Saltar ao contido

Polis

1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Revisión feita o 9 de abril de 2024 ás 12:08 por Breogan2008 (conversa | contribucións)
(dif) ← Revisión máis antiga | Revisión actual (dif) | Revisión máis nova → (dif)

Restos da antiga polis de Cámiros, en Rodas.
Aspecto actual do porto de Mikonos.
Oliveirais próximos a Antimachia (Αντιμάχεια), na illa de Cos. A oliveira, a vide e os cereais foron os principais cultivos gregos, como en toda a conca do mar Exeo.

Polis (do grego πόλις, romanizado como pólis —plural póleis—) é a denominación dada ás cidades-estado independentes da antiga Grecia, xurdidas na Idade Escura mediante un proceso de agregación de núcleos e grupos de poboación (anteriormente vinculados polo οἶκος oikos casa) denominado sinecismo (συνοικισμóς synoikismós «xuntar as casas» ou «habitar xuntos»[1][2]). A unificación entre o núcleo urbano e a súa contorna rural, característica esencial da polis arcaica e clásica, completouse xa cara á segunda metade do século -VII. A polis foi o marco esencial onde se desenvolveu e expandiu a civilización grega até a época helenística e a dominación romana.

A estrutura da polis leva un establecemento urbano (ἄστυ, ásty), xeralmente instalado ao pé dunha cidadela elevada (ἀκρόπολις, acrópole), xunto cunha parte rústica (χώρα, khōra), composta polas terras propiedade dos cidadáns particulares, os campos sen cultivar e os bosques. A polis comprendía a cidade amurallada, os campos de cultivo e pastoreo, e os portos que a comunicaban co exterior. Cada polis controlaba o seu territorio, no que se consideraba autosuficiente (autarquía económica, αὐτάρκεια, autárkeia), considerando como ideal supremo a independencia e a non submisión a ningún poder exterior (soberanía ou autarquía política); o que non impedía a formación de distintos tipos de alianzas entre polis (anfictionía, ἀμφικτιονία, «construír xuntos»; simaquía, συμμαχία, symmakhía «loitar xuntos», κοινόν koinón, «común», traducido habitualmente como «liga»[3]).

A gran compartimentación xeográfica, tanto en Grecia continental como nas illas, provocou que o tamaño medio das polis fose reducido: unha poboación non maior de 10.000 habitantes, sobre unha superficie entre 1000 e 3000 km². Ademais da polis, existían outros tipos de asentamentos que recibían outras denominacións: kōmē (κώμη, «aldea», unha localidade non amurallada; Tucídides describía Esparta, que non tiña murallas —os espartanos gabábanse diso—, como a reunión de catro destas kōmē, e supuña que o resto das polis gregas xurdiran por sinecismo entre antigas kōmē), apoikía (ἀποικία, «colonia»), katoikía (κατοικία, colonias militares que non desenvolven institucións políticas plenas), emporion (ἐμπόριον, colonias comerciais), cleruquía (κληρουχία, asentamento agrícola-militar propio da colonización ateniense) e varios tipos de gornicións militares (φρούριον, phrúrion; στρατόπεδον, stratópedon; katoikía)[4][5].

Socialmente, a polis caracterizouse pola existencia de tres grupos: os cidadáns (πολίτης polítēs), que gozaban de todos os dereitos, os metecos (μέτοικος métoikos, «o que cambiou de oikos»), sen dereitos, pero libres; e os escravos (δοῦλος dûlos), privados de liberdade e que non dispuñan de ningún dereito[6]. Como corresponde á súa situación histórica, as mulleres tampouco eran consideradas cidadáns e, por tanto, tampouco tiñan dereitos[7].

A identificación coa polis era fortísima para o home grego, até tal punto que o desterro (ostracismo) fose a suprema condena. Aristóteles chegou a definir o ser humano como "animal político" (ζῷον πouλιτικόν zōon politikón), é dicir, o que ten vida social, o que vive en polis.

Expansión exterior das polis

[editar | editar a fonte]

Comercio marítimo

[editar | editar a fonte]

O mar (o Exeo e todo o Mediterráneo) converteuse no mellor medio para pór en contacto as polis gregas entre si e con outras civilizacións, establecéndose un activo comercio de todo tipo de produtos a longa distancia (chegando até a Europa do Norte e o Asia Central), até o punto de que moitas das cidades-estado dependían en gran medida do comercio marítimo. Os gregos convertéronse en excelentes mariños, habilidade aproveitada tanto en asuntos civís como militares.

Metrópoles e colonias

[editar | editar a fonte]
Polis gregas do século- VIII ao -VI (nomes enmarcados en vermello -os enmarcados en amarelo son cidades fenicias e os enmarcados en gris cidades doutros pobos-). Os puntos cadrados distinguen ás metrópoles e os puntos circulares ás colonias. As cores distinguen ás consideradas xonias (verde), dorias (azul escuro), aqueas (azul claro) e eolias (rosa).

O exceso de poboación, os conflitos internos e os intereses comerciais fixeron que desde mediados do século -VIII se iniciase un proceso de colonización que se estendería por espazo de dous séculos. Emprendedores comerciais e colonos agrícolas estableceron unha serie de novas cidades gregas desde o Mar Negro até o Mediterráneo occidental.

As principais colonias establecéronse, cara ao oeste, nas costas de Sicilia e o sur da Península itálica (que recibiron o nome de Magna Grecia: Cumas, fundada por colonos de Calcis, Siracusa, polo corintio Arquias, Tarento, polos espartanos) e a costa mediterránea das actuais Francia e España (Massalia —actual Marsella— ou Emporion —actual Ampurias—, fundadas polos foceos); cara ao leste en Xonia (costa da actual Turquía) e o mar Negro (Bizancio, fundada polos megarenses); e cara ao sur na costa do nordés de África (delta do Nilo e Cirene).

Nun principio foron os campesiños en busca de novas terras para labrar, os que afrontaron o risco. As cidades-nai ou metrópoles planeaban os detalles da viaxe e equipaban aos colonos, que irían liderados por un οἰκιστής oikistés (aristócrata á fronte da empresa, que sería recoñecido como fundador da colonia). Ao chegar ao lugar de destino, o xefe da expedición escollía unha localización favorábel (polas súas condicións defensivas, fertilidade, accesibilidade) e repartía as terras entre os expedicionarios, en partes iguais, a sortes (κλῆρος klēros, cleruquía). Estes pioneiros convertéronse en importantes terratenentes. Desta maneira foron xurdindo ao longo do Mediterráneo novas cidades portuarias cunha contorna agrícola, e con leis e costumes semellantes ás das polis gregas de onde proviñan.

A polis monárquica e a polis aristocrática

[editar | editar a fonte]
Kantharos do chamado Mestre dos cabalos, período xeométrico, ca. -730 / -700.
Hidria do chamado Pintor de Guglielmi, que representa unha cuadriga, ca. -550.

Nos seus inicios, cada polis estaba dominada por un caudillo militar, o basiléus (βασιλεύς, traducido habitualmente como «rei»). En moitos casos exercían o poder relixioso e xudicial. A mediados do século -VIII, estes gobernos de tipo monárquico («goberno de un») foron substituídos por oligarquías (ὀλιγαρχία oligarkhía, «goberno duns poucos»), nas que o poder político pasou a mans de asembleas formadas por representantes das familias locais máis influentes e ricas: os eupátridas (εὐπατρίδαι eupatrídai, «de bos pais»).

Estas asembleas cada ano elixían de entre os eupátridas a un número determinado de maxistrados (arcontes, ἄρχοντες árkhontes, «os que mandan»), que se encargaban de dirixir o exército (strategos, στρατηγός), a mariña (navarco, ναύαρχος) e levar os asuntos relixiosos (arconte basileus, ἄρχων βασιλεύς), entre outras funcións (tesmótetas, polemarca, próbulos, kolakretai, apodektai, etc.). O arconte epónimo (ἄρχων ἐπώνυμος árkhōn epōnymos) daba nome ao ano en que exercía o seu cargo.

Os membros desta clase dirixente, denominados aristoi (ἄριστοι, «os mellores», «excelentes» ou «virtuosos»; esta última acepción derivada de areté, ἀρετή) exercían o poder político (aristocracia, ἀριστοκρατία aristokratía, «goberno dos mellores») á vez que dominaban a economía da polis a través do seu control da propiedade da maior parte das terras (aristocracia como timocracia, «goberno dos que teñen honra» identificada coa plutocracia, «goberno dos ricos»). Eran os únicos que podían facer fronte ao alto custo que supuña a adquisición e o mantemento do equipo bélico que permitía entrar en batalla como os campións homéricos que se representan na Ilíada (cabalos e carro de guerra, armas e armaduras de metal: primeiro de bronce e logo de ferro). O pobo gobernado (δῆμος, dēmos) soamente participaba na vida pública cando así era requirido pola asemblea aristocrática.

Este sistema revela a existencia de círculos de parentesco con rangos hereditarios. Desde o seu nacemento cada persoa, xa fose un terratenente ou un campesiño, quedaba integrada na súa correspondente tribo (φύλη, phýlē); e dentro desta nunha concreta «irmandade» (φρατρία, phratría) composta polos pretendidos descendentes dun heroe ou deus ancestral. A ríxida estrutura social xustificou o predominio e capacidade de liderado da aristocracia grega durante moito tempo.

Desestabilización da aristocracia

[editar | editar a fonte]
Crátera de Eufronio, ca. -515. Representa a un grupo de mozos atenienses armándose co equipo militar propio dos hoplitas.

Diferentes factores fixeron que, co tempo, a aristocracia vise desestabilizada a orde política e social que garantía a súa supremacía:

  • Consolidación do comercio e da artesanía como actividades xeradoras de riqueza: Cidadáns que non proviñan das grandes familias prosperaron gradualmente até lograr unha certa riqueza, pero seguían carecendo de dereitos políticos.
  • Conflitividade social e revoltas ou enfrontamentos civís dentro das polis (στάσις, stásis): O empobrecemento dos campesiños facíaos endebedarse e non poder facer fronte a talles débedas. En tal situación recorríase á escravitude por débedas, o que provocou unha gran tensión social co consecuente estalido de revoltas.
  • Necesidade de maiores exércitos: A necesidade de ter máis cantidade de soldados requiría que fosen recrutados entre o pobo, co que se creou a falanxe hoplítica. Ao ser cidadáns non aristocráticos os que defendían agora a polis, acabaron pedindo un recoñecemento dos seus dereitos políticos.

Da polis arcaica á polis clásica

[editar | editar a fonte]
Solón.

Co obxectivo de resolver a crise política e social, nalgunhas polis decidiuse dar unha resposta ás esixencias reformistas das clases inferiores e medias, co cal se impulsaron medidas en favor dunha maior xustiza social.

Elixíronse maxistrados extraordinarios (nomothetas «lexisladores») para redactar novas leis e mediar nos conflitos existentes. Entre estes lexisladores estaban Zaleuco de Locros e Carondas de Catania, que decidiron distribuír máis equitativamente o poder entre os cidadáns. A lexislación do aristócrata ateniense Dracón subordinou o poder das tribos á xustiza do Estado. Entre os lexisladores máis prestixiosos do mundo grego arcaico estiveron o espartano Licurgo e o ateniense Solón.

Reformas de Solón

[editar | editar a fonte]

Co fin de evitar os enfrontamentos internos (stásis) mediante a diminución das desigualdades sociais, Solón emprendeu a principios do século -VI unha serie de modificacións lexislativas que poden considerarse como unha «constitución» de Atenas. Para favorecer aos pequenos agricultores suprimiu os impostos excesivos, canceláronse as hipotecas e aboliuse a escravitude por débedas, devolvendo a liberdade aos que xa caeran nela. Tamén impuxo medidas que igualaban aos novos ricos cos antigos terratenentes, modificando as institucións políticas e establecendo a igualdade legal (ἰσονομία isonomía) de todos os cidadáns ante as novas leis e o seu obrigado cumprimento.

As polis dos tiranos

[editar | editar a fonte]
Pitaco de Mitilene, tirano altamente popular, cuxa sabedoría se fixo proverbial, considerándose un dos sete sabios de Grecia.

A pesar das reformas emprendidas en moitas polis, os conflitos sociais continuaron. Entre os séculos -VII e -VI, a situación foi aproveitada por aristócratas que, actuando de maneira illada e fóra dos procedementos legais, ocupaban o poder mediante usurpación, privando ás oligarquías locais do seu exercicio tradicional do poder. Estes personaxes recibiron o nome de tiranos (τύραννος, týrannos, palabra que chegou ao grego como préstamo dalgunha lingua de Asia Menor, probablemente o lidio, co significado de «señor», «soberano», é dicir, «gobernante absoluto non limitado polas leis»[8]).

Os tiranos levaron a cabo, nos seus comezos, políticas populares ou «demagóxicas» para conseguir a aceptación por parte do pobo e garantirse o seu apoio en contra das familias aristocráticas. Impulsaron a construción de suntuosos templos e outros edificios, e investiron os impostos en obras públicas, que posibilitaron que unha gran parte da poboación tivese traballo. Organizábanse, ademais, festas relixiosas nas que participaban todos os cidadáns sen distinción de clases. Fomentaron a convivencia cidadá, a creación e reforma de leis, respectando ou non o ordenamento xurídico ou constitucional vixente; cando tiñan a oportunidade substituían aos maxistrados por amigos e familiares. Moitas das cidades sometidas ao goberno de tiranos prosperaron, ampliándose o comercio de forma considerábel.

A súa popularidade e prestixio víanse incrementados cando participaban en guerras contra polis rivais.

Crise da polis clásica

[editar | editar a fonte]

As Guerras Médicas (-499 a -449), a pesar da vitoria dos gregos fronte aos persas, non significaron en realidade a independencia das polis gregas, senón a apertura dun período de hexemonía ateniense (o chamado século de Pericles -en realidade limitado ás décadas centrais do século -V) a través da liga de Delos, que foi cuestionada polos seus rivais liderados por Esparta e agrupados na liga do Peloponeso. Isto levou ao enfrontamento de ambos os bloques na Guerra do Peloponeso (-431 a -404).

Para Antonio Tovar, a morte de Sócrates (-399) constitúe «o momento en que se marca a crise da pólis»[9].

As guerras, mantidas ano tras ano, arruinaron a base social da polis clásica: o propietario medio, con recursos suficientes para manter o seu armamento como hoplita, fundamento dos seus dereitos e obrigacións políticas e militares. As cidades viron crecer a súa poboación en grandes masas depauperadas, tanto a causa do éxodo rural de campesiños arruinados (fálase de «proletarización») como polo crecemento do número de escravos procedentes das guerras; situación que, nunha conxuntura de decadencia do comercio e a artesanía, orixinou unha forte inestabilidade política, sucedéndose constantes episodios de represión e revoltas que dentro de cada polis subían ao poder a bandos rivais[10][11].

Tras un breve período de hexemonía tebana, xa a mediados do século -IV, a debilidade interna e enfrontamento entre as distintas polis permitiron a imposición dun poder exterior: a monarquía macedónica de Filipo II, que confirmou o seu dominio na batalla de Queronea (-338) e a formación da liga de Corinto.

Estatero de ouro cuñado coa efixie de Alexandre Magno nunha cara e a de Atenea Nike na outra. A figura do rei helenístico divinizábase ou polo menos elevábase por enriba da condición dos seus súbditos, o que era considerado unha subversión da idiosincrasia grega: algúns soldados de Alexandre resistíronse á introdución do costume oriental da proskynesis (προσκύνησις), o saúdo ritual que implicaba axeonllarse ante el.

A expedición a Oriente de Alexandre Magno (-334 a -323), que inicia a época helenística, pode verse en boa parte como unha resposta aos graves problemas económicos, sociais e políticos que confluíron na crise da polis clásica; dunha forma similar a como a expansión colonial de séculos anteriores fora unha válvula de escape aos problemas da polis arcaica[12].

... as grandes conquistas de Alexandre serviron para mitigar a crisis en Grecia. ... os cuantiosos donativos de Alexandre ás cidades, o botín traído polos oficiais e soldados que regresaron, a cuñaxe por Alexandre das inmensas reservas metálicas de Asia, a conversión do exército enriquecido en consumidor dos produtos industriais e agrícolas de Grecia, significan a entrada de riquezas importantes... a fundación de cidades gregas nos territorios conquistados, foi outro elemento de transcendencia económica. Se é esaxerado o número de 75 que dá Plutarco ... é verdade que a importancia dalgunhas delas compensa desta esaxeración; e ... cidades xa existentes, como Tiro ou Gaza, entran dentro da corrente económica helénica. Claro que estes desprazamentos económicos tiveron consecuencias graves para as póleis gregas, pois unha emigración activísima acentuou a súa despoboación. Ao formulármonos o problema da decadencia da pólis, atopámonos con que, en vez dunha interpretación catastrófica que nos permitise sinalar día e hora para o fin da vida autónoma e normal das máis importantes, trátase dunha evolución lenta e complicada, que non podemos fixar nin mesmo nos casos mellor estudados e sobre máis datos. Se nos fixamos na constelación do político co intelectual, un ano para datar o fin de Atenas sería o -262, cando a somete Antígono Gonatas. Nese ano morre Filemón, o último dos grandes poetas cómicos; Filócoro, o último gran historiador de Atenas, e Zenón, o estoico, o último gran filósofo creador. «Parece que as musas abandonan Atenas xunto coa independencia»[13]

