Himachal Pradesh
Himachal Pradesh (en hindi: हिमाचल प्रदेश [hɪmaːtʃəl prəd̪eːʃ] (axuda · info) «Terra das neves») é un estado da República da India. A súa capital oficial é Shimla, e Dharamsala como capital de inverno.
Está situado ao norte do país, limitando ao norte con Jammu e Caxemira, ao nordeste con China, ao leste con Uttarakhand, e ao sur con Haryana e Punjab. Con 6 864 602 habitantes en 2011 é o noveno estado menos poboado da India —por diante de Tripura, Megalaya, Manipur, Nagaland, Goa, Arunachal Pradesh, Mizoram e Sikkim, o menos poboado— e con 123 hab/km², é o sétimo menos densamente poboado —por diante de Manipur, Nagaland, Sikkim, Jammu e Caxemira, Mizoram e Arunachal Pradesh, o de menos densidade de poboación—.
Á parte da capital, outras cidades importantes do estado son: Kangra, Mandi, Kullu, Chamba, Dalhousie e Manali.
Gran parte do estado é de relevo montañoso, co Himalaia ao norte e ao leste.
O río Ghaggar nace neste estado. Os principais ríos de Himachal Pradesh son o Sutlej e o Beas.
As principais linguas faladas na zona son o kangri, o pahari, o punjabi, o hindi e o mandiali. O hinduísmo, o budismo e o sikhismo son as principais relixións. Na zona oeste do estado, en Dharamsala, reside na actualidade o Dalai Lama, así como numerosos refuxiados tibetanos.
Posúe algúns vales famosos: Lahaul, Spiti, Pangi e Pin.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Himachal Pradesh |
A Galipedia ten un portal sobre: India |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Páxina web oficial (en inglés)