Salvador de Madariaga

Salvador de Madariaga Rojo, nado na Coruña o 23 de xullo de 1886 e finado en Locarno (Suíza) o 14 de decembro de 1978, foi un diplomático, escritor, historiador e pacifista galego. Durante a Segunda República Española foi ministro de Instrución Pública e de Xustiza en 1934. De pensamento liberal e europeísta, logo do inicio da guerra civil española exiliouse no Reino Unido. Durante a guerra fría foi un activo militante en contra do comunismo soviético, así como un opositor da ditadura franquista; só retornou a España logo da morte de Franco. Membro de número da Real Academia Española e a Real Academia de Ciencias Morales y Políticas, como escritor cultivou diversos xéneros: ensaio histórico e político, crítica literaria, novela, biografía ou poesía, entre outros.

Modelo:BiografíaSalvador de Madariaga

(1966) Editar o valor en Wikidata
Nome orixinal(es) Salvador de Madariaga
(es) Salvador de Madariaga у Rojo Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento23 de xullo de 1886 Editar o valor en Wikidata
A Coruña, España Editar o valor en Wikidata
Morte14 de decembro de 1978 Editar o valor en Wikidata (92 anos)
Locarno, Suíza Editar o valor en Wikidata
President of Liberal International (en) Traducir
20 de abril de 1948 – 18 de abril de 1952 – Roger Motz →
Ministerio de Educación, Cultura e Deporte de España
3 de marzo de 1934 – 28 de abril de 1934
← José Pareja Yébenes (pt) TraducirFiliberto Villalobos (pt) Traducir →
Ministro de Xustiza de España
17 de abril de 1933 – 28 de abril de 1934
← Ramón Álvarez-Valdés Castañón (en) TraducirJosé Vicente Cantos Figuerola →
Embaixador de España en Francia
1932 – 1934
Deputado nas Cortes republicanas
13 de xullo de 1931 – 5 de maio de 1933

Circunscrición electoral: A Coruña
Embaixador de España nos Estados Unidos
1931 – 1931 Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
EducaciónLycée Chaptal (pt) Traducir
Escola Superior de Minas de París
Escola Politécnica
Universidade de Oxford Editar o valor en Wikidata
Actividade
Lugar de traballo Madrid Editar o valor en Wikidata
Ocupacióndiplomático, crítico literario, xornalista de opinión, profesor universitario, político, escritor, xornalista, enxeñeiro, novelista, historiador, poeta, biógrafo, ensaísta, académico Editar o valor en Wikidata
EmpregadorUniversidade de Oxford
British Broadcasting Corporation
Radio París Editar o valor en Wikidata
Partido políticoOrganización Republicana Gallega Autónoma Editar o valor en Wikidata
Membro de
Xénero artísticoPoesía Editar o valor en Wikidata
Pseudónimo literarioJulio Arceval Editar o valor en Wikidata
Obra
Arquivos en
Familia
CónxuxeEmilia Rauman Szeleky (1970–1978)
Constance Archibald (1912–1970) Editar o valor en Wikidata
FillosNieves Mathews
 ()
Isabel de Madariaga
 () Editar o valor en Wikidata
IrmánsEmilio Madariaga
Pilar de Madariaga Rojo Editar o valor en Wikidata
Premios

Descrito pola fonteObálky knih, Editar o valor en Wikidata
IMDB: nm0210000 Galiciana: 31317 BNE: XX994470 BUSC: madariaga-salvador-de-1886-1978 Dialnet: 964293 Find a Grave: 14823799 Editar o valor en Wikidata

Foi nomeado en ata nove ocasións ao Premio Nobel da Paz, aínda que non o gañou en ningunha delas,[1] así como un dos cofundadores, en 1949, do Colexio de Europa.

Traxectoria

editar

Infancia e mocidade

editar
 
Placa no lugar de nacemento de Salvador de Madariaga, na rúa do Orzán da Coruña

Salvador de Madariaga naceu o 23 de xullo de 1886 na cidade da Coruña.[2][3][a] Nado no seo dunha familia numerosa e de longa tradición militar,[5][6] Salvador foi un dos once fillos do coronel Darío José de Madariaga[b] e de María Ascensión Rojo.[6] Foi criado na Coruña pola súa nai, xa que o seu pai fora destinado a Cuba, estudando no instituto da cidade herculina.[10]

Cando tiña 12 anos o seu pai regresou de Cuba e a familia trasladouse a Madrid, onde estudou no Instituto Cardenal Cisneros.[10] Convencido este de que unha das causas da derrota de España na guerra hispano-americana de 1898 era o atraso tecnolóxico, o seu pai enviouno a Francia contra o ano 1900 a estudar enxeñaría,[7][11] como formación para a ocupación tradicional da súa familia, o exército.[11]

Formación

editar
 
Entrada da École Polytechnique de París.

