Saltar ao contido

Bucolismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O bucolismo enxalza as belezas da vida rural.

O bucolismo é unha temática habitual da literatura, a pintura e o teatro que adoita ambientar en lugares naturais rústicos como bosques e montañas, en proximidade de prados e auga, diálogos de temática amorosa e disputas musicais protagonizadas por pastores, ás veces encubrindo personaxes ou historias de amor reais. Na literatura reflíctese a través de xéneros como o idilio, a pastorela, a égloga dramática ou farsa pastoril e a novela pastoril.

É un enfoque adoptado nas artes e na literatura que se caracteriza polo tratamento idealizado do estilo de vida dos pastores, retratados como persoas sinxelas que coidan o gando no medio das paisaxes bucólicas[1], (do grego βουκολικόν.[2] en relación coa natureza, segundo as estacións do ano e os cambios de dispoñibilidade de auga e pastos.

Moitas veces presenta a un público urbano as sociedades de pastores como libres da complexidade e corrupción da vida da cidade; por exemplo Virxilio, ou, séculos despois, os ingleses John Milton ou Percy Bysshe Shelley.

O xénero

[editar | editar a fonte]
Jacopo Sannazaro.

Aínda que o xénero pastoril ten orixe nos clásicos grecolatinos, e tivo prolongación na Idade Media a través das pastorelas e vaqueiras dos trobadores provenzais, desenvolveuse sobre todo durante o Renacemento; supuña unha das vías de escape ao paganismo desde a teocéntrica Idade Media ao Renacemento. A consecuencia do acusado cambio ideolóxico que ten lugar a principios do século XV, a paisaxe natural do mundo empeza a aparecer nos cadros como contorna da figura humana e a tomar un interese e unha importancia da que carecía no pasado e adóitallo asociar coas deidades pagás e a mitoloxía, polas que sente gran curiosidade. A volta aos referentes antigos grecolatinos por parte da literatura e as transformacións mitológicas en elementos naturais que Ovidio reflicte nas súas Metamorfoses, auténtica Biblia do paganismo, descobre as raíces materiais e naturais do corpo do home á marxe do seu espírito divino e poboa a natureza de referencias cultas; o antropocentrismo renacentista busca no personaxe do pastor a inocencia perdida de Adán no Paraíso natural a través do tópico literario clásico do locus amoenus, un lugar composto de tres elementos que convidan á conversación: sombra de árbores, auga que corre, prado tranquilo; este tres elementos adóitanse atopar na paisaxe idealizado da Arcadia de Teócrito, autor de onde arrinca a tradición clásica grega do bucolismo (os Idilios ou "pequenos poemas" de Teócrito e os seus seguidores Bion e Mosco), para despois ser reelaborado nas églogas ("selectas" ou "escollidas") dos latinos Virxilio, Nemesiano, Calpurnio Sículo ou Ausonio), quen sitúan ocultos baixo a máscara dos seus pastores a personaxes reais, cunha predominante temática amorosa envolta en suave epicureísmo.

Con todo é durante o Renacemento cando máis se fai notar o xénero bucólico, xa que recuperou os temas e xéneros clásicos (a citada égloga) e mesmo inventou outros novos (como a novela pastoril, xénero mixto de prosa e verso creado polo italiano Jacopo Sannazaro no seu Arcadia), ou mesmo o renovou incorporando elementos pastoriles asociados ao tema cristián da Adoración dos pastores (officum pastorum). A literatura bucólica do Renacemento, no entanto, pon en boca de pastores refinados e mundanos, que parecen máis ben cortesáns que outra cousa, discursos elaboradísimos e temas terreais pintando un mundo mellor que o real, idealizado polo Neoplatonismo. En manifestacións posteriores, o xénero mestúrase con outros elementos alleos, non xa a mitoloxía pagá, senón con elementos de relixiosidade cristiá que lle son alleos, e aparecen temas como o debate dialéctico entre os praceres da carne e os praceres do espírito; o abandono da vida terrea, a vida do ermitán... todos eles de grande simboloxía.

Na literatura galega

[editar | editar a fonte]

O xénero foi pouco cultivado na literatura en galego. As pastorelas prescindían do diálogo na literatura galego-portuguesa medieval, adaptándose como un subxénero das Cantigas de amigo. Após os séculos escuros, no Rexurdimento e as Vangardas, aínda que a natureza foi moitas veces un tema principal, en Galiza non era preciso presentar o rural ao público urbano, e tratouse de presentar a natureza dun xeito cosmopolita, por exemplo no hilozoísmo de Amado Carballo.

Noutras artes

[editar | editar a fonte]
Ilustración e poema Black shepherd, de William Blake

O tema bucólico e pastoral tivo tamén presenza na pintura, en ilustracións e particularmente na música, por exemplo as panxoliñas en alemán chámanse Hirtenmusik (música de pastores) e compuxeron "pastorales" Brahms, Händel, Beethoven, Ravel ou Debussy.

  1. "Dicionario". Real Academia Galega. Consultado o 2022-02-10. 
  2. Harper, Douglas. "bucólico". Online Etymology Dictionary. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]