Heracles

semideus e heroe da mitoloxía grega

Heracles (en grego antigo Ἡρακλῆς, Hēraklḗs, do nome da deusa Hēra, e kleos: ‘gloria’ é dicir ‘gloria de Hera’, porque foi polo odio de Hera polo que realizou as súas múltiples fazañas)[1][2] nado como Alceo[3] (Ἀλκαῖος, Alkaios) ou Alcides [4], foi un heroe da mitoloxía grega, o fillo de Zeus e Alcmena, fillo adoptivo de Anfitrión [5]. Era o bisneto e medio irmán (xa que os dous foron enxendrados polo deus Zeus) de Perseo. Ó morrer, foi divinizado por Zeus.

John Singer Sargent (1921, Museo de Belas Artes de Boston)

Foi o máis célebre dos heroes gregos [6], o máximo representante da forza e a masculinidade, símbolo do home en loita contra o mal. No mito de Heracles destaca a realización dos chamados Doce Traballos, impostos como castigo polo oráculo de Delfos, aínda que protagonizou moitos máis actos heroicos. Considérase o devanceiro de clans reais que dicían ser heráclidas (Ἡρακλεῖδαι) [7], e o campión da orde olímpica contra os monstros ctónicos (do Inframundo).

En Roma e no Occidente moderno é máis coñecido como Hércules, co quen algúns emperadores romanos, en particular Cómodo ou Maximiano, se identificaban a si mesmos. Os romanos adoptaron a versión do mito grego sobre a súa vida e obras basicamente sen realizar cambios, mais engadiron os seus propios detalles anecdóticos, algúns dos cales vinculaban o heroe coa xeografía do Mediterráneo occidental. Os detalles sobre o seu culto tamén foron adoptados por Roma.

Biografía

editar
 
Nacemento da Vía Láctea (Rubens, Museo do Prado)

Zeus, o pai de todos os deuses, namorouse de Alcmena, esposa de Anfitrión, rei de Tirinto. Para seducir a Alcmena Zeus transformouse no seu home, nese momento ausente do palacio por estar na guerra, e uníndose a Alcmena enxendrou a Heracles [8]. Esa mesma noite regresou Anfitrión e, deitándose coa muller, enxendrou a Ificles. O adiviño Tiresias advirtiu a Anfitrión do acontecido pero este, tras un primeiro momento no que pensara en castigala, aceptou honrado a situación (por intervención do propio Zeus) e adoptou a Heracles como fillo propio e educouno como tal.

Tras nacer, Zeus, para tornalo inmortal, pediulle a Hermes, o mensaxeiro dos deuses, que o levase para xunto dos seos de Hera, cando esta dormía, para facerlle mamar (ou quizais fora Atenea, tamén filla de Zeus e, polo tanto, irmá de Heracles, a que convenceu a Hera para que o deixara mamar dela). O bebé sugou con tal violencia que fixo dano á deusa e esta separouse, pero o leite continuou a correr e as gotas caídas formaron no ceo a Vía Láctea. Outra versión di que a deusa acordou e separou o meniño bruscamente, derramando unhas gotas de leite que deron lugar á Vía Láctea [9][10].

Heracles padeceu a ira de Hera, celosa ante as infidelidades de Zeus, que só se congraciou con el cando ascendeu ó Olimpo. Cando aínda tiña oito meses de vida [11], Hera mandou dúas grandes serpes ó berce onde dormían Heracles e Ificles. As serpes rodearon ós meniños cos seus aneis e Ificles comezou a chorar, pero cando Anfitrión acudiu alarmado a ver que pasaba, atopou a Heracles esganando as serpes coas súas mans. Anfitrión comprendeu entón que, efectivamente, Heracles era fillo dun deus.