Durante os once anos seguintes, Salvador de Madariaga desenvolveu a súa formación no Collège Chaptal (no que permaneceu cinco anos), logo de superar o exame de ingreso accedeu á prestixiosa École Polytechnique, e logo pasou dous anos máis na École Nationale Supérieure des Mines de París,[10][12][7][13] ata conseguir a súa graduación en 1911.[7] Nos anos que permaneceu na capital francesa moveuse nun ambiente de estudantes internacionais, no que coñeceu á que sería a súa muller, a historiadora escocesa Constance Archibald.[10] Durante a súa estancia en Francia transitou desde a técnica cara ao humanismo, sentindo que a súa vocación inclinábase cara aos estudos literarios, porén a presión paterna fixo que seguise estudando ata conseguir o título de enxeñeiro;[14] o propio Salvador de Madariaga chegou a considerar o seu traballo e a súa vocación como «inimigos declarados».[14]

Tras graduarse, no canto de seguir a carreira militar, conseguiu un posto de enxeñeiro na Compañía dos Ferrocarrís do Norte e traballou como articulista en Madrid.[15] En 1912 contraeu matrimonio con Constance Archibald.[16] En Madrid trabou relación cos intelectuais do movemento posrexeneracionista, na súa maioría republicanos, comezando a escribir na prensa madrileña sobre temas literarios e de política internacional.[10] Pronto foi considerado parte do grupo de intelectuais que posteriormente sería coñecido como a xeración do 14. En 1914 ingresou na Liga de Educación Política, da que tamén formaron parte José Ortega y Gasset, Manuel Azaña, Fernando de los Ríos, Américo Castro, Luis Araquistáin, Luis Bello e Ramiro de Maeztu,[17][16] e da que xurdiron o semanario España e posteriormente o diario El Sol.

Por esas datas comezou a súa correspondencia con Miguel de Unamuno, con quen mantivo unha relación de aprecio e respecto.[18] Durante a primeira guerra mundial residiu no Reino Unido, onde escribiu propaganda aliadófila en castelán por encargo do Ministerio de Asuntos Exteriores británico, grazas a ser recomendado por Araquistáin, polo que Madariaga deixou o seu emprego e foise vivir a Londres, onde comezou a escribir para o departamento de información do Ministerio de Asuntos Exteriores británico.[16]

Os seus artigos eran distribuídos en España pola Axencia Anglo-Ibérica.

Regreso a España

editar

Ao finalizar a guerra en 1918 e non tendo traballo no Reino Unido, Madariaga volveu a España dous anos máis tarde, retomando a súa profesión de enxeñeiro de minas, que compaxina coa tradución e redacción de artigos para o suplemento literario do The Times e para o Manchester Guardian.[16] O mesmo ano do seu regreso a Madrid morría o seu irmán, o escultor Emilio Madariaga.[19] Con dúas fillas e sen estabilidade económica, Madariaga procurou un novo traballo de maior seguridade e remuneración, conseguindo ser nomeado Secretario da Delegación de España para unha Conferencia Internacional que a Sociedade de Nacións ía celebrar en Barcelona o 20 de abril de 1921.[10][20] Ese mesmo ano, logo de impresionar coas súas capacidades na conferencia, conseguiu un posto permanente na sede que a Sociedade de Nacións tiña en Xenebra (Suíza), comezando a traballar primeiramente en temas técnicos e posteriormente en desarme. En anos posteriores seguiría ascendendo dentro da organización, ata abandonala en 1927[10][21][c] para converterse en 1928 en profesor de lingua española na Universidade de Oxford, posto que desempeñou durante tres anos e que abandonou ao descubrir que carecía de vocación para el.[24] Durante ese período, escribiu tres libros sobre a psicoloxía das nacións, en inglés: Englishmen, Frenchmen Spaniards ("Ingleses, Franceses, Españois"), un ensaio que trata un dos seus temas favoritos, a psicoloxía colectiva dos pobos.[25]

Cando se produciu a proclamación da Segunda República o 14 de abril de 1931 Madariaga encontrábase realizando unha xira de conferencias por Iberoamérica.[10] En maio dese mesmo ano,[26] o goberno provisional da República designouno, sen previo aviso, embaixador de España nos Estados Unidos.[27][28] Nas eleccións xerais dese mesmo ano, en xuño, foi elixido deputado pola Coruña, pola FRG/ORGA, de novo sen contar co seu beneplácito;[29] cun total de 68 783 votos,[30] participando na redacción da nova Constitución que debía aprobar o réxime republicano.[10] Neste período republicano regresou ademais á Sociedade de Nacións.[31] Nas eleccións xerais de 1933 foi elixido deputado.[11] Entre 1932 e 1934 compaxinou o seu cargo na Sociedade de Nacións co de embaixador en Francia,[26] e malia rexeitar varias ofertas para ser ministro acabou aceptando o posto de ministro de Instrución Pública e Belas Artes e ministro de xustiza no terceiro goberno de Alejandro Lerroux en 1934, se ben este último só o ocupou durante algunhas semanas logo de chegar tras un reaxuste nos numerosos cambios de goberno.[29][10]

No contexto da invasión xaponesa de Manchuria, Madariaga mantivo unha posición oposta aos intereses nipóns, o que lle fixo gañarse o alcume de «Don Quijote de la Manchuria», aínda que os plans para establecer unha arbitraxe internacional terminarían fracasando;[32][33][34] e cando se produciu a invasión italiana de Etiopía posicionouse en contra dos intereses expansionistas de Mussolini.[35] Durante o segundo bienio republicano, criticou tanto a insurrección obreira en Asturias de 1934 coma o encarceramento de Azaña en Barcelona;[36] a súa relación con este último foi ambivalente: Madariaga profesáballe admiración, mais esta non era correspondida por Azaña.[37]

Exilio

editar
 
Congreso da Haia de 1948.

