A dos ruminantes (Ruminantia) é unha suborde de mamíferos artiodáctilos que inclúe algúns animais moi coñecidos, como as vacas e touros, cabras, ovellas e cervos.

Os ruminantes son herbívoros e dixiren os alimentos en dúas etapas: mastigando e tragando de maneira normal e despois regurxitando o alimento semidixerido para remastigar e volver tragar, para así poderen extraer ao máximo o seu valor nutritivo. O estómago dos ruminantes caracterízase por ter catro divisións.

Dadas estas características, a diferenza dos herbívoros non ruminantes, son capaces de aproveitar os carbohidratos estruturais presentes nas plantas (celulosa, hemicelulosa e pectina, as dúas primeiras constituíntes da fibra), tendo así unha fonte de enerxía adicional e baseando a súa alimentación no consumo de forraxe.

Non todos os animais que rumian forman parte da suborde dos Ruminantia: os camelos e as llamas e vicuñas (da familia dos camélidos) están entre as excepcións. Tampouco pertecen a esta suborde algúns dos grandes mamíferos que pastan e teñen adaptacións similares para sobrevivir con cantidades grandes de alimento de calidade inferior, como os canguros e os cabalos, que teñen un cego moi desenvolvido para dixerilo ben.

Características

editar

Os ruminantes teñen un sistema dixestivo que lles permite extraer enerxía das fibras vexetais grazas ás transformacións sufridas no estómago, que consta de catro cavidades:

Retículo e rume

editar
 
Estómago dun ruminante (vaca).
m. esófago
v. rume ou panza
n. retículo ou barrete
b. omaso ou cenfollas
l. abomaso ou calleiro
t. comezo do intestino.

O retículo e o rume son os dous primeiros preestómagos. Teñen unha elevada densidade de microorganismos (bacterias, protozoos e fungos). O intercambio continuado do retículo co rume leva a considerar ambos os estómagos de xeito unitario "retículo-rume".

O rume pode conter, no gando vacún adulto, de 100 a 120 kg de alimento en fermentación durante de 20 a 48 h, xa que o proceso de fermentación bacteriana é lento.

O retículo é unha zona de intercambio entre o rume e o terceiro estómago. Só se produce o paso ao seguinte estómago se as partículas que chegan ao retículo son de pequeno tamaño (<1–2 mm) ou son suficientemente densos (>1-2 g/ml).

Popularmente, o rume recibe os nomes de panza ou bandullo, e o retículo o de barrete.

O omaso é o terceiro preestómago, con capacidade para uns 10 kg. É un órgano pequeno con alta capacidade de absorción. Nel recíclase a auga e algúns minerais coma o sodio e o fósforo, que son devoltos ao rume mediante a saliva. Inda que este órgano non é esencial, permite a transición entre o rume e o abomaso, ambos os dous con diferentes modos de dixestión.

A mucosa gástrica presenta unhas prolongacións laminares características cara ó interior do órgano, ás que se deben as denominacións populares de libro e cenfollas.

Abomaso

editar

O abomaso é o verdadeiro estómago, de mucosa glandular, similar ao dos animais non ruminantes. O seu funcionamento baséase na secreción de ácidos e gran cantidade de enzimas dixestivos. Ao abomaso chegan partículas non fermentadas de alimentos, algúns produtos finais da fermentación microbiana xunto cos microbios producidos no rume. Popularmente recibe o nome de calleiro, pois del extráese o callo.

Clasificación

editar
 
Cladograma mostrando a posición dos Ruminantiamorpha.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Kowalski, K. (1981): Mamíferos. Manual de teriología. Madrid: H. Blume Ediciones. ISBN 84-7214-229-9.

Ligazóns externas

editar