 
Antigo reino de Beocia, con indicación de Tebas, cidade onde naceu e creceu Heracles

Cumpridos os dezaoito anos, Heracles realizou a súa primeira fazaña sonada, cando perseguiu e matou un enorme león, coñecido como o León de Citerón [12], que devoraba os rabaños de Anfitrión e do rei Tespio, da Beocia, próxima de Tebas. Ninguén ousara enfrontarse antes ó león e a cazata durou 50 días ata que conseguiu darlle morte [13], e durante este tempo Heracles aloxábase no palacio de Tespio. Como fose que o rei quería que as súas fillas preñaran dun heroe recoñecido como Heracles, maquinou coa súa dona, Megamede, para que as 50 fillas se deitaran con Heracles, unha cada noite. Heracles non se decatou de que cada noite se trataba dunha moza diferente e así enxendrou 50 fillos, os Tespíadas. Estes, co tempo, espalláronse por diversos lugares, chegando até Sardeña.

De regreso a Tebas, Heracles atopouse cos soldados do rei Erxino, de Orcómeno, que viñan cobrar o tributo que anualmente tiñan que pagar os cidadáns de Tebas ós de Orcómeno, consistente en cen bois durante vinte anos. Heracles enfrontouse a eles e cortoulles o nariz e as orellas, e con elas colgando do pescozo mandounos de volta xunto a Erxino. Este atacou Tebas e Heracles encabezou o exército tebano, vestido cunha armadura que lle dera Atenea. Aínda que resultou vitorioso e puido dar morte a Erxino, o seu pai, Anfitrión, morreu na loita; como agradecemento, Creonte, rei de Tebas, deulle a man de Mégara, a súa filla máis vella, e a Ificles a man da filla máis nova. Segundo outra lenda, Erxino sobrevive pero acepta ter que satisfacer a Tebas un tributo de 200 bois anuais.

Heracles e Mégara tiveron varios fillos: Terímaco, Deicoonte e Creontíades [14] (segundo Pseudo-Apolodoro, tres; ou en número variable ata oito, segundo Píndaro). Pero Hera provocoulle un acceso de loucura a Heracles, e este asasinou os fillos que tivera con Mégara e a dous dos fillos do seu irmán Ificles [15]. Para uns autores, Heracles matounos botándoos ó lume; outros, como Eurípides, din que o aseteou coas súas frechas.

Cando recuperou a lucidez e comprobou o que fixera, renunciou a vivir con Mégara (que entregou ó seu sobrino Iolao, fillo de Ificles) e decidiu suicidarse, aínda que Teseo consegue evitalo. Exíliase entón e marcha a Delfos para consultar o oráculo de Apolo sobre a forma de se redimir do seu crime. Alí, a Pitia ordenoulle que servise, durante doce anos, ó seu primo Euristeo, rei lendario de Micenas e de Tirinto, realizando os traballos expiatorios que el acordara, como condición para poder ser purificado [16].

Os Doce Traballos

editar
Artigo principal: Os doce traballos de Heracles.

Euristeo, instigado por Hera, mandoulle facer dez traballos, con toda a intención de que morrese no intento. Como un deles fíxoo coa axuda do seu sobriño e noutro recibiu (ou pediu) un pago, Euristeo non os considerou válidos e encargoulle dous máis, de modo que en total foron 12 traballos.

"Cumpridos os traballos en oito anos e un mes, Euristeo, que non aceptaba o do gando de Auxías nin o da Hidra, ordenoulle un undécimo traballo...".
(Hesíodo: Teogonía II, 5, 11)

Os mitógrafos adoitan clasificalos en dous grupos de seis: os seis primeiros realizados en diferentes puntos do Peloponeso, e os outros seis en distintos puntos do mundo (Creta, Tracia, Hispania) e incluso no Inferno.

Durante os traballos valeuse principalmente dunha maza (a clava) e protexeuse coa pel do León de Nemea que matou no primeiro. A maza tallouna el mesmo en Nemea para matar o león, do tronco dunha oliveira silvestre; e a pel sacoulla utilizando como coitelos as uñas das poutas do propio animal, xa que ningún ferro podía abrir unha pel tan dura. Contou en todo momento coa axuda e protección dos deuses: Hermes deulle unha espada, Apolo o arco e as frechas e Hefesto unha coiraza; algunhas tradicións din que foi Atenea quen lle deu estas armas, agás a maza. Poseidón deulle os cabalos. Pola contra, Hera interveu en varias ocasións para axudar ós seus adversarios, directa ou indirectamente.

