Ángel Cabrera Latorre
Ángel Cabrera y Latorre, nado en Madrid o 19 de febreiro de 1879 e finado en La Plata (provincia de Buenos Aires) o 7 de xullo de 1960, foi un zoólogo e paleontólogo español emigrado á Arxentina e nacionalizado arxentino en 1925, dedicado á taxonomía dos mamíferos e achegando importantes avances, principalmente en España, Marrocos e a Arxentina.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Ángel Cabrera estudou na Universidade Central de Madrid a carreira de Filosofía e Letras, na que se doutorou en 1900. Traballou no Museo Nacional de Ciencias Naturales (MNCN) de Madrid desde 1902, por invitación do director desta institución, Ignacio Bolívar (1850-1944). No MNCN traballou até 1925, primeiro como naturalista agregado até 1912, e como recolector, disector primeiro e, finalmente, como naturalista agregado da Sección de Osteozooloxía, e como responsábel das coleccións de mamíferos.
Durante varios anos o territorio do Protectorado Español de Marrocos foi o destino dos seus traballos, sendo o xefe de dúas expedicións científicas: unha en 1919 ao Rif e outra en 1921 a Marrocos Occidental. Participou tamén noutras, como a de 1923 á parte occidental do Protectorado español que dirixiu o ornitólogo e almirante da Mariña Británica H. Lynes, na que Ángel Cabrera tivo ao seu cargo o estudo dos mamíferos e insectos.
Nesta etapa española Cabrera escribiu cerca de 25 libros e máis de cen publicacións en revistas científicas de todo o mundo. O seu primeiro traballo nas Actas de la Sociedad Española de Historia Natural publicouno as 18 anos. En 1914 publicou súa grande obra Fauna Ibérica - Mamíferos e, entre 1919 e 1925, Genera Mammalium, outro dos seus traballos máis importantes. No seu Manual de Mastozoología (1922) aparece por primeira vez o termo "mastozooloxía" en vez dos de "terioloxía" ou "mammaloxía". En 1932, como resultado dos seus estudos norteafricanos citados antes, publicou Los mamíferos de Marruecos. Ilustrou el mesmo os seus libros, dado que era pintor e debuxante.
Foi membro, entre outras, da Real Sociedad Española de Historia Natural, onde foi bibliotecario (1904-1919) e secretario xeral (1919-1925), da Zoological Society de Londres (1907); da Boston Society of Natural History (1929); da Comisión Internacional de Nomenclatura Zoolóxica (desde 1930); académico da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais de Madrid (1931); membro correspondente do American Museum of Natural History de Nova York (1943); membro de honra da American Society of Mammology dos Estados Unidos (1947); membro honorario estranxeiro da Zoological Society de Londres (1947); académico correspondente da Academia Nacional de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales de Buenos Aires (1950) etc.
En 1906 o zoólogo británico Oldfield Thomas dedicoulle a especie Microtus cabrerae, un roedor endémico da península Ibérica. Tamén levan o seu nome a subespecie de Turdus merula (merlo común) endémica da illa de Madeira, Turdus merula cabrerae, ou unha subespecie de Puma concolor (puma) da Patagonia, Puma concolor cabrerae, entre outras.
Etapa arxentina
[editar | editar a fonte]Tras emigrar en 1925[1] e nacionalizarse arxentino ese mesmo ano, Cabrera traballou no Instituto do Museo de La Plata por invitación de Luis María Torres (1878-1937) como xefe do departamento de paleontoloxía. A partir de 1930 foi profesor na Facultade de Agronomía e Veterinaria da Universidade de Buenos Aires. Realizou estudos sobre fauna fósil arxentina: o megaterio, cetáceos, cervos, camélidos, xaguares e marsupiais.
Cabrera descubriu o primeiro dinosauro xurásico de América do Sur na Patagonia, iniciando así a serie de descubrimentos que fixeron desta rexión unha das máis ricas en xacementos de dinosauros. Dirixiu as teses de Andreína Bocchino, Enriqueta Vinacci e Dolores López Aranguren, as primeiras paleontólogas de América do Sur.[2]
Nesta etapa, porén, tamén se dedicou ás especies de mamíferos presentes na actualidade, as cales representaban o seu campo de investigación predilecto. Así, dedicouse, entre outros, ao cabalo crioulo, os cans asilvestrados e ao puma. Era un defensor da fauna autóctona e chamou a atención sobre os perigos das introducións de organismos alóctonos. Tamén foi defensor do establecemento de reservas nos espazos naturais para protexer os ecosistemas nativos.
Actualmente a Academia Nacional de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales[3] e a Sociedad Argentina para el Estudio de los Mamíferos[4] conceden premios que levan o seu nome.[5] Foi vicedirector da Academia Nacional de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales de Buenos Aires e profesor na Facultad de Agronomía y Veterinaria da Universidade de Buenos Aires, cargos dos que sería deixado cesante en 1955 durante a ditadura autodenominada Revolución Libertadora, en razón dos escritos presentados en Buenos Aires apoiando as ideas republicanas durante a guerra civil española.[6]
Principais obras
[editar | editar a fonte]En total, sumando as súas etapas española e arxentina, escribiu 27 libros, máis de 200 publicacións científicas e máis de 400 artigos en publicacións nacionais e internacionais en revistas do prestixio de Proceedings of Biological Society of Washington00; Journal of Mammalogy; Proceedings of Zoological Society of London; Annales and Magazine of Natural History de Inglaterra, e nas diferentes publicacións da Sociedad Española de Historia Natural de Madrid.
- Fauna Ibérica. Mamíferos (1914)
- Genera Mammalium (1919)
- Los mamíferos de Marruecos (1932)
- Zoología (1938)
- Mamíferos surafricanos (1943)
- Caballos de América (1945)
Divulgación
[editar | editar a fonte]Foi un gran divulgador da zooloxía, e a súa intención era a miúdo chegar ao público non especializado. Entre as súas obras divulgativas están Catálogo de los mamíferos de América del Sur, Zoología pintoresca, Historias de Leones ou Los mamíferos extinguidos, cunha linguaxe accesíbel para o lector non especializado.
Abreviatura
[editar | editar a fonte]A abreviatura Cabrera emprégase para recoñecer a Ángel Cabrera Latorre como autoridade na taxonomía en zooloxía.
Cómpre non confundila coa abreviatura botánica A. Cabrera, que se refire ao seu fillo Ángel Lulio Cabrera.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Bond, Mariano (xuño de 1998). "Ángel Cabrera". Museo (en castelán) 11. Consultado o 9 de outubro de 2023.
- ↑ Teixidó Gómez, Francisco (12 de xuño de 2009). "Ángel Cabrera Latorre (1879-1960)". Los biólogos españoles. Arquivado dende o orixinal o 9 de maio de 2010.
- ↑ "Academia Nacional de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales". Consultado o 9 de decembro de 2020.
- ↑ "Sociedad Argentina para el Estudio de los Mamíferos". Consultado o 9 de decembro 2020.
- ↑ "Premio Ángel Cabrera". Consultado o 9 de decembro 2020.
- ↑ HUNZIKER, Juan H. 1978. Semblanza del Dr. Ángel Cabrera. Conferencia de 1978. Anales de la Acad. Nac. de Agron. y Vet. Tomo XXXII (1977-1978). n.º 6. Tomo XXXII (1977-1978)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikispecies posúe unha páxina sobre: Ángel Cabrera Latorre |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Merino, M. M. (2002). "Hizo historia: Ángel Cabrera (1879-1960)". Revista Ambienta 14; 63-64.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Fauna ibérica; mamíferos. 1914. Facsímile electrónico.
- Índice de nomes científicos. en "Fauna ibérica; mamíferos".
- Apartado de bibliografía. en "Fauna ibérica; mamíferos".