Saltar ao contido

A Fontaneira, Baleira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A Fontaneira
Vista da Fontaneira.
ConcelloBaleira[1]
ProvinciaLugo
Coordenadas43°02′01″N 7°12′00″O / 43.033623, -7.200047
Área22,53 km²
Poboación91 hab. (2019)
Densidade4,04 hab./km²
Entidades de poboación8[1]
editar datos en Wikidata ]

Santiago da Fontaneira é unha parroquia do concello de Baleira. Segundo o IGE en 2013 tiña 102 habitantes, distribuídos en oito entidades de poboación: O Estornín (9), A Fontaneira (25), Pandelo (8), A Pasada (14), O Sesto (6), O Trabeiro (7), O Vilar dos Adrios (21) e Xestoso (12).

Xeografía

[editar | editar a fonte]
Igrexa de Santiago na Fontaneira.

Limita con Cubilledo ao norte; Pedrafita de Camporredondo (no concello de Baralla) ao sur; Freixo e A Lastra ao leste e Librán e A Esperela ao oeste. O seu nome vén dado por ser a liña divisoria das augas dos ríos Eo e, sobre todo, do Neira. Ocupa unha superficie de 22,53 km².

Patrimonio

[editar | editar a fonte]

Arquitectura relixiosa

[editar | editar a fonte]
Fachada a igrexa parroquial.

A igrexa parroquial de Santiago da Fontaneira ten planta rectangular e presbiterio da mesma forma, coa sancristía anexa na parte posterior, de planta rectangular e con dúas portas alinteladas de acceso. Os muros do templo son de cachotería e perpiaño de granito e lousa, e a cuberta é de lousa a dúas e catro augas. A cuberta descansa sobre dous arcos de medio punto que se apoian nas pilastras dos muros laterais. O arco triunfal é da mesma forma que os das naves. A portada principal é alintelada, e culmina no frontis unha espadana de dous vaos. Conserva no seu interior un único retablo moi sinxelo de estilo barroco.

A capela de San Miguel do Vilar dos Adrios, de reducidas dimensións, de planta rectangular e construción popular. Os muros son cachotería e perpiaño de granito e lousa, e a cuberta é de lousa a dúas augas. Conserva no seu interior un sinxelo retablo de estilo popular barroco sen cronoloxía definida.

A capela de San Ramón do Trabeiro, de planta rectangular de construción popular. Os muros tamén, seguindo a tradición das demais capelas do concello, son de cachotería e perpiaño de granito e lousa, e a cuberta é de lousa a dúas augas. Conserva no seu interior un sinxelo retablo de estilo popular sen cronoloxía definida. A capela de Santa María da Pasada, de planta rectangular de construción popular. Con muros de cachotería e perpiaño de granito e lousa, e a cuberta é de lousa a dúas augas. Conserva no seu interior un sinxelo retablo barroco de estilo popular. A capela de Xestoso é de planta rectangular e de construción popular. Os muros que a sosteñen de pé son de cachotería e perpiaño de granito e lousa, e a cuberta é de lousa a dúas augas. Remata o frontis nun pequeno campanil. Esta emprazada no centro da aldea, rodeada por construcións tradicionais.

Arquitectura civil

[editar | editar a fonte]

A área recreativa O Trabeiro sitúase ao carón da estrada C-630. Dispón dunha zona verde, con céspede, e un piñeiral. Cerca de alí está a aldea do Trabeiro, un núcleo de poboación formado por varias casas de construción tradicional. Construcións feitas con muros de cachotería e perpiaño de granito e lousa, e cubertas do mesmo material. Nesta aldea consérvanse varios celeiros e cabazos con cuberta de palla.

Na aldea da Pasada consérvanse varios celeiros e cabazos con cuberta de palla e paredes a base de trenzados de pólas.

A uns 150 m de Vilar dos Adrios hai un poboado castrexo.

Vista lateral do hórreo da Fontaneira.

O hórreo da Fontaneira está situado no Camiño de Santiago Primitivo. Data do século XIX e é propiedade privada da casa que se atopa xusto enfronte, onde os seus antepasados empregaban dita estrutura para gardar e almacenar tanto materiais coma alimentos que se empregaban nas actividades agrícolas e gandeiras da época. Este hórreo galego presenta unha tipoloxía típica da Fonsagrada, onde se pode observar un armazón de madeira que se ergue sobre catro pés, ademais conserva unha cuberta natural vexetal, feita principalmente a base de uces.

Patrimonio arqueolóxico

[editar | editar a fonte]

A Cova dos Mouros[2] localízase preto da cima do Monte das Penas, a 867 metros de altitude. Mide 20 metros de profundidade, a súa boca presenta 6,5 m de ancho e a altura oscila entre os 2,2 e os 3,1 m. No ano 2017 localizáronse once panais pictóricos de grande interese[3], o que provocou que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural levase a cabo un estudo preliminar valorativo que finalizou, de maneira provisional, indicando que ditas pinturas datan entre os anos 5.000 e 1.000 a.C. (aproximadamente entre o Neolítico e a Idade de Bronce). As pinturas presentan motivos formados por agrupacións paralelas de semicírculos, onde tamén se poden ver barras verticais e o que semella algunha representación antropomorfa. Tampouco se descarta a presenza de máis pinturas nas covas que están ao carón desta.

Lugares e parroquias

[editar | editar a fonte]

Lugares da Fontaneira

[editar | editar a fonte]
Lugares da parroquia da Fontaneira no concello de Baleira (Lugo)

O Estornín | A Fontaneira | Pandelo | A Pasada | O Sesto | O Trabeiro | O Vilar dos Adrios | Xestoso

Parroquias de Baleira

[editar | editar a fonte]
Galicia | Provincia de Lugo | Parroquias de Baleira

A Braña (San Miguel) | Córneas (Santiago) | Cubilledo (Santiago) | A Degolada (San Lourenzo) | A Esperela (San Pedro) | A Fontaneira (Santiago) | Fonteo (Santa María) | A Lastra (San Xoán) | Librán (Santa Mariña) | Martín (Santiago) | Pousada (San Lourenzo) | Retizós (Santa María Madanela)

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]