Medea
Na mitoloxía grega Medea era a filla de Eetes, rei da Cólquide e da ninfa Idia. Era sacerdotisa de Hécate, que algúns consideran a súa nai e de quen se supón que aprendeu os principios da feitizaría xunto coa súa tía, a maga Circe. Así, Medea é o arquetipo de bruxa ou feiticeira, con certos trazos de xamanismo.
A fuxida da Cólquide
editarCando Xasón e os argonautas chegaron á Cólquide e reclamaron o vélaro de ouro, o rei Eetes prometeulles que llelo entregaría só se eran capaces de realizar certas tarefas. En primeiro lugar, Xasón tiña que xunguir dous bois que exhalaban labaradas de lume pola boca e arar un campo con eles. Unha vez arado, tiña que sementar nos sucos os dentes de dragón que Eetes lle deu. Xasón aceptou as condicións, malia que saír airoso da proba facíaselle imposible.
Porén, Medea, traspasado o seu corazón polos dardos atinados de Eros e aconsellada pola súa irmá, cuxos fillos salvara Xasón de perecer na illa dos paxaros, visitou esa mesma noite a tenda de Xasón e proporcionoulle pocións, ungüentos máxicos e instrucións precisas para logralo. Invulnerable ao lume e posuidor dunha forza sobrenatural, o heroe puido domear os bois e xunguilos ao arado, roturando a continuación a porción de terra acordada. Despois, tras botar os dentes nos sucos, retirouse a observar como de cada dente sementado xurdía un soldado-esqueleto fortemente armado. Tras esperar pacientemente a que se desenvolvesen completamente un gran número deles, e seguindo os consellos de Medea, botou unha enorme pedra entre os soldados e estes, que non sabían quen a botara, loitaron encarnizadamente entre si por conseguila ata a morte. Finalmente, aínda baixo os efectos das pocións máxicas de Medea, Xasón rematou cos que quedaron en pé.
Tras saír airoso desta proba, Eetes anoxouse de vez e negouse a cumprir a súa parte do trato. Guiados entón por Medea, os argonautas chegaron ao bosque onde se escondía o vélaro de ouro, onde Medea exhortou os presentes a evitaren ser hipnotizados, para o que non debían mirar aos ollos do seu gardián, unha serpe enorme que xamais durmía. Grazas a unhas herbas especiais e aos seus propios poderes hipnóticos, Medea logrou durmila e así permitiu que Xasón collese o prezado trofeo e puidesen todos regresar con el á súa patria.
A expedición dos argonautas partiu entón coa compañía de Medea xa que ela sabía que a súa traizón nunca sería perdoada e, amais diso, apaixonárase perdidamente de Xasón; por iso lles pregara poder fuxir coa expedición a cambio dos seus servizos. Xasón non só accedeu, senón que prometeu facela a súa esposa, xurándolle que lle sería sempre fiel. Eetes mandou daquela ao seu fillo máis vello, Apsirto, á fronte dunha gran frota a perseguilos. Cando logrou por fin alcanzalos, Xasón acordou con Apsirto entregar a Medea a cambio de poder continuar a súa viaxe co vélaro. Pero Medea argallou novamente un estrataxema para que o seu medio irmán se presentase só na negociación, feito que aproveitou Xasón para asasinalo a traizón e botar o seu corpo, despezado en múltiples anacos, ao mar. O desconsolado Eetes tivo que entreterse recollendo un por un os restos do seu fillo, o que lles deu vantaxe aos argonautas para poderen escapar.
Existen varias versións acerca da ruta que seguiron os argonautas a partir de entón, xa que a versión que nos chegou ponse en dúbida ao requirir un traxecto por terra por media Europa (ben vadeando ríos navegables, ben arrastrando por terra firme a súa nave Argo).
Cando chegaron a Tesalia, Medea profetizou que o temoneiro do Argo, Eufemo, reinaría sobre Libia. Esta profecía materializouse en Bato, descendente de Eufemo.
