Saltar ao contido

Fotografía dixital

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Concentrado no encadramento.

A fotografía dixital consiste na gravación de imaxes mediante unha cámara, de forma análoga á fotografía clásica. Así a todo, nesta última as imaxes quedan gravabas sobre unha película e revélanse posteriormente mediante un proceso químico, na fotografía dixital as imaxes quedan rexistradas por unha placa que dispón de millóns de sensores e dende alí se arquivan nun elemento electrónico que constitúe a memoria.

As vantaxes deste sistema respecto á fotografía clásica son considerables, xa que permite dispor das imaxes gravabas ó instante, sen necesidade de levar a película ó laboratorio e esperar un certo tempo ata que este entrega as fotos terminadas.

Na cámara dixital poden verse nunha pantalla as fotos que se acaban de tomar. A cámara pódese conectar a un ordenador ou outro dispositivo capaz de mostralas nunha pantalla. As fotos poden enviarse directamente por correo electrónico a outro lugar, xa que teñen formato informático, e pódense procesar con programas de tratamento fotográfico nun ordenador, para amplialas ou reducilas, realizar un encadramento (unha parte da foto), rectificar as cores e o brillo, e realizar outras moitas posibles modificacións segundo o programa que se utilice.

Zoom.

Ó igual ca na fotografía clásica, existen moi diversos tipos de cámaras dixitais, xa sexan de tamaño de peto ou para uso avanzado ou profesional, con ópticas máis ou menos completas, e con sistemas máis ou menos sofisticados. Unha característica que é exclusiva das cámaras dixitais é, así a todo, a resolución, que define o tamaño da imaxe e das copias en papel que podemos obter. Na fotografía clásica, a resolución é sempre a mesma mentres se utilice un determinado formato de película, xa que é a película a que determina a resolución así como a calidade da lente que usemos, independentemente da cámara. Tamén se fala da "resolución interpolada", pero debe ser tida en conta soamente a do sensor, xa que a interpolación consiste nun proceso que amplía a imaxe con perda de calidade, posto que se parte sempre da resolución do sensor e esta interpólase con procedementos matemáticos nos que é imposible obter os detalles que non captou o sensor.

A resolución en fotografía dixital mídese multiplicando o alto polo ancho das fotografías que permite obter a cámara e xeralmente comeza cun millón de píxeles, para as cámaras máis económicas, e vai en aumento ata máis de doce millóns de píxeles, para as cámaras profesionais. O termo "píxel" (do inglés picture element), é a unidade máis pequena que capta un valor gris ou de cor da fotografía. Unha cámara de catro millóns de píxeles xerará imaxes máis grandes ca unha de dous millóns o que permite obter unha copia impresa de ata 50 x 75 cm., pero non necesariamente de maior calidade xa que neste aspecto ten unha maior importancia a calidade da óptica utilizada, pero dado que a máis megapíxeles as cámaras son máis caras e/o máis novas é habituais que tamén posúan mellores ópticas.

Cámara dixital.

Outra característica da fotografía dixital é o zoom dixital. Mediante este zoom amplíase unha foto, pero o efecto non é o dun zoom óptico. O zoom óptico achega e amplía o que se quere fotografar sen minguar a resolución da cámara, xa que o achegamento se consegue co obxectivo. O zoom dixital, polo contrario, amplía a imaxe que xa recibiu, de forma que diminúe a resolución, ó igual que ocorrería encargando unha ampliación ó laboratorio ou utilizando un programa de edición de gráficos.

Actualmente as cámaras dixitais tamén permiten tomar vídeos, xeralmente en resolucións de 320x240 ó 640x480 píxeles e de entre 12 e 25 fotogramas por segundo, ás veces con son no caso dos modelos máis completos. Estes vídeos son só un complemento á función principal da cámara, sacar fotos, por iso non acostuman ser dunha gran calidade, para iso requírese unha videocámara.

A primeira cámara dixital foi desenvolvida por Kodak, que encargou a Steve Sasson a construción dunha en decembro de 1975. Esta tiña o tamaño dunha torradora e unha calidade equivalente a 0.01 megapíxel. Necesitaba 23 segundos para gardar unha fotografía en branco e negro nunha cinta de casete e outros tantos en recuperala.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]