Os distintos mitógrafos describen os traballos en orde variable. A seguir expóñense seguindo a orde recollida por Grimal [17].

 
O can Cérbero (William Blake, National Gallery, Melbourne)
  • : O León de Nemea: monstruoso fillo de Ortro e Equidna que devastaba a rexión matando xente e gando, sen que ninguén conseguise matar. Heracles puido inmobilizalo e estrangulouno coas súas mans. Logo esfolouno, para cubrirse coa súa pel. Dise que esta criatura se converteu na constelación de Leo.
  • : A Hidra de Lerna: outro ser monstruoso fillo de Equidna e Tifón. Era unha enorme serpe con nove cabezas, unha delas inmortal. Estas cabezas reproducíanse ó ser cortadas, de modo que Heracles as foi cortando á vez que Iolao cauterizaba o corte con tizóns acesos [18]. Unha vez morta, foi mollando as súas frechas no sangue da serpe, quedando envelenadas.
  • : O Xabaril de Erimanto: Euristeo ordenoulle capturar vivo este enorme xabaril, que devastaba os arredores do Erimanto. Obrigouno a saír do covo e perseguiuno pola neve, para fatigalo e poder capturalo e entregalo a Euristeo.
  • : A Cerva de Cerinia: un enorme animal que asolaba as colleitas, con cornos de ouro e pés de bronce. Esa cerva corría con asombrosa rapidez e nunca cansaba, e Heracles tivo que perseguila durante todo un ano sen darlle alcance. Por fin, feriuna levemente cunha frecha e así puido capturala.
  • : As Aves do lago Estínfalo: aves enormes e tan numerosas que acababan cos froitos e as colleitas. Tras axotalas cunhas castañolas que lle fixera Hefesto, puido matar a moitas coas súas frechas e correr as outras.
  • : As Cortes do rei Auxías: o rei Auxías, da Élide [19], tiña innumerables reses na corte, que nunca se limpara, acumulándose o esterco. Heracles desviou o curso dos ríos Alfeo e Peneo e fixo pasar a auga polas cortes, arrastrando todo o esterco. Como pedira a Auxias un salario por facer ese traballo, Euristeo non o validou.
  • : O Touro de Creta: o touro fora enviado por Poseidón a Minos, pero este gardouno para si e sacrificou outro de menos valor. Poseidón volveuno furioso e Heracles tivo que capturalo.
  • : As Eguas de Diomedes: eran catro e alimentábanse coa carne dos estranxeiros que as tempestades arrolaban á costa do seu país. Heracles venceu a Diomedes e botouno ás bestas para que o comeran, e a partir dese momento volvéronse mansas e puido xunguilas ó carro para regresar.
  • : O Cinto da raíña das Amazonas: a raíña das guerreiras amazonas, Hipólita, posuía un cinto máxico, regalo de Ares. Aínda que ela acepta darlle o cinto, as intrigas de Hera provocan unha loita entre as Amazonas e os compañeiros de Heracles, na que Hipólita morre.
  • 10º: Os Bois de Xerión: este xigante -de tres cabezas e tres corpos- tiña grandas rabaños de gando gardados por Euritión e o seu can Ortro, un can de dúas cabezas. Durante a viaxe ata Eritia debeu enfrontarse a Helios (o Sol) e ó deus Océano. Ó chegar, Heracles matou a Ortro, a Euritión e ó mesmo Xerión.
Nesta acción, levantou as Columnas de Hércules, entre África e España. Corre outra lenda que di que Xerión non morreu, senón que, co medo que tiña a Heracles, aquí xa Hércules, fuxiu cara ao norte, pero foi perseguido ata ser alcanzado na Gallaecia, e alí morreu a mans do heroe. Este, enterrou a súa caveira e sobre ela ergueu unha torre sobre a que se construiría o faro coñecido como Torre de Hércules, na Coruña.
  • 11º: O Can Cérbero: Heracles debía descender ós infernos para traer o Can Cérbero, can de tres cabezas que vixiaba as portas do Hades. Unha vez demostrado o éxito da misión ante Euristeo, devolveu o Cérbero ó Hades.
  • 12º: As Mazás de ouro do xardín das Hespérides: eran un regalo de Xea a Zeus e Hera co gallo da súa voda e que esta plantou no seu xardín, en Libia, custodiado por tres ninfas (as Hespérides) e un dragón inmortal de cen cabezas. Tras ofrecer a Atlas soster a bóveda celeste por el, convenceuno para que fose el (Atlas) quen matara o dragón e trouxera as mazás de ouro, cousa que aceptou.

Outras actividades

editar

Tanto durante a realización dos Doce Traballos, na viaxe de ida ou volta ós lugares onde debía executalos, como, sobre todo, unha vez rematados e conseguida a purificación, Heracles protagonizou numerosas proezas heroicas de xeito individual (liberar a Prometeo, loitar contra os centauros e outros personaxes) ou dirixindo partidas de voluntarios ó seu mando, intervindo en diferentes guerras (Troia, Esparta etc.).

Morte e apoteose

editar
 
Morte de Hércules (Zurbarán, Museo do Prado)

No descenso ó Hades, Heracles acordou co espírito de Meleagro desposar á irmá deste, Deianira. O pai, Eneo, rei de Etolia, tíñaa prometida ó deus fluvial Aqueloo, a quen Deianira rexeitaba. Heracles enfrontouse a Aqueloo e derrotouno, superando as transformacións deste en serpe de gran tamaño e en boi. Casou con Deianira e tiveron cinco fillos, entre eles Hilo.

Accidentalmente, provocou a morte de Éunomo, fillo dun parente de Eneo, e aínda que o pai o perdonou, Heracles decidiu exiliarse coa súa dona. Cando ían cruzar o río Eveno, pediulle ó centauro Neso que levara a Deianira nas costas, mentres el facía a travesía a nado. Pero no medio do río, Neso resolveu, por vinganza, raptar e violar a Deianira, e botouse a galopar río arriba. O heroe, tendo percibido as súas intencións, agardou a que alcanzase terra firme, e entón atravesoulle o corazón cunha das súas frechas envelenadas. O centauro Neso caeu, pero antes de morrer deu a Deianira a súa túnica convencéndoa de que o sangue que a manchaba sería, para ela, un precioso filtro amoroso, coa virtude de restituírlle o esposo, se este, en calquera momento, decidise abandonala.

Efectivamente, Heracles namorouse de Iole, filla de Éurito, rei de Ecalia, que ofrecera a súa man a quen resultase gañador dun concurso de tiro con arco. Heracles venceu pero Éurito negouse a entregar a filla [20], polo que o heroe o matou e tomou a Iole como amante. De regreso a Tirinto, mandou ó seu compañeiro Licas xunto a Deianira para que lle trouxera unha capa nova para casar. Deianira, co fin de recuperalo, envioulle a túnica previamente rociada co sangue de Neso, e cando Heracles a puxo envelenouse. Louco de dores, quixo arrancala, mais o tecido achábase de tal forma adherido ás súas carnes que estas lle saían a pedazos. Deianira, comprendendo o engano do centauro, suicidouse. Heracles matou a Licas lanzándoo ó mar, dispuxo que Iole casara co seu fillo Hilo, e ordenou ós criados que acenderan unha pira funeraria no monte Eta, cerca de Traquis, sobre a que se deitou para poñer fin ás súas dores [21]. Antes legou o arco a es frechas a Filoctetes, o único que se atreveu a plantar lume na pira [22].

Pero corre outra lenda segundo a cal Heracles, para calmar a dor polo lume que lle consomía o corpo, botouse a unha fonte que había alí. Esta fonte quentouse a tal punto pola calor do corpo de Heracles que deu lugar ás que se chamaron Fontes quentes (ou Portas quentes), o que hoxe coñecemos como o desfiladeiro das Termópilas.[23]

Volvendo ó relato tradicional, cando o lume alcanzou o máximo, ouviuse o retumbar do trebón. Era Zeus que reclamaba a parte inmortal do seu fillo para o Olimpo e concedíalle a inmortalidade. Alí reconciliouse con Hera nunha cerimonia na que se reproducia o nacemento do seu seo, e recibiu a Hebe en matrimonio, coa que tivo dous fillos: Alexíares e Aniceto.