Talos
editarDespois de os argonautas esperaren a que Circe purificase a Medea polo asasinato de Apsirto, de atravesaren o estreito de Escila e Caribdis e de superaren os dominios das sereas, puideron chegar finalmente a Creta. Pero alí foilles imposible tomar terra, porque a illa estaba custodiada por Talos, o xigante de bronce. Talos tiña unha única vea que lle chegaba desde o pescozo ao nocello e que estaba rematada nun cravo que evitaba que lle revertese o sangue. Medea prometeulle a inmortalidade ao xigante se bebía unha poción que, en realidade, era un potente somnífero. Cando Talos caeu a durmir, Medea sacoulle o cravo e deixou que se desangrase, de forma que finalmente puideron arribar a Creta.
Finalmente, xa preto do seu destino, Iolcos, uns ventos arrastraron o Argo ata Libia, onde, tras sufrir novas penalidades, encontraron a fonte que Heracles fixo abrollar dunha patada ao pasar por alí, camiño de cumprir unha das súas tarefas. Só grazas a Tritón, que arrastrou a nave a mar aberto, puideron por fin seguir o seu camiño.
A morte de Pelias
editarMentres Xasón ía á procura o vélaro de ouro, Hera seguía cismando na súa forma de vingarse do rei Pelias, que odiaba profundamente. Utilizou as súas argucias para facer que se namorase de Medea, porque a deusa pensaba que esa terrible muller o acabaría matando antes ou despois. Cando Xasón e Medea chegaron a Iolco, Pelias negouse a entregarlle o trono, a pesar de que trouxeran o vélaro. Daquela Medea conspirou para que fosen as propias fillas de Pelias as que acabasen con el: caracterizada como unha anciá sacerdotisa hiperbórea da deusa Artemisa, demostroulles que se podía rexuvenecer un ancián esnaquizando a Esón (o pai de Xasón) e fervendo os anacos nun caldeiro. Nun instante, un Esón rexuvenecido saltou del. Pero cando as fillas de Pelias, agás a menor delas, coa mellor intención, fixeron o mesmo, este non sobreviviu.
Abandono de Xasón
editarMalia vérense libres de Pelias, os habitantes de Iolco aborreceron o magnicidio, e Xasón e Medea víronse obrigados a deixar Iolco e partir cara a Corinto, chamados polos habitantes desta cidade sobre cuxo trono Medea pretendía ter dereitos. Alí Xasón acordou co rei Creonte abandonar a Medea —á que o rei pretendía expulsar de Corinto— para casar coa súa filla, a princesa Glauce[1]). Daquela Medea, arrastrada polos celos, envioulle a Glauce como regalo de vodas un peplo de irresistible beleza e unha coroa de ouro. Cando Glauce o recibiu de mans da serventa de Medea púxoo de inmediato, liberando a maxia contida nel que a converteu nunha tea ardente. As chamas consumírona totalmente a ela e ao seu pai, Creonte, que se abalanzou sobre ela con intención de salvala. A continuación, e para facerlle o máximo dano a Xasón, Medea matou os dous fillos que tiveran en común.[2] Outra versión afirma que Xasón deixara a Medea por Creúsa, que parece ser a propia Glauce, á que Medea lle regalou un vestido que, ao poñelo, quedaríalle pegado ao corpo e mataríaa.
Os habitantes de Corinto, ben en vinganza pola morte de Creonte ou ben decepcionados polo comportamento de Medea, apedrárona no templo de Hera e obrigárona a abandonar a cidade no carro de serpes aladas que lle regalara o seu avó Helios.
Unha versión da historia narra que foron eles os que mataron os fillos de Medea, como castigo polo feitizo que esta lle realizara a Glauce. Pero, como castigo, unha epidemia foi rematando con todos os nenos da cidade. Corinto non se librou desta maldición ata que por consello do oráculo de Delfos fixeron sacrificios solemnes aos fillos de Medea, e obrigaron aos seus a gardar loito.[3] Isto xustificaría que os dirixentes de Corinto no século V a. C. lle pagasen ao dramaturgo Eurípides para que narrase a traxedia de Medea en Corinto atribuíndolle á protagonista toda a lista de asasinatos e poder lavar así a imaxe da cidade.[4][5] Esta manipulación remataría, pois, con outras versións que consideraban a Medea como unha muller virtuosa que non cometera máis pecado que profesarlle un profundo amor ao seu marido, que a abandonou inxustamente.
