Viño do Porto

tipo de viño

O porto ou viño do Porto (portugués: vinho do porto) pertence ao xénero de viños coñecido como viños fortificados. Estes viños naceron nos séculos XVI e XVII, como produto da adición de brandy ao viño cando está en proceso de fermentación. Deste xeito conséguese a estabilización do viño, logrando un viño que resistía as variantes temperaturas e humidades do longo traxecto marítimo que o comercio da época impuña.

Copa de viño do Porto.

Historia e características

editar

O viño do Porto prodúcese nas vides do Val do río Douro, en Portugal. Antes do século XVII, esta rexión era xa coñecida polos seus viños, tintos e brancos, aínda que eran pouco consumidos fóra de Portugal. En 1678, Inglaterra e Francia entraron en guerra, ocasionando escaseza de viño no reino británico. Para facer fronte á escaseza, Inglaterra recorreu aos viños de Portugal, o seu aliado de tres séculos. O viño do val do Douro comezou a facerse popular en Gran Bretaña, máis que nada pola súa ubicuidade en tempos onde o viño francés era escaso ou inexistente. Unha versión sobre a orixe do viño do porto como se coñece actualmente, di que en 1678, comerciantes de Liverpool adoptaron unha técnica empregada nun mosteiro en Lamego para modificar o viño. Esta técnica consiste en engadir brandy ao viño durante a fermentación, interrompendo así o proceso de fermentado. O resultado é un viño con maior contido de alcol (ata 25 °G.L.), e con sabor máis doce, debido ao azucre remanente que non rematou de fermentarse.

O éxito deste tipo de viño en Gran Bretaña, levou ao establecemento de varias casas vinícolas de orixe británica en Portugal. Para o século XVIII, había un monopolio británico de facto sobre a produción de oporto. Este monopolio durou ata a fundación da Companhia Velha, que marcou o ingreso dos portugueses á produción e comercialización deste viño.

O porto tinto faise a partir de uvas Tinta Roriz, Tinta Barroca, Touriga e Tinta Cão. O porto branco obtense das uvas Malvasía Dourada, Malvasía Fina, Gouveio e Rabigato.

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar