Gripe de 1918
Coñécese como gripe de 1918 unha pandemia de gripe que afectou a todo o planeta precisamente cando remataba a primeira guerra mundial. Entre xaneiro de 1918 e decembro de 1920 infectou 500 millóns de persoas, aproximadamente un cuarto da poboación da época [1], e matou entre 17 [2] e 50 millóns de persoas[3], un número tres veces maior que o de baixas na guerra.
Nome
[editar | editar a fonte]Aínda que se ignora onde apareceu o virus, as primeiras noticias sobre a súa intensidade publicáronse en xornais españois. España era un país neutral no conflito que asolaba o resto de Europa, e tiña unha política de censura liberal, sen aplicar a censura previa na prensa[4]. Xa que logo, as informacións sobre a propagación da epidemia nin se suprimían nin se adozaban, e cando o rei Afonso XIII colleu a enfermidade en maio de 1918 a axencia Reuters informou da aparición en Madrid dunha estraña enfermidade da que non había constancia de mortos[5]. A partir de xuño incrementouse o uso do termo gripe española nas informacións da prensa internacional[6]. A prensa española da época para se referir á epidemia empregaba formas como soldado de Nápoles, dama española ou enfermedad de moda [7] e aparecían informacións levando a orixe da enfermidade a Francia, traída supostamente a España por emigrantes retornados. Noutros países tamén recibiu nomes locais, así en Alemaña os soldados denominárona ao primeiro Blitzkatarrh (catarro lóstrego) [8] e os militares británicos chamárona Flanders Flu[9].
Historia e características
[editar | editar a fonte]Con efecto, na primavera e comezos do verán de 1918, a enfermidade estendeuse por ambos os dous lados das frontes europeas, afectando a divisións enteiras. Declinou unhas semanas e logo, a finais do verán, rexurdiu moi violentamente. Os doentes sentían febre, dor de cabeza e dores nas articulacións. Curiosamente, moitos eran novos, a quen a gripe apenas afecta. Un 5% das vítimas morreron, algunhas en só dous ou tres días. Os seus pulmóns revelábanse nas autopsias completamente anegados de sangue; os rostros dos mortos tornábanse de cor violeta.
A epidemia afectou os campamentos militares de Europa e os Estados Unidos e pasou logo ás cidades portuarias e industriais, matando miles de persoas cada día e estendéndose finalmente por todo o planeta. Estímase que todos os seres humanos respiraron o virus e que a metade enfermaron.
No século XX houbo outras pandemias de gripe en 1957 e 1968 e a gripe A (2009).
O artigo "The Persistent Legacy of the 1918 Influenza Virus", de David M. Morens, Jeffery K. Taubenberger, e Anthony S. Fauci, publicado na edición dixital da revista The New England Journal of Medicine o 16 de xullo de 2009, estableceu que o virus gripal de 1918 deu lugar a unha cepa resistente da cal o virus A/H1N1 do 2009 é herdeira.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Taubenberger JK, Morens DM (xaneiro de 2006)."1918 Influenza: the mother of all pandemics". Emerging Infectious Diseases. 12 (1): 15–22. doi:10.3201/eid1201.050979. PMC 3291398. PMID 16494711
- ↑ P. Spreeuwenberg; et al. (1 de decembro de 2018). "Reassessing the Global Mortality Burden of the 1918 Influenza Pandemic". American Journal of Epidemiology. 187 (12): 2561–2567. doi:10.1093/aje/kwy191. PMID 30202996.
- ↑ Niall P. A. S. Johnson e Juergen Mueller (febreiro de 2002)"Updating the Accounts: Global Mortality of the 1918-1920 "Spanish" Influenza Pandemic". Bulletin of the History of Medicine 76(1):105-15. DOI: 10.1353/bhm.2002.0022 ·
- ↑ Estaba en vigor a lei de prensa de 1883, considerada garantista na liberdade de prensa. Manuel Suárez Cortina "Élites republicanas y periodismo en la España de fines del siglo XIX" en Paul Aubert e Jean-Michel Desvois (2001) Les élites et la presse en Espagne et en Amérique latine des Lumières à la seconde guerre mondiale. Casa de Velázquez-Université de Provence, pp. 67-87
- ↑ Pete Davies (1999) Catching Cold – The Hunt for a Killer Virus. Londres:Penguin Books, Londres 1999, p. 59
- ↑ Manfred Vasold (2009) Die Spanische Grippe. Die Seuche und der Erste Weltkrieg. Darmstadt:Primus Verlag, p. 31.
- ↑ Manuel Sánchez "Del “soldado de Nápoles” a la “dama española”. La pandemia de 1918" HALLALI. Revista de estudios culturales sobre la Gran Guerra y el mundo hispánico nº4. 2009
- ↑ Alfred W. Crosby (2003) America's Forgotten Pandemic: The Influenza of 1918 Cambridge University Press, p. 26
- ↑ W. Mitchinson (2014) The Territorial Force at War, 1914-16 Springer, p. 95
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Gripe de 1918 |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- David M. Morens, M.D., Jeffery K. Taubenberger, M.D., Ph.D., e Anthony S. Fauci, M.D., "The Persistent Legacy of the 1918 Influenza Virus", Edición dixital do The New England Journal of Medicine, 16 de xullo de 2009, http://content.nejm.org/cgi/content/full/NEJMp0904819 Arquivado 04 de xaneiro de 2010 en Wayback Machine..