Eufemo

personaxe mitolóxico, fillo de Poseidón

Na mitoloxía grega, Eufemo era fillo de Poseidón, deus do mar, e de Europa, filla do xigante Ticio. Nalgunhas fontes, a nai de Eufemo era Orís, filla doutro xigante, Orión [1]; ou ben de Celeno [2].

"Eufemo, fillo de Neptuno e de Europa, filla de Ticio, de Ténaro. Dise que podía correr sobre a auga sen mollar os pés".
(Hixino: Fábulas 14, 15)

Eufemo posuía dotes adiviñatorias, pero a súa principal capacidade era a de andar sobre a auga, un poder que lle outorgara o seu padre.[3].

Na viaxe dos Argonautas, cando chega o momento de pasar o estreito das Simplégades, o temoneiro do Argo, Eufemo, comproba as posibilidades de cruzalo con éxito soltando unha pomba, seguindo os consellos do adiviño Fineo [4]. Se a pomba conseguía pasar, eles tamén poderían facelo, pero se as rochas errantes se pechaban sobre a pomba significaba que os deuses non lles eran propicios. Efectivamente, a pomba pasou entre elas, pero as rochas pecharon o paso e arrincáronlle as plumas do rabo.

Os Argonautas esperaron a que volveran a abrirse e vogaron con forza para pasar. O barco logrou pasar, pero as rochas pecháronse e esmagaron parte da popa [5].

Máis adiante, cando se encontraban no lago Tritonis buscando a saída cara ao mar, aparecéuselles o deus Tritón. Eufemo preguntoulle o camiño e Tritón indicoullo, dándolle ademais un baloco de terra. Deste xeito conferíalle ós seus descendentes o dereito a reinar sobre Libia [6].

Eufemo lanzou ó mar este terrón de terra, e de aí xurdiu a illa de Tera, actual Santorini.

Segundo Hixino, Eufemo foi un dos participantes na caza do xabaril de Calidón [7]

Casou con Laónome, irmá do heroe Heracles, e tivo un fillo, Leucófanes, con Málaque (ou Malicha, Malache ou Lamache), unha muller de Lemnos [8].


  1. Escolio sobre as Píticas de Píndaro, 4.45; Tzetzes: Quilíadas, 2.43.
  2. "Eufemo, Lico e Nicteo, de Celeno, filla de Ergeo" (Hixino: Fábulas 14, 15).
  3. Apolonio de Rodas: Argonáuticas, I, 179 ss.
  4. A quen os Argonautas liberaron previamente da persecución das Harpías.
  5. Desde ese momento, as rochas errantes nunca máis pecharon o paso, como estaba profetizado que sucedería se algún barco conseguía cruzar o estreito.
  6. Así, Bato, descendente afastado de Eufemo, fundou Cirene, na actual Cirenaica, na costa noroeste de Libia (Píticas, 4.1; Argonáuticas, II, 562).
  7. Fábulas, 173, 1.
  8. Escolio sobre las Píticas de Píndaro, 4.45; Tzetzes: Sobre Licofrón, 886.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar