Saltar ao contido

Atomismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Revisión feita o 25 de xaneiro de 2024 ás 18:33 por Breobot (conversa | contribucións) (Reemplazos con Replacer: «Nicolás de»)
(dif) ← Revisión máis antiga | Revisión actual (dif) | Revisión máis nova → (dif)
Leucipo de Mileto, o primeiro filósofo grego que desenvolveu unha teoría do atomismo.

O atomismo,[1] é unha teoría física e filosófica que xurdiu en Grecia durante o século V a.C., aínda que talvez moito antes, que propón unha concepción dun universo descontinuo, composto de materia e de baleiro. Segundo os atomistas, os átomos que compoñen o universo son todos da mesma substancia. Son indivisíbeis e non difiren os uns dos outros máis que pola súa forma, a súa posición e o seu movemento.[2]

O atomismo oponse ao monismo.

Leucipo (contra 440 a.C.) e o seu alumno Demócrito (contra 433 a.C.) están considerados como os fundadores do atomismo, doutrina retomada máis tarde por Epicuro (contra 306 a.C.), e despois por Lucrecio, no século I d.C.[3].

Segundo o atomismo mecanicista de Leucipo e Demócrito, os átomos son unhas partículas materiais indestrutíbeis, desprovistas de cualidades, que non se distinguen entre si máis que pola súa forma e dimensión, e que polas súas diversas combinacións no baleiro constitúen os diferentes corpos.

Esta concepción da natureza era absolutamente materialista, e explicaba todos os fenómenos naturais en termos de número, forma e tamaño dos átomos. Incluso reduciu as propiedades sensoriais das cousas ás diferenzas cuantitativas dos átomos.

Aristóteles rexeitou a idea atomística co argumento de que non pode existir o baleiro subxacente entre as partículas. Segundo a doutrina aristotélica, a materia está constituída de forma continua, é dicir, que non pode dividirse en partes irredutíbeis.

Para evitar o determinismo mecanicista, criticado por Aristóteles, Epicuro sostén que todo o que existe está composto de átomos indivisíbeis, que se moven aleatoriamente no baleiro e poden combinarse entre si para formaren agregados de materia. A alma en particular sería un destes agregados de átomos, e non unha entidade espiritual, (o que explica especialmente ben, despois, o seu discípulo Lucrecio, que introduce a tese de que os átomos caen no baleiro e experimentan por si mesmos unha declinación que lles permite encontrarse). Desta forma trátase de impoñer unha certa orde é idea orixinal que supoñía que as cousas se formaban cun movemento caótico de átomos).[4]

   "Cómpre termos antes o noso primeiro principio
    Nada é creado nunca divinamente da nada.[5]
    …
    Nada se aniqulia; todas as cousas retornan,
    Por división, aos corpos primeiros da materia".[6]

Estes corpos primeiros son os átomos. Os dous primeiros libros de De Rerum Natura están enteiramente dedicados a eles. Non hai outra cousa na natureza que o baleiro e os átomos, que son eternos, absolutamente plenos e inidivisíbeis. Cun número limitado de átomos diferentes pode compoñerse todo o universo: ceo, mar, terra, ríos, sol, plantas, animais, todo está constituído polos mesmos elementos. Todo é natural, todo é racional.

O De Rerum Natura é en principio un tratado de física, incluso se a intención esencial desta explicación científica da natureza é, para os epicúreos e para Lucrecio, mostrar que o sobrenatural non existe, vólvese filosofía maior, que está na orixe do materialismo e da separación da ciencia e a relixión.

O mundo non resulta así máis que da matieria e do azar. A natureza é libre, sen mestre, sen deuses, e nós somos libres, como todos os animais.

O atomismo de Lucrecio, que retoma o de Epicuro, que á súa vez tomara dos filósofos presocráticos, especialmente de Leucipo, (contra 460 - 370.C.), e Demócrito, é evidentemente unha intuición sen confirmación e non ten moito que ver co atomismo moderno. Os átomos nin son indivisíbeis, nin eternos, nin absolutamente plenos. Pero o anticipa hai máis de vinte séculos. Haberá que esperar a Torricelli, e despois a Pascal, para demostrar a existencia do baleiro, a Mendeléev (1869) para a clasificación dos átomos, e ao século XX para a física cuántica.

Este atomismo é un materialismo, "un dos máis radicais de toda a Antigüidade", escribe Conte-Sponville,[7] "haberá que esperar ao século XVIII, e máis, pare encontrar unha couse aproximada". O exame da natureza e a súa explicación (naturae species ratioque), formulación catro veces citada por Lucrecio [8] no seu poema exclúe toda teoloxía, todo idealismo, todo espiritualismo.

