Gran Premio dos Estados Unidos de 1959
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde abril de 2023.) |
Nome oficial | II United States Grand Prix |
---|---|
Tipo | Gran Premio dos Estados Unidos |
Deporte | automobilismo |
Parte de | Campionato Mundial de Fórmula 1 de 1959 |
Distancia do evento | 42 |
Localización e Datas | |
Localización | Circuíto Internacional de Sebring (Condado de Highlands (pt) ) 27°27′17″N 81°20′54″O / 27.4547, -81.3483 |
País | Estados Unidos de América |
Data | 12 de decembro de 1959 |
Competición | |
Primeiro posto | Bruce McLaren |
Pole position | Stirling Moss |
Volta máis rápida | Maurice Trintignant |
O Gran Premio dos Estados Unidos de 1959 foi unha carreira de automobilismo de Fórmula Un, celebrada o 12 de decembro de 1959 no circuíto de Sebring. Foi a novena e última carreira da tempada de Fórmula Un de 1959. Foi o segundo Gran Premio dos Estados Unidos (noveno incluíndo as carreiras do Gran Premio de América de 1908 a 1916). Foi a primeira e única ocasión na que levouse a cabo a carreira na sede da carreira de resistencia das 12 Horas de Sebring, no Circuíto Internacional de Sebring na Florida. A carreira levouse a cabo sobre 42 voltas ao circuíto de 8´36 quilómetros de lonxitude, cunha distancia total de carreira de 351 quilómetros.
A carreira foi gañada polo neozelandés Bruce McLaren pilotando un Cooper T51 para o equipo oficial Cooper, a primeira vitoria dun piloto nado en Nova Zelandia. McLaren tamén se converteu no gañador máis novo dun Gran Premio, unha marca que permanecería durante máis de 40 anos. McLaren gañou por seis décimas de segundo sobre o piloto francés Maurice Trintignant pilotando un Cooper T51 do equipo Rob Walker Racing Team. O piloto británico Tony Brooks terminou terceiro no seu Ferrari Dino 246. O líder do campionato o australiano Jack Brabham quedou sen combustible na última volta e tivo que empuxar o seu Cooper T51 ata a liña de meta para terminar cuarto. O terceiro posto de Brooks deu o título a Brabham. Foi o primeiro dos tres campionatos do mundo para Brabham, o primeiro para un australiano, e para un coche con motor traseiro.
Esta foi a última carreira ata o Gran Premio de Mónaco de 1994 na que ningún ex campión do mundo estaba na pista.
Datos
[editar | editar a fonte]Por primeira vez desde o primeiro campionato en 1950 tres pilotos tiveron a oportunidade de gañar o campionato na última carreira. A Brabham valíalle a vitoria, ou terminar diante de Stirling Moss e Brooks. Moss necesitaba terminar primeiro ou segundo e por diante de Brabham, mentres que para Brooks ser o gañador non era suficiente.
- Brabham (31 puntos) necesitaba
- Ser primeiro ou segundo, con Moss detrás de el
- Ser terceiro coa volta rápida e Moss segundo
- Que Brooks quedara segundo ou peor e Moss quedara terceiro ou peor
- Moss (25´5 puntos) necesitaba
- Ser primeiro
- Ser segundo con Brabham ás súas costas, e Brooks primeiro sen volta rápida ou máis baixo
- Ser segundo con volta rápida, e Brabham ás súas costas
- Brooks (23 puntos) necesitaba
- Primeiro con volta rápida e Brabham terceiro ou peor
- Primeiro, con Moss segundo sen volta rápida ou máis baixo e Brabham terceiro ou inferior
Sumario
[editar | editar a fonte]O soño de Alec Ulmann, de orixe rusa, dun Gran Premio dos Estados Unidos realizouse en decembro de 1959 cando 19 equipos, entre eles seis pilotos estadounidenses, chegaron a Florida para a última carreira do Campionato do Mundo. Orixinalmente programada como primeira carreira do ano, a agora última carreira en Sebring viu gañar o campionato a Cooper diante de Ferrari.
Na pista estaban os Coopers de fabrica de Brabham e do neozelandés Bruce McLaren de 22 anos de idade, do equipo Rob Walker con Moss e o francés Maurice Trintignant, catro Ferraris, tres en vermello italiano para os ingleses Brooks e Cliff Allison e o alemán Wolfgang von Trips, un en branco e azul para o americano Phil Hill, os Lotus con motor dianteiro de Innes Ireland e Alan Stacey, e, incomprensible para a elite europea, o Midget (coche de autocros) número 1 Kurtis Kraft-Offenhauser do Campionato Nacional da USAC de Rodger Ward, o único equipo de fabricación estadounidense motor estadounidense e pilotado por un americano.
O coche de Ward tiña un motor de pouca potencia (1´7 litros fronte os 2´5 dos coches de F1), pancas de cambio de velocidade separadas de dúas velocidades e dúas velocidades traseiras, e un freo de man fora da carrozaría. Ward explicou como produciuse a súa participación na carreira: "Ullman chamoume e invitoume a correr no Gran Premio. Ofreceume un pouco de diñeiro, e eu tiña o costume de aceptar os cartos, así que lle dixen que tiña que levar ao anano".
A noite antes do comezo das prácticas, o Team Manager de Cooper John Cooper, e os seus pilotos Jack Brabham e Bruce McLaren, atopáronse con Ward no hotel en Sebring. Ward, que gañara o Indy 500 ese ano e gañaríao outra vez en 1962, díxolles aos membros do equipo de Cooper estaba en Sebring para conducir un coche de autocros."No Gran Premio?", Preguntou Brabham, asombrado.
"Claro. E teño unha sorpresa para vos! Por que, en todo momento vouvos deixar á dereita da estrada!" espetoulles Ward.
Os do equipo Cooper pronto se deron conta que non podían explicar as cousas a Ward. Insistía: "Eu sei o que o anano pode facer e sei que pode tomar unha curva máis rápido que calquera dos coches deportivos que tedes en Europa. Poderedes ser máis rápidos nas rectas, pero cando se trata da virar simplemente non teredes unha oportunidade. Sebring é unha chea de curvas, non?"
Ben, para asombro dos europeos, o coche de Ward pasou as verificacións técnicas, tal vez como unha homenaxe á súa reputación en Indianápolis, pero na primeira volta da práctica, Bruce McLaren e Jack Brabham fixeron á primeira curva nos seus Coopers no mesmo tempo que Ward. Os coches con motor traseiro pasaron a toda velocidade pola curva, mentres que Ward parecía chegar case parado. Máis tarde, Ward meneando a cabeza dixo: "Teño que recoñecelo. Estes buggies europeos toman as curvas rápidas!"John Cooper The Grand Prix Carpetbaggers
A cualificación terminou con Moss, Brabham e Brooks na primeira fila, pero, durante a noite, déuselle a terceira posición ao americano Harry Schell, á beira de Moss e Brabham. A volta de 3:05.2 que levoa a Schell á primeira fila ao parecer chegou ao final da cualificación, e pasara desapercibida para case todo o mundo, o súa mellor volta anterior fora 3:11.2, no posto 11.
As protestas foron dos outros equipos, o máis vociferante Ferrari, cuxo home, Brooks, fora desprazado da primeira fila. A pelexa a berros durou ata que se cantou "o himno nacional", pero cando sairon, Schell partiu da terceira posición. O que sucedera realmente con Schell non se descubriu ata logo da carreira. En Sebring, xusto detrás da ponte "MG" e antes das eses había un xiro brusco á dereita que ao parecer non levaba a ningunha parte. Pero Schell decatouse, que conectaba co extremo da recta do almacén, sen pasar pola recta e a pinza do almacén. Atallou en segredo e volveu á pista durante un período de calma no tráfico, rebaixando en seis segundos o seu tempo! Por desgraza, iso non lle axudou na carreira, foi oitavo logo da primeira volta e retirouse logo de só seis.
Moss liderou a carreira desde o principio e abriu unha brecha de dez segundos sobre Brabham, pero logo de só cinco voltas retirouse coa caixa de cambios rota. Xa fóra da carreira polo título, Brooks, que fora desprazado da primeira fila pola audaz cualificación de Schell, foi embestido* por detrás polo seu compañeiro de equipo von Trips na primeira volta e parou a examinar os danos. A parada custoulle dous minutos, e resultou ser innecesaria. Aínda que se reincorporou e fixo unha sensacional carreira terminou terceiro, nunca tivo unha oportunidade realista con Brabham.
Brabham tomou o liderado de Moss, mentres o seu compañeiro McLaren, seguiuno en segundo lugar durante a maior parte da carreira. A metade da carreira, debido a problemas mecánicos, Brabham desacelerou e permitiu a McLaren acercarse preto del, e Trintignant, co Rob Walker Cooper comezou a rebaixar a grandes bocados a súa vantaxe, xa que o seu equipo de mecánicos mantíñalle informado da súa posición.
Cando comezou a última volta, Trintignant ía só catro segundos por detrás dos dous líderes. Na longa recta do aeroporto, a dúas curvas do final, o coche de Brabham comezou a fallar, e rodou ata deterse a 400 metros da liña de meta, sen gasolina. Negárase a seguir os consellos do director do equipo Cooper de iniciar a carreira cos tanques cheos, coa esperanza de atopar máis velocidade cun coche máis lixeiro. McLaren, sorprendeuse ao ver a desaceleración de Brabham, levantou o pé e reduciu tamén. Brabham fíxolle un xesto freneticamente, e McLaren acelerou xusto a tempo para manter a súa vantaxe na última curva e cruzar a liña a menos dun segundo por diante de Trintignant, que establecera a volta rápida da carreira, a só tres voltas do final.
Brabham tamén foi adiantado por Brooks polo terceiro posto, pero os últimos tres coches que quedaban aínda estaban varias voltas por detrás. As regras requirían terminar sen axuda, polo que se baixou e empuxou o seu coche ata o outeiro para terminar cuarto e gañar o seu primeiro campionato mundial de pilotos, o primeiro para un piloto australiano. Cooper tamén logrou o seu primeiro campionato como construtor, o primeiro para un coche con motor traseiro. O terceiro lugar de Brooks deu a Ferrari o segundo posto no Campionato de Construtores, Innes Ireland foi quinto a tres voltas no seu Lotus, e Wolfgang von Trips terminou sexto despois de que o motor do seu Ferrari rompera a catro voltas do final. Coa súa vitoria, McLaren converteuse no gañador máis novo da historia dun Gran Premio á idade de 22 anos e 104 días. Ademais do premio en efectivo, tamén gañou varias hectáreas de terreos lindeiros ao Lago Sebring.
A pesar do emocionante final de carreira e campionato, o Gran Premio dos Estados Unidos en Sebring foi un desastre financeiro. Os espectadores eran a metade que na carreira das 12 Horas de Sebring dese ano, e logo do pago de 15.000 $ en premios incluíndo os 6000 $ do gañador, Alec Ulmann case quebrou. Ao ano seguinte, intentouno de novo, na costa oposta, en Riverside (California).
Clasificación
[editar | editar a fonte]Pos | Nº | Piloto | Construtor | Voltas | Tempo/Retirada | Grella | Puntos |
---|---|---|---|---|---|---|---|
1 | 9 | Bruce McLaren | Cooper-Climax | 42 | 2:12:35.7 | 10 | 8 |
2 | 6 | Maurice Trintignant | Cooper-Climax | 42 | + 0.6 | 5 | 7 |
3 | 2 | Tony Brooks | Ferrari | 42 | + 3:00.9 | 4 | 4 |
4 | 8 | Jack Brabham | Cooper-Climax | 42 | + 4:57.3 | 2 | 3 |
5 | 10 | Innes Ireland | Lotus-Climax | 39 | + 3 voltas | 9 | 2 |
6 | 4 | Wolfgang von Trips | Ferrari | 38 | Motor | 6 | |
7 | 17 | Harry Blanchard | Porsche | 38 | + 4 voltas | 16 | |
Ret | 3 | Cliff Allison | Ferrari | 23 | Transmisión | 11 | |
Ret | 12 | Roy Salvadori | Cooper-Maserati | 23 | Transmisión | 11 | |
Ret | 1 | Rodger Ward | Kurtis Kraft-Offenhauser | 20 | Embrague | 19 | |
Ret | 14 | Alessandro de Tomaso | Cooper-Osca | 13 | Freos | 14 | |
Ret | 5 | Phil Hill | Ferrari | 8 | Embrague | 8 | |
Ret | 15 | Fritz d'Orey | Tec-Mec-Maserati | 6 | Fuga aceite | 17 | |
Ret | 7 | Stirling Moss | Cooper-Climax | 5 | Transmisión | 1 | |
Ret | 19 | Harry Schell | Cooper-Climax | 5 | Embrague | 3 | |
Ret | 16 | George Constantine | Cooper-Borgward | 5 | Temperatura | 15 | |
Ret | 11 | Alan Stacey | Lotus-Climax | 2 | Embrague | 12 | |
Ret | 18 | Bob Said | Connaught-Alta | 0 | Accidente | 13 | |
NTS | 22 | Phil Cade | Maserati | 18 |
Posicións logo da carreira
[editar | editar a fonte]
|
|
- Notas: Só están incluídos os cinco primeiros postos en ambos os grupos de clasificación. Só os 5 mellores resultados contan para o Campionato. Os números sen paréntese son os puntos do campionato, os números entre paréntese son o total de puntos anotados.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Gran Premio dos Estados Unidos de 1959 |
Carreira anterior: Gran Premio de Italia de 1959 |
Campionato Mundial de Fórmula 1 da FIA Temporada 1959 |
Carreira seguinte: Gran Premio da Arxentina de 1960 |
Carreira anterior: Gran Premio dos Estados Unidos de 1958 |
Gran Premio dos Estados Unidos | Carreira seguinte: Gran Premio dos Estados Unidos de 1960 |