Medea e Heracles
editarCando Medea fuxiu de Corinto propúxose buscar a Heracles, pois este prometéralle auxilio no caso de que Xasón deixase de cumprir coa súa palabra. Encontrouno en Tebas, pero a furia de Hera toleárao. Medea curouno cos seus remedios. Non obstante, Euristeo constrinxía a Heracles para que cumprise os seus traballos e Medea resignouse a que non sería axudada por el.[6]
Medea en Atenas
editarTras vagar por diferentes lugares na procura de protección, Medea chegou á cidade de Atenas, cuxo rei Exeo, non só lle ofreceu hospitalidade, senón que casou con ela coa esperanza de que as súas feitizarías lle permitisen concibir un fillo, malia o avanzado da súa idade. A feiticeira cumpriu as súas expectativas e tivo del un fillo ao que chamaron Medo[1]. Cando Teseo, o fillo secreto de Exeo, chegou a Atenas disposto a que seu pai o recoñecese como herdeiro, Medea tomouno como unha ameaza para o futuro do seu fillo, e tentou envelenalo. Pero Teseo descubriuna, e, acusada de cometer horribles crimes e bruxaría, Medea tivo que fuxir de novo, esta vez co seu fillo.[7]
Medea no desterro
editarTras fuxir precipitadamente de Atenas, Medea refuxiouse en Italia, onde lles ensinou aos nativos como encantar serpes. Estes venerárona como deusa, co nome de Angitia.[Cómpre referencia] Ao pasar por Tesalia (rexión chamada así polo seu fillo Tésalo), Medea competiu con Tetis nun certame de beleza que presidía Idomeneo, rei de Creta. [Cómpre referencia] De alí pasou a Fenicia e estableceuse alí durante un tempo. Por último, pasou a Asia superior, onde casou cun dos reis máis poderosos do lugar, ao que sucedeu no trono. Algúns autores afirman que o pai de Medo foi este, e non Exeo.[8] Cando soubo que seu pai, Eetes, fora destronado polo seu propio irmán Perses, Medea e o seu fillo acudiron na súa axuda. Medo matou a Perses e o país recibiría na súa honra o nome de Media.[9][10] Medea non morreu, senón que se fixo inmortal e morou nos Campos Elisios, onde din que casou con Aquiles.[11]
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 Frazer, Sir James George (trad.): Apollodorus, The Library. Cambridge, Massachusetts: Harvard University Press; London: William Heinemann Ltd., 1921. Libro 1, cap. 9, secc. 28. Consultado en inglés en Perseus Digital Library o 11/01/2011.
- ↑ 'Medea', Eurípides, Alianza Editorial.
- ↑ Pausanias II,3,6.
- ↑ Parmenisco. Escolio a Medea de Eurípides, 9.
- ↑ Claudio Eliano: Varia Historia.
- ↑ Diodoro Sículo.Biblioteca histórica, IV, 54-55.
- ↑ Apolodoro. 'Epítome' ' 1,5-6.
- ↑ Diodoro Sículo, Biblioteca histórica ' IV, 55.
- ↑ Diodoro Sículo: Biblioteca histórica, IV, 56
- ↑ Higino: Fábulas, 27.
- ↑ Apolonio de Rodas: Argonáuticas IV, 811.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Medea |
Bibliografía
editar- Apolonio de Rodas: Argonáuticas, cantos III e IV.
- Pseudo-Apolodoro: Biblioteca, libro I,9.
Outros artigos
editar- Argonautas
- Argo Navis, a constelación que representa ó navío Argo.
- Xasón