Urbanismo

[editar | editar a fonte]
Plano da ágora de Atenas no século -V.
Acrópole de Atenas, emprazamento orixinal da polis inicial da Idade Escura, foi destruída durante a invasión persa e reconstruída cos fondos da liga de Delos durante o chamado «século de Pericles». A construción dunha extensa muralla entre Atenas e o porto do Pireo (os «Muros Longos») foi tamén un proxecto de grande envergadura; destruídos polos espartanos ao final da guerra do Peloponeso, foron voltos construír no século -IV.
Plano da zona central de Mileto, unha cidade xonia, co mercado e os seus arredores, cara ao -200. O trazado regular débese á planificación de Hipodamo, no século -V.

A cidade-estado grega, a polis, tiña un plano ortogonal, máis regular canto máis organizada estivese a cidade. Tiñan edificios e lugares públicos onde se reunía o pobo, e onde se organizou a democracia e xurdiu a filosofía. Estes lugares son os templos, a ágora, o mercado que ás veces estaba cuberto con soportais (a stoá). Tamén foi necesario construír edificios de administración e de lecer, como os teatros e os estadios. O plano típico é o que aplicou en Mileto Hipodamo, ao que Aristóteles atribúe o ternos legado a doutrina da distribución lóxica da cidade. Este plano baséase na disposición ortogonal das rúas e as mazás. Todas as rúas debían de ter a mesma anchura, e a distribución de oficios debería facerse con criterios lóxicos. Os gregos construíron colonias en diferentes partes do Mediterráneo, e para a construción de nova planta dunha cidade este tipo de plano é moi útil. Cidades como Mileto, Atenas, Esparta, Antioquía, etc., teñen esta tipoloxía, modificada só pola topografía. Sempre que se pode, o plano está orientado en dirección norte-sur, co que todas as vivendas tiñan unha fachada con vistas ao sur.

  1. Tovar, op. cit., pxs. 18-19. A cita entrecomiñada é de Arnold Wycombe Gomme, Essays in Greek History and Literature, Oxford, 1937, px. 224.
  2. "La filosofía antigua". Historia de la Filosofía. Oxford Univesity Press España, Sociedad Anónima. ISBN 9788467351477. 
  3. Tamén expresa un concepto individual: «dominio de si mesmo»
  4. T.H. Nielsen, «Phrourion. A note on the term in classical sources and in Diodorus Siculus» contributo in T.H. Nielsen (a cura di), Even more studies in the ancient Greek polis, 2002 (pp. 49-64). Fonte citada en it:Phourion
  5. Equivalentes aos castellum, castrum ou burgus romanos. A identificación dos katoikia con establecementos militares non é algo evidente: ... not every katoikia was necessarily a military settlement. It has become almost generally accepted that katoikia was a settlement in an intermediate stage between the polis and the kome, namely a community having all the traditional municipal institutions but not enjoying the privileges of a polis (Bezalel Bar-Kochva, The Seleucid Army: Organization and Tactics in the Great Campaigns, pg. 23). Tamén se identifica katoikia con politeuma (Tarn interpreted the terms as being sometimes equivalent to the Ptolemaic politeuma, i. e., quasi-autonomous corporations of non-Greeks nationalities in Greek cities, but this cannot apply to most of the katoikiai under consideration, wich vere obviously self-contained settlements and not just quarters of a city -op. cit.-). O verbo katoikein significa «habitar» (op. cit.)
  6. Historia da cidadanía. Pocock, J. G. A. (1998). The Citizenship Debates. Chapter 2—The Ideal of Citizenship since Classical Times (originally published in Queen's Quarterly 99, no. 1). Minneapolis, MN: The University of Minnesota. p. 31. ISBN 0-8166-2880-7. Fonte citada en en:History of citizenship
  7. Historia da muller na Grecia antiga. The Rise of Women in Ancient Greece by Michael Scott, published in History Today Volume: 59 Issue: 11 2009. Fonte citada en en:Women in Greece
  8. Online Etymology Dictionary
  9. Antonio Tovar, La decadencia de la polis griega Arquivado 19 de agosto de 2019 en Wayback Machine.. Cita como fonte a Jaeger (Paideia, pg. 88).
  10. Tovar, op. cit., pg. 18
  11. ... unha contracción do mercado que, como sinala Rostovtzeff, débese en Grecia ás guerras continuas; en Oriente, a que a industria local despraza as importacións gregas, e ao desenvolvemento económico de Italia, que xa non necesitaba de produtos da agricultura ou a industria de Grecia
  12. VV. AA., La crisis de la polis clásica, en Horizonte: Historia y Geografía, pg. 56 y ss., Vicens Vives-Andres Bello, 1996, ISBN 8431635223. Ademais de neste texto, a expresión «crise da polis clásica» ten uso historiográfico en textos de autores como Carlos García Gual: «Eurípides anticipouse ás maneiras de sentir e pensar da época helenística, e foi un precursor audaz e doente da nova concepción do mundo e do individuo na crise da polis clásica e o seu sistema de crenzas e valores» (Figuras helénicas y géneros literarios, 1991); Luis Agustín García Moreno «esa suposta crise da polis clásica; crise que, como sinalamos ao principio, constitúe o grande eixo de toda a problemática historiográfica do século IV» (Eunsa Historia Universal, 1980) e Paul Veyne: «A idea de que o everxetismo é o reflexo dunha crise da polis clásica pode verse reforzada por certa concepción do everxetismo monárquico» (citado en Prometheus, 1994). VV. AA., Central Greece and the Politics of Power in the Fourth Century BC, pg. 12:
  13. Tovar, op. cit., pxs. 18-19. A cita entrecomiñada é de Arnold Wycombe Gomme, Essays in Greek History and Literature, Oxford, 1937, px. 224.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Polignac, La naissance de la cité grecque (París 1984). An attempt to dissociate urbanization from state formation was undertaken by I. Morris, «The early polis as city and state» in J. Rich and A. Wallace-Hadrill, eds., City and Country in the Ancient World (Londres, 1991) pp 27-40.
  • Sviatoslav Dmitriev, City government in Hellenistic and Roman Asia minor, p. 68. ISBN 0-19-517042-3 (2005)
  • Encyclopedia of ancient Greece By Nigel Guy Wilson Page 627 ISBN 978-0-415-97334-2 (2006)
  • Howgego, C.; Heuchert, V; Burnett, A. Coinage and Identity in the Roman Provinces. Páxina 158. ISBN 0-19-923784-0 (2007)
  • Mogens Herman Hansen; Thomas Heine Nielsen (2004). An inventory of archaic and classical poleis (en inglés). Nova York: Oxford University Press. pp. 1046-1047. ISBN 0-19-814099-1. 
  • Mogens Herman Hansen. Polis: An Introduction to the Ancient Greek City-State. Oxford: Oxford University Press, 2006 (hardcover, ISBN 0-19-920849-2; paperback, ISBN 0-19-920850-6).
  • Mogens Herman Hansen (ed), The Ancient Greek City-State. Symposium on the occasion of the 250th anniversary of The Royal Danish Academy of Sciences and Letters, 1-4 de xullo de 1992. [«Acts of the Copenhagen Polis Centre» vol. 1], Copenhagen 1993 (Det Kongelige Danske Videnskabernes Selskab, Historisk-filosofiske Meddelelser 67)
  • Mogens Herman Hansen (ed), Sources for The Ancient Greek City-State. Symposium agosto, 24-27 1994. Acts of the Copenhagen Polis Centre vol. 2, Copenhagen 1995 (Det Kongelige Danske Videnskabernes Selskab, Historisk- filosofiske Meddelelser 72)
  • Mogens Herman Hansen (ed), Introduction to an Inventory of Poleis. Symosium agosto, 23-26 1995. «Acts of the Copenhagen Polis Centre» vol. 3, Copenhagen 1996 (Det Kongelige Danske Videnskabernes Selskab, Historisk- filosofiske Meddelelser 74)

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]