Malla

operación agrícola consistente na separación do gran e da palla

A malla é a operación de bater nun cereal coa finalidade de separar a semente ou grans da palla. Aínda que no pasado era unha operación manual na que se facía uso dun sinxelo aparello denominado mallo e mais dun solo preparado para a malla, chamado aira ou eira, esta tarefa é realizada na actualidade por máquinas que reciben o nome xenérico de malladoras.

Facendo os monllos.
A malla

A malla é un dos labores do conxunto de traballos que conforma a seitura ou colleita dos cereais, xunto coa sega da planta e o limpado dos grans. Malia que a malla serve para separar a puxa ou gluma do gran, non serve para desprendela doutra envoltura, o farelo, que se efectúa despois da muiñaxe, peneirando a muiñada.

Historia

editar
 
Malla de cereal con vacas, fresco exipcio na tumba de Menna, Tebas, ca. 1422-1411

A tarefa de separar a semente da palla é unha operación que se precisa para a preparación do gran con vistas a usos alimenticios. Aínda que posibelmente se poida inferir que remonte ao Paleolítico, o certo é que só se conta con documentación, polo xeral iconográfica, desde as sociedades civilizadas do post-neolítico até as Altas Culturas, do Oriente Próximo. O simple bater do cereal contra o chan, ou contra unha rocha debeu ser a forma máis primitiva de malla, de xeito que a acción facía que se desprendese o gran da palla. En pinturas exipcias temos constatación de dous métodos: a malla, propiamente dita, similar á da tradicional galega, con bastóns ou longas porras; e malla con animais, algo máis moderna. Nesta última o animal pasaba varias veces sobre o cereal esparexido na aira, de xeito que por frotación ía segregando o gran da puxa.

 
Malla con plostellum punicum no Exipto de 1884

Conforme a malla foi evolucionando mediante a adopción do mallo, composto de dous bastóns atados por unha correa, o que multiplicaba o efecto do golpe, e a formación de equipos de homes sincronizados, mudanza que seguramente é xa moi antiga, a malla adoptou un aparello que arrastraban os animais, similar á grade galega (o trillo), que se cargaba con pedras para aumentar o seu peso. Non hai certeza sobre onde se ideou este novo sistema, mais os romanos denominábano plostellum punicum, polo que debeu ser unha innovación norteafricana. Ningún dos dous sistemas descritos, coas súas variantes, logrou imporse dunha maneira universal. En parte xogaban razóns técnicas, segundo o cereal que se fose mallar, pois namentres o trigo é relativamente doado de separar por malla; para o centeo, máis resistente, efectúase mellor a operación se se golpea. Con todo, a malla manual resistiu mesmo en países avanzados noutras técnicas agrícolas, aínda que cambiando o cereal, posibelmente por abundancia de man de obra ou ben por atavismo tradicional. Só coa invención de aparellos mecánicos, máis e máis perfeccionados, e o seu abaratamento, as comunidades agrícolas abandonaron os métodos tradicionais e adoptaron as malladoras, máis rápidas e que liberan a forza de traballo para outras tarefas.

A malla en Galiza

editar
 
Malla tradicional nunha casa galega

Consideracións históricas

editar

A forma máis primitiva consiste en golpear o mollo de cereal directamente contra un taboleiro ou unha pedra aplanada, colocados angularmente. A percusión fai soltar o gran. Este método chamábase malla ao lavadoiro (así na terra de Melide). Pero a malla tradicional galega máis estendida efectuábase por medio de golpes cun mallo ou manle nunha aira. A comezos do século XX aínda era posíbel observar o uso dun simple pau como medio de golpeo[1]. O sistema chamara xa, en 1631, a atención de Tirso de Molina, que como se sabe pasou un tempo en Galiza, na zona de Monterrei. Na súa comedia Mari-Hernández la Gallega (acto II, escena 2[2] ), comenta:

¿Sabréis arar?
En la huebra
no doy a nadie ventaja,
y por agosto la paja
que el trillo empedrado quiebra,
del grano aparto, amarillo.
Los gallegos al limpiallo
robustos juegan el mallo
y menosprecian el trillo,

mais a razón non era o menosprezo da malla, senón porque o cereal máis cultivado nas terras galegas eran o orxo e, sobre todo, o centeo, até o punto de que este popularmente era chamado "o pan" por antonomasia. De feito esporadicamente empregábase a malla con animais [3]. O centeo cedería o seu lugar ao millo americano desde o século XVII, no litoral e nas terras baixas do interior, pero non nas terras altas, mais o millo non era mallado senón que requiría outras operacións efectuadas nas casas (esfolla, debulla), aínda que tamén podía ser mallado. A malla adoitaba efectuarse para os cereais de verán, centeo, trigo e cebada.

Fases da malla

editar
 
Cuadrilla de malladores na Festa da Malla de Doade .