"Deianira... temerosa de que Heracles amase máis a aquela [a Iole], pensando que o sangue vertido de Neso era en verdade un filtro amoroso, tinxiu con el a túnica. Heracles visteuna e comezou o sacrificio, pero en canto a túnica quentou, o veleno da hidra comezou a corroerlle a pel... intentaba arrincarse a túnica que se adhería ó corpo, pero xunto a ela ían desprendéndose as súas carnes. Vítima de tal sufrimento foi levado nunha nave a Traquis. Deianira, ó decatarse do acontecido, enforcouse. Heracles, despois de encomendar a Hilo, o seu fillo maior habido con Deianira, que cando se fixera un home tomara por esposa a Iole, dirixiuse ó monte Eta, e alí, levantando unha pira e subindo a ela, ordenou que plantaran lume... Cóntase que mentres ardía a pira, formouse unha nube ó seu pé e, entre tronos, alzouno ata o ceo".
(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica II, 7, 7)

Iconografía

editar
 
Hércules Farnesio, estatua romana de mármore do ano 216, copia do orixinal de Lisipo (Museo Arqueolóxico Nacional de Nápoles)
 
O emperador romano Cómodo caracterizado como Heracles (Museo Capitolino, Roma)

En xeral, a iconografía dos heroes gregos foi escasa, xa que non recibían culto nin, por conseguinte, necesitaban imaxes; non obstante, durante a Idade Moderna si que se representou a simboloxía dalgúns deles (a intelixencia de Ulises ou a fidelidade conxugal de Penélope). Por outro lado, carecían de atributos propios e recoñecíanse polo contexto (Perseo sostendo a cabeza de Medusa).

Pero o caso de Heracles é moi diferente: ó ser divinizado, si que recibiu culto como os demais deuses. Así, o mito de Heracles foi amplamente representado na arte, desde a cultura grega e romana ata o presente. Os Doce Traballos e os distintos momentos da súa vida, desde meniño ata a subida ó Olimpo, poden verse reproducidos en multitude de exemplos de cerámica, mosaico, pintura e escultura de tódolos tempos.

Os seus atributos máis característicos son a clava ou maza para atacar ou defenderse e a pel do león de Nemea para cubrirse [24], coa súa cabeza a modo de casco. Hesíodo descríbeo coas armas dun hoplita:

"[Heracles] colocou en torno ás pernas as grebas de brillante metal, famoso regalo de Hefesto. Logo, en segundo lugar, puxo ó redor do seu peito unha fermosa coiraza de ouro, moi labrada, que lle deu Palas Atenea, filla de Zeus, cando por primeira vez ía lanzarse ós dolorosos traballos. A seguir, colgou dos seus ombros o ferro que protexe contra a desgraza, home terrible. En torno ó peito, por detrás, situou a cóncava alxaba, e nela, moitas frechas terribles, dispensadoras de morte que fai esquecer a palabra... Sobre a súa robusta cabeza puxo un extraordinario casco, artisticamente labrado, de aceiro, adaptado sobre as tempas, que protexía a cabeza do divino Heracles".
(Hesíodo: Escudo 123-139)

Será no século V a.C. cando xa se representa coa iconografía clásica: como un home adulto e barbado e en coiro (salvo a pel do león), moi musculado. O pelo é corto (coma o dos loitadores gregos) ou recollido cunha cinta. A excepción a esta iconografía, loxicamente, corresponde ás obras que o representan como meniño, mamando de Hera (e dando orixe á Vía Láctea) ou esganando ás dúas serpes que esta lle mandou.

Na escultura romana xorde a vinculación con Baco (Dioniso, para os gregos), e aparecen representacións de Hércules borracho, por veces sostido en pé grazas á axuda dos sátiros. Na Idade Media simbolizará o heroe que defende os homes do mal (como Xesucristo), mal que, como é habitual no Cristianismo, adoita representarse baixo a forma de serpe ou dragón. Na arte gótica recupera o simbolismo da forza, non só física senón tamén moral, a virtude heroica en palabras de Cesare Ripa, e así figurará en diversos cadros alegóricos (Hércules matando á Envexa, de Rubens).

 
Escudo de Andalucía, con Héecules e as columnas

O momento da súa morte e deificación, a chamada Apoteose, tivo especial aceptación entre artistas e mecenas desde moi cedo (aparece por vez primeira nunha crátera de Samos de fins do VII a.C.), moitas veces representado ascendendo triunfalmente ó Olimpo, sobre unha cuadriga conducida por Atenea [25].

O modelo da apoteose tivo especial éxito no Renacemento e na Idade Moderna ó converterse nunha alegoría de forza, heroísmo e virtuosismo, axeitado como o ideal de calquera persoa e un recurso moi útil co obxectivo de ensalzar á realeza europea dos séculos XVI a XVIII. Así, os Medici encargan en 1460 a Antonio Pollaiolo varios cadros con distintas fazañas de Heracles, e Cosme I de Medici encarga en 1556 a Vasari a decoración da Sala de Hércules no Palazzo Vecchio (Venecia).

Un exemplo deste uso de propaganda política do mito de Heracles, suposto fundador de Sevilla (e da Coruña), vese no escudo non oficial de Andalucía, proposto en 1918 [1]:

"Andalucía ten escudo propio, que se escribe tendo en conta os acordos da Asemblea de Ronda de 1918, como o composto pola figura dun Hércules prominente entre dúas columnas, expresión da forza eternamente nova do espírito, suxeitando e domando a dous leóns que representan a forza dos instintos animais ... Pecha as dúas columnas un arco de medio punto coas palabras latinas "Dominator Hercules Fundator", tamén sobre o fondo da bandeira andaluza".
(Lei 3/1982 sobre o Himno e o Escudo de Andalucía)

A mesma intención reflicten os frescos do teito do camarín grande da Casa de Pilatos (Sevilla), pintados por Francisco Pacheco en 1604 [26], ou no conxunto que pintou Zurbarán para o Palacio del Buen Retiro (Madrid), en 1634.

Xa nos séculos XIX e XX pintan ou esculpen as súas fazañas artistas como Delacroix (1854), Bourdelle (1909), William Blake (1920) ou John Singer Sargent (1921).

