Tirso de Molina
Frei Gabriel José López y Téllez, nado en Madrid o 24 de marzo de 1579 e finado en Almazán contra o 20 de febreiro de 1648, foi un relixioso mercedario español coñecido como Tirso de Molina, que destacou como dramaturgo, poeta e narrador.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) Gabriel José López y Telléz 24 de marzo de 1583 Madrid (Coroa de Castela) |
Morte | 12 de marzo de 1648 (64 anos) Almazán (Coroa de Castela) |
Lugar de sepultura | Almazán |
Relixión | Catolicismo |
Educación | Universidade de Alcalá |
Actividade | |
Ocupación | dramaturgo, escritor, poeta, historiador |
Xénero artístico | Poesía, teatro e Comedia |
Movemento | Literatura barroca (pt) |
Pseudónimo literario | Tirso de Molina |
Orde relixiosa | Orde da Mercé |
Descrito pola fonte | Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron Obálky knih, |
|
Tirso de Molina destacou sobre todo como autor dramático. A súa dramaturxia abrangue principalmente a comedia de enredo, como Don Gil de las calzas verdes, e obras haxiográficas como a triloxía de La Santa Juana ou La dama del olivar. Atribúeselle a creación do mito de Don Juan en El burlador de Sevilla, cuxa primeira versión puido ser de 1617, xunto coa obra Tan largo me lo fiais, editada no século XVII a nome de Calderón e que parte da crítica atribúe a Andrés de Claramonte (outro sector da crítica considérana unha versión emparentada cun arquetipo común escrito por Tirso entre 1612 e 1625).[1] Tirso foi o primeiro autor que deu fondura psicolóxica ás personaxes femininas, que chegaron a ser protagonistas das súas obras literarias.
Traxectoria
editarGabriel Téllez naceu en Madrid, fillo de Andrés López e Juana Téllez, humildes serventes de Pedro Mesía de Tovar, señor e despois conde de Molina de Herrera.[2] Sábese que foi bautizado o 29 de marzo de 1579, na parroquia de San Sebastián de Madrid grazas ao investigador Luis Vázquez Fernández, que o documentou en «Gabriel Téllez nació en 1579. Nuevos hallazgos documentales».[3] Tirso de Molina foi un discípulo fervoroso de Lope de Vega, a quen coñeceu como estudante en Alcalá de Henares; toda a súa vida defendeu a concepción lopista do teatro. O 4 de novembro de 1600 ingresou na Orde da Mercé e tras pasar favorablemente o novizado tomou os hábitos o 21 de xaneiro de 1601 no mosteiro de Santo Antoíño de Guadalaxara. Foi ordenado sacerdote en 1606 en Toledo, onde estudou artes e teoloxía e comezou a escribir;[4] Tirso chegou con vinte e sete anos ao convento de Santa Catarina da Mercé, e aquí pasou gran parte da súa vida, entre os hábitos relixiosos e a súa dedicación ao teatro. Na súa obra Los cigarrales de Toledo mostra a súa predilección pola súa "patria adoptiva". Nesta cidade escribiu varias das súas obras (La villana de la Sagra, El vergonzoso en palacio e posiblemente tamén El burlador de Sevilla y convidado de piedra), e tivo os seus primeiros contratos teatrais. O 23 de outubro de 1615 estreouse no Mesón de la Fruta Don Gil de las calzas verdes, que provocou a envexa de Lope, xa que se ben non gustou en Madrid, foi moi aplaudida en Toledo. Nesta época tamén fixo viaxes a Galicia (en 1610 ou 1611), a Salamanca (en 1619) e a Lisboa.
En 1612 vendu un lote de tres comedias, e crese que xa escribira antes unha primeira versión de El vergonzoso en Palacio; de 1611 é La villana de La Sagra; contra 1613, El castigo del penseque e a triloxía de La santa Juana, e de 1615 data Don Gil de las calzas verdes; tamén ese ano estreou no Corpus toledano o auto Los hermanos parecidos. Xa por entón, se ben cultivaba tamén temas relixiosos, as súas sátiras e comedias provocáranlle problemas coas autoridades relixiosas, o que o levou a retirarse entre 1614 e 1615 no mosteiro de Estercuel en Aragón. Quizais por iso apenas figura no Viaje del Parnaso de Cervantes.