O inicio da guerra civil sorprendeuno en Toledo,[38] logo do cal exiliouse no Reino Unido, previo paso por Xenebra.[39] Ese ano foi un dos nomeados ao Premio Nobel da Paz, proposto polo historiador e político dinamarqués Peter Rochegune Munch.[d] Durante o conflito, Madariaga mantivo correspondencia co ministro de Exteriores británico Anthony Eden co obxectivo de buscar unha intervención do Reino Unido no conflito que dera lugar a un acordo de paz, de xeito infrutuoso.[43] Alí converteuse en opositor da ditadura militar de Francisco Franco, organizando todo tipo de campañas en contra do ditador.[2][11] En abril de 1947 participou na reunión de Mont Pèlerin (Suíza), xunto a Milton Friedman, Karl Popper, Lionel Robbins, Ludwig von Mises, Walter Lippman e Michael Polanyi, entre outros, da que xurdiría a chamada «Sociedade Mont Pelerin», agrupación que loitaría contra o keynesianismo e o Estado social.[44] Tamén foi o primeiro presidente da Internacional Liberal,[45][46] un dos asistentes ao Congreso da Haia de 1948[47] e cofundador en 1949 do Colexio de Europa na cidade belga de Bruxas.[45] En 1952 foi nomeado ao Premio Nobel de Literatura[e] e, de novo, ao da Paz.[40][41][f] Foi presidente de honra da revista Ibérica, onde publicou numerosos artigos,[49] e do Congreso pola Liberdade da Cultura,[50] que editaba a revista Cuadernos.[49]

En 1962 foi un dos principais organizadores da reunión de diferentes sectores antifranquistas no marco do Congreso do Movemento Europeo en Múnic, reunión que o réxime denominou «Contubernio de Múnic».[51][13][52] En 1968 obtivo o «Premio Mariano de Cavia» polo artigo «La espada y el espíritu»[53][54][55] en novembro de 1970,[6] xa con 84 anos, contraeu matrimonio en segundas nupcias[g] coa súa secretaria Emilia Rauman Szeleky,[h] de orixe húngaro,[56][57] e en 1973 obtivo o premio Carlomagno por «unha vida adicada a un labor e un pensar europeísta de excelente cuño».[58]

Últimos anos

editar
 
Madariaga e José Antonio Jáuregui en 1972, en Oxford.

Residente en Suíza desde 1972 ata o seu falecemento,[59] logo da morte de Franco volveu a España, en 1976, asumindo formalmente o seu asento na Real Academia Española —cun discurso titulado De la belleza de la ciencia[60] pois tiña sido electo en maio de 1936,[61] e na Real Academia de Ciencias Morais e Políticas.[i] Despois de recibir a Gran Cruz de Afonso X o Sabio en xullo de 1978;[64] o 13 de decembro dese mesmo ano faleceu na cidade suíza de Locarno.[2] O 13 de outubro de 1991 as súas cinzas foron botadas, xunto coas da súa muller, ás augas do océano Atlántico, fronte á súa cidade natal, A Coruña.[65]

Pensamento

editar
Madariaga: un español certamente incomprendido. Un español distinto. Un español dunha España que nunca foi, que nunca puido ser.

Ricardo García Cárcel (García Cárcel 2003b, p. 3)[66]

Pertencente á denominada «xeración do 14»,[67] Madariaga afirmou en A la orilla del río de los sucesos, que «como liberal que son, dou importancia mínima ao económico, mediana ao político e a máxima ao humano»[17][j] e describiríase a si mesmo como «liberal organicista».[69] Admirador da Institución Libre de Enseñanza,[17] foi inscrito por Gonzalo Fernández de la Mora nun «humanismo antiutilitario».[70]

Anglófilo,[2] foi considerado «un dos precursores da idea de Europa»[71] e defendeu unha concepción ampla e inclusiva do que territorialmente debería formar parte dela, entendendo a esta en calquera caso máis como unha «idea» que como un continente xeográfico; Europa, organizada nun modelo federalista, debería ter ademais voz propia e independente no contexto internacional fronte ao papel hexemónico dos Estados Unidos e a Unión Soviética.[72] Julián Gorkin destacou de Madariaga «o seu europeísmo construtivo».[73]

Nin esquerda nin dereita. Eu son un traballador intelectual, vexo o un e o outro. Para iso teño dous ollos. O esquerdista é un torto do ollo dereito; o dereitista éo do esquerdo. Afortunadamente, ambos os meus ollos ven ben.

—Salvador de Madariaga (Madariaga 1971, p. 11)[74]

Madariaga, anticomunista,[75] oposto de xeito «frontal» ao socialismo marxista,[76] antifranquista[77][78] e descrito como un «liberal clásico moderado»,[79] en Anarquía o jerarquía expuxo un concepto denominado «democracia orgánica unánime», na que o Estado non toleraría folgas ou sindicatos e restrinxiría o dereito a voto.[80] Logo de finalizar a segunda guerra mundial defendeu posicións monárquicas para España —encarnadas na figura de Juan de Borbón— e contrarias ao sufraxio universal.[45][81] O seu pensamento, que recibiu críticas da esquerda española durante a Segunda República,[82] ten sido descrito por Pedro Carlos González Cuevas como elitista e burgués.[76] Segundo recolle Herbert R. Southworth, Ricardo de la Cierva tería proposto a Madariaga —cuxos ataques a diversos políticos socialistas foron empregados como propaganda por parte do réxime—[83][84] e a José Antonio Primo de Rivera como os principais inspiradores do programa político de Franco.[83]

Destacáronse as súas ideas a favor da paz,[85] a súa defensa da discusión da Constitución de 1931 dunha «renuncia á guerra como instrumento de política nacional» —que terminaría constituíndo o sexto artigo do documento—,[29][86] e os seus intentos por lograr unha paz arbitrada polo Reino Unido para a guerra civil,[43] ademais de ser proposto ao Premio Nobel correspondente en dúas ocasións,[41] se ben algúns autores o describen como «internacionalista non pacifista»;[87] de Madariaga, que apoiou unha «invasión» da Cuba comunista,[88] Juan Carlos Pereira sinala que a evolución do seu pensamento tería comportado o abandono dalgunhas das súas ideas máis pacifistas.[89] Paul Preston destacou trazos idealistas e «quixotescos» en Madariaga[90] e as súas obras deixaron traslucir certa nostalxia pola época do Imperio español.[91]

 
Placa en lembranza de Salvador de Madariaga en Oxford, Reino Unido.

Madariaga publicou notables ensaios sobre a historia de España e o seu papel no mundo. Escribiu libros sobre Don Quixote, Cristovo Colón e a historia de Hispanoamérica;[92] na súa obra empregou o francés, o castelán e o inglés.[79] Desenvolveu un labor notable redactando artigos[93] colaborando antes do estoupido da guerra civil en publicacións como España, El Imparcial, La Publicidad, El Sol, La Pluma, Ahora ou La Vanguardia,[94] amais de traballar na radio, xa no exilio, co programa fixo Temas de actualidad da BBC e en Radio París.[95] Na súa faceta de historiador, García Cárcel descríbeo como un «outsider», coas súas obras neste campo adscribibles a unha metodoloxía propia do ensaio.[96]

O seu primeiro libro publicado foi La guerra desde Londres,[97] sobre a primeira guerra mundial, aparecido contra o ano 1917,[98] e no que facía unha crítica do Imperio alemán, debuxándoo como paradigma do autoritarismo e confrontándoo á «liberdade» defendida polos Aliados.[97] Máis tarde escribiu The genius of Spain, publicado en 1923 en inglés, e en 1924 en castelán co título Semblanzas literarias.[99] Durante a súa etapa como profesor en Oxford, a finais da década de 1920, escribiu un ensaio sobre psicoloxía das nacións,[100] publicado en inglés en 1928 por Oxford University Press baixo o título Englishmen, Frenchmen, Spaniards[101] e en castelán en 1929 como Ingleses, franceses, españoles por Espasa-Calpe.[102][98][k] Nesta obra Madariaga identificaba o carácter inglés coa «vontade», o francés coa «intelixencia» e o español coa «paixón».[104]

Da súa edición orixinal de Spain de 1930,[105] que foi traducido ao castelán como España. Ensayo de historia contemporánea, Roger B. Merriman criticou numerosas imprecisións históricas e erros de vulto ao narrar feitos pretéritos, mais valorou positivamente a súa descrición da situación máis recente do país, o obxectivo principal da obra.[106] Publicáronse numerosas reedicións, cunha ampliación substancial na segunda de 1943, na que quedarían recollidos os sucesos da Segunda República e a guerra civil, chegaríase a dobrar a extensión da orixinal xa cara a 1958,[105][107] mais a sección inicial da obra non sufriu moitos cambios.[108] Loubado por Payne, que considerouno en 1958 «a análise sobre a historia recente de España máis completo ata a data»,[109] Madariaga tería pretendido botar unha luz máis favorable sobre o período da Restauración borbónica,[108] amais de suxerir que o Goberno da Segunda República, logo do levantamento militar de 1936, debeu ter deixado tomar o poder aos militares sublevados sen opoñer resistencia, pois o réxime instaurado por estes tería finalizado dando paso a unha democracia parlamentaria liberal.[110][108]

En 1935 publicou Anarquía o jerarquía, ensaio no que propuxo unha sociedade estratificada en tres niveis: unha clase inferior —sen dereito á cidadanía activa e caracterizada pola súa falta de responsabilidade individual—, a burguesía e a aristocracia.[111][112] Nela produciríase un afastamento dos principios democráticos en pos dunha «democracia orgánica xerárquica»,[111][113] modelo que recibiu críticas do sociólogo estadounidense Lewis Mumford.[113] Esta obra foi analizada por Gonzalo Fernández de la Mora en Los teóricos izquierdistas de la democracia orgánica, de 1985, onde o tería cualificado como «o seu libro de pensamento máis valioso»;[114] parte das teses de Anarquía o jerarquía retomaríaas máis adiante Madariaga en Democracy versus Liberty? The Faith of a Liberal Heretic,[115][116] publicada en 1958.[117]

 
Portada de Shelley and Calderon, and other essays on English and Spanish poetry (ca. 1920).