O atomismo aparece na filosofía grega como un intento de superar as dificultades lóxicas para explicar o cambio das cousas consideradas na Escola eleática. Afirma o que esta mesma afirma e pode afirmar tamén o que esta nega, facéndose así máis comprensiva como teoría. Non hai disxuntiva entre ser e non ser, senón ambas as cousas, só que o ser non é efectivamente tal, isto é, espazo e baleiro. Esta simultaneidade dos contrarios constitúe a fonte do movemento. Esta teoría atómica percorre con tal fluidez o tránsito do ser ás cousas, suprime de golpe tantos obstáculos para a comprensión mecánica e matemática do universo, que desde entón se converteu en modelo para calquera investigación racional da natureza.

Tamén se presenta como afín ao pluralismo de Anaxágoras ou de Empédocles (século V a.C.). Anaxágoras consideraba que todo estaba feito de partículas elementais chamadas homeomerías conceptualmente diferentes (aínda que moi similares) aos átomos de Leucipo e Demócrito, mentres que Empédocles afirmaba que case todas as cousas (non os ollos, por exemplo) están compostas por algún (ou algúns) dos catro elementos, a saber: aire, auga, terra e lume.

No seu libro La déduction relativiste (1925), o filósofo das ciencias Émile Meyerson escribe: "A atomicidade é, en efecto, como é ben sabido, unha concepción moi antiga. Nacida en Grecia e arredores, máis ou menos simultaneamente cos comezos da física, xoga, nesta ciencia, un gran papel, sexa en primeiro plano, sexa despois, segundo que as vicisitudes da evolución do pensamento dean máis ou menos luz ás manifestacións do descontinuo".[9]

Idade Media e Renacemento

[editar | editar a fonte]

Na Idade Media, a pesar da oposición xeral ao atomismo baseada en consideracións teolóxicas, e sobre todo pola forte influencia de Aristóteles, esta doutrina foi mantida por Guillerme de Conches e Nicolao de Autrecourt.

A teoría cobra novo auxe nos séculos XV e XVI, coincidindo coa crítica ao aristotelismo, coas ideas de Nicolás de Cusa e Giordano Bruno.

Giordano Bruno dota ao seu atomismo de vitalismo (atomismo vitalista), nun poema en latín titulado De minimo (Do mínimo), datado en 1591. O átomo é o centro da vida, é un punto onde vai inserirse a alma do mundo.[10] En 1591, en Frankfurt, Bruno escribiu en latín dous poemas sobre a mónada: De triplici minimo (Do triplo mínimo) e De monade, numero et figura (Da mónada, o número e a figura). Chama mínimo ou mónada a unha entidae indivisible que constitúe o elemento mínimo das cousas materiais e espirituais. A mónada, que se corresponde co punto das matemáticas e co átomo da física, é ese ser primitivo, inaprensíbel, de natureza tanto corporal como espiritual, que enxendra, por relacións recíprocas, a vida do mundo. É unha individualización extrínseca da divindade; existencia finita, é un aspecto da esencia infinita. Deus, mínimo e máximo, é a mónada suprema de onde saen eternamente unha infinidade de mónadas inferiores.

Nesta época debatéronse os problemas inherentes á doutrina atomista: dificultade lóxica de admitir que exista unha porción de materia que non se poida dividir e as dificultades de explicar a diversidade das propiedades físicas e químicas dos corpos, alcanzando un punto culminante coa renovación de Gassendi, que considera o atomismo como a hipótese máis razoábel para a explicación dos fenómenos da natureza. Así mesmo é innegábel a influencia que adquiriu máis tarde nas orixes da teoría atómica científica.

Época moderna

[editar | editar a fonte]

O corpuscularismo dos séculos XVII e XVIII

[editar | editar a fonte]

Sen seren forzosamente atomistas, Galileo, Boyle e Newton admitían a existencia de pequenas partículas de materia na natureza.[11] En 1646, Johannes Magnenus, un francés, escribiu un libro titulado Democritus reviviscens sive de atomis (Demócrito revivido, ou do átomo).

O atomismo científico

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Átomo.

A teoría atómica moderna, científica, con base experimental, foi formulada por Dalton na súa obra New System of Chemical Philosophy (1808-1827), na que fai a primeira representación simbólica dos sistemas de átomos e dá unha táboa de masas atómicas.

Dalton tomou como punto de partida unha serie de evidencias experimentais coñecidas na súa época:

  • As substancias elementais non poden descompoñerse.
  • As substancias, simples ou compostas, teñen sempre as mesmas propiedades características.
  • Os elementos non desaparecen cando se forma un composto, pois se poden recuperar por descomposición deste.
  • A masa consérvase nas reaccións químicas, que proviña da Lei de conservación da masa do químico francés Lavoisier.
  • A proporción dos elementos que forman un composto é constante, que proviña da Lei das proporcións definidas do tamén químico francés Proust.

Para explicar estes feitos, propuxo as seguintes hipóteses:[12]

  • A materia é descontinua; está formada por átomos que son partículas indivisíbeis.
  • Todos os átomos dun mesmo elemento son iguais, teñen a mesma masa e átomos de diferentes elementos difiren na súa masa.
  • Os átomos de diferentes elementos combínanse para formaren "moléculas".
  • Os cambios químicos son cambios nas combinacións dos átomos entre si, os átomos non se crean nin se destrúen.
  • Os átomos que se combinan para formaren un composto fano sempre na mesma proporción, que será a Lei das proporcións múltiplas.

Os cinco puntos principais da teoría atómica de Dalton son:

  1. Os átomos dun elemento son diferentes dos de calquera outro elemento, os átomos de elementos diferentes pódense distinguir uns doutros polos seus respectivos pesos atómicos relativos.
  2. Todos os átomos dun determinado elemento son idénticos.
  3. Os átomos dun elemento combínanse cos átomos doutros elementos para formaren compostos químicos.
  4. Un composto dado sempre ten o mesmo número relativo de tipos de átomos.
  5. Os átomos non se poden crear, dividir en partículas máis pequenas, nin se destrúen no proceso químico, unha reacción química simplemente cambia a forma na que os átomos se agrupan.
  6. Os elementos están feitos de partículas diminutas chamadas átomos.

Dalton propuxo un novo "imperio da maior ssinxeleza" que creou controversia, xa que non puido ser confirmado de forma independente.

A contribución de Dalton non foi propoñer unha idea asombrosamente orixinal, senón formular claramente unha serie de hipóteses sobre a natureza dos átomos que sinalaban a masa como unha das súas propiedades fundamentais, e preocuparse por probar tales ideas mediante experimentos cuantitativos.

A física cuántica, é un atomismo?

[editar | editar a fonte]

Desde a física cuántica, a tese reducionista de que átomos e baleiro son as dúas entidades que constitúen a materia é problemática.[13] Kuhlman resume así o paradoxo:

a teoría cuántica dos campos é atomista se se entende por iso que existen explicacións reducionistas,

pero

a teoría cuántica dos campos non é atomista se se entende por iso que non existen máis que partículas e baleiro.

De todos os xeitos, segundo Kuhlman, incluso a primeira tese podería refutarse, porque non hai, na física de partículas moderna, campos e partículas que sexan entidades fundamentais.

  1. De átomo, e este do grego ἄτομον átomon, 'sen partes', ou tamén de α- a-, 'non' e τόμος tómos 'porción', 'parte')
  2. Hoxe sábese que átomo é divisíbel, pero que as partículas elementais non o son, no estado actual dos nosos coñecementos.
  3. Véxase: Lucrecio, De Rerum Natura.
  4. Ademais, en lóxica ou epistemoloxía, Epicuro considera que a sensación está na orixe de calquera coñecemento, anunciando así o empirismo.
  5. De Rerum Natura, I, v. 149-150.
  6. De rerum natura, I, v. 248-249.
  7. Le Miel et l'absinthe, Hermann, 2008, páx. 116.
  8. De Rerum Natura, I, v. 148, II, v. 61, III, v. 93, VI, v. 41.
  9. Émile Meyerson, La déduction relativiste, § 111, Payot, Paris, 1925
  10. P. H. Michel, "L'atomisme de Giordano Bruno", en La science au seizième siècle. Colloque international, Paris, Hermann, 1960, páx. 263.
  11. C. Meinel, Early seventeenth-century atomism. Theory, epistemology and the insufficiency of experiment, Isis, marzo de 1988, páxs. 68-103.
  12. Morcillo, Jesús (1989): Temas básicos de química. 2ª ed. Alhambra Universidad. páxs. 14-16. ISBN 978-84-205-0782-8
  13. Kuhlmann, Meinard (2006): Atomism and Reductionism. Stanford Encyclopedia of Philosophy.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Clericuzio, Antonio (2000): Elements, Principles, and Corpuscles; a study of atomism and chemistry in the seventeenth century. Boston: Kluwer Academic Publishers.
  • Dumont, Jean-Paul (1991): Les Écoles présocratiques. París: Gallimard, "Folio Essais".
  • Gregory, Joshua C. (1981): A Short History of Atomism. Londres: A. and C. Black, Ltd.
  • Morel, Pierre-Marie (2000): Atome et nécessité: Démocrite, Epicure, Lucrèce. París: Presses universitaires de France.
  • Salem, Jean (1997): L'atomisme antique: Démocrite, Épicure, Lucrèce. Livre de Poche. ISBN 2-253-90452-X
  • Salem, Jean (2000): L'atomisme au XVIIe et XVIIIe siècles. ISBN 2-85944-377-0

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]