Juniperus oxycedrus
Juniperus oxycedrus L. é unha planta conífera e dioica do xénero dos xenebreiros, encadrada na familia das cupresáceas (Cupressaceae).
Descrición
editarPode medrar como un arbusto de 2-3 metros ou ben como unha pequena árbore que pode acadar nalgúns casos os 15 metros. É unha especie moi resinosa. A copa ten unha forma cónica irregular, coas ramas tendentes a ser ascendentes. A casca do tronco é gris con raias lonxitudinais castaño-avermelladas. As follas aciculares dispóñense en verticilos de tres e teñen un longo de 11 a 20 mm. e un largo de 1 ou 2 mm. Teñen na cara a unha dobre banda de estomas separadas por un nervio central de cor verde. O período de floración é de abril a maio, e no segundo ano de maduración fórmanse os gálbulos (conos con forma de baga esférica), que polo xeral levan tres sementes. O tamaño dos gálbulos depende da subespecie: os da subespecie oxycedrus teñen un diámetro de 6 a 12 mm, os da subespecie badia de 10 a 12 mm. e os da subespecie macrocarpa son lixeiramente maiores, de até 20 mm.
Sistemática
editarJuniperus oxycedrus apareceu por vez primeira en 1753 na obra de Carl von Linné, Species Plantarum.
Hai tres subespecies:
- Juniperus oxycedrus subsp. badia (H. Gay) Bebeaux[1]. Foi, tempo atrás, clasificada como a especie independente Juniperus badia H. Gay, e como unha variedade Juniperus oxycedrus var. badia H. Gay. O gálbulo desta subespecie ten entre 1 e 1,2 cm. e ten cera. Pode facerse árbore e chegar até os 15 metros. Atópase en terreos silíceos do oeste da Península Ibérica e do norte de África.
- Juniperus oxycedrus subsp. oxycedrus. É unha árbore ou arbusto de até 4 metros de alto. Os seus gálbulos son menores de 8 mm, e non son pruinosos (non teñen cera). O eixo central da cara das follas é cóncavo. Atópase xeralmente sobre calcarias, ligadas nalgúns casos á aciñeira. Aguanta pouco a continentalidade. Está presente no sueste de Europa, no leste de Portugal e España continuando polo sur de Francia, noroeste de Italia, Córsega, Sardeña e noroeste de África, dende o leste de Marrocos até Tunisia.
- Juniperus oxycedrus subsp. macrocarpa (Sibth. et Sm.) Ball, que algúns autores independizan para convertela nunha especie de seu, Juniperus macrocarpa Sibth. et Sm.[2]. A banda de estomas na cara da folla está moi marcada. O gálbulo ten un diámetro de entre 1,2 e 2 cm. Atópase na costa atlántica de Portugal, sur de España, norte de África e outros puntos de Europa, sempre ligada á costa como fixador de dunas.
Unha subespecie tornouse en especie independente:
- Juniperus navicularis Gand. anteriormente considerada como Juniperus oxycedrus subsp. transtagana Franco.
Algúns Juniperus oxycedrus subsp. oxycedrus de Italia e máis ó leste cara a Irán e Israel separáronse como especies crípticas por Robert P. Adams, baixo a denominación Juniperus deltoides R.P. Adams.
Notas
editar- ↑ Juniperus oxycedrus Arquivado 31 de outubro de 2010 en Wayback Machine., The Gymnosperm Database (en inglés).
- ↑ Juniperus of the World (en inglés).
Véxase tamén
editarWikispecies posúe unha páxina sobre: Juniperus oxycedrus |
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Juniperus oxycedrus |