  1. José María Albaiges Olivart: Diccionario de nombres de personas. Barcelona, Universidade de Barcelona, 1993.
  2. «Behind the Name», artigo en inglés.
  3. Schmitz, Leonhard (1867). "Alceides". En William Smith (lexicographer). Dictionary of Greek and Roman Biography and Mythology 1. Boston: Little, Brown and Company. p. 98. Arquivado dende o orixinal o 27 de maio de 2008. Consultado o 24 de xuño de 2020. 
  4. "Naquela ocasión [despois de matar os seus fillos] por vez primeira Pitia deulle o nome de Heracles, ata entón se lle denominara Alcides" (Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica II, 4, 12).
  5. Pola súa ascendencia adoptiva a través de Anfitrión, Heracles recibe o epíteto Alcides, como "da liñaxe de Alceo", pai de Anfitrión. O fillo propio e mortal de Anfitrión foi Ificles.
  6. O "heroe máis popular de toda a mitoloxía clásica" (Ferro Ruibal, 299).
  7. A Enciclopedia Galega Universal (EGU) e o Diccionario Enciclopédico Galego Universal (DEGU) dan a forma heráclidas, se ben o Digalego dá heraclidas (Definición de heraclida no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.).
  8. "Alcmena, en unión amorosa con Zeus, amoreador de nubes, deu a luz ó forte Heracles" (Hesíodo: Teogonía 943-944).
  9. Leeming, David Adams: Mythology: The Voyage of the Hero, Oxford University Press, 1998.
  10. Pache, Corinne Ondine: "Hercules", en Gargarin, Michael: Ancient Greece and Rome, Oxford 2010.
  11. Algunhas fontes danlle unha idade de 10 meses.
  12. O monte Citerón, hoxe coñecido como Elatiás, é un macizo montañoso na zona central de Grecia.
  13. Pausanias recolle outra lenda que di que non foi Heracles senón Alcátoo quen acabou co león.
  14. Pseudo-Apolodoro, II, 7. 8.
  15. Segundo outra versión do mito tamén atacou ó seu pai, Anfitrión, e non chegou a matalo porque a propia Atenea interviu deixando a Heracles baixo un profundo sono. Nesta variante, evidentemente Anfitrión no morrera na guerra contra Exino.
  16. Na relixión grega cumpría un estado de pureza, tanto física como espiritual, para poder facer sacrificios ós deuses ou intervir en calquera cerimonia relixiosa, e aplicábase tanto a persoas individualmente como a pobos, como colectividade. Os ritos de purificación (ou Catarse) eran diversos: ablucións á entrada nos templos, sacrificios tras unha morte dentro da casa, ou escravitude temporal en casos graves como asasinato.
  17. Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981.
  18. Por esta axuda, Euristeo invalidou este traballo.
  19. Rexión na costa occidental do Peloponeso.
  20. Porque temía que acabara por matar ós fillos que lle dese, como xa fixera cos de Mégara.
  21. Outras fontes din que, tras ser envelenado polo sangue de Neso, comezou a arder ó exporse ós raios do sol. Para apagar o lume botouse ó río, onde morreu afogado. O río, ó conservar a calor, deu lugar ás Termópilas, desfiladeiro rico en fontes de augas termais. Tamén se afirma que foi el mesmo, axudado por Filoctetes, que levantou a pira, e que esixiu a este que nunca confesara a súa localización.
  22. Pseudo-Apolodoro (Libro II, 7, 7) di que foi Peante, un pastor, quen prendeu a pira.
  23. Javier Negrete: "La batalla de las Termópilas", en Historia. National Geographic nº 249, setembro 2024, px. 62.
  24. Lisipo escúlpeo sentado nunha pedra recuberta coa pel do león.
  25. Este elemento non aparece recollido nas fontes escritas da época.
  26. Juan José Castillo Herrera: "La Apoteosis de Hércules: un discurso humanista en la Sevilla del Renacimiento", en Eviterna, Revista de Humanidades, Arte y Cultura. Número especial, xullo 2017 (ISSN: 2530-6014).

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • CARMONA MUELA, Juan: Iconografía clásica. Guía básica para estudiantes. Akal/Istmo, 5ª ed, 3ª reimpr. 2018.
  • FERRO RUIBAL, Xesús: Diccionario dos nomes galegos. Ir Indo, Vigo 1992.
  • FRANCO LLOPIS, Borja, e outros: Imágenes de la tradición clasica y cristiana. Una aproximación desde la iconografía. Editorial Universitaria Ramón Areces, Madrid 2018. (en castelán)
  • GRIMAL, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981. (en castelán)
  • HESÍODO: Teogonía. Trabajos y días. Escudo. Certamen, Alianza Editorial, 3ª ed., 2013 [a numeración segue a utilizada neste texto]. (en castelán)
  • HESÍODO: Escudo, en Teogonía. Trabajos y días. Escudo. Certamen, Alianza Editorial, 3ª ed., 2013 [a numeración segue a utilizada neste texto]. (en castelán)
  • Hesíodo. Teogonía. Universidad de Salamanca. Curso 2009-2010. 11638: LUZ, MOLÉCULAS Y VIDA. (en castelán)
  • OVIDIO: Metamorfosis. Tradución de Antonio Ramírez de Verger. Alianza Editorial 3ª ed. 2015, 2ª reimp. 2017 [a numeración segue a utilizada neste texto]. (en castelán)
  • PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016 [a numeración segue a utilizada neste texto]. (en castelán)
  • Lei 3/1982, de 21 de decembro, sobre o himno e o escudo de Andalucía (BOJA nº 1, de 4.01.1983, BOE nº 34, de 9.02.1983 [2]) (en castelán)