seu traballo.
Premios e honras
[editar | editar a fonte]Williams recibu 53 candidaturas ao oscar á mellor banda sonora (o que gañou en 5 oportunidades, con O violinista no tellado, Jaws, E.T. the Extra-Terrestrial, O retorno do Jedi, A lista de Schindler) e 5 nomeamentos ao oscar á mellor canción orixinal.[4] Williams ostenta o maior número de nomeamentos aos Academy Awards despois de Walt Disney.[6]
Williams tamén gañou 4 Golden Globe Awards, 7 British Academy Film Awards e 21 Grammy.
Williams foi honrado co Richard Kirk anual en 1999 nos BMI Film and TV Awards,[7] o Kennedy Center Honors en 2004 e recibiu o Premio Princesa de Asturias das Artes en 2020, compartido con Ennio Morricone. En 2022 foi nomeado cabaleiro comendador honorario da Orde do Imperio Británico.
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Williams estivo casado coa actriz Barbara Ruick en 1956 até o seu pasamento por hemorraxia cerebral en 1974. Tiveron tres fillos: Jennifer, Mark e o músico Joseph Williams. En 1980, casou con Samantha Winslow e viven nos Ánxeles.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Hidalgo, Elena Sabidó (2009-06-02). "John Williams, el compositor de la aventura". Revista Esfinge (en castelán). Consultado o 2024-11-04.
- ↑ Greiving, Tim (2018-07-18). "John Williams' early life: How a NoHo kid and UCLA Bruin became the movie music man". Los Angeles Times (en inglés). Consultado o 2024-11-04.
- ↑ Williams compuso a BSO de todos os filmes de Spielberg, agás Duel e A cor púrpura.
- ↑ 4,0 4,1 "John Williams returning for next "Star Wars" - CBS News". web.archive.org. 2013-09-29. Archived from the original on 29 de setembro de 2013. Consultado o 2024-11-04.
- ↑ Spilzax (2009-01-21). "Yo-Yo Ma, Itzhak Perlman, Anthony McGill & Gabriela Montero perform at Obama's Inauguration, HQ". Consultado o 2024-11-04.
- ↑ Official Academy Awards Database Arquivado 2008-09-13 en Wayback Machine. en www.oscars.org (consultado o 29 de setembro de 2007)
- ↑ "BMI Film/Awards:1999". bmi.com. Xaneiro de 1999. Consultado o 4 de novembro de 2010.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galicitas posúe citas sobre: John Williams |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: John Williams |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- John Williams na IMDb (en inglés).
- The official site