Na súa biografía de Cristovo Colón, publicada tanto en castelán[98] como en inglés en 1940,[118] ante o tradicional debate sobre a orixe do descubridor, Madariaga propuxo que este tería nacido en Xénova,[118] descendente dunha familia de xudeus de orixe catalá[119][120] emigrados desde o Levante peninsular.[118] De Hernán Cortés, Conqueror of Mexico, publicada en 1941, Ramón Iglesia sinala como Madariaga realiza un retrato positivo e favorable do conquistador,[121] o cal, segundo Henry R. Wagner, estaría tratado en clave de «símbolo do espírito español».[122] En The Rise of the Spanish American Empire, de 1947, defende a función civilizadora que levou a cabo España no Novo Mundo;[91] centrándose no papel xogado pola primeira e tocando de xeito tanxencial a poboación nativa, co ánimo de refutar a «lenda negra» en América;[123] este foi seguido por The Fall of the Spanish American Empire.[124][125] Ambos estiveron precedidos por un Cuadro histórico de las Indias (1945).[126] A súa biografía de Simón Bolívar,[127] publicada en 1951 e coa intención de desmitificar a figura de Bolívar,[128] levantou polémica ao describir cunha luz moi negativa ao militar e independentista americano, en clave de «vulgar imitador de Napoleón»,[129][130] que tería estado impulsado pola súa «vengatividade mestiza».[131] Apuntouse que a idea que transmite a obra é que a independencia de América foi un grande erro por parte das colonias.[132]

En 1951 publicou Bosquejo de Europa, no que avalía a situación europea de cara a unha integración política,[133][134][135] en 1960 apareceu The Blowing Up of the Parthenon, sobre a guerra fría,[89][136] e en 1961 prologou Cortina de hierro sobre Cuba, do escritor romanés Ştefan Baciu, sobre a Revolución cubana.[137] Latin America Between the Eagle and the Bear, publicado en 1962, trata sobre o auxe do comunismo en Latinoamérica e aboga por unha intervención en Cuba para derrocar ao réxime de Fidel Castro,[88] amais de propor un hipotético papel que España podería xogar na rexión para mantela afastada do comunismo.[138]

Como novelista, entre os seus traballos máis destacados encontráronse El enemigo de Dios (1936)[59][l] e El corazón de piedra verde (1942).[140] En 1925 publicou en castelán a novela dobre La jirafa sagrada o el búho de plata,[141] ao ano seguinte apareceu en inglés The Sacred Giraffe, publicada por Harper & Bros;[142] esta obra ten carácter satírico e está ambientada nunha nación africana imaxinaria chamada Ebania, no ano 6922, na que o desenvolvemento do feminismo terminou xerando unha sociedade gobernada por mulleres e a existencia dun movemento en defensa dos dereitos dos homes denominado «hominismo».[141][142] De 1954 é La camarada Ana, tachada pexorativamente de «panfleto anticomunista»,[m] e de 1964 Sanco Panco, unha novela satírica na que, nun universo de inspiración quixotesca, paródiase a ditadura de Francisco Franco, encarnado no personaxe epónimo, e a guerra fría;[144][145] con críticas dispares,[144] se ben en España chegouse a afirmar dela que «a mellor homenaxe ao seu autor é esquecela»,[146] en América Latina tivo mellor acollida.[147]

As súas Mujeres españolas de 1972 recolle unha serie de ensaios biográficos femininos de personaxes relacionados con España, en concreto os de Melibea —de La Celestina—, Catarina de Aragón, Maria Malibran, Juana María de los Dolores de León Smith, Rosalía de Castro e Pauline Viardot-García.[148]

Publicou dous libros de memorias, o primeiro, Memorias de un federalista, en 1967, que cobre todo o seu período vital ata esa data, mais dun xeito conciso,[149] e outro en 1974,[149][150] Morning without noon, máis extenso pero circunscrito ao período 1921-1936, titulado en castelán Amanecer sin mediodía.[151][149][152][153] En 1982, Espasa-Calpe publicou Mi respuesta, unha colección de artigos de Madariaga na revista Ibérica —editada en Nova York e dirixida por Victoria Kent, nela participaron autores adscritos á oposición antifranquista no exilio—,[68] e en 1989 Poesía, unha recompilación de poemas de Madariaga prologada por Dámaso Alonso;[154] en 1990 apareceron un compendio bibliográfico da súa obra, Obra de Salvador de Madariaga, e unha biografía, Vida de Salvador de Madariaga, ambos a cargo de Octavio Victoria Gil,[155] en 1991 Madariaga, ciudadano del mundo, de Carlos Fernández Santander,[156] e en 2009 Salvador de Madariaga: Liberaler - Spanier - Weltbürger. Der Weg eines politischen Intellektuellen durch das Europa des 20. Jahrhunderts, do alemán Thomas Nitzsche.[157]

 
Estatua de Salvador de Madariaga na praza que leva o seu nome na Coruña.

Ensaios históricos

editar
  • España (1931)
  • Vida del muy magnífico señor don Cristóbal Colón (1940)
  • Hernán Cortés (1941)
  • Cuadro histórico de las Indias (1945)
  • Carlos V (1951)
  • Bolívar (1951)
  • El auge del Imperio Español en América (1956)
  • El ocaso del Imperio Español en América (1956)
  • El ciclo hispánico (1958)
  • España. Ensayo de historia contemporánea (undécima edición nuevamente revisada por el autor)(1978)[158]

Ensaios políticos

editar
  • La guerra desde Londres (1917)
  • Discursos internacionales (1934)
  • Anarquía o jerarquía (1935)
  • ¡Ojo, vencedores! (1954)
  • General, márchese Vd (1959)
  • De la angustia a la libertad (1955)