Entre 1616 e 1618 estivo en Santo Domingo, e foi profesor de teoloxía na universidade desa cidade durante tres anos e onde interveu ademais en asuntos da súa orde. Isto permitiulle coñecer numerosas historias da conquista que empregou máis tarde nas súa obras. De volta a España xa en 1618, instalouse en Madrid, onde entre 1624 e 1633 apareceron as cinco Partes das súas comedias; estas «profanas comedias» causaron un grande escándalo, de xeito que o 6 de marzo de 1625 se reuniu unha das xuntas con que o Conde-Duque de Olivares pretendía reformar os costumes. Tomouse entón a resolución de desterralo a Sevilla, onde residiu no Convento da Mercé, actualmente Museo de Belas Artes.
En 1622 participou no certame poético con motivo da canonización de Santo Isidro, mais en 1625 a Xunta de Reformación creada a instancias do Conde-Duque castigouno coa reclusión no mosteiro de Cuenca por escribir comedias profanas «e de maos incentivos e exemplos», e pediu o seu desterro e excomuñón maior se reincidise.
A pesar de todo, Tirso de Molina continuou a escribir e non se tomaron medidas maiores contra el ao minguaren as disposicións moralizadoras do Conde-Duque. De feito, en 1626 pasou a residir en Madrid e foi nomeado comendador de Trujillo, polo que viviu nesa cidade estremeña ata 1629, en que volveu a Toledo e posiblemente a Madrid.
Entre 1632 e 1639 estivo en Cataluña, onde foi nomeado definidor xeral e cronista da súa orde e compuxo Historia general de la Orden de la Merced. En 1639 o pontífice Urbano VIII concedeulle o grao de mestre. Porén, os enfrontamentos con membros da súa propia orde levárono outra vez ao desterro en Cuenca en 1640.
Os seus últimos anos pasounos no convento da Nosa Señora da Mercé en Soria, do que foi nomeado comendador en 1645. Faleceu en Almazán en 1648.
Notas
editar- ↑ Robert Lauer, «Tirso de Molina» Arquivado 07 de outubro de 2008 en Wayback Machine.. Véxase tamén Blanca Oteiza, «¿Conocemos los textos verdaderos de Tirso de Molina?» Arquivado 11 de xaneiro de 2012 en Wayback Machine., en Ignacio Arellano e Blanca Oteiza, Varia lección de Tirso de Molina (Actas do VIII Seminario do Centro para a Edición de Clásicos Españoles), Madrid, Pamplona, Instituto de Estudios Tirsianos, 2000, pp. 99–128 (Publicacións do Instituto de Estudios Tirsianos, 6). Alacant, edición dixital da Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes, 2006.
- ↑ Gabriel Téllez na Real Academia da Historia
- ↑ Homenaje a Tirso, L. Vázquez, ed., Madrid: Revista Estudios, 1981, pp. 19–36
- ↑ Calvo, Mariano (1992). «Tirso de Molina. Ruta del siglo de Oro», en Rutas literarias de Toledo. Toledo: Cuarto Centenario, pp. 159-161. ISBN 978-84-940811-2-5.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Tirso de Molina |
Ligazóns externas
editar- Obras digitalizadas de Tirso de Molina na Biblioteca Digital Hispánica da Biblioteca Nacional de España
- Portal consagrado a Tirso de Molina na Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes
- Tirso de Molina, por Robert Lauer
- Portal sobre Tirso de Molina na Orde da MercéArquivado 24 de setembro de 2015 en Wayback Machine.
- María del Pilar Palomo Vázquez, «La creación dramática de Tirso de Molina» Arquivado 21 de xaneiro de 2021 en Wayback Machine., Especulo, n.º 7, 1997-1998. Publicacións en red Espéculo. Versión en htm 1 e 2 ISSN 1139-3637.
- Tirso de Molina: Los tres maridos burlados, edición crítica de Ignacio Arellano: texto, en PDF, na páxina da Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes
- Otra copia, tamén en PDF