Saltar ao contido

Gemini 3

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Gemini 3
Insignia da misión Gemini 3
TipoTripulado
OrganizaciónNASA
Destino actualReentrado na atmosfera.[1]
Data de lanzamento23 de marzo de 1965, 14:24:00.064 UTC[1][2][3][4]
Foguete portadorTitan II GLV[2][5]
Sitio de lanzamentoCentro Espacial de Cabo Cañaveral, rampla LC-19[2]
Duración da misión0,20 días (4 horas, 52 minutos e 31 segundos)[2][6]
Obxectivo da misiónExperimentos e prácticas de manobras con nave tripulada.[2]
Decaemento23 de marzo de 1965[1]
NSSDC ID1965-024A
Masa3236,9 kg[2][6]

Gemini 3 foi a primeira misión tripulada do programa Gemini. A tripulación da Gemini 3 estaba formada por Virgil Grissom e John W. Young, sendo a tripulación de apoio Walter M. Schirra e Thomas P. Stafford.[2][6]

Desenvolvemento da misión

[editar | editar a fonte]

Gemini 3 foi a primeira misión tripulada do programa Gemini. O seu obxectivo era demostrar a capacidade das cápsulas Gemini para levar unha tripulación a bordo, a avaliación das capacidades da cápsulas polos astronautas e probar a rede mundial de seguimento de misións tripuladas da NASA, o sistema de propulsión de control en órbita, o control da traxectoria de reentrada e o punto de amaraxe, os sistemas da nave e a recuperación da mesma. Como obxectivos secundarios atopábanse estudar os efectos das oscilacións a baixo nivel do foguete lanzador durante a engalaxe, a realización de tres experimentos e a realización de fotografías desde órbita.[2][6]

Gemini 3 foi lanzada o 23 de marzo de 1965 ás 14:24:00.064 UTC (9:24 EST) desde o Complexo 19 de Cabo Cañaveral e insertado nunha órbita inicial de 161,2 km de perixeo e 224,2 km de apoxeo. Ao final da primeira órbita Grissom realizou a primeira manobra orbital, baixando a órbita a unha de 158 x 169 km. Durante a segunda órbita Grissom cambiou a inclinación orbital en 0,02 graos. Cara ao final da terceira órbita, a 4 horas, 21 minutos e 23 segundos do inicio da misión (ás 13:45:23 EST), o perixeo da órbita foi baixado ata só 84 km para permitir un decaemento natural da órbita en caso de fallo dos retrofoguetes encargados de facer reentrar a cápsula. Pouco despois, a 90 km de altura e ás 4 horas, 33 minutos e 23 segundos do inicio da misión (13:57:23 EST) a tripulación disparou manualmente os retrofoguetes, que funcionaron segundo o previsto. Durante a reentrada inxectáronse 7 kg de auga na envoltura de plasma que rodeaba á nave, mellorándose as comunicacións con terra, que habitualmente se cortan debido ao plasma.[2][6]

Recuperación da Gemini 3 tras o amaraxe.

A amaraxe tivo lugar ás 14:16:31 EST (4 horas, 52 minutos e 31 segundos despois do inicio da misión) no océano Atlántico, a 22,43° N e 70,85° O. Debido a unha menor sustentación da cápsula do planeada durante a reentrada, o punto de amaraxe atopábase a 111 km do previsto. Durante a espera na cápsula os astronautas mareáronse debido ó movemento do mar, polo que quitáronse os traxes e saíron da cápsula sobre as 15:00 EST. Foron recollidos por un helicóptero e levados ó U.S.S. Intrepid, onde chegaron ás 15:28. A cápsula foi recuperada ás 17:03. Dous dos tres experimentos de a bordo foron levados a cabo con éxito. A cobertura fotográfica planeada desde órbita só foi levada a cabo parcialmente debido a unha lente non adecuada colocada na cámara de 16 mm. O resto de obxectivos foron cumpridos.[2][6]

  1. 1,0 1,1 1,2 N2YO (2011). Real Time Satellite Tracking, ed. "GEMINI 3" (en inglés). Consultado o 17 de febreiro de 2013. 
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 NASA (14 de maio de 2012). "Gemini 3" (en inglés). Consultado o 17 de febreiro de 2013. 
  3. "Letter dated 4 June 1965 from the Deputy Permanent Representative of the United States of America addressed to the Secretary-General" (65-15084). 21 de xuño de 1965: 3. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 09 de xuño de 2015. Consultado o 17 de febreiro de 2013. 
  4. Claude Lafleur (2010). "Gemini 3 / Gemini III" (en inglés). Consultado o 17 de febreiro de 2013. 
  5. Gunter Dirk Krebs (2011). Gunter's Space Page, ed. "Gemini 2, 3, 4, 5, 6, 7, 8, 9, 10, 11, 12" (en inglés). Consultado o 17 de febreiro de 2013. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 Mark Wade (2011). "Gemini 3" (en inglés). Consultado o 17 de febreiro de 2013. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]