Outros ensaios

editar
  • Ensayos angloespañoles (1922)
  • Semblanzas literarias contemporáneas (1923) (publicado orixinalmente como The Genius of Spain)
  • Guía del lector del Quijote (1926)
  • Ingleses, franceses, españoles (1929)
  • El Hamlet de Shakespeare (1949)
  • Bosquejo de Europa (1951)
  • Presente y porvenir de Hispanoamérica (1953)
  • Retrato de un hombre de pie (1956)
  • De Galdós a Lorca (1960)
  • El Quijote de Cervantes (1962)
  • Memorias de un federalista (1967)

Novelas

editar
 
Busto de Salvador, feito polo seu irmán Emilio.
  • La jirafa sagrada (1925)
  • El enemigo de Dios (1926)
  • El corazón de piedra verde (1942)
  • Ramo de errores (1952)
  • Los fantasmas (1952)
  • Los dioses sanguinarios (1952)
  • Fe sin blasfemia (1952)
  • La camarada Ana (1954)
  • Guerra en la sangre (1956)
  • Una gota de tiempo (1958)
  • El semental negro (1961)
  • Sanco Panco (1963) [n]

Poesía

editar
  • Romances de ciego (1922)
  • La fuente serena (1927)
  • Elegía en la muerte de Unamuno (1937)
  • Elegía en la muerte de Federico García Lorca (1938)
  • Rosa de cieno y ceniza (1942)
  • Romances por Beatriz (1955)
  • La que huele a Tomillo (1959)
  • Poppy (1965)

Madariaga - College Europe Foundation

editar

En 1998 creouse por iniciativa de antigos alumnos do Colexio Europa a Madariaga - College Europe Foundation, unha fundación que promove a visión dunha Europa unida traballando a prol dun mundo máis pacífico.[159][160]

  1. Segundo recolle o xornalista Florencio Martínez Ruiz, no número 16 da rúa do Orzán.[4]
  2. O seu pai, ao que Preston cita simplemente como «José de Madariaga»,[7] combatería uns anos máis tarde na guerra de Cuba. Entre os seus irmáns se encontraba a futura científica Pilar de Madariaga Rojo, nada en 1903,[8] ademais de Emilio —escultor—, Pepe, Asita, César, Ricardo e Roberto, entre outros.[9]
  3. Foi director de Desarme da organización durante cinco anos, entre 1922 e 1927,[22] sobre esta etapa escribiría a súa obra Disarmament, publicada en 1929 por Oxford University Press.[23]
  4. Aínda que varios autores citan 1937,[40][41] na páxina web dos Premios Nobel aparece na lista de nomeados de 1936, na edición que finalmente foi galardoado Carlos Saavedra Lamas.[42]
  5. Foi proposto polo sueco Sigurd Erixon, con todo o premio foi finalmente concedido a François Mauriac.[48]
  6. Entre os seus propoñentes encontráronse William Rappard, John McCallum, Willy Bretscher, Clement Davies e Gilbert Murray. O premio foi concedido finalmente a Albert Schweitzer[48]
  7. A súa primeira muller, Constance Archibald, con quen tivo dúas fillas, acababa de falecer en maio dese ano.[6]
  8. Quen sobreviviu ao seu home, pois falecería en 1991, aos 83 anos de idade, en Locarno, Suíza, ao igual que Madariaga.[56]
  9. Logo do seu regreso a España foi nomeado académico coa medalla 24.[62] Previamente fora xa elixido membro da academia en febreiro de 1935, coa medalla 12, substituíndo a Miguel de Villanueva, praza da que tomaría posesión en decembro dese mesmo ano, con todo logo da guerra civil e a instauración da ditadura franquista, en 1940, sería desposeído desta medalla,[63] que lle sería concedida a Inocencio Jiménez Vicente.[62]
  10. Circunstancia que subliñou Diego Jalón, quen constataría xa despois da morte de Madariaga que o pensamento liberal deste «carece de expresada proxección económica».[68]
  11. En 1930 apareceu en francés baixo a denominación Anglais, Français, Espagnols, editado por Gallimard.[103]
  12. Tería sido a súa mellor novela en opinión de Eugenio de Nora.[139]
  13. Fernando Larraz facendo referencia a unha serie de novelas escritas no exilio que lograron o permiso para ser exportadas a España durante a ditadura franquista, describe a calidade destas do seguinte xeito: «algunhas tan lamentables como o panfleto anticomunista de Salvador de Madariaga La camarada Ana».[143]
  14. En 2004 foi incluído na Biblioteca Gallega de Autores en Castellano de La Voz de Galicia.
Referencias
  1. "Base de Datos da Academia Sueca". Arquivado dende o orixinal o 29 de setembro de 2007. Consultado o 15 de maio de 2007. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 García Cárcel 2003b, p. 3.
  3. González Cuevas 1989, p. 150.
  4. Martínez Ruiz 1978, p. 50.
  5. Beneyto 2011, pp. 6-7.
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 Pasamar Alzuria & Peiró Martín 2002, pp. 372-374.
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 Preston 1999, p. 197.
  8. Frontera Zunzunegui 2010.
  9. Madariaga 1987, pp. 5-17.
  10. 10,00 10,01 10,02 10,03 10,04 10,05 10,06 10,07 10,08 10,09 "Biografía de Salvador de Madariaga" (en castelán). www.modernismo98y14.com. Arquivado dende o orixinal o 08 de abril de 2016. Consultado o 29 de marzo de 2016. 
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 "Salvador de Madariaga" (en castelán). fideus.com. Consultado o 12 de xullo de 2016. 
  12. Ficha de Salvador de Madariaga no sitio web dos Annales des Mines (en francés).
  13. 13,0 13,1 Thomas 1978, p. 45.
  14. 14,0 14,1 González Cuevas 1989b, p. 77.
  15. Preston 1999, pp. 197-198.
  16. 16,0 16,1 16,2 16,3 Preston 1999, p. 198.
  17. 17,0 17,1 17,2 González Cuevas 1989b, p. 78.
  18. Dotras Bravo 2008b, pp. 221-222.
  19. Francés 1922, pp. 12-13.
  20. "Ciclo de conferencias: "Cataluña y la Sociedad de Naciones"." (en castelán). Asociación para las Naciones Unidas en España. Arquivado dende o orixinal o 15 de setembro de 2019. Consultado o 19 de maio de 2016. 
  21. Preston 1999, pp. 198-202.
  22. Preston 1999, p. 200.
  23. Arnold-Forster 1929, pp. 387-389.
  24. Preston 1999, pp. 202-204.
  25. "Obras, estilos y técnica de Salvador de Madariaga" (en castelán). modernismo98y14.com. Arquivado dende o orixinal o 07 de agosto de 2016. Consultado o 19 de maio de 2016. 
  26. 26,0 26,1 Quintana Navarro 1996, p. 111.
  27. Madariaga Álvarez-Prida 2009, pp. 85-86.
  28. Preston 1999, p. 204.
  29. 29,0 29,1 29,2 Preston 1999, p. 207.
  30. "O galeguismo na encrucillada republicana (Vol. I)". Biblioteva Virtual Galega. 2006. 
  31. Preston 1999, pp. 204-205.
  32. Preston 1995, p. 3.
  33. Preston 1999, p. 205.
  34. Quintana Navarro 1996, p. 112-113.
  35. Preston 1999, p. 210.
  36. Preston 1999, pp. 208-209.
  37. Suárez 2000, pp. 42-43, 55-56.
  38. Madariaga 1983, p. 230.
  39. Preston 1999, p. 211.
  40. 40,0 40,1 Romero Salvadó 2013, pp. 197-198.
  41. 41,0 41,1 41,2 Preston 1999.
  42. "Nomination Database". Nobelprize.org. Nobel Media AB. 2014. Consultado o 10-6-2015. 
  43. 43,0 43,1 Pazos 2009, pp. 317-332.
  44. Polet 2000, p. 18.
  45. 45,0 45,1 45,2 Preston 1999, p. 220.
  46. "Salvador de Madariaga". ABC: 54. 15-12-1978. 
  47. Derungs 2009, pp. 135-137.
  48. 48,0 48,1 "Nomination Database". Nobelprize.org. Nobel Media AB. 2014. Consultado o 10-6-2015. 
  49. 49,0 49,1 Monferrer Catalán 2007, p. 355.
  50. Amat 2009, p. 63.
  51. Preston 1999, pp. 223-225.
  52. Crespo McLennan 1997, pp. 357-358.
  53. Sainz Rodríguez 1986, p. 3.
  54. "Premio Mariano de Cavia. La espada y el espíritu". ABC (Madrid ed.): 15, 85. 18-4-1969. 
  55. "Salvador de Madariaga y Luis Permanyer, premios Mariano de Cavia y Luca de Tena; Carlos Tauler, premio Mingote". ABC: 85. 18-4-1969. 
  56. 56,0 56,1 "Muere a los 83 años Emilia Rauman, viuda de Salvador de Madariaga". ABC: 61. 11-6-1991. 
  57. "Don Salvador de madariaga ha contraído matrimonio en Oxford". ABC: 57. 20-11-1970. 
  58. Gozalo 1973, pp. 126-127.
  59. 59,0 59,1 Esteban 1978, p. 48.
  60. Madariaga & Marías 1976.
  61. Harguindey 1976.
  62. 62,0 62,1 "Lista histórica". Real Academia de Ciencias Morales y Políticas. Arquivado dende o orixinal o 20 de xuño de 2016. Consultado o 14 de xuño de 2016. 
  63. "Vida cultural. Salvador de Madariaga, de nuevo en la Real Academia de Ciencias Morales y Políticas". Ya. 2-1-1977. 
  64. Fusch, Alejandro (25-7-1978). "Imposición de la Cruz de Alfonso X el Sabio a Salvador de Madariaga". El País (Xenebra, Suíza). 
  65. "Las cenizas de Salvador de Madariaga fueron aventadas en la Bahía de la Coruña". ABC (Madrid): 12. 14-10-1991. 
  66. Duroux 2004, pp. 99-115
  67. Martínez Pascual 1994, pp. 563-564.
  68. 68,0 68,1 Jalón 1982, p. 50.
  69. González Cuevas 1989, p. 81b.
  70. González Cuevas 1989, pp. 180.
  71. Sobrino Heredia 2003, p. 759.
  72. Sobrino Heredia 2003, p. 768-774.
  73. Amat 2009, p. 64.
  74. Anson 1978, p. 31
  75. Preston 1999, p. 225.
  76. 76,0 76,1 González Cuevas 1989b, p. 84.
  77. González Cuevas 1989, pp. 172-173.
  78. Anson 1978, p. 31.
  79. 79,0 79,1 Morodo 1986, pp. 13-14.
  80. González Cuevas 1989, p. 163-167.
  81. González Cuevas 1989, p. 173-176.
  82. González Cuevas 1989b, pp. 93-94.
  83. 83,0 83,1 Southworth 2002, pp. 84-86.
  84. Preston 1999, pp. 209-210.
  85. Chevalier 2012, p. 515.
  86. Constitución de la República Española (PDF) (en castelán). 9-12-1931. 
  87. Brock & Young 1999, p. 225«though in 1961 Jayaprakash proposed this idea, with the support of some Western pacifists as well as of nonpacifist internationalist like Salvador de Madariaga»
  88. 88,0 88,1 Johansson 1962, pp. 55-58.
  89. 89,0 89,1 Pereira 2003, p. 196.
  90. Preston 1999, p. 196.
  91. 91,0 91,1 Arredondo 2014, pp. 148-170.
  92. Benitez 1982, pp. 27-38.
  93. Monferrer Catalán 2007, pp. 352-355.
  94. Rebollo Sánchez 2001.
  95. Monferrer Catalán 2007, pp. 412-413.
  96. García Cárcel 2003, p. 9.
  97. 97,0 97,1 González Cuevas 1989, p. 151.
  98. 98,0 98,1 98,2 "Bibliografía básica". ABC (en castelán). 15-12-1978. p. 52. 
  99. Carayon 1924, pp. 292-295.
  100. Chevalier 2012, pp. 515-516.
  101. Coester 1928, pp. 455-458.
  102. Preteceille 1929, p. 3.
  103. Pitrou 1931, pp. 173-178.
  104. Pitrou 1931, p. 174.
  105. 105,0 105,1 Rich 1959, pp. 319-320.
  106. Merriman 1930, p. 67.
  107. Smith 1958, pp. 554-555.
  108. 108,0 108,1 108,2 Payne 1961, pp. 79-80.
  109. Payne 1961, pp. 79«Salvador de Madariaga has provided the most comprehensive survey of his country's recent past that is available in any language.»
  110. Jackson 1958, pp. 97-98.
  111. 111,0 111,1 De Wilde 1937, p. 10.
  112. Larrabee 1938, pp. 455-456.
  113. 113,0 113,1 González Cuevas 1989b, p. 94.
  114. Pérez Escolar 1986, p. 46.
  115. Fernández de la Mora 1962, p. 35.
  116. Lower 1960, p. 372.
  117. Southworth 2002, p. 241.
  118. 118,0 118,1 118,2 Mattingly 1940, p. 10.
  119. Nowell 1941, pp. 81-82.
  120. Benitez 1982, p. 27.
  121. Iglesia 1942, pp. 135-138.
  122. Wagner 1942, pp. 911-914.
  123. Robertson 1948, pp. 857-859.
  124. Robertson 1949, pp. 646-647.
  125. Chaunu 1953, pp. 419-421.
  126. Pasamar 2010, pp. 215-216.
  127. Niedergang 1956, p. 6.
  128. Sanz Villanueva 1992, pp. 53-54.
  129. Michelin 1953, p. 371.
  130. Caballero Santos 2010, p. 187.
  131. Logan 1953, pp. 672-674The two impulses that drove both the Liberator and the Protector were «Napoleonic ambition and mestizo vindictivenes».
  132. Masur 1952, pp. 417-422.
  133. Madariaga 1955.
  134. Beneyto 2011, pp. 25-26.
  135. Fosdick 1955, p. 12.
  136. Chamberlin 1960, pp. 19-20.
  137. Fort 1969, p. 17.
  138. Alexander 1964b, pp. 773-774.
  139. Martínez Ruiz 1978, p. 51.
  140. Sanz Villanueva 1992, p. 48.
  141. 141,0 141,1 Martín Rodríguez 2011, pp. 231-234.
  142. 142,0 142,1 Colton 1926, p. 252.
  143. Larraz Elorriaga 2012, p. 103.
  144. 144,0 144,1 Dotras Bravo 2012, pp. 279-286.
  145. Arredondo 2014, p. 160.
  146. Varios autores 1987, pp. 19-20.
  147. Dotras Bravo 2012, p. 279.
  148. Pérez Ferrero 1972, p. 37.
  149. 149,0 149,1 149,2 Miller 1993, pp. 989-990.
  150. Pasamar Alzuria & Peiró Martín 2002, p. 374.
  151. Vázquez Dodero 1974, p. 70.
  152. Carter 1972, pp. 728-729.
  153. Sacks 1976, pp. 942-951.
  154. García Nieto 1989, p. 53.
  155. Orringer 1994, pp. 285-287.
  156. Azancot 1991, p. 66.
  157. Felipe Mansilla 2011, pp. 258-260.
  158. A primeira edición desta obra publicouse en Londres en 1929. Posteriormente en España, foi publicada pola editorial Aguilar no ano 1931.
  159. "Mission Statement" (en inglés). Madariaga - College Europe Foundation. Arquivado dende o orixinal o 18 de abril de 2016. Consultado o 12 de xullo de 2016. 
  160. "Origins" (en inglés). Madariaga - College Europe Foundation. Arquivado dende o orixinal o 18 de abril de 2016. Consultado o 12 de xullo de 2016. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Ligazóns externas

editar