O mallado do cereal executábase nun espazo chamado, segundo as zonas, aira ou eira, que podía ser privado ou comunal (aira do concello). Días antes da data da malla, o terreo era achandado e varrido, eliminando todas as pedras e terra solta que puidese ter. Moitas veces era recuberto de bosta de vacún diluída en auga para formar unha pasta, chamada paparruallo [4], que se deixaba secar para que endurecese, a modo dunha especie de cementado; noutras ocasións colocábanse sabas no chan para cumprir a mesma función illante. Este labor de preparar o terreo denominábase facer a aira.

Cando se trataba dunha aira comunal, as quendas de cada veciño establecíanse de común acordo seguindo usos tradicionais e, ao rematar cada un, tiña que deixar a aira limpa e disposta para ser usada polo seguinte.

Chegado o día, os mollos ou feixes de cereal traíanse con carros desde os campos, onde previamente se amoreaban en medas, e eran desatados e esparexidos pola aira e coa espiga cara ao centro, formado o que se denominaba o airado, que se puñan a asollar. Para o campesiño tradicional o papel do sol era fundamental, sostendo incluso que o asolamento facía máis que o mallo, aínda que non podía ir seco de máis.

Desde moi cedo o campesiñado que se emprestaba axuda mutua (sistema de colaboración tamén chamado rogas ou xeiras), acudía a eira, formando os homes en dúas filas enfrontadas, cada unha de cinco ou seis homes e cada un deles armado do seu mallo (os malladores). Cada fila mallaba alternativamente sobre o cereal a un tempo, acompasadamente e de xeito rítmico, desprazándose lateralmente para percorrer todo o airado. Ao tempo, as mulleres colocaban lenzos (linteiros) para impedir que por efecto dos golpes o gran saltase fóra da aira. De cando en vez, os malladores paraban o mallado, e eran chamadas as mulleres (espalladoras), ou incluso nenos, que sacudían a palla para que acabase de separarse o gran e a puxa ou muíña, varrían a aira e afastaban o gran e a puxa da palla.

A continuación o gran era recollido e medido, segundo a medida do lugar (ferrado, tega etc.). Logo era cribado con cerandos ou cribos diversos, co que era despoxado das derradeiras rabeiras que levase (po, restos de palla, areas etc). Compre lembrar que, nos documentos medievais, os señores esixían a entrega do cereal "limpo de po e palla". Pasa logo a ser gardado en arcas, huchas ou tullas, de tamaños crecentes, desde as que se vai retirando para o muíño en sacos. Alí, na muiñaxe, o gran será moído, obtendo a muiñada. A fariña e os restos que envolvían o gran, os farelos, son separados con peneiras ou con barutos.

A solidariedade social completábase con comidas comunais, fornecidas polos donos do cereal, con xogos e festa até ben tarde, para recomezar o labor ao día seguinte, de novo ben cedo, almorzando ao raiar do sol.

 
Malladora antiga movida por cabalarías
editar
 
Cartel da festa da malla no Val de Piñeira, na Fonsagrada.

A estrutura das eiras para mallar, terreos chans e delimitados do contorno, deu pé ás denominacións populares de aira das meigas ou aira dos mouros para designar os círculos megalíticos, como os de Cances, en Carballo, ou o de Luou en Teo.

Refraneiro

editar
  • A eira, cando a deixan; a moza, cando a comezan.
  • Dao Dios na eira e tólleo Marta na maseira.
  • Déao Dios na eira, e cózao Marta na lareira.
  • Dormir e gardar a eira, non hai maneira.
  • Eira ou cociña sempre a miña.
  • Limpa e arranxa a eira cando está agosto á beira.
  • O sol na eira, i a chuvia na nabeira.

Cantigueiro

editar
Sin ter, a qué vas á vila,
i aló tomas sempre a parva
¡Xa veremos polo Agosto
cantas medas pos na aira!

Recuperación

editar

Nun intento de recuperar os costumes tradicionais galegos, diversos concellos e asociacións veciñais están resucitando a faena da malla dentro das súas actividades culturais e festivas. Así, Valga, Meira, A Capela, Lalín, O Incio, O Grove ou A Mezquita[5] celebran anualmente festas da malla que tentan reproducir o labor que realizaban hai anos os seus devanceiros.

Galería de imaxes

editar
  1. Fritz Kruger: "El léxico rural del Noroeste ibérico", Madrid, Anexo XXXVI da Revista de Filología Española 1947, páx. 55.
  2. Molina, Tirso de. "La gallega Mari-Hernández". Arquivado dende o orixinal o 10 de decembro de 2012. 
  3. Fritz Krüger, Ibídem.
  4. Eladio Rodríguez González.
  5. "A Mezquita recupera a malla tradicional en Cádavos este domingo cunha máquina de 1965". Diario do Támega. 1 de agosto de 2020. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Lisón Tolosana, Carmelo (1971). Antropología cultural de Galicia. Madrid. Siglo XXI. ISBN 978-84-460-2174-2. 
  • Fraga García, Ramón, Notas etno-lingüísticas da terra de Melide: O pan, in Verba, vol. 2. Santiago. 1975
  • Krüger, Fritz, El léxico rural del Noroeste ibérico. Madrid, Anexo XXXVI da Revista de Filología Española. 1947.

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar